Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

O Alvia e o bipartidismo unionista

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Responsables no caso Angrois

A sección da Audiencia con sede en Compostela vén de reabrir a investigación do accidente do Alvia (xullo 2013), anulando a resolución que pechara a mesma e ordenara abrir xuizo oral só contra o maquinista. O Xulgado agora haberá pescudar moito máis polo miúdo, nomeadamente porque ADIF non identificou a xeito o problema de seguranza da propia curva de Angrois, verdadeiramente perigosa, ao emerxer o seu risco de súpeto e sen transición.
A Audiencia non considera, porén, que a falla do novo sistema de seguranza ERTMS sexa delitivo por si propio. Mais abre unha porta a relacionar o grave perigo da curva de Angrois coa falla de medidas de seguranza que eviten dependermos dun só home. Porque no actual sistema de seguranza ASFA prevese que o maquinista poida perder a conciencia, mais non as distraccións, como si prevé o ERTMS. Xa que logo, a grave responsabilidade de ADIF sería permitir que na transición dun treito seguro a unha curva moi perigosa que esixe baixar a velocidade de 200 a 80 kms/h dependeramos dun só home. Dependencia que non existe nas liñas da Alta Velocidade Española (AVE) reais, é dicir a de Valencia, Sevilla ou Valladolid-Zamora. Velaí que sexa posíbel mesmo ampliar a condición de investigado a determinados responsábeis de ADIF pola omisión de medidas de seguranza.
Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas. Esas que non queren asumir un PP que agachou esas graves chatas de seguranza dende que chegou ao Goberno e un PSOE que inagurou a liña Ourense-Santiago de Compostela ás presas, sendo Pepe Blanco ministro en funcións. O que explica non ter mellorado a fasquía da curva, omitir o sistema ERMTS e outras deficiencias a respecto do verdadeiro sistema AVE implantado noutros territorios do Estado.
Explícanse, deste xeito, os atrancos ás Comisións de investigación nos Parlamentos estatal e nacional, os bloqueos informativos, a falla de investigación administrativa real ou o activismo da Consellaría de Xustiza para substituir os peritos independentes primeiramente nomeados polo xuiz Aláez por funcionarios da Xunta. Algo cheira a podre nos restos dos comboios do Alvia.

Garantirmos unha xustiza independente

Dende a transición o xogo do bipartidismo dinástico PP-PSOE condiciona o goberno do Poder Xudicial dende o seu Consello, eleito baixo control da maioría lexislativa. Dende ese Consello, os grandes partidos controlan os nomeamentos para os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e mesmo algúns nomeamentos chave dos Tribunais Superiores e da Audiencia Nacional. É moi difícil que un maxistrado poida chegar ao cumio da carreira xudicial se a súa candidatura non se lle fai agradábel ao PP ou ao PSOE. As vocacións para controlar dende unha xustiza independente os excesos dos Poderes Públicos case nunca son propostas para os postos máis altos.
Nos Xulgados e Audiencias predominan os xuíces e xuízas independentes e afeitos a traballar con poucos medios. Porque a Administración de Xustiza sempre se viu restrinxida dende os gobernos estatais dunha e doutra ponla. Velaí a recente reforma da lei procesual penal limitando o tempo das pescudas xudiciais complexas, como son os casos de corrupción. E, no caso de Galicia, esta restrición tamén se vive dende a Consellaría de Xustiza, coa súa política de restrición da cobertura de vacantes de funcionarios. Ou co seu control remoto de determinadas probas periciais do sumario do sinistro do tren Alvia.
Xa que logo, semella que a garantía da independencia do Poder Xudicial ha de se incorporar á fonda reforma constitucional que cumpriría enfrontar a vindeira lexislatura. Boa ocasión, pois, para garantir un Tribunal Constitucional alleo ás maiorías estatais, a provisión independente de todas as vacantes xudiciais, a supresión da xurisdición especial da chamada “Audiencia Nacional” e máis a descentralización efectiva da xustiza, de xeito que o Tribunal Superior de Galicia sexa a instancia ordinaria que resolva todos os asuntos. E un Consello Xudicial galego, con participación relevante de avogados e outros profesionais da xustiza, que constitúa o órgano de goberno xudicial no noso País.
Porque moitas das actuais disfuncións que limitan a independencia xudicial xurden do actual modelo centralizado, incompatíbel coa plurinacionalidade do Estado.

