Loitarmos contra o yihadismo

Outravolta ficamos conmovidos diante da última expresión do odio yihadista: o recente atentado de Manchester, co seu elevado tributo de vidas humanas. Unha vez máis os terroristas elixen matar durante manifestacións colectivas de lecer público, tan propias da maneira de vivir na nosa Europa. Os asasinos non só queren facer todo o dano que poidan, senón que tentan que renunciemos ao noso xeito de vida.
Será difícil loitarmos contra o yihadismo se non entendemos as súas orixes e desenvolvemento. Como vén de dicir o líder laborista británico, Jeremy Corbyn, moitos dos profesionais dos servizos británicos de seguranza e intelixencia recoñecen que a política exterior británica do próximo pasado ten potenciado a ameaza yihadista, coas súas intervencións armadas (comezando pola invasión de Iraq no 2004). Sen que este coñecemento, como afirma o propio Corbyn, supoña reducir un chisco nin a culpabilidade terrorista nin a necesidade de loitar contra o yihadismo con todas as armas que poida usar unha democracia.
O mes pasado as forzas da coalición antiyihadista causaron a morte a 244 civís non combatentes, moitos deles crianzas. Temos que entender que a dor causada polos nosos dirixentes políticos vólvese seguido contra nós. Deste xeito, comprenderemos mellor o fenómeno do yihadismo para combatelo cando saibamos relacionar as intervencións militares occidentais (moitas veces dirixidas a controlar a produción de petróleo) co incremento substancial do terrorismo yihadista.
Mais esta necesidade de matinar (e actuar) a respecto da intervención occidental no Oriente Próximo e Norte de África non prexudica a necesidade de adoptarmos medidas eficaces e coordinadas, comezando pola coordinación europea das súas policías e servizos de intelixencia. Cómpre construír dende a Europol un auténtico F.B.I. europeo que coordine a vixiancia e información arredor dos yihadistas e, sobre todo, do seu labor de proselitismo e posibilite que a resposta contra o terrorismo sexa continental. Ao mesmo tempo, os británicos haberían entender que o Brexit reducirá a súa seguranza, para poder adoptar coa UE os mecanismos de cooperación policial e de intelixencia precisos para que o terrorismo reciba unha resposta unitaria ás dúas beiras da Canle.

Galicia, esquerdas e dereitas

A realidade é teimuda e nos aprende seguido que os problemas da cidadanía galega e, máis aqueladamente, os problemas das maiorías sociais na Galicia atopan só algunhas solucións cando as percuramos no eixo esquerdas-dereitas. Os principais problemas estruturais son nacionais, son de País e teñen pouco a ver co confrontamento entre diversas clases sociais.
Ollemos cara o problema da pobreza enerxética. Foi a sensibilidade dos colectivos sociais xurdidos despois do 15-M a que o puxo na axenda. Mais, na Galicia, á inxustiza individual de sofrir pobreza enerxética se lle engade a inxustiza colectiva dunha Galicia produtora de enerxía que exporte o 38% para que territorios de alto consumo doméstico como Madrid desfruten dunha electricidade máis barata, cando esta sobreprodución, en troques, podería captar novos investimentos industriais para medrar a nosa riqueza ou subvencionar o consumo doméstico dos colectivos en risco de exclusión.
Mellorar a atención sanitaria, social e educativa é un obxectivo das políticas progresistas, ninguén o dubida. Mais no caso galego a solución tampouco está no eixo esquerdas-dereitas, senón no financiamento acaído do noso autogoberno, que inclúa a ponderación axeitada do avellentamento e espallamento da nosa poboación. Máis poder para Galicia suporá mellorar o financiamento do seu autogoberno e, deste xeito, a calidade dos servizos que recebemos. Velaí o impacto que terá nos servizos públicos vascos o recente acordo sobre liquidación do cupo que lle paga Euskadi ao Estado.
Sectores para nós fulcrais da economía (naval e mar-industria, leiteiro…) son para o Estado prescindibeis. Como, ademais, representamos só o 5,5% da poboación e o 5% do PIB, os intereses de Galicia nunca son os de España. O caso histórico da vella IU é claro. Cando existiron diverxencias de intereses (investimentos en infraestruturas, investimentos no sector naval) entre Asturias e Galicia ou Andalucía e Galicia, apostou polos territorios onde tiña máis presenza. Lóxico. Ten un proxecto español e fai ben en defendelo. O caso é quen llelo merque.
Galicia precisa de políticas propias, de poder propio para xerar benestar e potenciar a súa economía. Os nosos problemas sociais teñen nomeadamente unha raíz de País.

