Ao César o que lle pertence

Obxectivamente non hai quen poida negar o grandísimo traballo desenvolvido por moitas entidades e persoeiros católicos a prol da paz, da integración social e dun mundo mellor. Velaí os casos de Caritas, Mans Unidas ou Proxecto Home, da loita contra as minas antipersoas do bispo xesuíta Kike Figaredo en Cambodia ou do labor silente do salesiano galego José Antonio San Martín na recuperación para a sociedade de ducias de rapaces e rapazas antes encadrados nas guerrillas colombianas.
Mais esta vizosa realidade non pode agachar a grave responsabilidade da Igrexa Católica no seu apoio aon fascismo italiano e ao franquismo español, na represión da liberdade sexual e subordinación das mulleres e na súa actitude ambivalente, cando non cómplice, nos casos de abusos sexuais a menores por parte de eclesiásticos. Responsabilidades todas que a Igrexa ha recoñecer e que semella que, baixo a dirección do Papa Bergoglio, quere enfrontar, malia que, quizais, non coa dilixencia e celeridade esixíbeis.
A liberdade relixiosa esixe a aconfesionalidade. É dicir, que os Poderes e Administracións Públicas non teñan relixión oficial, polo que non é constitucional que alcaldes, conselleiros ou ministros asistan no exercicio dos seu cargo –e si como cidadáns– a procesións, votos, ofrendas ou misas, por moita tradición que teñan. Esa presenza era historicamente comprensíbel cando Europa era a “universitas christiana”, antes da laicidade traída polas revolucións liberais e democráticas, mais non agora. Católicos, xudeus, agnósticos e ateos teñen o mesmo dereito a percebir neutrais aos Poderes Públicos.
Mais esta aconfesionalidade ha de se entender en clave de laicidade positiva e non de laicismo. É dicir, que os Poderes Públicos han colaborar coas confesións relixiosas dentro da lei e as manifestacións relixiosas poden ocupar os espazos públicos, sen ter que se cinguir ao ámbito privado. Velaí a plena compatibilidade das procesións de Semana Santa cunha aconfesionalidade democrática.
Porén, o que sobarda todas as regras democráticas do Estado de Dereito é que catro ministros asistan a unha procesión onde se defenden valores autoritarios e militaristas incompatíbeis coas liberdades e coa mensaxe actualizada da Igrexa que hoxe dirixe Bergoglio.
Ao César o que lle pertence.

Pensarmos no País

O cadro actual é unha Galicia sen pulo político, sen liderado social nin económico, que perde sen dar batallas fulcrais (transferencia da AP-9, corredor atlántico europeo de mercadorías…), mal xestionado por un Goberno provincial e provinciano, dependentista, ineficaz e ineficiente. Unha Galicia nun Estado que vén de derrogar tacitamente a garantía constitucional do autogoberno das nacionalidades e desenvolve un intenso proceso de recentralización política e económica e de recorte de liberdades públicas, amosando unha vez máis que no Estado español non hai democracia nin liberdade posíbeis sen garantir o autogoberno das nacionalidades. Cómpre non se trabucar, a clave dunha politica de benestar e de defensa das liberdades é nacional. Só dende unha perspectiva galega e dende un autogoberno xuridicamente blindado e financiado a xeito é posíbel mirar polos intereses da maioría social. Estánnolo demostrando non só os escoceses do SNP, os vascos do PNV ou a alianza entre autonomistas e independentistas en Córsega, senón tamén, no País Valencià e as Illes, Compromís e Més por Mallorca, que son quen de alargar o espazo soberanista coa defensa dun financiamento axeitado, do corredor ferroviario mediterráneo ou con perspectivas transversais ambientalista e de xénero.
Cómpre construirmos a coalición nacional, a Unidade Galega, mais cómpre evitarmos as eivas e defectos históricos do galeguismo político… elitismo, partidismo, falar para un país que non existe, pensar só nos iniciados, trabucarmos as fins últimas e os obxectivos a curto… A Unidade Galega precisa de moita sociedade civil, da pequena e mediana empresa, do feminismo, do ecoloxismo, dunha ampla base transversal e interclasista e dun programa de mínimo común denominador.
E a Unidade Galega precisa dunha vocación de goberno, precisa ser útil. A maioría social galega pide boa xestión, non continuísta, senón transformadora. Os sectores que poden votar esa grande opción galega e progresista (só de primeiras, máis do 30% do electorado que non vota PP, PSOE nin Cs) son os máis afectados pola mala xestión e os primeiros que poden dar as costas a unha política que non sexa útil.
É a hora, pois, da política. De arrumbarmos partidismos e fulanismos e pensarmos a serio no País.

