A pandemia da violencia machista

Na nosa sociedade quizais non exista outro problema que afecte tan directamente aos principais dereitos fundamentais (vida, integridade física e liberdades) como a violencia machista, tendo en conta o número de persoas atinxidas. Só no noso País a policía protexe 3.100 vítimas, case o 0,25% da poboación feminina total. E cumpriría engadir ao universo de persoas en risco aquelas que non denunciaron ou as que denunciaron e non tiveron acollida a xeito (que destas tamén hai).
Cómpre combatermos a violencia machista dende a educación, de xeito transversal. Porque semella que as cousas non van tan ben neste eido cando o 27% dos xoves entre 16 e 24 anos teñen interiorizado con normalidade esta pandemia. Mais cando falamos de educación non falamos só do sistema educativo, senón de todos os instrumentos de socialización, incluída a familia e os media. E arrincar destes instrumentos socializadores as actitudes e lugares comúns do machismo, porque son os que xeran o clima do que xorde a violencia machista. Entre outros xeitos rexeitando na familia, na escola e no faladoiro de amigos os comentarios machistas supostamente paveros. E non xulgando o seu xeito de vestir, os costumes ou os hábitos sexuais de ninguén, porque quen debe ser xulgado é o delincuente e non a vítima. Facéndolle ver ao maltratador que a súa conduta non só é ilegal, senón que o vai afastar da consideración dos seus iguais e da inclusión social.
No curto prazo, porén, confésolles o meu escepticismo coas concentracións e minutos de silencio. No curto prazo o único compromiso político operativo é o do orzamento, o dos cartos. Cómpre dotar a xeito os Xulgados especializados de violencia contra a muller e crealos onde non existan (polo menos en Lugo, Compostela, Ferrol, Ourense e Pontevedra). Cómpre financiar axeitadamente as unidades policiais especializadas. E, sobre todo, cómpre facer da vítima o eixo do sistema de protección, como se fixo coas vítimas do terrorismo. E isto quere dicir dotar a serio as axudas médicas, xurídicas, psicolóxicas e económicas ás vítimas.
Velaí porqué a loita contra a violencia machista ha constituír unha prioridade política e social real, condicionando a axenda e os orzamentos públicos e vertebrando transversalmente as principais políticas públicas.

Quen adoutrina?

A historiografía española do século XIX construíu un relato que databa España como realidade unitaria dende os godos e que explicaba a Idade Media como un proceso de Reconquista dende o reino de Asturies de D. Paio até os Reis Católicos. España como nación xurdiría hai máis de 500 anos, cos Reis Católicos. Galicia sería parte secundaria do Reino de Asturies-León, Catalunya parte secundaria da Coroa aragonesa e Biscaia parte secundaria de Castela, mentres se agachaba a euskaldunidade do Reino de Navarra.
Velaí a historia que deprendemos xeracións enteiras. E resulta que non había tal. A historiografía recente redescobriu a centralidade de Galicia na historia ibérica e europea. Fomos o primeiro “regnum” da Europa, cos suevos, no século V. Os cronistas árabes e francos dos séculos IX e X descoñecían os reinos de Asturies ou León e nomeaban Galiza ao grande reino occidental, para distinguilo da España musulmá. Até principios do século XIII o Reino occidental é un Reino galego, de reis galegos, que ten en Compostela o seu referente.
O euskaldún Eneko Ariza fundou o Reino vascón de Pamplona, que axiña integrou todos os territorios de fala basca agás o Señorio de Biscaia e chegou ser o principal Reino cristián da península, canda o de Galicia (que integraba tamén León e Asturies) no século XI. Biscaia, pola súa banda, mantivo a súa independencia asumindo voluntariamente ao Rei de Castela como Señor de Biskaia. A independencia de feito de Biscaia e Navarra (os dous referentes políticos de Euskadi ao longo da historia) chegou até mediados do século XIX e explica a vixencia do concerto vasco e do convenio para recadar os tributos.
O Conde de Barcelona unificou no século X os demais condados cataláns e converteuse por matrimonio no Rei de Aragón en 1134. A unión catalanoaragonesa respectou a independencia de ambos os dous territorios. No século XIII, o rei Jaume I conquistou Mallorca con cataláns e o País Valencià na súa meirande parte con cataláns e nalgunhas comarcas do interior con aragoneses. A Coroa catalanoaragonesa respectaba a plena autonomía dos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e do Principat catalá, que constituía o núcleo esencial da Coroa. Os cataláns chegaron conquistar Sardeña, Sicilia e Nápoles.
Quen adoutrina?

