Era visto!

No pasado nadal, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) corrixiu a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) español e determinou que os efectos da nulidade das cláusulas de chan eran retroactivos dende o principio do contrato e non dende maio de 2013, como arbitrariamente decidira o TS para reducir o impacto da sentenza na banca. O TXUE afirmou, ademáis, que cumpría pór aos consumidores na situación na que estarían se a cláusula de chan non tivese existido nunca. É dicir, que se lles pagasen os intereses legais a respecto das diferenzas ao seu favor de cada cota do préstamo.
O Goberno do Estado aprobou o 21 de xaneiro un Decreto-Lei para que os Bancos puidesen atender as reclamacións dos consumidores para a devolución destas diferenzas. Na Galicia varios (entre eles a asociación de consumidores ACOUGA) advertiron que este sistema non amañaba nada, porque non establecía nin un procedemento de arbitraxe nin de mediación. Só axudaba á banca ao favorecer o contacto bilateral non regulado co consumidor no que as entidades aproveitaban a súa prevalencia en organización, medios e información. Moitas solicitudes extraxudiciais foron pactadas en bastante menos diñeiro do que aos bancos lles cumpría pagar aos consumidores. En concreto, a banca case nunca ofreceu pagar os xuros de demora.
Agora o Consello do Poder Xudicial, no que manda a maioría absoluta gobernamental, non prové os medios axeitados para resolver os milleiros de casos que están a entrar nos xulgados por nulidade de cláusulas bancarias. Néganselle á Administración de Xustiza os medios materiais e persoais precisos para que poida cumprir o seu labor constitucional e satisfacer os intereses dos consumidores, como se lle negan tamén eses medios á orde xudicial contencioso-administrativa para revisar a actuación ilegal das Administracións Públicas.
Deste xeito o PP, como antes fixo o PSOE, favorece a banca, grandes corporacións e Administracións Públicas, prexudicando aos consumidores, pemes e cidadáns, furtándolles aos Tribunais, por vía orzamentaria, os medios precisos para que fagan xustiza.

A sociedade civil galega

O éxito acadado pola campaña de crowdfunding do ente investigador Oncomet para o desenvolvemento da biopsia líquida amosou como a sociedade civil galega, cando loita por obxectivos concretos e de ampla base, é quen de suplir a vergoñenta incapacidade dos políticos da Xunta.
Porque non é certo que a nosa historia sexa unha historia de individualismos. Na nosa tradicional economía o comunitario abrolla con forza nas rogas (facermos en común as seituras, etc.) e na propiedade mancomunada dos montes, así como na explotación cooperativa da pesca antes da chegada dos cataláns. Os nosos emigrantes fundaron un enxame de sociedades que promoveron a nosa identidade nacional, cultura e a educación das crianzas, suplindo tamén aquí as carencias do Estado centralista. A redención dos foros e o progreso da agricultura viñeron dadas pola extraordinaria potencia do movemento agrarista, fortemente reprimido polo Estado centralista en moitas ocasións.
A salvaxe represión franquista e o fomento xeralizado da emigración (favorecida, entre outras medidas, pola forestación de terras de pasto e cultivo) esfarelou en grande medida o espírito comunitario galego, mais aínda este abrolla con forza nas loitas de Castrelo de Miño, As Encrobas, Baldaio ou Xove. Pero a verdadeira madureza da concienciación cívica faise presente na crise do Prestige. Non só nas 200.000 persoas do Obradoiro o 1 de decembro de 2002, senón en toda a continua enxurrada de mobilizacións en Galicia, Madrid, Barcelona, Euskadi e Bruxelas. Nunca Máis concienciou ambiental e politicamente milleiros de galegos e galegas de varias xeracións, as máis das veces en clave de País.
Nos nosos días, as mobilizacións polas preferentes amosaron que cando a sociedade civil actúa unida por obxectivos concretos xérase conciencia e modifícase a axenda política e social. Os avances na presenza mediática e éxito xudicial teñen moito a ver co esforzo das plataformas de afectados.
Porén, a sociedade civil galega precisa de continuidade asociativa. Precisa que as plataformas dean en axentes sociais permanentes e apartidistas, con obxectivos políticos e sociais nidios e concretos. E, se ACOUGA puido nacer da loita das preferentes, outras organizacións permanentes haberían xurdir desta xenerosidade da cidadanía galega.