No país dos cegos

Con máis do 90% dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8% fronte ao 40,2% de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Estremadura contra cadanseus Presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23% de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos callou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percibir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

Recuperarmos o Pastor

O novo Consello de Administración do Banco Popular vén de recoñecer que a ampliación de capital do pasado mes de xuño non foi abondo para garantir a solvencia da entidade e, xa que logo, vén de abrir o proceso para a adquisición do banco por outra entidade. A concentración bancaria avanzará, xa que logo, en claro prexuízo dos intereses dos consumidores e das empresas, mentres que o recoñecemento implícito de que o anterior Consello de Administración non lle contou a verdade aos investidores sobre a situación patrimonial do banco abre a vía para que os xuíces poidan anular as suscricións por clientes minoristas de accións da entidade creadas en virtude da ampliación de capital última, con recuperación íntegra do diñeiro investido.
O Banco Popular no seu día absorbeu ao Banco Pastor, pero meses despois segregou unha nova entidade tamén chamada Banco Pastor, con personalidade xurídica, marca e ficha bancaria de seu. Ao Pastor fóronlle adscritos os activos e pasivos de case todas as oficinas do Grupo no país. O Pastor é, hoxe en día, un banco saneado, con 212 oficinas, un 20% de cota de mercado en Galicia e unha vocación de banca de pemes. A marca ten boa reputación, como amosa o feito de que mentres moitos clientes do Popular retiran total ou parcialmente os seus depósitos, os do Pastor permanecen estábeis.
Quere isto dicir que quen merque o Banco Pastor ten a garantía de gañar cartos dende o primeiro día. Por outra banda, o Banco Popular obtería con case total probabilidade máis fondos vendendo separadamente ambas as entidades. E se para mercar o Popular só contan os grandes bancos estatais, para mercar o Pastor o abano poderíase abrir á banca e fondos internacionais e aos propios capitais galegos.
E velaí a grande oportunidade que se podería abrir: que capitais galegos poidan adquirir o Pastor. A rendibilidade económica da operación estaría garantida, á vista do valor da rede e da marca, mentres que o posíbel valor de adquisición podería abanear entre 200 e 300 millóns de euros, segundo fontes profesionais bancarias. É dicir, un valor para nada desaquelado. Xa que logo, cómpre que a Xunta lidere dende a discreción as actuacións necesarias para aproveitar esta oportunidade histórica.

Avogacía e lingua

Son moitas as páxinas que levamos escritas sobre as carencias e insuficiencias da introdución da lingua galega na Administración de Xustiza, desque aquel histórico momento no que os maxistrados da Sala do Contencioso da antiga Audiencia Territorial d’A Coruña (sucedida hoxe polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-TSXG-) ditaron, inducidos polo omnipresente Xosé González Martínez e precisamente nun preito do Concello de Redondela, a primeira sentenza en galego da Idade Contemporánea.

Graves limitacións do labor normalizador
Desenvolvéronse ao longo destes máis de trinta anos, ben é verdade, actividades formativas varias: cursos de Linguaxe Xurídica, etc.-, mais non se acadaron, nin moito menos, os avances que se conseguiron nas Administracións Autonómicas e Locais que mesmo afixeron aos administrados en xeral ao uso normal do galego na documentación administrativa.
A evidencia témola, moitas veces, na orde xurisdicional contencioso-administrativa, onde adoitamos recibir sentenzas redactadas en perfecto castelán mesmo cando as partes (menos) e o expediente administrativo (máis) escreben en galego. Só o 10% das actuacións xudiciais redáctanse en galego, mais se falamos de sentenzas esta porcentaxe baixa á metade: 5%.
O problema de base é a desigualdade xurídica do galego e o dereito dos funcionarios xudiciais á ignorancia do galego.
Teño para min que a metade dos problemas da normalización do galego resolveríanse cunha simple reforma normativa, que recoñecese na Constitución e no Estatuto a igualdade xurídica do galego e, xa que logo, a obriga de todos e, nomeadamente dos funcionarios xudiciais (tamén dos maxistrados, xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza) de coñecermos as dúas linguas oficiais. Porque até de agora o dereito dos avogados a usar do galego atópase na práctica moi condicionado diante do dereito á ignorancia de xuíces, fiscais, maxistrados e letrados da Administración xudicial, que ás veces se reivindica, sobre todo no caso dos xuíces e maxistrados de orixe foránea e de nova provisión ou destino.

