Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d’A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña esta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.
Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas: “hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituíra ao alcalde republicano Alfredo Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.
Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa cómpre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mor da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria
Dende a fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.
A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.
O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.
A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses” e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.
Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.
Velaí as esperanzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino. Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as clases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para A Coruña sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperasen, pero non monopolizasen.
Cómpre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como María Xosé Bravo ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.

O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculación coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais esta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

O perigo das maiorías absolutas

O sistema electoral adoptou a fórmula da proporcionalidade que, non por acaso, resultou ser a menos proporcional de todas: a regra D’Hondt, que permite unha moi importante corrección a prol das candidaturas máis votadas, de xeito que votacións do 43 ou 44 por cento, que en termos de censo resultaron andar polo 26%, permitíronlle no 2011 -por exemplo- ao PP desfrutar a maioría absoluta municipal acadada na Coruña ou en Compostela. Se a isto lle engadimos a obrigatoriedade de que as candidaturas acaden un mínimo do 5% dos votos para obter representación no Congreso, no noso Parlamento e nos concellos, teremos un mapa aproximado das moi restritivas condicións que as leis lle impuxeron á proporcionalidade enunciada teoricamente na Constitución e no noso Estatuto.
Non se trata de que as regras do xogo beneficien ao PP, ao PSOE ou ao sursum corda. Trátase de recuperarmos a proporcionalidade. Por que non apostamos por reflectir unha representación real da sociedade, de xeito que un 3% ou un 12 % dos votos se poida traducir en porcentaxes aproximadas de representación?
Fica a cuestión dos gobernos. Na Europa o normal son os gobernos de coalición e non os de maioría absoluta, porque as sociedades son plurais e as maiorías absolutas haberían ser puramente episódicas. Xa que logo, o normal será que os partidos dialoguen dende o veredicto da cidadanía e acaden acordos que xunten unha maioría da representación que faga posíbeis gobernos estábeis.
Claro que, quizais, habería que comezar a pensar se todas as forzas que acaden representación teñen que entrar nos Gobernos, malia que non se dea unha maioría absoluta a prol dunha única opción. Ao mellor as forzas emerxentes poderían reservarse na oposición sen prexudicar as súas opcións de remuda futura da gobernanza. Mais isto haberíao decidir cada opción en cadanseu momento.

A ARRINCADEIRA
COMPROMISO rexeita participar nas Deputacións. Os galeguistas de COMPROMISO acordaron este domingo no seu Congreso non participar nas Deputacións, por ser organismos inútiles e lesivos para a Facenda de todos e para a boa gobernanza deste País. Se hai consenso político nalgún asunto na Galicia é na nocividade destes entes desbaldadores do carto público pola súa xestión caciquil e ineficiente. Que mesmo poderían caer nunha próxima reforma constitucional.

Recoñecermos o dereito a decidir

O proceso da sociedade civil catalá cara ao recoñecemento do seu dereito de decisión, a desafección da maioría vasca a respecto da súa integración constitucional no Estado e máis a gravísima crise política xerada pola ocupación das institucións polo bipartidismo dinástico obriga a pensar en solucións xurídico-constitucionais que fagan coexistir o dereito a decidir coa estabilidade dos acordos constitucionais para a convivencia común das distintas nacións no Estado. Non por acaso foi a declaración parcial de inconstitucionalidade do actual Estatuto catalán e o inmobilismo do Goberno do Estado a respecto do cumprimento das súas disposicións financeiras o que moveu aló o actual proceso social a prol da autodeterminación.
Na propia Constitución existen dúas normas, a Disposición Adicional Primeira e a Disposición Transitoria Segunda, que permitirían garantir un estatuto especial a Cataluña, Euskadi -e Navarra- e Galicia (como de feito se tiña decidido no 1978), delimitando as nacionalidades das rexións que o artigo 2 da Constitución enuncia e non determina. A Disposición Adicional Primeira abeira e respecta os dereitos dos territorios forais e dispón a súa actualización estatutaria. A Disposición Transitoria Segunda acordaba o inmediato acceso ao máximo grao de autonomía constitucional dos territorios que tiñan plebiscitado durante a II República cadanseu estatuto (as tres nacionalidades).
Trataríase, pois, de refundir dende o concepto de “dereitos históricos” o concepto máis limitado de “foralidade” para abranguer Cataluña, Galicia e quizais Canarias, incorporando á Disposición Adicional Primeira o seu estatuto xurídico, blindando as súas competencias exclusivas e financiamento automático, recoñecéndolles plenas facultades en lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local e deseñando un réxime federal asimétrico nas outras materias competenciais. A norma abriríase tamén a recoñecer o dereito a decidir, de xeito que estes países puidesen acceder a outros marcos de relación co Estado, a medio de referendums nos que se esixirían concretos requisitos de participación e a súa non repetición nun determinado período de tempo, ao xeito da lexislación que rexe no Quebec.

