Sobrevivirmos como país

Galicia precisa para sobrevivir como país viábel un conxunto de políticas autocentradas que garantan o benestar. Políticas que rachen co dependentismo, coas visións colonial ou provincial de Galicia para entendela como eixo de actuación e centro das perspectivas todas. Políticas que poñan en valor os nosos sectores estratéxicos, que son secundarios na visión do Estado e que tenten crear emprego de calidade e xerar valor nas actividades económicas, rachando coa visión extractiva e dependente que de Galicia ten o capitalismo de amiguetes español. Segundo a información dos procesos electorais dos últimos 20 anos entre o 18 e o 30% asumen en maior ou menor medida estes parámetros. Hai pobo.
Non hai que escoller entre a clave nacional e a clave social. Galicia non ten un problema de loita de clases, senón de secundarización e dependencia a respecto dun Madrid sen forza industrial, mais coa meirande parte dos recursos financeiros, políticos e mediáticos remando ao seu favor. Un Madrid que ameaza devorar España toda como xa fixo en grande medida coa Meseta.
Velaí que as políticas centradas en Galicia como suxeito, haberían basearse nun proxecto moi amplo, plural e transversal, que chegue ás maiorías sociais, que suma e non divida. Un proxecto que require de lecturas modernas e actualizadas da realidade, fuxindo dos lugares comúns impostos polos dogmatismos. Require de visións amplas e xenerosas: non importa tanto de onde veñen as persoas senón onde queren ir. Require de adoptar acordos dende mínimos comúns denominadores susceptíbeis de sumar centos de milleiros. Require dun sentido pragmático que evite os sectarismos e as propostas exóticas ou minorizantes.
O radicalizado nacionalismo español, que profesan PP, C’s e mesmo amplos sectores do PSOE estatal tenta liquidar calquera Poder galego real (na política e cultura, mais nomeadamente na economía). Por iso compre que se dean pasos urxentes cara á materialización destas formulacións. En Marea e BNG haberían asumir neste proceso un rol protagónico, mais o espazo dos autónomos e pemes onde tenta implantarse CXG tamèn é fundamental nun proxecto transversal.
A parte máis dinámica e moderna da sociedade galega agarda solucións e non teorías. Porque do que se trata é de sobrevivirmos como país.