AP-9, nova aldraxe

O goberno do estado vén de vetar, outravolta, o debate no Congreso da proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento nacional galego para lle transferir a Galicia a titularidade e xestión da autoestrada AP-9. O veto constitúe unha competencia gobernamental a respecto das proposicións de lei que impliquen aumento do gasto público ou diminución do ingreso, consonte co artigo 134.6 da Constitución.
Esta decisión, de uso absolutamente excepcional, podería non se ter en conta pola Mesa do Congreso, mais PP e C’s contan coa maioría absoluta nese órgano, polo que semella que a decisión unánime da cidadanía galega vai ser rexeitada con todo desprezo polo poder estatal, como xa pasou coa primeira proposición aprobada o ano pasado ou coa proposición de lei galega de transferencia das competencias sobre tráfico (2010) pola que pulou o vicepresidente Anxo Quintana no 2008.
O argumento do Goberno do Estado é que o traspaso a Galicia lle xeraría ao Estado obrigas coa concesionaria por uns 4.400 M€, o que é absolutamente falso, pois que a proposta non prevé o resgate da concesión e as transferencias ás Comunidades Autónomas efectúanse sempre en réxime de subrogación, asumindo estas as obrigas estatais anteriores.
Velaí que esta decisión constitúa unha labazada á cidadanía galega representada no noso Parlamento e un insulto á intelixencia colectiva do noso País. A España preocúpalle moito máis o negocio da concesionaria ca os intereses dos galegos, moi dependentes na Galicia atlántica (75% da poboación) deste eixo vertebrador pola falla na práctica dunha estrada alternativa completa. España condénanos a pagar 40 € pola viaxe ida e volta de Ferrol a Vigo, mentres casteláns e andaluces seguen a circular entre as súas cidades por autovías de balde.
Esta decisión tamén amosou a falla de peso real do PPdeG no contexto estatal. Todos fomos quen de comprobar polas declaracións do vicepresidente Rueda que o Goberno galego non sabía desta nova con anterioridade. Enteirouse polos xornais.
Alberto Núñez Feijóo xa non manda nada en Madrid. Que mal negocio o do pobo galego ao lle dar a maioría absoluta.

O Alvia e o bipartidismo unionista

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

A culpa foi do maquinista

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela vén de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuíz rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluíu que este accidente non tería ocorrido se o tren levase equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no Estado que dependían do maquinista. Os demais doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuíz Aláez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuízo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.

Unha política exterior galega

Galicia precisa, como calquera outro país do mundo, dunha política exterior de seu. Unha política que sería desexábel estivese coordinada coas políticas exterior española e europea, mais que de ningún xeito pode agardar por elas.
Porque Galicia non ten amigos nin inimigos. Ten intereses económicos, empresariais e cuilturais que só se poden facer valer no mundo dende unha actuación exterior decidida. Doutro xeito non existiremos.
Para máis, Galicia conta con recursos importantes para construír unha política exterior aquelada. A rede de Centros galegos no exterior, a presenza dos seus descendentes nos sectores dirixentes da Arxentina e doutras repúblicas iberoamericanas, o camiño de Santiago e as relacións coa lusofonía privilexian no mundo a presenza galega fronte outros países sen Estado europeos.
Unha aposta fundamental é a Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), que integra ese Brasil que constitúe máis da metade da América Latina canda Portugal e algúns dos Estados máis dinámicos da nova Africa (Angola, Mozambique e Cabo Verde, xunto con São Tomé e Príncipe). 280 millóns de persoas, 100 veces a nosa poboación. Indonesia ven de se integrar a xeito de observador. Que agardamos para facelo nós? Que explicación teñen o Presidente Feijóo e o Vicepresidente Rueda para non adherir este clube tan influínte?
Outro vector fundamental é o resto de Iberoamérica. E, malia que tecnicamente a política europea non sexa política exterior, a presenza en Bruxelas, onde opera un importante “lobby” galego, é básica para os nosos intereses. É incríbel que a Fundación Galicia-Europa agoníe na inactividade, cando tantas son as necesidades de información e orientación para as nosas empresas, entidades sociais de Administracións Públicas no océano da burocracia europea.
Por falla dunha política exterior a xeito, Galicia está a perder moreas de cartos e tamén de oportunidades. Non posicionamos a nosa tecnoloxía, a nosa cultura, o noso turismo. Non convertemos en realidades as nosas potencialidades e recursos. E, deste xeito, nin existimos nin existiremos.

Hai alguén aí?

