Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

Prexuízos da centralización aeroportuaria

O sistema de xestión dos 46 aeroportos españois chamados “de interese xeral” é o máis centralista e dos máis ineficientes da Europa, como ben ten sinalado adoito o profesor da USC Rubén C. Lois. Unha axencia estatal, AENA, asume o monopolio das decisións políticas e administrativas, sen participación ningunha das administracións autonómicas nin locais e dos axentes principais da sociedade civil, o que é absolutamente atípico no mundo occidental todo.
Este grao de centralización é a ferramenta fundamental para dous procesos que decorren xuntos: a progresiva privatización dos servizos, entre eles o de seguranza aeroportuaria (como veñen de denunciar os sindicatos da Garda Civil) e a contratación por xunto destes servizos dende o nível estatal, favorecendo ás grandes empresas do núcleo duro construtor-concesional do “capitalismo castizo e do BOE” e prexudicando a consolidación de empresas locais de servizos, o que é nomeadamente agresivo no noso país. Esta concentración na contratación dos servizos deteriora os soldos e as condicións de traballo e fai minguar exponencialmente a calidade do servizo prestado, ademais do absurdo de sofrirmos de servizos de loxas, cafetaría, restaurantes, aparcadoiros ou handling deseñados coa mentalidade de Madrid-Barajas.
Por outra banda, que uns señores de AENA ou do Ministerio de Fomento adopten en Madrid as decisións sobre os aeroportos galegos non ten sentido económico ningún, agás que se use para crear espazos competenciais exentos ao Poder autonómico que sirvan de freo á xestión unificada do territorio e de panca para atender intereses do Estado que non coinciden cos intereses galegos. Neste senso, foi moi instrutiva a experiencia do aeroporto barcelonés do Prat, que achega máis do 50% do beneficio de AENA. Cando estaba a piques de se converter nun competidor ao “hub” intercontinental de Madrid-Barajas xurdiron problemas laborais no colectivo do servizo de seguranza privatizado e problemas de falla de dotación de efectivos policiais estatais. Problemas que, por certo, non existiron no aeroporto madrileño. A Galicia úrxelle mudar de modelo e asumir de vez a competencia para xestionar os seus aeroportos. Como, tamén, o resto das súas infraestruturas viarias e portuarias.

Autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 obríganos a pagar 30 € por viaxar entre as dúas cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito. Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.
O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixiemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bo negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuízo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito, nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construír unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.
Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos, o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.
Porque se grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado Bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar –que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048– máis grave é decatarmos que el e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Feijóo.

Día da Patria, Día de Galicia

Somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria… O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno san e común na nosa contorna. Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses o 14, máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25. Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade.
Mais cómpre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patriotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia.
Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de tres millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española.
Que autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucións de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9, xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos.
Mentres, o Estado español semella tender máis a recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.

Xestionarmos os aeroportos

Somos un pequeno país ao Oeste da Europa de potencialidades e vocacións exportadora e turística. Para Galicia un sistema aeroportuario coordinado e eficiente é chave para o seu desenvolvemento económico. Feijóo fracasou en acadar ese sistema porque o problema non é de facer Comités ou levarse ben cun Ministro, senón que é competencial e de xestión. AENA é o sistema de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado da Europa, onde son os Poderes rexionais e/ou locais e os consorcios público-privados os que xestionan os aeroportos, no canto das axencias dos Estados. É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid. Cómpre distinguirmos entre competencias de navegación aérea (que han pertencer á Unión Europea) e a da xestión dos aeroportos, que Galicia precisa. Velaí como as grandes solucións aos grandes problemas ou reptos galegos veñen sempre da man do incremento do autogoberno. Mais neste caso, Galicia non habería repenicar o esquema centralizado de AENA na súa xestión futura, senón asociar aos concellos e aos axentes sociais á xestión autónoma de cada aeroporto. Coordinar os aeroportos significa especializar. Con menos de tres millóns de habitantes os aeroportos galegos non se poden facer a competencia os uns aos outros, xa que esa competencia inviabiliza determinadas conexións. Ao mellor poden coexistir London Stansted en Compostela e London Heathrow na Coruña, pero a conexión con Dublin, con Amsterdam, con Frankfurt ou con Roma ha ser única. Doutro xeito estaremos potenciando Madrid como facilitador intermedio, con grave dano aos nosos intereses, nomeadamente aos turísticos. Canto á coordinación de rotas, cómpre salientar algunhas evidencias. O aeroporto compostelán ha ser o aeroporto turístico e a grande porta cara Europa e América. A Coruña e Vigo han continuar a súa especialización como aeroportos de negocios, sensíbeis a cadansúas necesidades de Inditex e PSA-Citroën, motores económicos das áreas coruñesa e viguesa. O ramo é garantir unha mobilidade razoábel a respecto dos tres aeroportos. Para que os outros renuncien a determinadas conexións, o aeroporto operante ha estar ben conectado co conxunto do País. Hai que integrar os aeroportos co tren e co bus.

