Un tribunal de parte

Puigdemont foi elixido deputado o 21-D e, xa que logo, pode legalmente ser candidato a presidir a Generalitat. O presidente do Parlament nomeouno atendendo a que os tres grupos soberanistas xuntan a maioría absoluta (70 sobre 135 deputados) e manifestaron a súa disposición para elixilo.
Os partidos unionistas non asumiron o resultado electoral e apoian o Goberno Rajoy na súa obsesión por evitar a investidura de Puigdemont. E velaí o despropósito de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra os actos da Presidencia do Parlament nomeándoo candidato e convocando para o martes 30 o pleno para o debate de investidura. Buscábase, a medio dunha fraude de lei, o efecto suspensivo que teñen todos os recursos do Goberno do Estado contra leis e disposicións autonómicas. Mais o Consello de Estado, máximo órgano xurídico-consultivo do Goberno central, ditaminou por unanimidade a improcedencia legal deste recurso. A tese central deste ditame é que non se pode recorrer o que aínda non sucedeu, doutrina establecida polo propio Tribunal Constitucional (TC) cando rexeitou o recurso do Goberno Aznar contra a aprobación polo Parlamento vasco da reforma do Estatuto coñecida como “Plan Ibarretxe”.
Os letrados do TC e o maxistrado relator concordaron co Consello de Estado na inadmisibilidade do recurso. Mais razóns políticas e non xurídicas levaron ao Pleno do TC a descoñecer a súa propia doutrina, adiar a decisión sobre a admisión a trámite e adoptar sen escoitar ao Parlament medidas cautelarísimas que ninguén pediu, polas que se prohíbe o voto delegado dos deputados exiliados e o debate en ausencia física de Puigdemont, que poderá comparecer só se é autorizado para o efecto polo maxistrado instrutor do Tribunal Supremo.
O TC adoptou unha decisión parcial e política, no canto de xurídica. A prestixiosa axencia Eurointelligence nos fala do paradoxo de destruír a Constitución para salvala. O profesor Carlos Amoedo (UDC) fala de “decisionismo schmittiano” pondo o foco na aprobación polo TC de medidas propias dun estado de excepción non declarado. E o avogado catalán Andreu Van der Eyden propón con evidente retranca que “quiten xa o Dereito Constitucional dos plans de estudo e así imos todos ao bar”.
Concordo co profesor Amoedo. Veñen malos tempos para o Estado de Dereito.

Sobrevivirmos como país

Galicia precisa para sobrevivir como país viábel un conxunto de políticas autocentradas que garantan o benestar. Políticas que rachen co dependentismo, coas visións colonial ou provincial de Galicia para entendela como eixo de actuación e centro das perspectivas todas. Políticas que poñan en valor os nosos sectores estratéxicos, que son secundarios na visión do Estado e que tenten crear emprego de calidade e xerar valor nas actividades económicas, rachando coa visión extractiva e dependente que de Galicia ten o capitalismo de amiguetes español. Segundo a información dos procesos electorais dos últimos 20 anos entre o 18 e o 30% asumen en maior ou menor medida estes parámetros. Hai pobo.
Non hai que escoller entre a clave nacional e a clave social. Galicia non ten un problema de loita de clases, senón de secundarización e dependencia a respecto dun Madrid sen forza industrial, mais coa meirande parte dos recursos financeiros, políticos e mediáticos remando ao seu favor. Un Madrid que ameaza devorar España toda como xa fixo en grande medida coa Meseta.
Velaí que as políticas centradas en Galicia como suxeito, haberían basearse nun proxecto moi amplo, plural e transversal, que chegue ás maiorías sociais, que suma e non divida. Un proxecto que require de lecturas modernas e actualizadas da realidade, fuxindo dos lugares comúns impostos polos dogmatismos. Require de visións amplas e xenerosas: non importa tanto de onde veñen as persoas senón onde queren ir. Require de adoptar acordos dende mínimos comúns denominadores susceptíbeis de sumar centos de milleiros. Require dun sentido pragmático que evite os sectarismos e as propostas exóticas ou minorizantes.
O radicalizado nacionalismo español, que profesan PP, C’s e mesmo amplos sectores do PSOE estatal tenta liquidar calquera Poder galego real (na política e cultura, mais nomeadamente na economía). Por iso compre que se dean pasos urxentes cara á materialización destas formulacións. En Marea e BNG haberían asumir neste proceso un rol protagónico, mais o espazo dos autónomos e pemes onde tenta implantarse CXG tamèn é fundamental nun proxecto transversal.
A parte máis dinámica e moderna da sociedade galega agarda solucións e non teorías. Porque do que se trata é de sobrevivirmos como país.

