Este 155 é inconstitucional

O artigo 155 da vixente Constitución faculta o Goberno do Estado para intervir o poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn (norma constitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os gobernos e/ou parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver estes e convocar eleccións.
Outros ordenamentos federais ou de estados compostos, como as constitucións italiana e austriaca si prevén a posibilidade de suspender ou anular gobernos e parlamentos territoriais en casos extremos. Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as institucións autonómicas, a medio mesmo do rescate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os gobernos centrais ocupen as institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver parlamentos ou cesar autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes. Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declarase consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.
A aprobación deste 155 vén de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demais nacionalidades, definidas na Constitución e nos estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, vén de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, considerarase legal todo o que acorde o Poder Central do Reino de España.

Novo paradigma na CEG?

De sempre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ubicouse no político na adhesión á alternativa do PP e economicamente no pensamento máis desregulador e neoconservador, constituíndo ademais unha extensión provincial e acrítica da española CEOE, malia que lle debe a súa existencia obxectiva á mesma realidade do autogoberno. Como nos conta o xornalista Marcos Pérez Pena, nas primeiras eleccións autonómicas de 1981 a CEG prexudicou, no ámbito do centro, á opción do Partido Galeguista (PG) para encher prensa e radio co seu apoio á AP de Fraga e Albor para “frenar el marxismo”. A institución tivo que ser resgatada financeiramente pola Xunta de Galicia (2002) logo do espolio ao que a someteu a xestión malfadada do Secretario Xeral, Rafael S. Sostre e do Presidente Antonio Ramilo, pendente aínda de xuizo.
Xa que logo, o novo xorne amosado polo novo Presidente, Antón Arias Díaz-Eimil, confronta coa liña da CEG nos seus primeiros 37 anos. Arias vén de descualificar o modelo laboral de Rajoy por considerar que é unha máquina de creación de emprego precario e destrución do emprego de calidade. Considera que os salarios han subir e que a negociación colectiva non debe porse límites porque o persoal das empresas ten dereito a planificar unhas expectativas vitais. Opta por distinguiren emprego estábel do temporal, deixando este para as necesidades non estruturais. Renuncia, na orde política, ao partidismo pro-PP da CEOE e non rexeita os novos gobernos locais progresistas porque todo o que é democrático non lle preocupa.
As ideas do novo Presidente da CEG concordan co conxunto das pemes galegas ás que representa, moito máis sensíbeis á mellora da demanda interna (e, xa que logo, á recuperación das rendas salariais) e á existencia de financiamento asequíbel que á redución dos custos salariais. Polo mesmo, teñen sido moi ben recebidas polos novos emprendedores e por determinados dirixentes empresariais comarcais e sectoriais.
Galicia precisa dunha organización patronal que represente os intereses dos seus sectores produtivos con autonomía, tanto a respecto dos intereses do capitalismo castizo de BOE de Madrid canto aos do PP. Que veñen sendo, por certo, os mesmos.

Grupo propio para que?

Hai dúas semanas defendía nesta páxina que En Marea ten dereito a formar grupo parlamentario de seu, consonte coa acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento do Congreso, aprobado no verán do 1982 pola maioría UCD-AP para evitar a formación dos grupos socialistas vasco e catalán. Coincido nesta tese con xuristas notábeis, como o profesor Carlos Aymerich Cano (UDC) e até de agora non coñezo, con nomes e apelidos, nin un só que defenda a tese contraria, como supostamente manifestan esas anónimas fontes xurídicas que consulta a prensa madrileña, á destra e á sinistra.
Un Grupo Parlamentario é unha ferramenta. Que un partido divida os seus deputados en catro grupos é unha fraude de lei, con dano para os recursos públicos. Que cada suxeito político propio (“partido”, na acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento) forme o seu Grupo é un dereito. En Marea, polo menos até de agora, constitúe unha realidade política subxacente, un suxeito político autónomo e diferente a Podemos.
A cidadanía galega xa conta con que En Marea coordine os seus esforzos con Podemos e outros canto á rexeneración democrática, á transparencia, á axenda social ou a unha economía pensada máis para as persoas.
Mais Galicia só achega o 5,5% da poboación e o 6% do PIB estatais. Os nosos alicerces económicos son prescindíbeis no contexto estatal. Diante dun futuro Goberno, nesta ou na vindeira lexislatura, vicepresidido ou mesmo presidido por Pablo Iglesias, os intereses galegos baterán contra outros intereses territoriais ou de determinadas elites sociais e financeiras con grande capacidade de presión política.
Porque a tarifa eléctrica que como país produtor nos interesa baterá contra os intereses de territorios de grande consumo doméstico como Madrid. Os intereses da nosa construción naval poderían bater contra os andaluces, os do noso gas contra os asturianos, os do financiamento local contra os que priorizan os grandes pobos andaluces e manchegos e os do financiamento autonómico cos de Catalunya, País Valenciano, Illes Balears ou Madrid.
Velaí os asuntos onde En Marea ten de demostrar a súa autonomía e a súa utilidade ao País. Unha tarefa factíbel, mais nada doada en Madrid.