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

Dende fins dos 90 do século pasado foi cotián por case todas as entidades bancarias concertarlle aos consumidores os préstamos con garantía hipotecaria referidos ao Euribor incrementados cunha diferenza adicional (+0,50%, +0,75%, 1%, etc.). Mais introducíase no contrato unha cláusula de chan (normalmente entre o 2,5% e o 4,5%) que actuaba como límite por abaixo. É dicir, se o Euribor máis a diferenza adicional ficaban por baixo do chan aplicábase este.
O Tribunal Supremo (TS) ditaminou que as cláusulas de chan do BBVA, NCG Banco (hoxe Abanca) e Cajamar vulneraban a precisa transparencia, procedendo a anular esas cláusulas. No noso Dereito, os efectos da nulidade consisten en que as partes devolvan o que percebiron cos seus xuros legais dende a data na que se iniciou a relación (é dicir, dende que se outorgou perante notario o préstamo hipotecario). Mais o TS, nese caso, considerou que os efectos despregaríanse só dende a data da sentenza (9 de maio do 2013), non dende a data de cadanseu préstamo, por considerar que doutro xeito poríase en perigo a estabilidade do sistema financeiro. Unha segunda sentenza do TS consolidou esta xurisprudencia, claramente política no canto de xurídica.
Mais algúns xuíces e tribunais dubidaron da compatibilidade desta “doutrina de patacón” coa lexislación europea de protección dos consumidores. E presentaron a oportuna cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que a resolveu determinando para todos os xuíces europeos a obriga de aplicar a nulidade dunha cláusula abusiva dende a data na que naceu o contrato. É dicir, que os tribunais españois, se consideran abusiva unha cláusula de chan, haberán condenar ao banco a lle devolver ao consumidor todas as cantidades cobradas de máis dende a data de formalización do préstamo, como se a cláusula non tivese existido nunca.
Dende a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia vimos xa esta oportunidade a primeiros de ano e formulamos unha demanda colectiva perante o Xulgado do Mercantil d’ A Coruña, xa admitida a trámite, para que Abanca devolva as cantidades cobradas de máis dende as datas de cadanseu préstamo até o 9 de maio do 2013. Unha conta aproximada achéganos uns 7.500-8.000 euros a devolver nun préstamo de 100.000 euros pola diferenza de xuros do periodo novembro 2008-maio 2013. Cantidades moi importantes se pensamos que existen, só no caso de Abanca, 76.000 afectados en todo o Estado.
O TXUE reconciliounos co Estado de Dereito. Parafraseando ao muiñeiro de Potsdam que preiteou co rei de Prusia: “aínda hai xuíces en Luxemburgo”.

Entrevista en Área Pública, o 13 de xullo, como Secretario Xeral de ACOUGA

O mércores 13 de xullo fun entrevistado por Susana López Carbia no programa “Área Pública”, da Televisión de Galicia, como Secretario Xeral de ACOUGA. Cómpre manter a confianza no Tribunal da UE, porque a nulidade das claúsulas solo só protexe integral e efectivamente ao consumidor se se declara dende o comezo da vixencia do préstamo. A entrevista completa pode verse aquí.

Esta é a postura de ACOUGA:

ACOUGA CONFÍA EN QUE O TRIBUNAL DA UE RECOÑEZA A RETROACTIVIDADE TOTAL DA NULIDADE DAS CLÁUSULAS SOLO, MALIA O INFORME DO AVOGADO XERAL

A Coruña, 13 de xulio de 2016. A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) cualifica como “documento de conclusións claramente político, influído e case predeterminado polo lobby bancario” a opinión emitida polo avogado xeral da Unión Europea, Paolo Mengozzi, que lle dá a razón ao Tribunal Supremo español na limitación dos efectos da nulidade das cláusulas solo só aos prazos contractuais posteriores ao 9 de maio de 2013.

Fronte ao informe de Mengozzi a respecto das cuestións prexudiciais formuladas por un Xulgado do Mercantil de Granada e unha Sección da Audiencia de Alacante, o secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, considera que, de acordo co principio de efectividade (*), “é insostíbel” o argumento do avogado xeral de que a nulidade dende o momento do contrato non sempre beneficia efectivamente ao consumidor.