Homenaxe a Catalunya

No 2006 a cidadanía catalá aprobou plebiscitariamente un novo Estatut. O PP presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional, chegando a pedir sinaturas, cando só había un 10% de independentistas na Catalunya. En xuño do 2010 o TC decretaba a inconstitucionalidade parcial do Estatut e proclamaba que non existen competencias exclusivas autonómicas no Dereito Constitucional español e que non é posíbel unha evolución da Constitución cara un estado plurinacional.
Dende entón, unha onda cidadá soberanista encheu rúas e prazas e impúxose dende a sociedade civil aos partidos políticos. Fitos deste procès foron as Diadas todas entre 2012 e 2017, a consulta cidadá do 9-N do 2014 e o triunfo por maioría absoluta das eleccións do 27-S de 2015 e do último 21-D con cadanseus 47,7% e 47,5% de votos.
Fronte esta realidade e malia que máis do 70% dos cataláns querían decidir plebiscitariamente o seu futuro, Rajoy preparou un choque de trens que entendeu habería de beneficialo para recuperar a enchente de votos perdidos, baseándose nas instancias xurídicas que controlaba directamente: Fiscalía Xeral do Estado, TC e Salas do Penal da Audiencia Nacional (AN) e do Tribunal Supremo (TS).
Esqueceu que as necesidades de seguranza pública estaban perfectamente cubertas polos Mossos e, deixando inermes moitas vilas e cidades do Estado fronte á ameaza yihadista, ocupou o País catalán con milleiros de policías e gardas civís, que na xornada do reférendum do 1-O agrediron por orde do Goberno Rajoy milleiros de cidadáns pacíficos, nun espectáculo inédito na Europa democrática dos últimos trinta anos.
Logo Rajoy vulnerou o artigo 155 da Constitución, disolvendo Govern e Parlament, malia que esa Cámara se limitara a declarar de xeito puramente simbólico e non executivo a República catalá. Medio Govern foi encarcerado preventivamente, nunha aplicación absolutamente anticonstitucional do Dereito Penal do Inimigo.
Aínda nestas circunstancias de desigualdade, o soberanismo seguiu transitar polas canles da non violencia e revalidou unha maioría absoluta coa que ninguén contaba. E moi axiña o unionismo tentou bloquear esta maioría aproveitando o cárcere e exilio de oito deputados.
O soberanismo catalán cometeu erros, algún deles quizais grave. Mais comprenderán que, diante desta enxurrada, un non poida ser equidistante.

