A unidade imposíbel

É moi difícil partillar un discurso común a respecto das causas e efectos do terrorismo islamita coa opinión publicada representativa da dereita española, inzada de islamofobia e catalanofobia.
O atentado do 11-M amosou a vinculación entre as políticas exteriores e militares occidentais e o terror yihadista. Esta caste de opinións da dereita española rexeitan considerar que a política exterior dos USA e os seus aliados en Iraq ou Siria alimente o yihadismo. Algúns mesmo seguen a defender exóticas teorías da conspiración a respecto daquel atentado.
Estas opinións negan tamén a simbiose ideolóxica de Arabía Saudí e algunha outra monarquía do Golfo Pérsico coas comunidades islamitas radicalizadas de onde xorden os terroristas e o seu apoio financeiro ás mesmas. Porque admitir esta realidade suporía unha recomposición xeral das relacións políticas e económicas (entre elas a venda de armas españolas) entre estes Estados e o Estado español, que defende unha tradicional amizade con estes réximes. Unha amizade que pasa pola proximidade á familia real saudí do anterior e do actual Xefe de Estado, mesmo na defensa dos intereses de determinadas grandes empresas. Diante desta realidade eran previsíbeis as críticas que algúns dos manifestantes lle dirixiron ao Rei na manifestación do sábado.
Esta caste de opinións despreza estes factores fundamentais e centra o seu relato na islamofobia. A apertura aos refuxiados propiciaría o terrorismo islamita e as comunidades musulmás europeas serían pasivas colaboradoras, cando non coadxuvantes, das accións terroristas. Esquecen que o 92% dos mortos do Estado islámico son musulmáns e que só dende o fundamentalismo wahabista (que interpreta o Corán a medio da tradición e da sharia) atopa xustificación a agresión aos non musulmáns.
E logo está a catalanofobia. Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso parcial do catalán!!! nas roldas de prensa.
Dende as esquerdas asumiuse xa que a resposta inclúe a prevención e represión policiais e, nese senso, é paradigmática a xeral aceptación da proporcionalidade das intervencións letais dos Mossos. Mais a dereita española non avanza na súa visión do problema. Nestas circunstancias a unidade é moi difícil.

Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

Verdades sobre o terrorismo islamita

Para enxergarmos a realidade do terrorismo yihadista cómpre enfrontar as solucións dende a perspectiva europea, desenvolvendo a escalas continental e local todas as actuacións de represión e prevención a curto prazo que sexan compatíbeis co Estado de Dereito e co contido esencial das liberdades. Urxe, neste senso, transformarmos a Europol nun auténtico FBI europeo que coordine as respostas de intelixencia ao terrorismo na Europa toda. Mais non haberá solución global e europea sen modificacións substanciais nas políticas de inclusión dos residentes musulmáns na Europa e sen unha remuda substancial das políticas exteriores europeas.
A case totalidade dos terroristas actuantes na Europa non son refuxiados da guerra de Siria, senón nacionais europeos ou, cando menos, residentes estábeis. Na súa conversión en terroristas adoita ser decisivo o discurso dalgunhas mesquitas adoito financiadas polo diñeiro saudí. De feito, wahabismo e dinastía saudí son inseparábeis dende o século XVIII e a aplicación radical da sharia e o concepto de yihad son semellantes en cadansúas cosmovisións do réxime saudí e do Estado Islámico. Arabia Saudí é socio comercial privilexiado do Estado español no que atinxe á merca de armas, construción de infraestruturas e venda de petróleo. Os intereses comerciais de determinadas grandes empresas españolas son alí moi importantes e mesmo o anterior Xefe de Estado foi quen garantiu a subministración de petróleo saudí naqueles anos 1977 e 1978. Por que non se curta o financiamento saudí a moitas mesquitas españolas?
Por outra banda, o apoxeo do Estado islámico veu da man da intervención militar dos USA, secundada polo Reino Unido, ao destruír a ditadura de Saddam Hussein en Iraq e financiar a oposición islamista á ditadura siria de Bashar al Assad. Os intereses petrolíferos occidentais preferiron Estados falidos que remataron co apoxeo dun Estado Islámico que vendía barato o petróleo de Mossul a través de Turquía. Unha Turquía que tampouco quere destruír de todo os yihadistas, porque non quere un Kurdhistan forte, reunificado e independente.
Non pode haber loita eficaz contra o yihadismo sen actuar sobre estes parámetros. Cómpre analisalos polo miúdo e non mercarlle aos de sempre explicacións islamófobas de todo a cen.

Unha resposta de Estado

A resposta que as autoridades e cidadanía catalás deron aos últimos atentados artellouse en clave propia, sen lle pedir permiso a ninguén. A información centralizouna o corpo policial catalán e foi a Generalitat, secundada polo concello barcelonés, a que monopolizou a achega de información. O Goberno central reaccionou serodiamente, eludindo toda imaxe de coordinación e unidade até o venres, cando a actuación policial de Cambrils obrigou Rajoy a asumir visíbelmente a primacía da Generalitat na coordinación das respostas policiais á crise.
Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención de novos incidentes e á protección cidadá. Asemade, reaccionaron proporcionalmente á agresión terrorista de Cambrils, onde a gravísima agresión múltiple de elementos armados xustificaba o uso letal das armas de fogo. Varios medios estatais cuestionaron o rexeitamento da Generalitat a bloquear con bolardos a Avenida das Ramblas, na liña do recomendado hai oito meses polo Ministerio do Interior para toda caste de rúas e avenidas. No caso das Ramblas, ese bloqueo é impracticábel. Poderíase facer na Praza de Catalunya, no seu comezo ou no seu remate a carón do mar, máis nunca impedir o acceso ás Ramblas de todas as rúas laterais ao longo dos seus 1,2 kms. de percorrido, alén das necesidades de limpeza, seguranza e subministracións da vía e dos seus negocios. Xa que logo, estas críticas tentan politizar o debate para desprestixiar ás autoridades independentistas catalás e a actuación da súa Policía.
Os Mossos amosáronse diante da Europa e o mundo todo como unha policía profesional e eficaz. Mais o certo é que até de agora o Goberno do Estado fixo todo o posíbel por subordinar e secundarizar este Corpo policial, negándolle todo acceso á información de Europol, rexeitando durante oito anos a convocatoria da Xunta de Seguridade e impedindo a convocatoria de 500 prazas máis de Mossos que a Generalitat xulgaba precisas para atender á ameaza terrorista no actual nível 4.
Na Europa todos precisamos de todos na resposta á agresión yihadista. Mais Catalunya vén de demostrar que sabe e pode dirixir localmente esta resposta.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Prexuízos da centralización aeroportuaria