A culpa foi do maquinista

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela vén de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuíz rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluíu que este accidente non tería ocorrido se o tren levase equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no Estado que dependían do maquinista. Os demais doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuíz Aláez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuízo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.

Botarlle a culpa ao de abaixo

O conselleiro de Sanidade de Madrid bótalle as culpas do seu contaxio á enfermeira galega infectada. O importante non sería a trapallada de repatriar persoas sen protocolos desenvolvidos con garantías, senón o erro puntual dunha sanitaria voluntaria que mesmo sería tan irresponsábel que “até foi á esteticista”. O Goberno do Estado responsabilizou en exclusiva do accidente ferroviario de Angrois á imprudencia do maquinista Garzón. E o PSOE apoiou incondicionalmente o PP nesta andaina. “En Galicia houbo un accidente de tren causado por un maquinista”, manifestou un alto dirixente socialista nunha conversa con compañeiros de partido galegos. O importante non sería a trapallada de manter unha curva moi perigosa ou de non implantar o ERTMS que garantiría frearmos aquel tren no caso dunha inacción do maquinista por despiste. E o grave non son as oitenta mortes e os feridos, senón o “dano inaceptábel á imaxe do tren español…”, como ven de afirmar un alto cargo de ADIF.
Ben, tamén ocorrera na do Prestige, catástrofe ecolóxica que tentaron botarlle ás costas do capitán Mangouras de xeito exclusivo e excluínte. Porque esta política está moi vencellada a unha concepción autoritaria do Poder, segundo a que os gobernantes non son responsábeis perante a cidadanía, porque en realidade lles pertence a función de gobernar por dereito proprio, quer vinculados a unha elite financeira e política que sería a única que sabe como facer as cousas, quer obsesionados por manter a cidadanía en estado permanente de desinformación. Dirán vostedes que moitos cidadáns -e mesmo algúns políticos- asumen e asumimos a responsabilidade polos actos das persoas que diriximos ou dependen de nós. É certo, pero, como en todo proceso de remuda social, esta concepción de que os Gobernos nunca teñen a culpa é o vello paradigma que teima por non morrer, axudada nos últimos tempos polo medo xerado pola crise. Esta idea de Goberno autoritario e irresponsábel perante a cidadanía latexa tamén na transmisión de ideas segundo as que os usuarios son os responsábeis dos recortes na sanidade ou os desempregados dos recortes na súa cobertura. O caso é xustificar a gravísima incompetencia desta caste de gobernantes.

As responsabilidades políticas de Angrois

No aniversario da catástrofe de Angrois o primeiro que cómpre é respecto e memoria. Respecto polas vítimas e memoria do civismo humanitario dos veciños de Angrois e dos outros voluntarios e da competencia, profesionalidade e entrega dos empregados públicos e do persoal dos medios que edita esta Casa (Grupo El Correo Gallego).
Dito isto, cómpre tamén botarlle unha ollada á marcha das pescudas. O xuíz Aláez xa non está á fronte da instrución, mais fixo até de agora un bo traballo, moito máis en comparanza coa parcial e amañada investigación de Fomento, só orientada para salvar as responsabilidades dos Ministros José Blanco e Ana Pastor e para facer do maquinista Garzón o inimigo público. Mais a instrución xa nos deprendeu que o sistema de seguranza ERTMS non estaba instalado por unha decisión expresa de ADIF no verán do 2010, cando está instalado en todos os treitos do AVE e nalgúns convencionais de velocidade media-alta. E que este sistema tería evitado, si ou si, o accidente ao reaccionar automaticamente contra do exceso de velocidade que detectaría no comboio ao chegar á fatídica curva.
Sabemos máis. No proxecto orixinal suprimíase a curva d’A Grandeira, mantida en último de contas, malia a súa perigosidade, pola obsesión de Blanco por inaugurar o treito ferroviario Ourense–Santiago antes do seu cesamento. E, de feito, inaugurouse o 10 de decembro do 2011, cando só lle quedaban a Blanco cinco días no Ministerio. E xa neses días eleváronse as primeiras queixas do persoal de Renfe polo desaquelado da seguranza nese último treito e, nomeadamente, nesa curva. Sen resposta de ADIF.
O que anuncia, con alta probabilidade, que haberá máis responsábeis penais canda o maquinista e, de certo, gravísimas responsabilidades polìticas que apuntan, quer por acción, quer por omisión, aos ministros Blanco e Pastor e a PP e PSOE coincidentes en lle botar terra ao asunto e termar en dicir, urbi et orbe, que esta terríbel desgraza foi causada por un só home.

