Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.