“A nulidade dende o momento do contrato ou beneficia efectivamente ao consumidor ou é neutral nos períodos nos que o tipo contractual referenciado ao euríbor foi superior ao tipo mínimo da cláusula solo, como o período entre febreiro de 2005 e novembro do 2007”, lembra Pérez-Lema.

Para o letrado coruñés, “non é certo, como di desacertadamente o avogado xeral, que non haxa diferenzas substanciais nas cotas dos préstamos con cláusula solo e sen cláusula solo, porque si existen, nomeadamente dende fins do 2008 até maio do 2013”.

Desprotección ao consumidor

Acouga considera que coa postura expresada polo avogado xeral créase un moi negativo precedente que pode destruír todo o prestixio do Tribunal da UE e da propia protección ao consumidor que outorga o Dereito europeo se atendemos a “argumentos de patacón” para socializar as perdas da Banca a cargo dos aforradores.

A asociación galega sinala que se cómpre reestruturar a banca italiana ou española deben adoptarse as medidas oportunas cos cartos públicos, nunca cos recursos dos consumidores.

Tendo en conta a transcendencia do problema a axuizar e a cativeza e falla de solidez das conclusións do avogado xeral, Acouga confía en que a sentenza definitiva do Tribunal da UE chegue á única conclusión posíbel para facer efectiva a protección efectiva dos dereitos dos consumidores que esixe o Dereito europeo: declarar a nulidade das cláusulas solo con carácter retroactivo, dende o comezo de vixencia de cada contrato.

Acouga recorda que o pasado mes de febreiro un xulgado de Primeira Instancia de A Coruña admitiu a trámite unha demanda colectiva presentada pola asociación para instarlle a Abanca a que devolva, con carácter retroactivo, as cantidades abonadas de máis polos posuidores de hipotecas antes do 9 de maio de 2013, data que puxera como límite a sentenza do Tribunal Supremo.

(*) O principio de efectividade esixe analizar se o Dereito procesual estatal permite a aplicación do Dereito substantivo da Unión Europea.

Texto íntegro das conclusións do Avogado Xeral

2016-07-13 Acouga

Medo á luz

De cativos algúns tiñan medo á escuridade e de maiores todos temos medo á luz. Ou, para sermos máis exactos, á factura da enerxía, que constitúe un grave abuso canto á súa contía e transparencia. Non por acaso o Estado español é o terceiro da UE onde a enerxía é máis cara, tendo medrado dende 2004 nun 70% por mor da política de absoluta parcialidade a prol das grandes distribuidoras dos ministros de Zapatero -Sebastián- e de Rajoy -Soria-. Grandes distribuidoras onde atopan retribución abonda en cómodos postos de conselleiros ou asesores antigos dirixentes socialistas e populares como Felipe González, Elena Salgado, José Mª Aznar, Ángel Acebes ou Nemesio Fernández-Cuesta, a xeito de retribución polos servizos prestados. O actual ministro de Economía, Luis de Guindos, foi conselleiro de Endesa entre 2010 e 2011, percebindo nese tempo un pagamento de 368.000 €.
Os gobernantes socialistas e populares optaron, xa que logo, por se pregar ao oligopolio colusivo das tres distribuidoras-comercializadoras dominantes (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) e por abandonar á súa sorte aos cidadáns e empresas deste País. Os primeiros, nun grande número, ficaron condenados á pobreza enerxética. As segundas, nomeadamente as empresas industriais, aturan uns custos desproporcionados que mancan a súa competitivade, cando non determinan a súa inviabilidade.
A reforma eléctrica do PP afonda, tamén, na absurda penalización dun autoconsumo que habería estar ben tratado, por acadar os custos de transporte e distribución o 15% dos totais de posta na rede da enerxía producida. A maior abastanza, as novas reformas agravian os países produtores de enerxía, como Galicia, que aturan os custos ecolóxicos da produción hidroeléctrica, térmica ou eólica recebindo en troques unha sobrepenalización, mentres a súa potencialidade eólica é destruída a mantenta. O réxime tarifario discrimina abafantemente a Galicia e beneficia aos territorios como Madrid, que consumen sen producir.
Velaí o sentido da recentemente creada ACOUGA, entidade apartidista de defensa dos consumidores galegos. Centrada nomeadamente nos sectores enerxético, asegurador, bancario e de telecomunicacións, que é onde se producen os abusos máis graves.