Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.