As infraestruturas que precisa Galicia

Os dados do crecemento do PIB galego no terceiro trimestre do 2016 amosan dúas compoñentes esenciais: Galicia exporta máis mercadorías ca España (nomeadamente por mor de Citroën, Inditex e os tecidos empresariais xurdidos arredor das mesmas) e o substancial incremento dos ingresos por turismo. Como país exportador, como país turístico (ben que cun modelo que ten que ser alternativo do masificado de sol e praia), Galicia necesita xestionar con plena independencia os seus portos e aeroportos, hoxe mal dirixidos polo Goberno do Estado baseándose nese título xurídico, propio da lei do funil, que lle chaman o “interese xeral”. Un interese que nunca coincide co interese galego, ao mellor por sermos só o 6% do PIB estatal e o 5,5% da súa poboación.
E, precisamente por sermos un país exportador, para Galicia é prioritario o tren de mercadorías. O eixo ferroviario cantábrico, que comunique os nosos portos coa Europa transpirenaica, é a aposta estratéxica deste país. Somos a escala natural entre a Canle de Panamá, os portos americanos e os da Europa do Norte e temos unhas infraestruturas portuarias modernas. Só precisamos xestión autónoma e profesional e conexión ferroviaria.
Isto non quere dicir que o eixo atlántico e a conexión ferroviaria con Madrid non sexan tamén importantes. Mais o AVE deseñouse só como AVE de pasaxeiros, sen que poida axudar á exportación das nosas mercadorías ao Centro, Sur e Leste da Península Ibérica.
Axuda, pola contra, á exportación de servizos de Madrid, propios da recentralización financeira, publicitaria e da consultoría.
E temos, tamén, o ten de proximidade, que é a principal prioridade. O 75% dos desprazamentos dende ou a Galicia son desprazamentos internos. A Xunta habería de lle esixir ao Goberno do Estado, a carón da transferencia da AP-9, a transferencia igual de fulcral do servizo ferroviario rexional e de media distancia.
Non trabuquemos, pois, as prioridades, Porque somos centrais ollándonos dende o mundo e periféricos se nos ollamos só dende Madrid. A radialidade das comunicacións ibéricas só beneficia á recentralización económica a prol dun MegaMadrid que xa enguliu a Meseta toda e vai camiño de nos engulir ao resto.

Unha Galicia menos dependente

Das eleccións nacionais do 25 de setembro sairá un novo Goberno, que habería enfrontar a alarmante falla de proxección exterior de Galicia (a eito denunciada polos que máis saben neste país disto, que son Xulio Ríos e a súa equipa de analistas e investigadores do IGADI) e un exceso de dependencia a respecto da cosmovisión madrileña, que acentúa o efecto periferia, cando Galicia é absolutamente central no mapa das grandes rotas marítimas entre a Europa Occidental e a Canle de Panamá.
Claro que para tirarlle proveito a esa centralidade compre que Galicia asuma competencias exclusivas sobre os seus portos. E se non se acadan as necesarias reformas constitucionais e/ou estatutarias cómpre coller estas competencias vía lei orgánica de transferencia, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución. Porque para Galicia é fulcral organizar a súa rede portuaria con plena autonomía. Entre outras cousas para fusionar as Autoridades Portuarias da Coruña e Ferrol e converter este país en ponte entre Londres-Antuerpe-Rotterdam e a canle de Panamá. É unha prioridade galega. Non é unha prioridade española.
Outra transferencia inmediata que hai que quitar, si ou si, é a dos aeroportos, para poder xestionar unha rede aeroportuaria que garanta a nosa interconectividade con Europa potenciando negocios e turismo. O centralismo de AENA é estéril, abafante e prexudicial para este país. Os aeroportos galegos han ser complementarios entre eles, malia que haberían manter cadansúa autonomía de xestión, quizais asumindo fórmulas consorciadas de xestión.
Na política exterior hai que tomar a serio a Unión Europea e manter unha potente Oficina en Bruxelas ao xeito vasco ou bávaro, que constitúa de feito unha Representación Permanente, porque alí adóptanse as decisións principais das nosas vidas. E desenvolver unha activa promoción exterior, nomeadamente nos eixos da lusofonía, da Europa atlántica (velaí os vencellos cos países celtas) e da América hispana, pondo en valor a nosa mesta rede de Centros Galegos.
Nun mundo interdependente Galicia precisa estar no mundo para acadar máis benestar. Precisa desenvolver unha política exterior potente e depender menos, política e mentalmente, de Madrid.