Coalicións técnicas

O bipartidismo dinástico PP-PSOE estableceu, no xa lonxano 1987, unha circunscrición electoral única para todo o Estado, contra o que ocorre nos demais grandes Estados da UE como Francia, o Reino Unido (onde hai circunscricións específicas para Gales, Escocia ou o Ulster irlandés) Alemaña, Italia ou Polonia. No 2004 este sistema electoral duplamente favorecedor dese bipartidismo (a medio da pro-maioritaria regra D´Hondt e da circunscrición única estatal) outorgoulle aos dous partidos maioritarios o 90% dos escanos. Lóxico. Levan gobernando máis de 30 anos e fixeron o Dereito electoral á medida dos seus intereses.
Fronte estes feitos consumados, as forzas políticas de decisión galega, os galeguistas, houberon reaxir. E teceron alianzas técnicas con forzas nacionalistas e autonomistas doutras nacións e territorios do Estado, coa fin de obter representación. De feito, agás as candidaturas do BNG nos 1994 e 1999, sobrancearon sempre as coalicións técnicas que permitiron acadar representación: José Posada foi eurodeputado de CG en coalición co PNV e CC no 1993-1994 e Ana Miranda foi eurodeputada do BNG nesta última lexislatura, en coalición con ERC e EA. Carlos Garaikoetxea (EA) foi eurodeputado (1987-1994) e defendeu os intereses galegos dende o prisma dos seus coaligados do PNG-PG. Ao longo de todos estes anos, as forzas galegas obtiveron atención parlamentaria e apoio técnico no Parlamento Europeo para poder desenvolver a súa política aló, calquera que for o eurodeputado da coalición de quenda que nese intre desenvolvese a función.
As razóns desta versatilidade atópanse no carácter nomeadamente técnico desta caste de coalicións. Vascos, canarios, cataláns e galegos coalíganse por razóns pragmáticas, para evitaren o veto do bipartidismo e para que cadanseus electorados e países poidan ver representados os seus intereses na Europa.
Xa que logo, CxG non lle fará favor ningún ao PNV como o BNG non llelo fixo no 2009 a ERC e EA. Xuntan votos, loitan contra a exclusión europea das periferias e tentan defender os intereses específicos de cadanseus países. Nin van gobernar xuntos nin van casar.