A reforma electoral de Unidos Podemos esquece a singularidade galega

Artigo publicado en Luzes. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai unhas semanas, o grupo parlamentario no Congreso de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presentou unha proposta para reformar a Lei electoral co obxectivo de garantir unha meirande proporcionalidade, ao substituír o método D´Hondt pola fórmula Saint Laguë. Unha boa proposta en abstracto, por ser moito máis próxima á regra «unha persoa, un voto». E unha mala nova para o PP, que tira moitos réditos da distribución de escanos por provincia e da sobreprima ás maiorías.

A proposta presentouse sen un acordo previo co voceiro de En Marea

O grave problema, porén, é que o chamado grupo confederal non consultou esta reforma nin cos órganos de En Marea nin co seu voceiro de quenda, Miguel Anxo Fernán Vello, malia os indubidábeis efectos que a reforma tería no noso país. Porque esa meirande proporcionalidade reduciría o número de deputados que representan Galicia no Congreso.

É dicir, que Unidos Podemos non só faltou nas formas (adoptar a decisión de costas aos lexítimos representantes de En Marea), senón no fondo, ao definir unha reforma estatal global sen atender as especificidades da plurinacionalidade española e da singularidade galega. Velaí a dura protesta do coordinador de Anova, Antón Sánchez.

Os pecados orixinais: a coalición nas eleccións xerais e non se pasar as deputadas galegas ao Grupo Mixto

Este grave desacordo reflicte unha vez máis as dificultades de coordinación entre un proxecto nacional, como En Marea e outros inequivocamente españois, como son Podemos e EU. E pon de actualidade a propia e discutida xénese da candidatura ao Congreso nas eleccións xerais de decembro de 2015, reeditada nas seguintes eleccións de xuño de 2016.

Existiron no verán de 2015 dúas iniciativas de base cidadá a prol dun amplo entendemento cara ao proceso electoral das xerais. Mais este proceso foi impedido dende EU e Podemos, ao impor como única fórmula posíbel a coalición entre as dúas forzas e Anova, rexeitando deste xeito calquera participación de base e a consolidación dun partido instrumental naquela altura. Tampouco axudou nesta andaina a actitude illacionista da Executiva do BNG, mesmo ás custas do seu portavoz nacional de entón, Xavier Vence.

Logo de celebradas as eleccións había que cumprir a promesa feita á cidadanía e formar un Grupo Parlamentario especificamente galego, de En Marea. A Mesa do Congreso, nunha interpretación ilegal do Regulamento, non o permitiu. Os deputados de Compromís na coalición á valenciana (Compromís-Podemos-És el Moment) foron ao Grupo Mixto, onde formaron subgrupo e manteñen unha representación ben activa e operativa. Compárese a presenza nas institucións e medios estatais do voceiro valenciano, Joan Baldoví, e de calquera dos sucesivos voceiros e voceiras galegos. Mais a representación de En Marea integrou o grupo, disque confederal, que quixo Podemos.

Verdadeiramente foi un grave erro non adoptar dende En Marea a solución Compromís. Ben o saben xa Beiras, os órganos reitores de Anova e os deputados desta formación no Congreso.

O partido instrumental, Podemos e EU

A fins de xuño de 2016 constituiuse como partido instrumental En Marea e dende entón ratificou en todos os seus plenarios a súa vontade de plena independencia e de total galeguidade. Mais os órganos reitores de En Marea, democraticamente elixidos polos adherentes, seguen a non ser recoñecidos dende Podemos e EU, autores do plan para satelizar En Marea en Madrid a prol de Unidos Podemos.

