Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

O PP, contra dos intereses galegos

Tempos houbo nos que determinados sectores do PPdeG adoptaron un discurso autonomista e até certa praxe de defensa dalgúns intereses do País. Tempos nos que Xosé Cuíña exercía a secretaría xeral do PPdeG “na fronteira da autodeterminación”. Este PP comezou a recuar despois da derrota deste sector na crise do Prestige para seguir coa derrota de Barreiro fronte a Feijóo no Congreso do 2006, o rexeitamento deste á aprobación dun novo Estatuto no 2007 ou a guerra lingüística da campaña do 2009.
Hoxe o PPdeG é unha sucursal do PP español (probabelmente coa excepción do PP ourensán), comezando polo seu indiscutíbel líder, moito máis próximo a facer política unionista por Madrid ou Catalunya ca a defender os intereses galegos. Velaquí algúns exemplos. A AP-9, que é o noso principal eixo de comunicación viaria, continúa sen ser transferido e aturamos as máis altas peaxes do Estado, mentres as cidades castelás e andaluzas conectan entre si por autovía gratuíta. O orzamento de investimentos estatais diminuíu do 2016 ao 2017 un 32% (de 1350 M€ a pouco máis de 900 M€). Os nosos concellos perden case 500M€ ao ano por recibir só o 3% dos fondos. Pagamos a enerxía eléctrica máis cara malia ser un país produtor que sofre o custo ambiental desta produción. Os nosos portos e aeroportos, clave do noso progreso económico, seguen a ser xestionados dende a máis centralista ineficiencia.
Ou sexa, que Galicia fixo moi mal negocio dándolle a Feijóo unha maioría absoluta impensábel arestora en todo o Estado. E que este voto serviu para afortalar os intereses doutros territorios. Como facemos moi mal negocio sempre que pomos os nosos intereses por baixo duns intereses xerais do Estado que nunca poden coincidir cos nosos, porque só atinximos o 5% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os sectores economicamente estratéxicos para nós son secundarios para España.

A arrincadeira: Erdogan oprime os curdos
Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, contounos en tempo real como Erdogan amañaba un referéndum constitucional sen garantías, impedíndolle á poboación curda o exercicio dos seus dereitos. A Unión Europea habería rachar a entente con Turquía para o acollemento de refuxiados, ao amosar nidiamente que non é, de xeito ningún, un espazo seguro para eles.

O futuro do BNG

Pecha hoxe o BNG a súa xeira congresual, sinalada polo consenso e a remuda xeracional. Ninguén discute o liderado de Ana Pontón, despois do seu sinalado contributo a tronzar os malos agoiros existentes antes das eleccións nacionais deste outono. Ninguén cuestiona a candidatura de consenso que tenta xuntar experiencia e xuventude e onde coexisten aperturistas da UPG -Rubén Cela ou a propia Ana Pontón- canda independentes antigas colaboradoras de Camilo Nogueira, como Ana Miranda, xunto con representantes da liña máis ortodoxa da UPG tradicionalmente hexemónica, como Bieito Lobeira ou Néstor Rego.
Claro é que esta paz interna non só vén alicerzada no relativo éxito electoral do outono, senón tamén nas continuas baixas sofridas pola fronte dende a Asemblea de Amio no 2012 (a última, a de Xavier Vence), maioritariamente derivadas cara En Marea. É dicir, a nova dirección ha ser consciente da perda relativa sofrida dende 2012 (en realidade dende 2009) polo BNG, malia que semelle, quizais con bo criterio, que priorice a politización no nacionalismo das novas xeracións á recuperación das sucesivas perdas numéricas.
A teimuda realidade é que nin En Marea poderá dar cabo do BNG nin a fronte nacionalista cubrir o espazo que comeza a encher a forza mareante. Ninguén dubida que son forzas que compiten parcialmente entre si por espazos políticos semellantes, mais os problemas reais da cidadanía priorizarán a cooperación entre as dúas, moito máis na actual conxuntura na que o PSdeG e o PSOE teiman por se diluír na inutilidade política. Neste senso, acertan os grupos locais do BNG ao minimizar as súas diferenzas cos alcaldes mareantes e apoiar no esencial as súas políticas. Porque semella que no BNG está todo o mundo dacordo en non asumir estratexias de alianza con Podemos, o que podería ser admisíbel. Mais o que resultaría de todo inconveniente sería transladar esta antítese a unha forza plural e nacional, como á En Marea, na que a liña oficialista podemita de Carmen Santos ten tan limitada influencia.
Nestes tempos de dilución socialista, a cooperación entre BNG e En Marea constitúe a única alternativa de goberno, no medio prazo, á maioría absoluta do PP.