NCG e os políticos galegos

Teñen razón PSdeG, BNG e AGE na condena ao inxustificábel adianto da poxa de NCG Banco. A UE esixía a súa venda antes da fin de 2017 e o proceso adiantouse tres anos. Velaí que só se recuperarán 1000 M€ dos 9600 públicos investidos, cando de aproveitar os tempos sinalados NCG acadaríase unha recuperación multiplicada. Malia que a inmisión do FROB na xestión do día a día do Banco galego estaba xa a eivar unha xestión racional e coherente.
AGE e BNG non foron quen de transcender da defensa das esencias para adoptar unha decisión política a respecto do concreto proceso de poxa. Comezado este, haberíanlle explicar á opinión pública que cumpría defender NCG como banco público galego (opción que era moi razoábel), mais que no curto prazo e como mal menor cumpría defender o mantemento do emprego, da rede (fulcral para evitar a exclusión financeira do noso rural), dos centros de decisión na Galicia e a supervivencia dunha opción bancaria distinta da grande banca estatal na concorrencia de servizos financeiros.
AGE e BNG (malia a reacción positiva do Xavier Vence das últimas semanas) demostraron non usar información de calidade neste proceso e enrocarse en posicións maximalistas que non resolvían os problemas urxentes do emprego, da oferta bancaria e dos centros de decisión. Das forzas galeguistas, só Compromiso x Galicia (CXG) soubo distinguir os seus obxectivos a longo prazo da necesidade de facer política no curto. Sendo os únicos que, criticando os abusos e privilexios do proceso, souberon dar apoio e cobertura á solución menos mala.
Besteiro non foi quen de modificar de vez a deriva dun PSdeG, solidario coa idea de Xosé Blanco e Fernández Ordóñez a prol da absorción de NCG por un grande Banco estatal (Blanco e Pachi Vázquez teñen dito que a súa opción era Caixabank). E Feijóo soubo xogar habilmente as súas cartas, consciente de que a desaparición de NCG nunha rede bancaria estatal íase apuntar, sen apelación, no seu debe como liquidador do sistema financeiro galego. Malia que nunca saberemos se o seu indubidábel suceso a curto prazo foi, en grande medida, xerado pola ruindade das ofertas españolas e pola chapuceira xestión dos tempos e regras por parte do FROB, que activou as alarmas da sociedade civil galega.

Palestra sobre A República Galega, na A. C. O Facho

O martes 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17) da Coruña, impartirei, convidado pola A. C. O Facho, decana da cidade da Coruña, unha palestra baixo o título A República Galega, dentro do ciclo de actividades que esta vedraña e meritoria Institución está a desenvolver no curso 2013-2014, e ás que fun convidado como secretario do Grupo Local de Compromiso por Galicia da Coruña e conselleiro do Consello Político Nacional desta formación.
Esta ocasión permitirá a posibilidade de transmitir unhas reflexións, alén de sistemas de goberno e graos de soberanía ou independencia, sobre o estado da “res publica” en Galicia dende un proxecto galeguista, progresista e socialdemócrata, fixándome nomeadamente na necesidade dunha fonda transformación institucional construída sobre valores de transparencia, autogoberno e crecemento económico.
A segunda parte da palestra dedicareina á necesidade de construír o proxecto dunha Coruña moderna e reconciliada plenamente coa súa galeguidade. Unha Coruña líder en Galicia e presente na Europa do século XXI.
Remataremos o faladoiro coas vosas preguntas e consideracións.

Agardámosvos!!!

“Non imos impoñer unha política de alianzas nos concellos”, entrevista en A Nosa Costa

Reproduzo a continuación a entrevista en A Nosa Costa, o luns 23 de setembro de 2013. O orixinal pode verse aquí.

“O avogado e dirixente de Compromiso por Galicia participou na noite deste luns nunha charla informativa en Santa Comba, promovido por esta organización política, desde a súa agrupación comarcal de Bergantiños, coordinado por Suso Deus Gende. Con anterioridade, Pérez Lema visitou os estudios de Radio Xallas (Radio Obradoiro), onde gravou unha entrevista para o programa Na Encrucillada. Neste encontro nas ondas falou sobre as participacións preferentes, as reclamacións tributarias aos emigrantes retornados e sobre o proxecto de Compromiso por Galicia.
No aspecto político, o dirixente galeguista defendeu o carácter municipalista de CxG e salientou que a diferencia doutros partidos, “nós nunca vamos impor unha politica de alianzas porque é imposible impoñer un pacto en Santa Comba, Carballo ou Cee co BNG ou co PSOE obrigatoriamente “, puxo como exemplo.
Tamén falou sobre dous temas de máxima actualidade, as preferentes e as reclamacións tributarias aos emigrantes retornados.
A entrevista pódese escoitar nesta ligazón, desde o minuto 18 de emisión.
Posteriormente, Pérez Lema participou nunha charla informativa no Restaurante Molesón de Santa Comba. Estivo acompañado polo dirixente da executiva galega, Suso Ares, os coordinadores en Bergantiños e Compostela, Jesús Deus e Anxo Franco e a responsable de comunicación de Compromiso en Carballo, Esther Iglesias.”