En Marea, como opción política soberana e segunda forza política do País, enfronta unha grave eiva: a falla de voz de seu na capital do Estado. Cumpriría, pois, resolver esta situación antes da fin da lexislatura para poderlle demostrar á cidadanía, en último de contas, que si elixiu deputados galegos para defender os intereses deste país en Madrid, malia que fose por un curto espazo de tempo.

Aínda hai xuíces en Berlín

O maxistrado Llarena activou a euroorde de detención contra Puigdemont e os membros exiliados do seu Govern. Xa que logo, a policía alemá executou o seu arresto que un xuíz haberá de ratificar ou deixar sen efecto. En calquera caso, se Puigdemont rexeita a súa entrega ao Tribunal Supremo reclamante, será a xustiza de Schleswig-Holstein a que decida se cómpre executar a extradición ou non, no prazo máximo dos sesenta días determinado pola Decisión-Marco do Consello que regulou a euroorde.
A Alemaña castiga condutas semellantes ao delicto de rebelión español. O artigo 81 do seu Código Penal castiga entre dez anos e vinte e cinco anos (efectivos) os delictos de alta traizón contra a República Federal e entre un e dez anos os delictos de alta traizón menores. O artigo 83 castiga tamén os actos preparatorios destes delictos. Velaí que algúns opinadores urxentes salientasen a diferenza entre os réximes penais alemán e belga, en claro prexuízo do President catalán.
Claro é que a lei alemá, canda a española dende 1995, esixe para que exista alta traizón quer violencia, quer intimidación (“force” ou “threat of force”, na tradución inglesa oficial do Ministerio federal de Xustiza). Ou sexa, que os avogados de Puigdemont perante a xustiza alemá poderán combater o relato da interlocutoria de procesamento de Llarena, emitida o venres.
Porque a resolución xudicial emitida o venres último polo Tribunal Supremo (que acordou o procesamento de trece políticos cataláns por delicto de rebelión), non xustificou de xeito ningún a existencia nin de violencia nin de intimidación nas condutas desenvolvidas polos distintos axentes polñiticos e sociais do procès. Neste senso, Llarena considera que ese requisito de violencia cúmprese coa actitude dos manifestantes do 1-O, cando Europa e o mundo todo puidemos ver que a única violencia dese día foi determinada violencia policial.
Na Alemaña tanto a xustiza estatal de Schleswig-Holstein como a xustiza federal son independentes e interpretarán a xeito os conceptos de violencia e intimidación. Nunhas semanas veremos se Llarena recebe a primeira censura á súa imaxinación á hora de crear delictos de rebelión inexistentes. Porque aínda hai xuíces en Kiel. Aínda hai xuíces en Berlín.

Galeguizarmos a Xustiza

Un dos paradoxos do réxime constitucional de 1978 foi recoñecer a posibilidade dunha autonomía política, nos níveis executivo e lexislativo (de primeiras só a Galicia, Euskadi e Catalunya, despois veu o malfadado “café para todos”) mais impondo un único Poder Xudicial en todo o territorio do Estado. Un paradoxo que afastou o sistema autonómico dos verdadeiros sistemas federais ou plurais (USA, Canadá, Suiza, Alemaña) para encadralo nos unitarios só parcialmente descentralizados. Porén, a aplicación inconstitucional do 155 tamén derrogou a garantía da autonomía lexislativa e executiva das autonomías. Mais isto é outra historia.
Galeguizarmos a Administración de Xustiza supón que os preitos rematen todos no noso territorio (agás as unificacións na aplicación do Dereito que cumpran por vía casacional) e que sexan as nosas institucións os que a gobernen, no canto do actual Consello do Poder Xudicial, totalmente sometido ao xogo do bipartidismo dinástico. Neste contexto, unha xustiza emanada do pobo galego habería garantir a participación no goberno do Poder Xudicial, canda os representantes dos xuíces e maxistrados, aos representantes dos avogados e consumidores. Habería garantir que non se producisen inmisións dos Executivos estatal ou autonómico. Pensemos que os problemas de falla de imparcialidade da xustiza galega non están na Galicia, onde os órganos xurisdicionais cumpren substancialmente con esta esixencia, senón na parcialidade dos Tribunais Supremo, Constitucional (TC), de Contas e da Audiencia Nacional. Suprimamos esta, limitemos as competencias daqueles ao mínimo imprescindíbel e teremos unha xustiza moito máis independente.
Precisamos un Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) con medios abondo para cumprir as súas funcións de unificar a aplicación do Dereito e server de instancia derradeira do sistema de recursos. Precisamos, tamén, garantir unha instancia no propio TSXG con competencia en dereitos fundamentais, que encha o espazo de garantía que deixou de encher o TC no 2007 e sexa accesíbel á cidadanía para facer valer na vida cotiá as súas liberdades.
Precisamos, tamén, garantir os dereitos lingüísticos e a igualdade entre galego e castelán que o Estado impediu até de agora, acadando polo menos a mesma normalización do uso do galego acadada nas Administracións locais e autonómicas.