O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

Recentralización e involución política

No estado español sempre foron unidos os procesos de democratización e avance nas liberdades e os de recoñecemento do dereito ao autogoberno das nacionalidades. Velaí as experiencias das dúas repúblicas e a transición até o golpe de Estado do 23-F, aproveitado para reconducir á baixa o autogoberno galego, catalán ou vasco e para acoutar a democracia nas canles só representativas, nunca participativas, do bipartidismo dinástico.
Para Galicia, asemade, coinciden os periodos de democracia, liberdade e autogoberno cos de benestar económico e progreso social e cultural e as longas noites de pedra do dependentismo, do centralismo e do autoritarismo co atraso económico, anomia social e páramo cultural. Só o autogoberno garante o benestar, porque somos pouco máis do 5% do PIB e da poboación estatais e porque os nosos alicerces económicos son secundarios para España.
Dende 2006 Rajoy, axudado e mesmo pulado por UPD e despois por C´s, enfrontou o afondamento do autogoberno das nacionalidades dende o recurso ao Estatut de Catalunya, aprobado pola cidadanía catalá no 2006, acadando o seu obxectivo de anulalo parcialmente coa sentenza do Tribunal Constitucional de xuño do 2010. Unha sentenza que marcou o punto final a respecto das posibilidades de evolución cara un Estado plurinacional da Constitución do 1978, nas que moitos acreditabamos.
A maioría absoluta do PP de novembro do 2011 e a crise económica foron o pretexto perfecto para desenvolver un intenso proceso de recentralización fronte ás autonomías e os concellos (novas leis de modernización de gobernos locais, educativa e de educación), que coincide cun decidido pulo á privatización de servizos públicos a prol dos grandes lobbies construtores-concesionais e cunha política de recentralización económica a prol dos grandes capitais multinacionais e estatais e contra a urdime de pemes galegas (anulación do concurso eólico, recuperación das competencias autonómicas en enerxía, contratación pública orientada a grandes operadores que exclúe na práctica ás empresas locais…).
A doutrina recentralizadora acompáñase da involución política no eido das liberdades (lei mordaza, tendencia á criminalización da discrepancia co sistema dinástico…) e acada a máxima expresión na negativa do sistema dinástico -agora tripartito- a toda evolución que recoñeza a plurinacionalidade española, dándolle unha saída política á cuestión catalá.

