Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

O Alvia e o bipartidismo unionista

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.