O silencio dos progres españois

Os progres españois sempre andaron pola vida ocupados e preocupados (con toda xustiza) pola liberdade dos pobos de Palestina, Sahara e Chiapas, mais, por desgraza, nada ocupados nin preocupados pola subordinación das linguas, culturas e nacións catalás, vascas e galegas a un Estado español construído por determinadas elites extractivas, refractarias á libre concorrencia e ao progreso. Un Estado español tendente historicamente ao supremacismo e ao autoritarismo e que só coñeceu periodos liberais e democráticos cando tentou darlle algunha caste de canle ao dereito de autogoberno das nacionalidades.
Os progres españois sempre andaron pola vida moi preocupados polos dereitos do guaraní ou do swahili e nada preocupados pola minorización en cadanseus países das linguas propias de Euskadi, Galicia, Catalunya, País Valencià e as Illes.
Vivimos nos últimos seis meses a derrogación do dereito constitucional ao autogoberno das nacionalidades pola aplicación dunha interpretación inconstitucional do 155. A derrogación parcial do Código Penal e das Lei de Axuizamento Criminal e Orgánica do Poder Xudicial para crear o delicto de rebelión sen violencia, para inventar a competencia do Tribunal Supremo no canto do Superior de Catalunya nas causas que atinxen ao President, aos deputados e aos consellers, para inventar a competencia da Audiencia Nacional nas causas de sedición, para subordinar a autonomía do Parlament a decisións do Tribunal Constitucional que vulneraban a súa propia xurisprudencia. A aplicación da prisión preventiva como mecanismo antixurídico de creación de reféns: os actuais presos políticos e os antigos presos hoxe suxeitos á fianza e á espada de Damocles da volta ao cárcere se teiman nos seus principios.
Fronte esta enxurrada de arbitrariedade e autoritarismo os progres españois ficaron calados. No resto da Europa, en Euskadi, Nafarroa, as Illes, o País Valencià ou Galicia a reacción non foi valente nin axeitada en xeral, mais existiron moitas voces individuais e mesmo manifestacións sociais do rexeitamento de amplos sectores a esta onda incivilizada e represiva. Mais no resto do estado, agás moi poucas excepcións, todo foi, todo é, silencio.
Os progres españois asisten silentes á recentralización autoritaria do Estado español e semellan non se decatar que este proceso vai desnaturalizar de vez o que até de agora cualificabamos como democracia.