O tripartito dinástico

O Xefe do Estado reivindicou a vía da represión e pechou a vía da negociación no seu discurso do 3-O, e PP, PSOE e C´s asumiron a solución extrema -e inconstitucional- de cesar o Govern e disolver o Parlament. Ao tempo, a apelación ao castigo penal e a priorización das solucións represivas xeraba en todo o Estado unha onda de nacionalismo español que mesmo reivindica ideas e xeitos de expresión até de agora patrimonio exclusivo da extrema dereita. Rexorde a España do “a por ellos”, que algúns acreditaban superada.
PP e C´s gañan xogando esta vía. Os laranxas albiscan a posibilidade de constituír o eixo dunha maioría unionista no Parlament e o PP gosta xogar en campos enlamados, na lóxica amigo-inimigo e na división social, ademais de agachar a presenza abafante da corrupción (velaí o inspector-xefe da UDEF recoñecendo a percepción por parte de Rajoy de sobresoldos en “B”) e unha desigualdade social que xa é a segunda máis importante da Europa.
Mais non se entende o papelón que está a xogar o PSOE. A afiliación elixiu Pedro Sánchez co obxectivo de construír unha nova maioría parlamentaria que desaloxase o PP. En troques, a nova dirección socialista asumiu acriticamente unha política que nin é a súa nin é a que lle piden as súas bases electorais (un 54% dos cidadáns fóra de Catalunya amósanse partidarios dunha solución negociada). Deste xeito, o PSOE mércalle o discurso territorial ao PP sen ningunha caste de contrapartida. De feito, voceiros autorizados do PP xa manifestaron que na comisión parlamentaria para a reforma constitucional, creada pola iniciativa socialista, estudaranse non só fórmulas para afondar na descentralización, senón a posibilidade de recentralizar, recuperando competencias como a educación. Velaí que sexa o PSOE o que xoga no campo do PP.
Malo que o PSOE non sexa quen de artellar unha maioría parlamentaria que desaloxe un PP enchoupado na corrupción. Mais tamén que non sexa quen de artellar maiorías lexislativas para derrogar a “lei mordaza” ou reformar fondamente as contrarreformas do PP no sistema educativo e no réxime local. Con só 137 deputados o PP goberna como se tivese maioría absoluta.
O tripartito dinástico amosa ideas e procedementos antigos, propios dunha democracia de baixa calidade e dunha sociedade cada vez menos inclusiva. Os problemas non se solucionarán. Perderemos prosperidade e liberdades.

Núñez Feijóo e os lumes

O Presidente recoñeceu este día no Parlamento que o operativo da Xunta foi totalmente sobardado polos lumes do 15-O. Mais Núñez Feijóo considera que ningún dispositivo de extinción podería parar unha vaga de lumes coma aquela, por mor das condicións de temperatura, vento e seca e polo suposto terrorismo organizado causante dos lumes.
O que non di o Presidente é que coa fin de setembro considerou finiquitada a tempada de risco máximo de lumes, prescindindo dos servizos de 436 traballadores (máis de 60 brigadas). Mais daquela a seca era xa grave e os prognósticos daban temperaturas altas e nada de auga para os días seguintes. O 11 de outubro sabíase xa que para a fin da ponte do 12 habería ventos moi fortes e temperaturas altas e non se adoptaron medidas nin se constituiu un Mando Único. É evidente que con eses 436 integrados, a alarma dada a tempo e un Mando Único operativo as vivendas e infraestruturas viarias e enerxéticas terían sido moito mellor defendidas e non habería 49.000 ha. queimadas.
Por outra banda, case un mes despois non hai evidencia ningunha da existencia de bandas organizadas. Núñez Feijóo coñece a macropescuda dirixida hai poucos anos polo pasado fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que ditaminou a orixe intencionada da maioría dos lumes, mais tamén a inexistencia de bandas organizadas. Despois dun mes sen novas sobre os terroristas, o argumento do Presidente comeza a insultar a intelixencia da cidadanía.
Canto ao pacto de país contra os lumes, o Presidente emenda á totalidade as súas políticas de prevención e extinción desenvolvidas estes oito anos e medio. Máis Banco de Terras, volta aos 50 m. de mínimo da planta de eucaliptos a respecto das vivendas, medidas de ordenación forestal… Algúns dos eixos fundamentais da política do conselleiro Suárez Canal (BNG) posterior á vaga de lumes do 2006 que Núñez Feijóo deconstruiu ao chegar á Xunta no 2009. Benvido sexa este necesario pacto de País. Mais Núñez Feijóo ten que adoptar, para ser críbel, medidas reparadoras da ineficacia do seu Goberno. Semella que a conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, e o director xeral de Ordenamento Forestal, Tomás Fernández-Couto, haberían pagar co cesamento pola súa demostrada incompetencia.

