Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.