Cumprido xa o prazo para a presentación das ofertas vinculantes no proceso de concorrencia competitiva de NCG Banco, semella que non se terá en conta como parte do prezo a diferenza a prol da Banca estatal no cómputo dos créditos fiscais diferidos que o potencial adquirente poida compensar entre 2014 e 2017.
Cómpre explicarmos o dito. Os fondos internacionais e o banco venezolano Banesco poden compensar dos gaños futuros un máximo de 2340 millóns de euros de perdas fiscais de NCG, fronte aos 4600 millóns de euros que poderían compensar BBVA, Caixabank ou Santander. Até aquí todo OK, sempre que eses 2160 millóns de euros fosen considerados parte (aprazada) do prezo que ofrece o Fondo ou banco estranxeiro, xa que van ser impostos que non se van pagar, nos outros casos. Mais Guindos di que non. Que esa diferenza non computará como mellora ou decrecemento do prezo contractual.
Esta xogada non se entende nunha concorrencia transparente, mais si dende a perspectiva dun pagamento de favores ou dun amaño. E mesmo neste proceso escuro e argallante as regras foron mudando a metade de partida, como adoita facer España con Galicia cando se trata de cousas de cartos. Porque cómpre lembrar que hai só unhas semanas os fondos foron obrigados a depositar 800 millóns de euros para participar na poxa, unha obriga que non se lle aplicou aos bancos estatais.
O vicepresidente Rueda di que a marxe de actuación do Goberno galego é moi cativa. Non é certo. A Xunta pode mobilizar as forzas sociais para evitar un espolio histórico que agravará de vez as graves dificultades crediticias dos galegos. A Xunta coñece os efectos adversos que produce e producirá a concentración bancaria. E, en último de contas, Feijóo e Rueda saben que se este espolio se fai efectivo moi poucos van acreditar na súa falla de responsabilidade, quer por acción, quer por omisión.
O conto pódeselle moi ben aplicar ao alcalde coruñés Negreira. Dos 2600 postos de traballo que se han perder no caso de venda de NCG a un Banco estatal, a metade perderanse na Coruña, case todos eles persoal de alta cualificación e remuneracións bastante boas. Malia esta realidade, o alcalde mantivo un silencio absoluto, como se a cousa non fose con el. Como se fose un problema alleo á Coruña.
Hai alguén aí?

Unha reforma local desaquelada

Ninguén nega a necesidade dunha fonda reforma do réxime local no conxunto do Estado español. Mais o Goberno Rajoy erra pola base, porque a plurinacionalidade española e o diverso do seu poboamento requiriría que esta reforma fose deseñada e implementada por cada Goberno autonómico. Non se pode comparar Euskadi, onde as deputacións forais representan os tres territorios históricos ou as Castelas e Andalucía, que viven o feito provincial, co noso País ou Catalunya, onde provincias e Deputacións son enxendros absurdos pertencentes ao século XIX, cando Catalunya e Galicia tiñan arredor de cadanseus 1,6 millóns de habitantes distribuídos de xeito máis ou menos semellante entre as 4 provincias coas que De Burgos nos agasallou a galegos e catalás para esfarelar a identidade común de ambos os dous países.
Pois ben, Rajoy e Montoro esquecen que só coa supresión das Deputacións galegas aforraríamos 22 millóns de euros por ano e acordaron potencialas a nível de todo o Estado, nomeadamente para que fagan de ‘policías dos concellos de menos de 20.000 habitantes, garantindo a uniformidade na prestación dos servizos’. Unha uniformidade por abaixo, en detrimento non só da autonomía local e da participación dos usuarios, senón do benestar cidadán e da calidade na prestación destes servizos públicos.
O PP segue a pensar en termos do século XIX e acredita nunha única lexislación para todo o Estado, nun Estado recentralizado, cun único cerebro que todo o pensa e todo o entende, no canto de construir un Estado moderno e en rede, que poida liberar recursos que este sistema centralista absurdo estraga por mor das duplicidades que se seguirán a repetir “ad infinitum”, xa que dicir “Deputación” e “provincia” é dicir superposición de esquemas preconstitucionais e desbalde de cartos.
Mais nada disto sería posíbel se Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda usasen da súa suposta influencia en Xénova e fosen quen a substituir este despropósito por unha fonda e consensuada reforma local, específicamente galega, que todas as forzas políticas e sociais, canda a FEGAMP, haberían debater e aprobar no canto desta reforma desaquelada que nace dos cerebros do PP andaluz.

Bipartidismo e deputacións

Semella que Rueda non percibiu ou non quere percibir, mais PP, PSOE e a Federación Española de Municipios e Provincias teñen aquelada xa unha nova Lei básica local, coas excepcións que cumpran a respecto de Euskadi e Navarra e mesmo de Catalunya, que goza en virtude do seu novo Estatuto da plenitude competencial no eido local. Nós tamén poderíamos tela, evitando o dano que nos vai xerar a reforma local que nos ven enriba, se Feijóo tivese sido abondo patriota para aprobar, a primeiros do 2007, o novo Estatuto que os tres grandes partidos de entón tiñan pactado no Parlamento.
Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en benestar social, para unificar dende o nivel estatal (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos.
Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias.
A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a gozar de milleiros de cargos inútiles. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desde que aprobaron o Estatuto deste País.

A ARRINCADEIRA: O alcalde compostelán ha dimitir
A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan  universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuízo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha dimitir.