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.
Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i Llibertat e ERC.
Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en impostos e o que invisten as Administracións Públicas en servizos.
Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca cuberta.
Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos. Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.

Aeroportos de Galicia

Unha vez máis fracasou a xuntanza do Comité de Coordinación aeroportuaria de Galicia, celebrada en Madrid!! Desta volta, o presidente da Xunta preferiu atender á precampaña do PP cunha pomposa declaración institucional con cargo aos fondos públicos e non concorreu á súa responsabilidade de coordinar o noso mapa aeroportuario, que é unha ferramenta fundamental para a nosa economía. O problema de base é o absurdo do réxime competencial aeroportuario. Na Europa, o sistema centralizado español da AENA é totalmente exótico. Os distintos aeroportos adoitan pertencer á competencia dos gobernos autonómicos e/ou locais, que tentan asociar a sociedade civil de cadansúa contorna na xestión aeroportuaria. A única competencia esencial para garantir a unidade de mercado é a de controlar o tránsito aéreo, ao nível da Unión Europea. A xestión dos tres aeroportos galegos haberá transferirse á Xunta axiña despois das vindeiras eleccións xerais, como parte das reformas lexislativas precisas para blindar o noso autogoberno e frear a continua recentralización.
Mais con ser esencial a transferencia dos aeroportos á Xunta, de pouco valería se no futuro teimamos no centralizado esquema actual. A xestión dos aeroportos habería consorciarse entre a Xunta, os gobernos locais e os axentes representativos da sociedade civil para garantir localmente servizos de calidade: aparcadoiros, Wi-fi libre, handling…
E logo está a garantía da cooperación entre os tres aeroportos, no canto desa absurda competencia alentada por Abel Caballero. Compostela ha ser o aeroporto internacional e turístico de Galicia e A Coruña e Vigo especializarse na carga e nos vóos de negocios (onde hai que inserir ás conexións coruñesas a London-Heathrow e Lisboa e a viguesa a París). Mais esa especialización require dunha axeitada conectividade, que permita que todos poidamos acceder aos tres aeroportos, nomeadamente a Labacolla, dende o resto do País de xeito cómodo e barato.
Velaí a necesidade dunha Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades no canto de tanto ollar a Madrid.

Quo vadis, Galicia?

Enchoupados nesta Grande Recesión e enleados na gravísima crise institucional do Estado, ao noso País non lle queda moito tempo para enfrontar os reptos fundamentais do seu futuro, que poden ser as únicas oportunidades reais de atoparmos un lugar na especialización internacional do traballo e abrir unha vía a un crecemento equilibrado e sostíbel. Reptos todos eles onde a dependencia política e social de Galicia a respecto do Estado se amosou inconveniente ao longo dos nosos máis de trinta anos de limitada autonomía política.
Esencial para o noso futuro é pór en valor o noso sistema portuario. Porque, a dous anos da apertura da nova Canle de Panamá, Galicia pode ser un grande hub para as mercadorías europeas. Cómpre asumirmos plenas competencias normativas, tarifarias e de xestión. O mesmo que nos aeroportos, onde precisamos rachar a ineficiencia de AENA e construirmos un sistema aeroportuario galego autónomo e descentralizado, que atenda basicamente á promoción dun turismo intenso, mais de calidade contrastada.
Na promoción dos nosos principais sectores económicos, cómpre unha fonda reforma da ordenación territorial e a potenciación do crédito e das políticas de inovación para reestruturar e relanzar os nosos sectores estratéxicos: enerxético, mar-industria e construción naval, monte-industria, producións agroalimentaria de calidade, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais… A reapertura do crédito empresarial pasaría, dende logo, pola subsistencia como marca e estrutura propia de Nova Galicia Banco, mais esixirá, asemade, unha potente Axencia financeira pública. E a aposta do I máis D máis i é fulcral: Galicia non pode permitir que os recortes anulen a capacidade de xeración de coñecemento e riqueza da súa Universidade e da súa industria.
É evidente que estes reptos precisan da operatividade dun autogoberno moito máis amplo. No proceso constituínte que, máis cedo que tarde, se vai abrir no Estado, Galicia ha decidir ser moito máis autónoma e gobernar o seu propio futuro. Non hai outro xeito para enfrontarmos estes reptos e sobrevivir neste mundo tan complexo, porque a dependencia demostrou abondo onde nos leva.