A deterioración da sanidade pública galega

O colapso do Servizo de Urxencias de varios dos hospitais públicos galegos por mor do andazo da gripe non é, de xeito ningún, unha casualidade ou un problema de mala sorte. Por todos os profesionais sanitarios é coñecido que a gripe preséntase todos os anos con especial intensidade nos meses de decembro e febreiro. Xa que logo, previr as consecuencias deste andazo na demanda hospitalaria é un problema orzamentario, de recursos, porque só se amaña con persoal médico e con camas (si, conselleiro Almuiña, as camas son esenciais para os hospitais). O desastre na atención destes días, cos doentes polos corredores, é da responsabilidade do conselleiro de Sanidade, mais tamén do Goberno galego no seu conxunto. Non é, porén, a única tempada na que se poden ver en toda a súa intensidade as resultas dos recortes orzamentarios na sanidade pública galega. Xa van varios anos nos que se recurtan substancialmente as camas e o persoal do cuadrimestre do verán (xuño-setembro). Por outra banda, son visíbeis as deficiencias da dotación de persoal mèdico e sanitario en moitas plantas hospitalarias ao longo das fins de semana.
Mais a deterioración da sanidade pública galega vese tamén nas listas de agarda, que tenden a medrar e non a se reducir, malia os diversos e enxeñosos sistemas de maquillaxe da súa contabilización polo SERGAS. E na atención aos doentes crónicos, onde non se cumpren as directrices dos especialistas médicos, alongando a un ano citas que haberían de se fixar para máis en catro ou seis meses.
O noso persoal médico e sanitario ten unha alta cualificación profesional e humana e até de agora evitou unha deterioración maior coa súa dedicación. Mais os nosos médicos están absolutamente ultrapasados, cunha carga de traballo moi difícil de aturar, agravada pola xubilación dos médicos galegos aos 65 anos, quizais unha das medidas máis lesivas socialmente do Goberno de Núñez Feijóo.
A calidade de vida e a saúde das persoas habería ser o principal obxectivo do noso Goberno. Mais os recortes orzamentarios están a deteriorar gravemente a sanidade pública galega. Cómpre sermos conscientes de que isto só se amaña con máis diñeiro para persoal e de que os recortes sanitarios matan.

Presos para toda a vida

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se facer 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.
Este último outubro o PNV propuxo, e a maioría do Congreso aprobou, unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai (primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cívico.
Mais a política criminal non pode atender só as lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar os condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.
O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin estes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.
Se é permanente non é revisábel. Se é revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semanticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.

Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

Dereito penal do inimigo

Unha corte de apelación do Tribunal Supremo (TS) constituída para resolver o recurso de Oriol Junqueras contra a prisión preventiva acordada polo maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, Pablo Llarena, rexeitou o recurso do líder catalán, por considerar que existía risco fundado de reiteración delictiva, malia o compromiso de respecto á legalidade expresado polo preso político.
Porén, o verdadeiramente grave desta resolución xudicial son as súas conclusións, constituíndo corpo doutrinal dende as desaqueladas teses da Fiscalía Xeral do Estado e do maxistrado Llarena a respecto da aplicación do delicto de rebelión aos líderes do procés, nunha interpretación dos feitos e aplicación dos tipos penais mais propia dunha sentenza definitiva ca do limitado coñecemento propio dunha resolución cautelar e provisional.
O artigo 472.5 do Código Penal (CP) castiga como rebeldes aos que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado alzándose de xeito público e violento. Mais até de agora constitúe feito non controvertido, mesmo internacionalmente, o carácter esencialmente non violento do procés. Os propios maxistrados do TS recoñecen que non consta que Junqueras participase en feitos violentos nin dese ordes directas para desenvolver esta caste de accións. Pero para a corte de apelación do TS a violencia existe dende o intre no que Junqueras, como vicepresidente catalán, debeu pensar que o desenvolvemento do procés podería causar reaccións de violencia lexítima por parte do Estado. Para o TS, a pacífica ocupación dos colexios electorais constituiu a causa das violentas actuacións policiais do 1-O que, xa que logo, serían tamén da responsabilidade de Junqueras e integrarían ese elemento de violencia que esixe o devandito artigo do CP para que exista o delicto de rebelión.
Velaí a revirada aplicación da Lei que fai o TS, impropia dun Dereito Penal dos cidadáns, o único posíbel nos Estados democráticos. Semella máis ben que se está a aplicar un Dereito Penal do inimigo, propio dun estado de excepción non declarado. E a aplicación do concepto de inimigo no Dereito interno sempre foi o xerme da destrución autoritaria do Estado, segundo o profesor Raúl Zaffaroni.
Como vén de escribir o constitucionalista Javier Pérez Royo: “esto no puede acabar bien nunca”.

Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de moluscos da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 M€ esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento, son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual presidente.
Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española Sáenz de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Soraya Sáenz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez, o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demais, é o Presidente galego.
Velaí o ritmo e sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca aos galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.
Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.
Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como Presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.