Efectos do proceso catalán na Galicia

Ocorra o que ocorra hoxe na Catalunya as cousas entre aquel país e o Estado español non serán xa nunca iguais. A fenda é irreversíbel. Mais os separadores, neste contexto, non foron os independentistas, senón as propias elites económicas, mediáticas e políticas de Madrid, que nin souberon nin quixeron ofrecer a unidade de España como fórmula amábel de integración plurinacional, senón como imposición dunha realidade que habería ficar fóra de toda capacidade de decisión cidadá, o mesmo ca a Monarquía. Sempre contando coa axuda dun Tribunal Constitucional escollido só polas maiorías políticas estatais e que decide o 99% das veces a xeito de árbitro caseiro. Como dicía Castelao, o separatismo nace en Madrid.
O proceso, evidentemente, non remata mañá. Mais axiña comezará outro: o da reforma constitucional que esixen as circunstancias para acoller o que é unha realidade social transversal, interclasista e pacífica. O problema catalán non se amaña enviando a Garda Civil ou con represión policial ou xudicial, mesmo con apariencia de legalidade formal. É un problema político.
Os efectos para Galicia deste proceso serán importantes. Na reformulación territorial Galicia non pode conformarse co dependentismo de Rajoy e Feijóo, non pode xogar ser a Rioxa ou Murcia, senón que ten a necesidade de puxar polo máximo autogoberno posíbel, pola máxima autonomía financeira e polo pleno recoñecemento da súa singularidade nacional, a única barreira efectiva contra o noso limitado peso poboacional e económico no Estado. É o momento dun novo relato e só terá éxito se conecta coa xente común, coa sociedade civil.
Mais os efectos irán chegando nas próximas semanas tamén á propia cidadanía. Sectores importantes da dereita urbana, nomeadamente d’A Coruña e Vigo, vanse pechar nun discurso esencialista español cada vez máis incompatíbel coa aceptación da singularidade cultural, política e económica galega. Mais amplos sectores da Galicia máis dinámica evoluirán cara un soberanismo moito máis cívico ca identitario, tanto máis intensamente canto máis evidente sexa que Catalunya saia favorecida do “procès” en termos de ampliación do autogoberno, mellora do financiamento ou recoñecemento do seu dereito a decidir.
Veñen tempos de cambio e cómpre construír sen lle ter medo.