Entrevista en Área Pública, o 13 de xullo, como Secretario Xeral de ACOUGA

O mércores 13 de xullo fun entrevistado por Susana López Carbia no programa “Área Pública”, da Televisión de Galicia, como Secretario Xeral de ACOUGA. Cómpre manter a confianza no Tribunal da UE, porque a nulidade das claúsulas solo só protexe integral e efectivamente ao consumidor se se declara dende o comezo da vixencia do préstamo. A entrevista completa pode verse aquí.

Esta é a postura de ACOUGA:

ACOUGA CONFÍA EN QUE O TRIBUNAL DA UE RECOÑEZA A RETROACTIVIDADE TOTAL DA NULIDADE DAS CLÁUSULAS SOLO, MALIA O INFORME DO AVOGADO XERAL

A Coruña, 13 de xulio de 2016. A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) cualifica como “documento de conclusións claramente político, influído e case predeterminado polo lobby bancario” a opinión emitida polo avogado xeral da Unión Europea, Paolo Mengozzi, que lle dá a razón ao Tribunal Supremo español na limitación dos efectos da nulidade das cláusulas solo só aos prazos contractuais posteriores ao 9 de maio de 2013.

Fronte ao informe de Mengozzi a respecto das cuestións prexudiciais formuladas por un Xulgado do Mercantil de Granada e unha Sección da Audiencia de Alacante, o secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, considera que, de acordo co principio de efectividade (*), “é insostíbel” o argumento do avogado xeral de que a nulidade dende o momento do contrato non sempre beneficia efectivamente ao consumidor.

“A nulidade dende o momento do contrato ou beneficia efectivamente ao consumidor ou é neutral nos períodos nos que o tipo contractual referenciado ao euríbor foi superior ao tipo mínimo da cláusula solo, como o período entre febreiro de 2005 e novembro do 2007”, lembra Pérez-Lema.

Para o letrado coruñés, “non é certo, como di desacertadamente o avogado xeral, que non haxa diferenzas substanciais nas cotas dos préstamos con cláusula solo e sen cláusula solo, porque si existen, nomeadamente dende fins do 2008 até maio do 2013”.

Desprotección ao consumidor

Acouga considera que coa postura expresada polo avogado xeral créase un moi negativo precedente que pode destruír todo o prestixio do Tribunal da UE e da propia protección ao consumidor que outorga o Dereito europeo se atendemos a “argumentos de patacón” para socializar as perdas da Banca a cargo dos aforradores.

A asociación galega sinala que se cómpre reestruturar a banca italiana ou española deben adoptarse as medidas oportunas cos cartos públicos, nunca cos recursos dos consumidores.

Tendo en conta a transcendencia do problema a axuizar e a cativeza e falla de solidez das conclusións do avogado xeral, Acouga confía en que a sentenza definitiva do Tribunal da UE chegue á única conclusión posíbel para facer efectiva a protección efectiva dos dereitos dos consumidores que esixe o Dereito europeo: declarar a nulidade das cláusulas solo con carácter retroactivo, dende o comezo de vixencia de cada contrato.

Acouga recorda que o pasado mes de febreiro un xulgado de Primeira Instancia de A Coruña admitiu a trámite unha demanda colectiva presentada pola asociación para instarlle a Abanca a que devolva, con carácter retroactivo, as cantidades abonadas de máis polos posuidores de hipotecas antes do 9 de maio de 2013, data que puxera como límite a sentenza do Tribunal Supremo.

(*) O principio de efectividade esixe analizar se o Dereito procesual estatal permite a aplicación do Dereito substantivo da Unión Europea.

Texto íntegro das conclusións do Avogado Xeral

2016-07-13 Acouga

A cidadanía galega non terá que pagar como ganancia patrimonial polas herdanzas entre vivos propias dos pactos sucesorios de Galicia

A Coruña, 11 de febreiro de 2016.Xoán Antón Pérez Lema 2015 As herdanzas recibidas mediante pactos sucesorios entre vivos non tributarán no IRPF como ganancia patrimonial. Así o acaba de dictaminar o Tribunal Supremo ao darlle a razón a un contribuinte que se acollera á modalidade do apartamento, prevista no Dereito Civil de Galicia, para transmitirlle en vida aos seus herdeiros a lexítima que lles correspondería.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) déralle antes a razón ao contribuinte, pero a Administración Tributaria estatal recorreu en casación perante o Supremo, que acaba de confirmar de xeito definitivo a resolución do TSXG que recoñece este dereito especial dos galegos que se acollen a pactos sucesorios como o apartamento ou a mellora.

O Tribunal Supremo aclara de vez que os pactos sucesorios de mellora e apartamento do Dereito Civil de Galicia non tributan no IRPF das persoas (normalmente pais ou avós) que fan a disposición patrimonial, como ata o de agora consideraban tanto a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) como a propia Administración do Estado, descoñecendo o inequívoco sentido do preceptos do Dereito Civil galego. Con esta sentenza péchanse de xeito definitivo os conflitos tributarios xerados pola equivocada cualificación dos pactos sucesorios levada a cabo pola Administración Tributaria, que conducía aos contribuíntes galegos a unha indebida tributación das súas herdanzas no IRPF.

Segundo o letrado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, que representou os intereses do demandante, “esta sentenza dálle moita seguranza xurídica ás institucións sucesorias galegas, moito máis flexíbeis ca as estatais e moito máis conectadas coas modernas tendencias a prol dunha meirande liberdade sucesoria”. Para Pérez-Lema, “Galicia é un bo país para a sucesión”, xa que esta resolución firme do Supremo, “xunto co propio marco fiscal galego para o Imposto de Sucesións, farán moi competitiva a nosa normativa a respecto doutros países e territorios”.

Apartamento e mellora

O apartamento e a mellora están regulados na Lei de Dereito Civil de Galicia e teñen efecto en vida do causante. O primeiro permite acordar a adxudicación en vida de bens da herdanza a quen no momento da celebración do pacto tivese a condición de herdeiro forzoso, a cambio de que este renuncie de xeito irrevogábel a esta condición. Co pacto de mellora poden adxudicárselle bens concretos a un descendente. Este tipo de pactos en vida están prohibidos no Dereito Civil común, que rexe en todo o Estado agás Galicia e os restantes territorios cun dereito civil propio (Euskadi, Navarra, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e Aragón).

A actuación profesional do despacho coruñés Pérez-Lema desenvolveuse en colaboración coa Asesoría Bieito de Ourense, o director do cal, o economista Bieito Seara, representou ao demandante na reclamación administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia.

NOTA 1: pode descargarse aquí a sentenza do Tribunal Supremo: Sentenza do Tribunal Supremo de 09-02-2016.

NOTA 2: o venres 12 de febreiro fun entrevistado en directo no programa “Área pública”, da Televisión de Galicia. Deixo aquí o enlace, onde se comeza a falar deste tema a partir do momento en que se cumpren 1 hora 18 minutos e 30 segundos de emisión.