Afouteza

Afouteza foi a verba do ano 2017 escollida pola maioría dos votos do público no Portal das Palabras da RAG. Afouteza ten dous sentidos segundo o Dicionario da RAG: disposición de espírito para actuar sen temor aos perigos e a seguridade que alguén ten en si mesmo. Xa que logo, unha persoa afouta non é temeraria, porque dirixe a súa acción consciente deses perigos e non enfronta o que non pode conlevar. A afouteza é un concepto proactivo, moito máis aló da reactiva teimudez que, porén, poderá constituír unha das cualidades da persoa afouta en varias das etapas da súa acción.
A seguridade en si propio da persoa afouta esixe sabermos quen somos, de onde vimos e onde imos. É esa seguridade a que fai posíbel actuar con consciencia e xestión dos perigos e dificultades, mais sen amedoñarmos por eles, sen que a dificultade da tarefa nos faga recuar.
Os pobos, as nacións, como entes colectivos, tamén precisan de afouteza. Precisan saber de onde veñen, o seu pasado, e onde queren ir e precisan de seguridade en si propios. E a seguridade dunha nación esixe sempre a súa autonomía, o seu self government: pouco pode dar Galicia no contexto estatal, europeo e universal se non é consciente da súa identidade, coñecedora do seu pasado e autónoma á hora de decidirmos o futuro.
Un pobo será afouto se vive nos valores cívicos e democráticos e produce políticos con data de caducidade e suxeitos á revogación cidadá que sexan quen de tecer consensos, propor obxectivos e pór os intereses colectivos diante dos individuais. Unha nación é afouta cando é maior de idade para rachar co dependentismo e comprende que require no mundo de socios, mais non de titores. Un país é afouto cando sabe construír relacións permanentes de comunidade con outros países dende a igualdade, o compromiso e a voluntariedade.
Si, é ben significativo que a verba máis votada da lingua galega este ano fose afouteza. Sen dúbida os seus votantes, coma centos de milleiros de galegos, estaban a formular a súa arela dun País próspero e seguro de si. Un País autònomo, aberto ao mundo e solidario.

A cuestión catalá e Galicia

Os partidos soberanistas obtiveron a maioría absoluta nas eleccións catalás, cun 47,5 % de votos e 70 escanos sobre 135. O resultado é aínda máis rechamante se temos en conta que a convocatoria electoral dende o Goberno do Estado era ilexítima, por mor dunha inconstitucional aplicación do 155 e que os partidos non desfrutaron das mesmas posibilidades, cos principais candidatos de Junts x Catalunya e ERC no cárcere ou no exilio.
Mais o feito de obter Cs o primeiro posto en votos (máis do 25%) e escanos, a falta dunha maioría absoluta de votos independentista e a grave derrota da CUP (que baixa de 10 escanos a só 4) achega certas particularidades a esta vitoria electoral. Junts x Catalunya e ERC non van precisar deles para gobernar e interpretarán o seu 43% de votos (fronte ao 39,5% de Junts x Sí do 2015) no sentido dun mandato cidadán para continuar co procès, malia que afastándose dunha vía unilateral que semella arquivada polo de agora.
Agora é, pois, a hora da política. O tripartito dinástico do 155 non continuará unido como até de agora. O PSC -e canda el o PSOE- han pasar páxina da suicida colaboración co PP e con Cs e buscar un espazo propio, quizais partillado parcialmente cuns Comuns desterrados á irrelevancia. E será Pedro Sánchez quen primeiro requirirá de Rajoy unha oferta de negociación. Por outra banda, a situación evoluirá no ámbito da Unión Europea, onde as simpatías do soberanismo catalán cotizarán á discreta alza, sendo probábeis as presións ao Goberno do Estado para que abandone o inmobilismo e abra unha negociación para unha reforma constitucional en termos de federalismo asimétrico, para garantir o encaixe da singularidade catalá.
Podería ocorrer, xa que logo, que este inverno se abrise a vía para negociar unha reforma constitucional que podería limitarse a recoñecer máis competencias (e blindalas de eventuais iniciativas recentralizadoras) e un mellor financiamento ou incluír tamén a vía para un referéndum catalán vencellante, con regras máis ou menos ríxidas, na liña da lei da claridade canadiana.
Galicia non habería ficar á marxe desta reforma constitucional. Porque a ampliación e blindaxe do autogoberno é a única vía factíbel para o noso benestar, tendo en conta que os nosos intereses económicos non adoitan coincidir cos intereses economicos xerais.

A reacción do nacionalismo español

Non vou ser quen negue que a vía unilateral do soberanismo catalán, encetada despois de sete anos de inmobilismo dende Madrid, non fose arriscada. Nin que sería conveniente unha maioría cidadá máis ampla ca un 48,7% de votos antes de adoptar certa caste de decisións.
Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte ao golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.
Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo. Certo que non se daban as condicións para un referéndum decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.
No 3-O o Xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País o percebamos, por sorte, moito menos.
Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronos, claro, da independencia dos Tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, amais de defender a liquidación do soberanismo, vén de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así se conseguiu descabezar os soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas face to face. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Pep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e di que cómpre desinfectar Catalunya.
Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.