O sistema de xestión dos 46 aeroportos españois chamados “de interese xeral” é o máis centralista e dos máis ineficientes da Europa, como ben ten sinalado adoito o profesor da USC Rubén C. Lois. Unha axencia estatal, AENA, asume o monopolio das decisións políticas e administrativas, sen participación ningunha das administracións autonómicas nin locais e dos axentes principais da sociedade civil, o que é absolutamente atípico no mundo occidental todo.
Este grao de centralización é a ferramenta fundamental para dous procesos que decorren xuntos: a progresiva privatización dos servizos, entre eles o de seguranza aeroportuaria (como veñen de denunciar os sindicatos da Garda Civil) e a contratación por xunto destes servizos dende o nível estatal, favorecendo ás grandes empresas do núcleo duro construtor-concesional do “capitalismo castizo e do BOE” e prexudicando a consolidación de empresas locais de servizos, o que é nomeadamente agresivo no noso país. Esta concentración na contratación dos servizos deteriora os soldos e as condicións de traballo e fai minguar exponencialmente a calidade do servizo prestado, ademais do absurdo de sofrirmos de servizos de loxas, cafetaría, restaurantes, aparcadoiros ou handling deseñados coa mentalidade de Madrid-Barajas.
Por outra banda, que uns señores de AENA ou do Ministerio de Fomento adopten en Madrid as decisións sobre os aeroportos galegos non ten sentido económico ningún, agás que se use para crear espazos competenciais exentos ao Poder autonómico que sirvan de freo á xestión unificada do territorio e de panca para atender intereses do Estado que non coinciden cos intereses galegos. Neste senso, foi moi instrutiva a experiencia do aeroporto barcelonés do Prat, que achega máis do 50% do beneficio de AENA. Cando estaba a piques de se converter nun competidor ao “hub” intercontinental de Madrid-Barajas xurdiron problemas laborais no colectivo do servizo de seguranza privatizado e problemas de falla de dotación de efectivos policiais estatais. Problemas que, por certo, non existiron no aeroporto madrileño. A Galicia úrxelle mudar de modelo e asumir de vez a competencia para xestionar os seus aeroportos. Como, tamén, o resto das súas infraestruturas viarias e portuarias.

Os okupas de Meirás

Nestes tempos de revisionismo historiográfico e post-verdade cómpre lembrar algunhas cousas certas. Como que a adquisición do pazo de Meirás para llelo doar ao ditador Franco non foi por subscrición voluntaria, senón por vías de forza e coactivas. No 1937 constituiuse unha comisión “Pro Pazo del Caudillo”, integrada polo Gobernador Civil e outros xerarcas franquistas e forzas vivas para mercarlle o pazo á súa propietaria e aquelalo consonte cos requisitos dunha grande residencia de luxo. A todos os empregados públicos e de moitas empresas privadas lles foi efectuado á forza un desconto salarial, normalmente dun día de soldo.
Mentres, esa comisión dirixíase aos alcaldes para lles instar a constituir comités locais de recadación, adoito sinalándolles a cantidade estimada que habería cubrir o concello. Comités que visitaban os veciños para lles pedir a súa achega. Comprenderán vostedes o grao de liberdade, no medio do terror da guerra civil, que tiñan os veciños para rexeitar tan amábel oferta. O traballo completouse coa expropiación, a prezo baixísimo, das catro hectáreas de boas terras agrarias dos veciños de Meirás que circundaban o Pazo.
Nos nosos tempos, cómpre lembrar que non foi Feijóo quen abriu o pazo ás visitas (como vén de dicir), senón a conselleira nacionalista Ánxela Bugallo, que declarou ben de interese cultural (BIC) o pazo no 2008. Feijóo só executou, no 2011, a sentenza xudicial definitiva que confirmou a decisión do bipartito. Unha volta máis Feijóo e post-verdade son realidades que camiñan xuntas.
Canto á familia do ditador, son perfectamente conscientes da ilegalidade e ilexitimidade de orixe desta propiedade. Opuxéronse á declaración do pazo como BIC e ás visitas públicas até chegar ao mesmo Tribunal Supremo. Agora, nun claro aceno de provocación, conveniaron estas visitas cunha Fundación Francisco Franco, que teima en defender os valores antidemocráticos, facendo apoloxía da ditadura franquista. Nunca dixeron verba ningunha de piedade ou compaixón e menos desculpa ou arrepentimento a respecto dos crimes, abusos e despoxos patrimoniais causados polo réxime que instaurou e dirixiu o seu pai e avó con man de ferro. Sonlles, miñas donas e meus señores, os okupas de Meirás.

Autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 obríganos a pagar 30 € por viaxar entre as dúas cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito. Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.
O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixiemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bo negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuízo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito, nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construír unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.
Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos, o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.
Porque se grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado Bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar –que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048– máis grave é decatarmos que el e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Feijóo.