Falemos de cartos

Dicía Suso de Toro xa no 2003 que ”a política española é un xogo de caloteiros con cartas marcadas e ases na manga”. Unha realidade multiplicada no 2018 cando o tripartito do 155 loita por unha brutal recentralización que abeira tamén a plena centralización financeira e económica en Madrid, arredor das elites financeiras, da distribución eléctrica e das actividades concesionais e construtoras que compoñen o chamado “capitalismo castizo do BOE”.
Neste contexto fálase de financiamento autonómico. E outravolta saen axiña as cartas marcadas. Primeira falsidade: o sistema de financiamento autonómico é un xogo de suma cero. É dicir, se gaña Galicia perde outro. Por que? Porque suponse que as partidas orzamentarias destinadas ás políticas a desenvolver polo Estado son intocábeis. E iso non é certo.
As contas hai que botalas a xeito. Onde están os gastos verdadeiramente importantes? Nas Administracións autonómicas, que atenden sanidade, educación, servizos sociais e dependencia. É dicir, os gastos fulcrais do Estado do Benestar, canda as pensións e a cobertura do desemprego. Primeiro haberá que garantir o financiamento destes servizos e despois decidir polo futuro financeiro dos outros gastos que financia a Administración xeral do Estado. Por exemplo, o Estado retén recursos para políticas nas que non ten competencias, como vivenda, igualdade, cultura ou turismo. Estes fondos haberían estar territorializados. O Estado, por outra banda, mantén unha estrutura desaquelada. Seis Ministerios abondarían para xestionar todas as súas competencias.
Estes mesmos apóstolos do unionismo son os que falan de Galicia como un país pobre, financiado pola solidariedade do Estado. Mais os dados son outros. Como vén de expor Antón Sánchez (En Marea), entre 2009 e 2015 a recadación fiscal galega medrou un 44,7% fronte a un 32% en Madrid. O 16,89% da recadación estatal do Imposto de Sociedades sae de Galicia, que só achega o 5,2% da poboación estatal. As balanzas fiscais oficiais non teñen explicación ao absurdo de que a comunidade autónoma de Madrid recade case o 50% dos tributos dos quince territorios do réxime común, cando non achega nin o 20% do PIB estatal.
Precisamos, pois, falarmos de financiarmos o benestar. Falemos, pois, de cartos. Pero sen trampas.

Ciudadanos e a política local galega

As últimas enquisas a nível estatal reflicten que o PP e Ciudadanos (C’s) poderían quitar máis do 50% dos votos e unha ampla maioría absoluta. Cara ás vindeiras eleccións locais de maio de 2019 xuntos quitarían maioría absoluta nas capitais de provincia todas, mesmo tamén en Madrid, Palma e Valencia, agás nas galegas, nas vascas, nas catalás, en Pamplona e Santa Cruz de Tenerife.
Até de agora C’s obtivo moi malos resultados en Galicia, onde non entrou no Parlamento no 2016 nin nos concellos urbanos do noso País, agás con cadanseu concelleiro en Pontevedra, Ferrol e Lugo (16 na Galicia toda). Percébese como un partido de paracaidistas, sen arraigo territorial, nin discurso nin mensaxe galega, de non ser o rexeitamento ás obras para traermos o tren de alta velocidade ou a adopción do discurso de Galicia Bilingüe (hoxe recoñecidos monolingües integrados en Hablamos español) contra a nosa lingua e identidade.
C’s constitúe o novo nacionalismo supremacista español dende posicións de dereita dura. Fronte ao seu discurso territorial e social non poucos do PPdeG semellan moderados no social e no autonómico. Xa que logo, os hipotéticos gobernos de coalición locais PP-Cs en Galicia suporían unha grande regresión no identitario, no económico e no social, superando mesmo a involución dos pasados gobernos locais do PP.
Velaí a obriga do PSdeG de definir o que quere ser de maior. Gonzalo Caballero haberá proclamar se quere facer tripartitos do 155 ou opta por gobernos locais galeguistas e progresistas. Ten que dicilo claro e ten que dicilo xa. E as distintas mareas locais, canda o propio BNG, En Marea e o propio CXG haberían priorizar o tecido dun amplo espazo de consenso que sexa quen a frear este risco involutivo. Nalgúns concellos a pluralidade da oferta axudará a acadar gobernos de progreso. Noutros cumprirá acadar alianzas preelectorais.
C’s ameaza con ser un elemento claramente involutivo na política galega, nomeadamente na política local das súas principais cidades e vilas. As forzas galeguistas e progresistas precisan coordinarse para superar este risco e para evitar que o PSdeG asuma os postulados do tripartito do 155, como até de agora asumiu o PSOE.