A miña experiencia persoal
De todos os xeitos, xusto é recoñecer pola miña banda que nunca atopei en xuíz ningún resistencia ou desafección contra min por usar da miña lingua, agás un caso illado cunha xuíza castellana en Muros hai uns once ou doce anos. Nos únicos casos nos que me vin obrigado polos feitos a mudar de lingua (si, xa sei que podería ter usado de tradutor, pero os xuízos orais esixen unha fluidez ás veces incompatíbel cunha tal figura) foi polo descoñecemento do galego alegado por algún avogado de Madrid ou mesmo asturiano e, curiosamente, por unha testemuña, directora dende había quince anos, dunha oficina do Banco de Santander na Agra do Orzán coruñesa. Nestes supostos todos, a miña percepción foi que o xuíz ou a xuíza de quenda non sentía demasiada empatía polos alegantes de descoñecemento.
Quere isto dicir que é posíbel (mais non doado) manter a instalación do noso galego no uso forense, tanto na fala como na escrita. E isto depende bastante do compromiso persoal, mais moitos comprobamos que estas actitudes rematan por ser comprendidas e mesmo alentan certa imitación nalgúns.
Nestes intres percibo moita máis inseguridade no galego xurídico e comodidade no uso do castelán por parte dos meus compañeiros ca verdadeiros problemas ideolóxicos de oposición ao uso do galego, malia que coñeza outras opinións que afonden na importancia deses prexuízos ideolóxicos.

Carencias nas aplicacións informáticas e o problema da contratación mercantil en galego
Outro grave problemas do galego no uso forense está na falla de medios informáticos e técnicos dos funcionarios para levar adiante as actuacións xudiciais en galego. Esta tarefa non é tan complexa, se temos en conta a normalización procesual acadada nas Administracións autonómica e locais. Cómpre, iso si, que a Dirección Xeral de Xustiza e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, canda a Presidencia e a Sala de Goberno do TSXG cumpran cos seus deberes lingüísticos e democráticos, no canto da inacción actual.
E outro problema vén dado pola actitude dalgúns avogados, empresarios e directivos, ao mellor permeábeis cara ao galego e cara ao seu uso oral na xustiza, malia que reflictan dúbidas e resistencias diante do uso escrito formal na contratación mercantil (non tanto no uso escrito en comunicacións informais). Indubidabelmente hai moito que facer na linguaxe xurídico-mercantil ou xurídico-económica, porque a xurídico-administrativa avanzou de xeito moito máis substancial.

Quen fixo e quen non fixo a prol do galego na Administración de Xustiza
Neste Día das Letras de 2017 cómpre recoñecerlle a algunhas persoas e institucións o seu traballo a prol da lingua no mundo do Dereito. Dende aquelas primeiras actuacións no eido da tradución por parte do conselleiro Pablo González Mariñas e do director xeral Xabier D’Amorín (falecido de xeito temperán hai poucos anos), ao traballo de Xosé González Martínez, os maxistrados Daniel García Ramos (tamén desgrazadamente falecido) ou Xoán Xosé Barreiro, os fiscais Carlos Varela (antigo fiscal superior) e Benito Montero, o notario Victorino Gutiérrez Aller, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e outros tantos. Nos últimos anos cómpre nomear de xeito especial ao Colexio de Avogados de Santiago de Compostela co seu decano Evaristo Nogueira á fronte, á Irmandade Xurídica Galega e ao traballo desenvolvido polo fiscal superior Carlos Varela á fronte da Fiscalía galega.
No capítulo de desmerecementos temos que nos referir aos centros directivos competentes da Xunta de Galicia (Xustiza e Política Lingüística) e a todas as composicións das Presidencias e Salas de Goberno sucesivas do TSXG e do Consello Xeral do Poder Xudicial. O seu labor caracterizouse polo desleixo, cando non pola resistencia á normalización da nosa lingua.