Precisamos o Partido Nacional

O mérito do “Chamamento de Vidán”, asinado por persoas do prestixio e valía de Xavier Vence -antigo portavoz do BNG- Carme Adán, Ana Luísa Bouza, Ana Rúa, Ana Miranda, Alba Nogueira, os antigos alcaldes de Sada e Boiro Abel López Soto e Xosé Deira, Xabier Toba ou o alcalde con maioría absoluta de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, está en diagnosticar a fin do ciclo do BNG, proclamar a necesidade dun novo partido galeguista de vocación maioritaria e distinguir este obxectivo a medio prazo do obxectivo a curto prazo de construir unha maioría alternativa a Feijóo.
Porén, non pode substraerse a unha certa -e quizais non consciente- pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste Partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís, tamén entre profesionais, líderes sociais e xente nova.
Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes -canda os recentemente adheridos ao Foro Galego e tantas outras persoas adheridas ás distintas Mareas locais- será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio, a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.
De calquera xeito, a construción do Partido Nacional transcende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dunha reformulación xeral e, moi probabelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto-dende logo ben negativo- o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por Compromiso (CXG) terá moito que dicir.
Construír o Partido Nacional requirirá de moita intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Coalicións técnicas

O bipartidismo dinástico PP-PSOE estableceu, no xa lonxano 1987, unha circunscrición electoral única para todo o Estado, contra o que ocorre nos demais grandes Estados da UE como Francia, o Reino Unido (onde hai circunscricións específicas para Gales, Escocia ou o Ulster irlandés) Alemaña, Italia ou Polonia. No 2004 este sistema electoral duplamente favorecedor dese bipartidismo (a medio da pro-maioritaria regra D´Hondt e da circunscrición única estatal) outorgoulle aos dous partidos maioritarios o 90% dos escanos. Lóxico. Levan gobernando máis de 30 anos e fixeron o Dereito electoral á medida dos seus intereses.
Fronte estes feitos consumados, as forzas políticas de decisión galega, os galeguistas, houberon reaxir. E teceron alianzas técnicas con forzas nacionalistas e autonomistas doutras nacións e territorios do Estado, coa fin de obter representación. De feito, agás as candidaturas do BNG nos 1994 e 1999, sobrancearon sempre as coalicións técnicas que permitiron acadar representación: José Posada foi eurodeputado de CG en coalición co PNV e CC no 1993-1994 e Ana Miranda foi eurodeputada do BNG nesta última lexislatura, en coalición con ERC e EA. Carlos Garaikoetxea (EA) foi eurodeputado (1987-1994) e defendeu os intereses galegos dende o prisma dos seus coaligados do PNG-PG. Ao longo de todos estes anos, as forzas galegas obtiveron atención parlamentaria e apoio técnico no Parlamento Europeo para poder desenvolver a súa política aló, calquera que for o eurodeputado da coalición de quenda que nese intre desenvolvese a función.
As razóns desta versatilidade atópanse no carácter nomeadamente técnico desta caste de coalicións. Vascos, canarios, cataláns e galegos coalíganse por razóns pragmáticas, para evitaren o veto do bipartidismo e para que cadanseus electorados e países poidan ver representados os seus intereses na Europa.
Xa que logo, CxG non lle fará favor ningún ao PNV como o BNG non llelo fixo no 2009 a ERC e EA. Xuntan votos, loitan contra a exclusión europea das periferias e tentan defender os intereses específicos de cadanseus países. Nin van gobernar xuntos nin van casar.