A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

Non dá para aforrar, Sr. Rajoy

Mariano Rajoy vén de lle recomendar á cidadanía que aproveite o bo estado da economía para “aforrar” pensando nas necesidades familiares futuras de pensións e educación.
A mensaxe é ben desaquelada. O noso sistema de pensións é público e fornécese con cotizacións sociais de empresas e traballadores. Os impostos financian o sistema público de educación e as bolsas para os estudos universitarios. Coa súa chamada ao aforro para pensións e educación privada Rajoy manifesta a vontade política do PP de desmontar ou polo menos reducir a cobertura pública das pensións e da educación, piares fundamentais do estado do benestar.
Os problemas do sistema público de pensións teñen máis que ver coa grave deterioración do mercado de traballo. Cun PIB estatal equivalente ao do 2008 os números da ocupación e, sobre todo, das remuneracións salariais e cotizacións sociais, son substancialmente máis baixos. Dúas xeracións que cotizaron abondosamente na súa vida laboral verán dramaticamente reducida a súa pensión por mor do desemprego e subemprego da Grande Recesión. Este é o principal problema das pensións no curto prazo e non a sostibilidade do sistema a longo prazo, sempre completábel vía impostos. Por outra banda, os sistemas privados de pensións amosáronse moito menos rendíbeis e seguros, en xeral, que os públicos
Mais as verbas de Rajoy amosan que vive unha realidade paralela. Cos níveis actuais de desemprego e, sobre todo, de traballadores pobres, cos millóns de fogares onde entran ingresos inferiores ao salario mínimo (735,90 €/mes) á maioría social nin lle dá para aforrar porque non lle dá para chegar á fin de mes. As melloras macroeconómicas e nos níveis de ocupación non chegaron á cidadanía porque a distribución da renda mudou substancialmente. Velaí porque o Estado español é o segundo máis desigual da Unión Europea. Sen contar que a chamada ao aforro desincentiva o consumo interno, que é o que mobiliza os mercados locais e garante a supervivencia da meirande parte das pemes galegas, españolas e europeas.
Eis outra mostra da empatía de Mariano Rajoy, que non quere discutir de igualdade salarial entre homes e mulleres e non comprende por que a rúa pontevedresa do almirante franquista -sospeitoso de crimes de guerra- Salvador Moreno, mudou a Rosalía de Castro.

Desleixo pola xustiza

Como suporán, o colectivo dos empregados públicos que atende as funcións de xestión, tramitación, auxilio e medicina forense da Administración de Xustiza en Galicia é abondo amplo e plural, ideolóxica e vitalmente. Pois ben, o 75,5% deste colectivo participou nun referéndum para decidir sobre a proposta dos sete sindicatos con representación: folga indefinida dende o vindeiro mércores. O 73,3% votou a prol desta convocatoria en horario total e outro case 20% en horario parcial. Máis dun 93% dos votantes que representan máis do 70% do colectivo. Poucas veces se acadou no sector público galego un apoio tan amplo nunha reivindicación colectiva.
Non se pode dicir que este colectivo teña feito un uso desaquelado do seu dereito, xa que é súa primeira folga dende que se transferiron estas funcións á Xunta de Galicia, no xa lonxano 1996. A última suba da que desfrutaron estes funcionarios foi a que acordou o Goberno de coalición BNG-PSOE no 2008. Sofriron, por outra banda, a supresión do complemento específico durante catro anos. Arestora os funcionarios galegos deste colectivo son os peores pagados de todo o Estado español.
O noso País está tamén nos últimos lugares canto á informatización e artellamento da Oficina Xudicial, mesmo ben por baixo do territorio onde o Ministerio de Xustiza segue a desenvolver as súas competencias (Estremadura, Murcia, Ceuta, Melilla e as dúas Castelas). Algo impensábel hai só oito anos e que nos fai cuestionar a execución das súas competencias por parte da tan ben dotada orzamentariamente Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Malia que o conxunto do colectivo desconfía do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, por non ser veraz nas súas propostas, a negociación semellaba mellorar coa mediación da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Mais a Xunta refugou esta mediación e sentou canda o director xeral de Xustiza ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, demostrando abondo que non lle preocupa o mal estado da Administración de Xustiza.
Na xustiza, como na sanidade pública, as retalladas da Xunta degradaron o servizo público e empeoraron as condicións salariais e de traballo en xeral. A folga indefinida vai agravar sensibelmente a xa adiada e sobrecargada Xustiza galega. Mais seica o importante é frear o procès.

A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello agoniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades (moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.