A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

Non dá para aforrar, Sr. Rajoy

Mariano Rajoy vén de lle recomendar á cidadanía que aproveite o bo estado da economía para “aforrar” pensando nas necesidades familiares futuras de pensións e educación.
A mensaxe é ben desaquelada. O noso sistema de pensións é público e fornécese con cotizacións sociais de empresas e traballadores. Os impostos financian o sistema público de educación e as bolsas para os estudos universitarios. Coa súa chamada ao aforro para pensións e educación privada Rajoy manifesta a vontade política do PP de desmontar ou polo menos reducir a cobertura pública das pensións e da educación, piares fundamentais do estado do benestar.
Os problemas do sistema público de pensións teñen máis que ver coa grave deterioración do mercado de traballo. Cun PIB estatal equivalente ao do 2008 os números da ocupación e, sobre todo, das remuneracións salariais e cotizacións sociais, son substancialmente máis baixos. Dúas xeracións que cotizaron abondosamente na súa vida laboral verán dramaticamente reducida a súa pensión por mor do desemprego e subemprego da Grande Recesión. Este é o principal problema das pensións no curto prazo e non a sostibilidade do sistema a longo prazo, sempre completábel vía impostos. Por outra banda, os sistemas privados de pensións amosáronse moito menos rendíbeis e seguros, en xeral, que os públicos
Mais as verbas de Rajoy amosan que vive unha realidade paralela. Cos níveis actuais de desemprego e, sobre todo, de traballadores pobres, cos millóns de fogares onde entran ingresos inferiores ao salario mínimo (735,90 €/mes) á maioría social nin lle dá para aforrar porque non lle dá para chegar á fin de mes. As melloras macroeconómicas e nos níveis de ocupación non chegaron á cidadanía porque a distribución da renda mudou substancialmente. Velaí porque o Estado español é o segundo máis desigual da Unión Europea. Sen contar que a chamada ao aforro desincentiva o consumo interno, que é o que mobiliza os mercados locais e garante a supervivencia da meirande parte das pemes galegas, españolas e europeas.
Eis outra mostra da empatía de Mariano Rajoy, que non quere discutir de igualdade salarial entre homes e mulleres e non comprende por que a rúa pontevedresa do almirante franquista -sospeitoso de crimes de guerra- Salvador Moreno, mudou a Rosalía de Castro.