25 e 75%
Para rematar unha idea fundamental: a presenza da lingua na Administración de Xustiza é unha cuestión normativa, de definir un Poder Xudicial galego que coñeza a lingua. Mais mentres tanto mudaría moito o estado da cuestión se só o 25% dos avogados galegos desenvolveramos polo menos o 75% do noso traballo na Galicia na nosa lingua.

A necesidade do referéndum catalán

A primeiros deste 2017 o xornal “La Vanguardia”, de liña editorial non independentista, publicaba unha enquisa que reflectía que o 76,6% dos cataláns querían decidir en referéndum a respecto da súa independencia ou continuidade no Estado, mentres as opcións a prol sobardaban en moi pouco ás negativas. Estes dados serían impensábeis hai once anos, cando se aprobaba pola cidadanía catalá o novo Estatuto.
O fito máis importante na modificación das actitudes a respecto da independencia foi a sentenza do Tribunal Constitucional de xuño de 2010, que, estimando o recurso do PP, declarou na práctica a inconstitucionalidade de case todos os avances en autogoberno contidos nese “nou Estatut”, malia que xa fora aprobado en referéndum e levaba plenamente vixente máis de catro anos. A labazada moveu centos de milleiros autonomistas e federalistas cara á opción independentista, ao considerar imposíbel un autogoberno digno de tal nome no seo do Estado español.
Hai un problema moi grave e os partidos unionistas non o asumen. Mais o problema só non se resolve, lonxe diso encónase, porque xera desafección cidadá en Catalunya, máis tamén unha enxurrada de anticatalanismo en Madrid e outros territorios españois.
Velaí que a única solución sería un pacto para poder levar adiante un referéndum. Pacto alicerzado no compromiso de que se respecte o decidido polos cataláns e que, no caso de sair o voto negativo non se repita esta consulta nun termo aproximado de dez ou quince anos, na liña da Lei de Clareza canadiana. A fórmula xurídica podería pasar por un referéndum consultivo, consonte co artigo 92 da Constitución, delegando o Estado ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución na Generalitat a competencia para convocalo. O mandato catalán requiriría dunha ulterior reforma constitucional, de ser afirmativo. Unha reforma que habería pactarse previamente.
A historia europea recente amósanos que non se pode negar pacificamente o dereito a decidir. Eslovaquia, Chequia, Eslovenia, as tres repúblicas bálticas ou Irlanda son Estados membros da UE que non existían hai cen anos e moitas veces separáronse de Estados cos que seguen a partillar a Unión. As realidades mudan e o Dereito está para regular a convivencia. A convivencia, que ha ser aceptada e non imposta.

Un erro de inmadurez política

Son dos que penso que o AVE radial dende Madrid, só para pasaxeiros, deseñado polo PP, PSOE e grandes construtoras madrileñas non constituía nin constitúe a máxima prioridade ferroviaria de Galicia. Neste senso, a falla de priorización da conexión con Porto e Lisboa determinou que Galicia ficase illada da grande conexión entre o Atlántico portugués, o “Y” basco e Francia. A conexión ferroviaria dos portos, a media distancia do Eixo Atlántico, o tren de proximidade e o corredor cantábrico apto para mercadorías haberían ser prioridades a respecto dun AVE que só conecta pasaxeiros con Madrid.
Mais compre traballar coa realidade que temos e o estado do desenvolvemento do AVE galego, logo de tantos anos de atrasos e mentiras, obriga a que rematalo sexa unha prioridade de País, asumida hoxendía por case toda a cidadanía. Rematar o AVE á maior brevidade é, quizais, o interese galego en infraestruturas que conta con máis consenso social neste país. As dúbidas e vacilacións a respecto da prioridade do AVE galego son politicamente incorrectas na Galicia.
Velaí que o rexeitamento da única senadora de En Marea á moción sobre infraestruturas que consensuaran no Senado PP, PSOE e PNV constitúa un evidente erro, propio da inmadurez política, que amosa a necesidade de que os órganos reitores deste partido coordinen o labor da súa representación en Madrid (cinco deputados e unha senadora), como coordinan o labor do seu Grupo no Parlamento de Galicia. Os deputados e senadora mareantes representan unha forza galega, que existe, entre outras cousas, para defender os intereses de Galicia. Ou sexa que cando estes intereses galegos non coincidan cos xerais ou cos intereses cataláns, por exemplo, os representantes de En Marea haberían explicar a súa discrepancia e voto discordante a respecto das decisións de Unidos Podemos e En Comù Podem. Con toda naturalidade.
En Marea require con urxencia dos niveis de institucionalización que lle permitan unha acción parlamentaria útil e eficiente. No caso de Madrid, ademáis, require que a poidamos visualizar como unha ferramenta política galega, totalmente autónoma. Non como unha forza auxiliar de Pablo Iglesias.