A toxicidade xurídica da Audiencia Nacional

A Audiencia Nacional (AN) determinou no 2008 en Pleno (é dicir, unificando criterios para todas as Seccións penais) que o delicto de rebelión nunca foi competencia desta Audiencia. Mais a xuíza da AN, Carmen Lamela, en decisión ratificada por unha das súas Seccións, considérase competente para coñecer dos delictos de rebelión e sedición, modificando ese criterio firme establecido en Pleno.
Por outra banda, é evidente que a conduta dos membros do Govern non constitúe delicto de rebelión, por faltar o elemento da violencia. Tampouco a conduta dos Jordis integra o delicto de sedición, por faltar unha incitación á violencia na consecución dos obxectivos políticos.
Nunha democracia, tanto a competencia obxectiva dos Tribunais como a definición das condutas delictivas son de interpretación restritiva. Mais a AN sempre tentou facer interpretación extensiva dos conceptos xurídico-penais. Deste xeito chégase á conclusión de que “todo é ETA”, de que a violencia de baixa intensidade na rúa debe ser perseguida como terrorismo ou que Causa Galiza é unha banda armada.
O problema da AN é de orixe. Adolfo Suárez creouna no 1977 por Decreto-Lei dende a planta do franquista Tribunal da Orde Pública (TOP), que axuizaba delictos políticos. Considerábase que cumpría un Tribunal especial para enfrontar o terrorismo, mais axiña se lle foron outorgando máis competencias. Os seus xuíces instrutores asumiron moitas veces o rol de xuíces-estrelas, ás veces incorrendo en claras ilegalidades, como o abuso da prisión preventiva para acadar resultados nas pescudas. Os seus Tribunais adoitaron impor penas durísimas, estendendo ilegalmente tipos penais e conceptos xurídicos indeterminados ou vulnerando o principio da irretroactividade da lei penal, como no caso da doutrina Parot.
En ningún país da Europa occidental existe un Tribunal excepcional como a AN. Na provisión das súas prazas inflúe nomeadamente un Consello do Poder Xudicial refén das maiorías parlamentarias. E, sobre todo, constitúe unha Corte afastada do territorio e da sociedade e que actúa moitas veces máis como represor do inimigo ca como axuizador do cidadán. Velaí a súa anormalidade fronte ao principio constitucional do xuíz ordinario predeterminado pola Lei e a súa toxicidade a respecto do noso sistema xudiciario.

A hora da coalición nacional

A crise política que vivimos determinará en poucas semanas unha evolución cara un Estado que lle dea mellor encaixe á plurinacionalidade española ou, pola contra, unha involución cara unha recentralización que rebaixe a autonomía política das nacionalidades, recoñecida provisionalmente antes de se aprobar a Constitución, a unha mera descentralización administrativa.
En calquera dos dous casos Galicia non ten unha estratexia gañadora, porque o seu Goberno asume o máis submiso dependentismo a respecto do Madrid político e económico. Porque se o Estado evolúe cara á plurinacionalidade, esa reforma non incluirá Galicia se o país non reivindica a súa singularidade nacional, como fixo no 1978 e no 1979. Mais se o Estado involúe cara á recentralización absoluta Galicia tamén terá que reaxir, porque un país cun PIB e poboación pouco superiores ao 5% estatais que depende de alicerces económicos estratéxicos que para o Estado son prescindíbeis, precisa dun amplo e ben financiado autogoberno e a recentralización só lle pode ser prexudicial en termos de benestar social e económico e de desenvolvemento político e cultural.
Velaí a necesidade de trascender os marcos que limitan as leiras de cada quen e superar a actual división orgánica do galeguismo político para construír unha grande coalición nacional aberta a todas as persoas e entidades que asuman Galicia como referencia vital e suxeito político e acrediten nunha política de inclusión e cohesión que resposte aos intereses das maiorías sociais.
Esta coalición habería entender a pluralidade do País para comunicar en termos de interclasismo e transversalidade social. Os reptos de futuro do noso país non se entenden en termos de loita de clases, senón en clave nacional. A recentralización política e económica, que reduce a marxe e o negocio das empresas galegas para engordar o complexo construtor-concesional do capitalismo de BOE prexudica ao tempo os emprendedores e os traballadores. Razón evidente polo que esta coalición nacional teña que sobardar mesmo o ámbito obxectivo da esquerda democrática expandíndose cara a sectores da maioría silente para tentar substraelos, se quer parcialmente, do pensamento único do tripartito dinástico.
Son tempos, pois, de decisións intelixentes e xenerosas, en clave de País.