O bipartidismo dinástico

Pois é verdade. A pouco que un rabuñe na realidade atopámonos co muro dos dous partidos que teñen decidido que nada mude substancialmente. Demóstrase acotío, tanto coas reaccións fronte á Pokemon, Pikachu et alter como coa noite pecha que ambos os dous queren botar riba do accidente ferroviario de Angrois.
Ambos os dous partidos teñen desfrutado dun goberno omnímodo durante máis de trinta anos. Son responsábeis da crise institucional que pexa, canda a Grande Recesión, sobre a nosa sociedade. Constitúen o problema da nosa democracia e doado é percebirmos que, mesmo nos discursos, Rajoy e Rubalcaba xogan a que os demais optemos por un deles, como se só houbese Madrid ou Barça. Como se non houber Celta, Dépor ou Obra e a pluralidade política se esgotase nun estéril bipartidismo.
PP e PSOE foron quen de argallar unha reforma constitucional express, pactada a correr entre Rajoy e Rubalcaba, co consentemento de Zapatero, en setembro do 2011. Unha reforma constitucional que consagrou a prioridade, canto ao gasto, de atender aos vencementos de capital e xuros da débeda pública a respecto dos compromisos en sanidade, educación ou servizos sociais. Unha reforma constitucional que definiu un pacto de ferro entre ambos os dous, porque tenden a ser parte da mesma realidade.
Analistas hai xa que prognostican un devalo electoral do PP e do PSOE ben maior ca o reflectido na enquisa deste día do CIS. De calquera xeito, os dous partidos comezan a pertencer ao pasado e, canda eles, devala o prestixio da Coroa, comesta polo caso Urdangarín. Diante desta realidade, resultan improdutivas as iniciativas a prol de aprobar novas leis de transparencia ou de asignar soldos á Raíña ou á Princesa de Asturies. Porque xa non son críbeis.
De certo que sempre existirán no Estado español espazos para partidos nas coordenadas ideolóxicas do PP e PSOE. Mais haberán pasar por longos e complexos procesos de refundación que lles fagan resintonizar coa sociedade cadanseu discurso e praxe. Mentres non fagan tal só van atrasar a súa agonía.

A verdade de Angrois

A pescuda xudicial aberta na capital de Galicia pola traxedia de Angrois deu este día unha reviravolta coa achega, pola defensa do imputado maquinista Garzón, dunha proba substancial e directa da prevención que sentía o colectivo dos maquinistas a respecto da curva d’A Grandeira. Unha proba que ten data tan temperá coma a do 26 de nadal do 2011, só quince días despois da primeira viaxe do traxecto do falso AVE Ourense- Santiago de Compostela. Falso AVE, porque como ven de manifestar o experto ferroviario galego Xosé Carlos Fernández Díaz, a seguranza destes comboios non dependen só do bo facer dun experto e competente maquinista, pois en todas estas liñas existen trebellos e sistemas eficaces que anulan, de ser o caso, os riscos dun erro do profesional ao manexo. O que nunca existiu, dende decembro do 2011, nos últimos catro quilómetros do treito Ourense-Santiago nin tampouco, en xeral, para os viaxeiros dos Alvia que cobren esa rota. Voltamos, xa que logo, á hipótese daquela fin de xullo: as vítimas daquel tráxico 24 de xullo dependían só da experiencia, atención e profesionalidade do maquinista Garzón. O que quere dicir que o que inauguraron o entón ministro -xa en funcións- José Blanco e o ex ministro Francisco Álvarez Cascos –canda o presidente da Xunta– non era unha liña da chamada Alta Velocidade Española (AVE), como as que circulan cara Sevilla, Valladolid ou Valencia, senón outra cousa.. Faltaron, pois á verdade. Eis porque o PP vetou cadansúas comisións de investigación nos parlamentos estatal e galego, coa vergoñenta colaboración do PSOE. Porque, unha vez máis, agachar a verdade á cidadanía sobre a posta en funcionamento desta liña ferroviaria é cousa dos dous partidos do bipartidismo dinástico, causantes da fonda crise institucional que vive o Estado español. Velaí que sexa tan importante que a pescuda xudicial do xuiz Aláez conte con peritos expertos e independentes que tenten explicar o que pasou. Porque a cidadanía, principiando polas vítimas, é merecente de respostas propias de adultos. Malia os intereses de RENFE, ADIF, os sucesivos ministros de Fomento, o Partido Popular ou o PSOE.