A vía corsa

Nas eleccións á asemblea de Córsega de hai poucos meses, as forzas autóctonas corsas souberon esquecer unha historia de enfrontamentos (ás veces mesmo armados) e formaron unha grande coalición nacional (“Pè a Corsica”) entre os autonomistas da “Femu a Corsica” do Presidente Gilles Simeoni e os independentistas de “Corsica Libera”. Xuntos quitaron case un 57% dos votos na segunda volta (máis do 45% na primeira), acadando dous terzos (42 sobre 63 escanos) da Cámara.
No noso país, semella que as últimas enquisas (para eleccións estatais) dan un claro recuar do PPdeG e suba do Cs, mais éstes só medrarían á conta dos populares, mantendo En Marea e o PSdeG cadansúas segunda e terceira posición cun BNG en clara suba. A suma dos votos das tres formacións hoxe na oposición do Hórreo superaría por pouco á do PP e Cs que, porén, superan o 50% conxunto en moitos territorios do Estado.
A necesidade dunha coalición nacional á corsa xorde de varios requirimentos: superarmos a parálise social e económica de Galicia, apreixada pola ineficiencia e desleixo do dependentismo de Alberto Núñez Feijóo, substraer ao PSdeG da dinámica estatal recentralizadora de entendemento co PP e Cs, pór o noso País e os problemas da súa cidadanía no centro das políticas autonómicas e dotármonos de presenza propia continuada nas institucións estatais e europeas.
Esta coalición nacional habería desenvolverse tanto no plano galego como estatal e europeo, salvando a lexítima autonomía de acción e deseño dos espazos municipalistas. E habería integrar todos os partidos e sectores cidadáns que asumen Galicia como referente da súa cosmovisión e acción política, arredor dun programa nacional e realista, atento ao desenvolvemento empresarial e á innovación, ás políticas de inclusión e cohesión social e de igualdade, á posta en valor do territorio, á reivindicación da nosa personalidade nacional e cultural e á defensa e ampliación do autogoberno.
Os corsos souberon e puideron fuxir da enxurrada parisina dos Macron e Melenchon. Cumpriría, pois, que as forzas galeguistas (comezando polo BNG e En Marea, mais abrindo o abano tamén a Compromiso por Galicia e outros sectores) encetasen o diálogo, definisen obxectivos e construisen unha plataforma programática para lle ofrecer á cidadanía esa ferramenta útil e gañadora da que hoxe carecemos.

Menos Estado de Dereito

Semella que o núcleo duro do establishment español (que integra, dende logo, aos maxistrados dos Tribunais Supremo e Constitucional e ás directivas dos partidos do tripartito do 155) acredita que para defender a unidade de España cómpre limitar, reducir ou mesmo desmontar o Estado de Dereito.
A decisión do maxistrado Llarena denegándolle a Jordi Sánchez a autorización para concorrer ao pleno da súa investidura como candidato a presidir a Generalitat vulnera o dereito constitucional de sufraxio e atenta contra o principio de autogoberno parlamentario. Pois Jordi Sánchez foi aceptado como candidato, elixido pola cidadanía catalá como deputado e proposto polo president do Parlament como candidato á presidencia. Desta volta, para máis, trátase dun candidato que non está inhabilitado e que está ao dispor do Tribunal. Que razóns hai para rexeitar esta proposta? Seica evitar unha suposta reiteración delictiva no comportamento de Jordi Sánchez. E saben cal é este suposto risco, segundo Llarena? Saír elixido deputado pola candidatura de Junts per Catalunya.
Este novo golpe ao Estado de Dereito únese ao golpe do 155, que disolveu un Parlamento e cesou un Goberno cando a Constitución só permitía concretas medidas de intervención. Á insólita falla de decisión até de agora polo Constitucional a respecto da admisión a trámite do recurso interposto polo Goberno do Estado (contra a ditame unánime do Consello de Estado) contra o pleno da investidura de Puigdemont, anterior candidato. Á invención dun delicto de rebelión sen violencia, contra a definición do tipo penal de rebelión do Código Penal. Á imposición dunha medida cautelar de prisión absolutamente desproporcionada e arbitraria. A moitas outras condutas incríbeis hai só oito meses, que derrogaron na práctica a garantía do autogoberno das nacionalidades e as garantías dos dereitos individuais.
Desmontar o Estado de Dereito non é doadamente reversíbel. Deteriora e deteriorará a convivencia social, a democracia e as liberdades, reforzando o autoritarismo da España uninacional do “a por ellos”.

A arrincadeira: ecos do 8-M
As mobilizacións do 8-M marcarán un antes e un despois. As mulleres dixeron que abonda xa de discriminacións, fenda salarial e violencia machista e que cumpren medidas estruturais urxentes e novas políticas públicas.