Macron e a Europa

Como xa prognosticamos hai quince días, gañou Macron moi amplamente. O escrutinio ao 77% dálle a Mme. Le Pen o 36,6% dos votos fronte ao 63,4% de Emmanuel Macron. Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosou unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas.
Vencido (polo de agora) o feixismo, cómpre ollar para o trunfo deste Presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste Presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte. Mal menor? Moi probabelmente. Un candidato que medra do 24% ao 64% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente.
Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cal será a súa aposta? O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente. De calquera xeito, semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores.
Máis voltas ten a pegada que poida causa Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construír un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns. Os liberal-demócratas do flamengo Guy Verhofstadt ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.

A arrincadeira. Alberto Rivera e Macron
Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron. Nin C’s nin UPD encaixan no esquema liberal-demócrata europeo, onde fan parte o PNV e o PDCAT, a antiga Convèrgencia. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.

Gaña Euskadi. E Galicia?

O PNV tiña os deputados decisivos para derrotar as emendas á totalidade aos Orzamentos estatais. E sabía que esta vantaxe non era permanente. Despois das vindeiras eleccións podía desaparecer e mesmo o eventual triunfo de Susana Díaz nas primarias do 21 de xuño podía relativizala substancialmente.
Abofé que a contraprestación obtida foi moi boa para Euskadi. O Estado reclamáballe 1.600 M€ pola liquidación do cupo (Euskadi recada directamente os impostos e págalle un cupo ao Estado polos servizos non transferidos que este presta) dos cinco últimos anos. Agora só serán 200 M€. Por outra banda, Euskadi obtivo unha redución do cupo de 540 M€/ano entre os anos 2017 ao 2021. Velaí ese grande número: 4.100 M€, case 2000 € por cada residente en Euskadi. Decátanse vostedes da mellora que isto suporá na sanidade, na educación ou na competitividade empresarial de Euskadi?
O pacto foi alcumado de “insolidario” por algunhas voces en Catalunya e Galicia. Mais cómpre lembrar que o PNV si votou contra a investidura de Rajoy, sen que este voto servise para construir unha alternativa a Rajoy por mor da abstención do PSOE. Por outra banda, os cidadáns que votaron PNV fixérono para que defendese en Madrid os intereses vascos. Non para que mercase o relato independentista de moitos cataláns ou o relato dependentista de moitos galegos. Con este acordo Euskadi racha o cerco unionista ao autogoberno, blinda a axenda vasca e escenifica unha relación bilateral do Estado. Co “status” acadado non precisan a independencia pasado mañá.
Mentres, Galicia malbarata a súa aposta polo PP de Feijóo (11 deputados estatais sobre 23, única maioría absoluta do Estado nun Parlamento) cun 33% menos de investimento estatal entre 2016 e 2017. E este apoio popular e proximidade co “Goberno amigo” non lle permite nin acadar en beneficio da cidadanía a transferencia da Autoestrada do Atlántico. Mal negocio o do dependentismo.
Estes feitos amosaron tamén que o un hipotético sistema no que Galicia recade os tributos e pague un cupo ao estado non é esa catástrofe da que fala o unionismo, senón unha ferramenta potencial para máis autogoberno e benestar, dependendo das súas bases normativas e de liquidación do cupo.