Era visto!

No pasado nadal, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) corrixiu a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) español e determinou que os efectos da nulidade das cláusulas de chan eran retroactivos dende o principio do contrato e non dende maio de 2013, como arbitrariamente decidira o TS para reducir o impacto da sentenza na banca. O TXUE afirmou, ademáis, que cumpría pór aos consumidores na situación na que estarían se a cláusula de chan non tivese existido nunca. É dicir, que se lles pagasen os intereses legais a respecto das diferenzas ao seu favor de cada cota do préstamo.
O Goberno do Estado aprobou o 21 de xaneiro un Decreto-Lei para que os Bancos puidesen atender as reclamacións dos consumidores para a devolución destas diferenzas. Na Galicia varios (entre eles a asociación de consumidores ACOUGA) advertiron que este sistema non amañaba nada, porque non establecía nin un procedemento de arbitraxe nin de mediación. Só axudaba á banca ao favorecer o contacto bilateral non regulado co consumidor no que as entidades aproveitaban a súa prevalencia en organización, medios e información. Moitas solicitudes extraxudiciais foron pactadas en bastante menos diñeiro do que aos bancos lles cumpría pagar aos consumidores. En concreto, a banca case nunca ofreceu pagar os xuros de demora.
Agora o Consello do Poder Xudicial, no que manda a maioría absoluta gobernamental, non prové os medios axeitados para resolver os milleiros de casos que están a entrar nos xulgados por nulidade de cláusulas bancarias. Néganselle á Administración de Xustiza os medios materiais e persoais precisos para que poida cumprir o seu labor constitucional e satisfacer os intereses dos consumidores, como se lle negan tamén eses medios á orde xudicial contencioso-administrativa para revisar a actuación ilegal das Administracións Públicas.
Deste xeito o PP, como antes fixo o PSOE, favorece a banca, grandes corporacións e Administracións Públicas, prexudicando aos consumidores, pemes e cidadáns, furtándolles aos Tribunais, por vía orzamentaria, os medios precisos para que fagan xustiza.