Menos mal que nos queda Portugal

A pouco máis de cen kms da raia húmida do Miño, na Gallaecia histórica, a cidade de Porto enfronta un cobizoso programa de desenvolvemento empresarial e anovamento urbano, dirixido por Rui Moreira. Un alcalde que cre na cidade e que soubo alicerzar a súa xestión en apoios amplos e transversais.
Porto constitúe unha contorna atractiva para as empresas tecnolóxicas. Vén de recibir o prestixiado World Excellence Award para a cidade europea máis amiga das startups, é dicir as novas empresas, normalmente do sector das tecnoloxías da información e coñecemento (TIC) que teñen un amplo horizonte de desenvolvemento. Un instrumento fundamental para esta contorna “business friendly” é Scaleup Porto, instrumento público nado no concello que asesora e facilita as xestións aos novos proxectos emprendedores tecnolóxicos, mentres que InvestPorto é o eficaz instrumento de atención aos investimentos inmobiliarios e os que priorizan a base física.
O banco de investimento francés Natixis vén de inagurar o seu centro de competencias tecnolóxicas e da información na cidade irmá, empregando máis de 300 persoas de elevada cualificación, que serán o duplo á fin do 2018. Os franceses fixáronse no Porto polo clima aberto ao investimento e pola existencia de xente nova ben cualificada.
Mentres, na nosa Galicia, Feijóo e o PP promoven reformas lexislativas para facilitar investimentos puramente extractivos de grandes empresas, nomeadamente na minaría, no canto de atraer investimentos tecnolóxicos e de promover as startups. E promoven Asturies e Castela e León como parceiros exteriores no canto de mirar por unha meirande integración na grande Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un espazo de seis millóns de persoas que habería repenicar o pulo expansivo do Porto.
En realidade, ocorre que o alcalde Rui Moreira considera Porto o centro do mundo e o foco da súa atención, mentres é moi dubidoso que o presidente Núñez Feijóo pense o mesmo do país que lle encargou tres veces o seu goberno.
Como adoita dicir o catedrático da USC Rubén Lois, que dirixiu a Administración turística galega entre 2005 e 2009, “no contexto internacional a xente mira para os países e non para as provincias”.

Audiovisual, lingua, muller e país

O audiovisual galego é, certamente, unha industria. Mais unha industria cultural. É dicir, xorde dunha identidade propia, a de sermos galegos. Como dixo a xornalista da TVG Nieves Rodríguez (Mestre Mateo á mellor comunicadora de TV 2018) “se existe un audiovisual galego é grazas ao galego”.
A lingua galega foi máis protagonista na edición do 2018 dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego. O thriller Dhogs, ópera prima do xove director Andrés Goteira, bateu o record das dezaseis edicións desta gala ao quitar trece dos agasallos. Dhogs é a primeira fita en galego seleccionada no medio século de vida do Festival de Cinema Fantástico de Sitges. Mágoa que unha das súas coprodutoras denunciase que “é máis difícil atopar un distribuidor en Galicia para unha longametraxe en galego que fóra do noso país”. Mais o produto final amosa que hai unha nova xeración de altísima formación técnica, que asume a lingua propia e facer cinema de xénero con absoluta naturalidade. Hai presente e hai futuro no audiovisual galego.
Esta edición estivo sinalada polas continuas apelacións á liberdade de expresión e á igualdade de xénero, nunha gala na que a dirección, presentación e todas as actuacións e entregas de premios foron desenvolvidas por mulleres. Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, defendeu o diálogo como canle de solución dos problemas políticos (en alusión implícita á cuestión catalá) e condenou a censura de obras de arte, o peche de radios comunitarias (en alusión implícita á coruñesa Cuac FM, pechada polo rigorismo da Xunta), a censura de pregóns de entroido e a condena penal de rapeiros. “As sociedades xustas, libres, honran poetas e bufóns”, dixo Ares.
A gala acadou un alto nível reivindicativo, mais sen perder o seu sotaque entretido e lixeiro. Moitos deitaron mensaxes para os políticos e a sociedade: máis mulleres no audiovisual, máis fitas en galego, máis traballo no noso audiovisual, máis investimentos en cultura e artes… Mais tampouco faltaron as mensaxes cara adentro, como a da xornalista da TVG Marga Pazos a respecto das persoas que traballan nos nosos medios públicos, cando lembrou que “traballamos para os gobernados e gobernadas, non para os gobernantes”.
O audiovisual é estratéxico para a nosa cultura e economía. Mágoa que os que gobernan non queiran velo.