Falarmos do importante

Unha das cuestións que amosan o desequilibrio do Estado das autonomías é a absurda centralización do ingreso, que atenta contra a relativa descentralización do gasto. Das resultas deste paradoxo, tres piares fulcrais do Estado do Benestar (a sanidade, os servizos sociais e a educación), fornecidos polas autonomías, non teñen garantido o seu financiamento, dependendo en último de contas do diñeiro que transfira Madrid.
Os supostos expertos e opinadores do dependentismo explican que este sistema beneficia Galicia, porque disque recebimos solidariedade. E poñen como exemplo o déficit das pensións e prestacións da Seguridade Social, porque os nosos pensionistas cobran máis do que recada o sistema dos nosos traballadores e empresarios. Mais os nosos pensionistas son titulares do seu dereito con carácter persoal, sexa cal for o país onde cotizasen. O argumento é, pois, falso.
Mais do que non falan estes supostos expertos é de que Galicia recada uns 13 mil millóns de euros ao ano, mentres a Administración da Xunta só gasta 9 mil M€. Valen os servizos prestados polo Estado na Galicia 4 mil M€? Non o cre ninguén.
Por outra banda, como demostrou dende Somos Nós Xosé Antón Jardón, Galicia recebe do Estado para o financiamento local só o 3,2 por cento, perdendo deste xeito 500 M€/ano, porque o Estado non fai o que debía, que era transferirnos o 5,5 por cento que por poboación nos cumpre e financia máis aos concellos de máis habitantes. Si, a solidariedade.
Velaí que cumpra abrir un debate sobre cartos e servizos públicos, mais sen a caste de trampas argumentais decote usadas polo unionismo. Por exemplo, fixar os servizos que ha prestar o Estado e asignarlles o seu financiamento. O que non é sostíbel e ademais atenta contra o espirito constitucional, é que o Estado, sen ter competencias de vivenda, incida nas políticas autonómicas repartindo fondos de xeito máis ou menos discrecional. Se non ten competencias non habería poder distribuír diñeiro público.
O debate lévanos á viabilidade da xeneralización do sistema de concerto económico, que vén de propor o lehendakari, Iñigo Urkullu. Un sistema no que recadaríamos todos os tributos e lle pagaríamos ao Estado unha cota polos servizos que prestase. Sendo os territorios máis abastados os que fornecerían dous Fondos de solidariedade para a nivelación de servizos e para infraestruturas.

A campaña da represión

O 27-O o Parlament aprobou a declaración da República catalá, mais axiña viuse que a declaración era só simbólico-política. Ninguén fixo nada por implementar na orde práctica esta declaración política. Nese mesmo serán, o Goberno do Estado disolvía a Cámara catalá, convocando eleccións para o 21-D, e cesaba ao Govern.
Eran medidas que sobardaban absolutamente o marco do artigo 155 da Constitución, que permitía intensas medidas de intervención do autogoberno, mais nunca a anulación do autogoberno. Porén, as Institucións catalás asumiron o seu cesamento sen reaccionar con medidas de desobediencia pacífica.
Así e todo, o falecido fiscal xeral instaba querela contra dos membros do cesado Govern perante a Audiencia Nacional (AN) por uns inexistentes delictos de rebelión e sedición (non houbo violencia ningunha en ningún intre e este elemento é esencial a estes dous delictos), e a maxistrada Lamela enviou o vicepresidente Junqueras e os conselleiros todos ao cárcere, como fixera días antes cos Jordis. Ao tempo, ditaba unha orde europea de detención contra Puigdemont e os membros do Govern que ficaran canda el na Bélxica.
Co tempo, o Tribunal Supremo, que instruía a querela contra da Mesa do Parlament, xuntou as dúas investigacións da AN que tiñan por investigados aos membros do Govern e aos Jordis. E retivo no cárcere aos propios Jordis, ao vicepresidente Junqueras e ao conselleiro do Interior, J. Forn, por considerar que estes podían reincidir en condutas delitivas violentas. Onde viu o maxistrado Llarena esa violencia nas semanas pasadas?
Mais o verdadeiramente rechamante foi a retirada, polo mesmo maxistrado instrutor do TS, da euroorde de detención a respecto de Puigdemont e dos outros conselleiros transeúntes. Semella que as supostas gravísimas condutas que manteñen Junqueras, Forn e aos Jordis no cárcere non han ser perseguidas, malia todo, fóra do Estado español. Había medo no TS de que os xuíces belgas rexeitasen as euroordes?
Catalunya enfronta unhas eleccións ilexítimas na súa orixe e desenvolvidas até arestora sen as mínimas garantías democráticas, cos principais candidatos de ERC e Junts per Catalunya no cárcere ou no exilio. Hai presos políticos e paira a idea, non cinguida ao ambito catalán, de que os donos do chiringuito, os que moven o tripartito dinástico, racharán as regras de xogo sempre que lles conveña.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.