A chantaxe de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57% de Ferroglobe, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría (400 postos de traballo directos e indirectos), segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar con urxencia (este mesmo ano) da venda das centrais hidroeléctricas, coas que conta ingresar 255M€ do fondo canadiano Brookfield. Velaí que aprobase un acordo cos sindicatos estatais para que apoien esa escisión das concesións como único instrumento de viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte.
O asunto está claro. Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida.
Porén, os 255 M€ que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio n’A Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57% de Ferroglobe, nin o Presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. E non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo.
A Xunta non ten razóns xurídicas, económicas nin políticas para apoiar un Plan Industrial que é mera expresión dun desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda caste de sospeitas.

Unha reflexión sobre “A chantaxe de Villar Mir

  1. Xoan Antón, coincido contigo en todo o que dís.
    Sei que ti non eres de Cee, como son eu, pero tampouco Vimianzo queda tan lonxe, quero decir que asensibilidade tócanos de perto.
    Coñecendo os intereses e corruptelas dos nosos politicos e de un determinado partido maioritario en galicia, sabemos que faran o que ses lles pete, alegándo o interese xeral, moito me temo que o final os 400 postos de traballo voarán, por que o resultado será darlle os cartos a Villar Mir. Mágoa que moitos dos que os puxeron no goberno se laian agora do que lles poda caer enrriba. Unha forte aperta.

Os comentarios están pechados.