Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

O Alvia e o bipartidismo unionista

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

A aldraxe da AP-9

Para o noso país a AP-9 é un eixo fundamental de comunicación, atendendo nomeadamente a súa falla de alternativas practicábeis, evidente entre Compostela e Pontevedra e noutros moitos lugares. Ocorre que a concesionaria recibiu no 2002 o agasallo dende o Goberno Aznar da prórroga do seu dereito concesional até 2038 apenas en troques da construción do treito Fene-Ferrol e da gratuidade do treito Rande-Puxeiros. Despois, a concesionaria foi adquirida pólo grupo Citi ao grupo español Sacyr. Dende sempre, mais moi especialmente dende entón nótase un grande desleixo e neglixencia no cumprimento das súas obrigas, e as peaxes medraban substancialmente no 2012 e 2013, mentres madrilenos, castelánleoneses ou andaluces circulan entre as súas cidades por autovías de balde.
A competencia sobre o control desta concesión non lle pertence, contra toda lóxica, á Xunta senón ao Goberno do Estado, que está a amosar seguido grandes doses de tolerancia co desleixo dos xestores concesionais. Velaí a conveniencia, mesmo a necesidade, do inmediato traspaso desta competencia ao Goberno galego. Disque a ministra Ana Pastor rexeitou esta transferencia por mor da suposta cualificación desta vía como vía de interese xeral. Mais esta cualificaciõn non impediría o traspaso da autoestrada pola fórmula do artigo 150.2 da Constitución, ao ser plenamente susceptíbel de transferencia ou delegación. Mesmo máis inmediata sería a descualificaciõn da vía como de interese xeral, pois que transita ao cento por cento polo territorio galego e non conecta con Portugal, ao ficaren a varios quilómetros da súa raia. Non por acaso Catalunya recibiu no seu día o traspaso de parte da estrada estatal N-II e as Deputacións Forais o da A-8 e N-I ao seu paso por Euskadi. O que determina que a desculpa da ministra sexa ben pouco defendíbel.

As responsabilidades políticas de Angrois

No aniversario da catástrofe de Angrois o primeiro que cómpre é respecto e memoria. Respecto polas vítimas e memoria do civismo humanitario dos veciños de Angrois e dos outros voluntarios e da competencia, profesionalidade e entrega dos empregados públicos e do persoal dos medios que edita esta Casa (Grupo El Correo Gallego).
Dito isto, cómpre tamén botarlle unha ollada á marcha das pescudas. O xuíz Aláez xa non está á fronte da instrución, mais fixo até de agora un bo traballo, moito máis en comparanza coa parcial e amañada investigación de Fomento, só orientada para salvar as responsabilidades dos Ministros José Blanco e Ana Pastor e para facer do maquinista Garzón o inimigo público. Mais a instrución xa nos deprendeu que o sistema de seguranza ERTMS non estaba instalado por unha decisión expresa de ADIF no verán do 2010, cando está instalado en todos os treitos do AVE e nalgúns convencionais de velocidade media-alta. E que este sistema tería evitado, si ou si, o accidente ao reaccionar automaticamente contra do exceso de velocidade que detectaría no comboio ao chegar á fatídica curva.
Sabemos máis. No proxecto orixinal suprimíase a curva d’A Grandeira, mantida en último de contas, malia a súa perigosidade, pola obsesión de Blanco por inaugurar o treito ferroviario Ourense–Santiago antes do seu cesamento. E, de feito, inaugurouse o 10 de decembro do 2011, cando só lle quedaban a Blanco cinco días no Ministerio. E xa neses días eleváronse as primeiras queixas do persoal de Renfe polo desaquelado da seguranza nese último treito e, nomeadamente, nesa curva. Sen resposta de ADIF.
O que anuncia, con alta probabilidade, que haberá máis responsábeis penais canda o maquinista e, de certo, gravísimas responsabilidades polìticas que apuntan, quer por acción, quer por omisión, aos ministros Blanco e Pastor e a PP e PSOE coincidentes en lle botar terra ao asunto e termar en dicir, urbi et orbe, que esta terríbel desgraza foi causada por un só home.

A responsabilidade de ADIF

Hai ben poucos días, neste mesmo lugar, falábamos de distinguirmos o pecado e o delicto da culpa e da responsabilidade. O artigo ía a conto da unanimidade dos comparecentes da Comisión ad hoc do Congreso dos Deputados (ministra Pastor e presidentes de ADIF e RENFE) no seu sinalamento como responsábel único da catástrofe de Angrois ao maquinista Garzón. E de moitas máis cousas que arrepían a conciencia de tantos galegos e galegas que fomos educados na ética das responsabilidades, que obriga a asumir as culpas daqueles aos que educamos, eliximos ou diriximos.
Pois ben, o xuíz Aláez rachou esta teoría, espallada a eito por un Goberno central desprazado do seu protagonismo pola responsabilidade que á Xunta lle outorgaba a Lei de Emerxencias que o Bipartito aprobara no 2007. E rachouna cun auto que imputa polos delictos de homicidios e lesións imprudentes ao responsábel de seguranza de ADIF e á propia Axencia, pois que dende primeiros do 2011 as persoas xurídicas poden ser responsábeis, tamén, dos delictos.
Xa que logo, os ministros Rafael Arias-Salgado, Xosé Blanco e Ana Pastor (e, canda eles, os presidentes Aznar, Zapatero e Rajoy que os nomearon) haberán responder politicamente, pois que o proprio auto do xuíz Aláez considera que esta caste de responsabilidade (e máis a responsabilidade ética) ha ser resolvida no ámbito mediático e social. Responsabilidade que cómpre esixir de xeito democrático, do mesmo xeito afastado do simbólico aforcamento na praza que da inxustificada indulxencia que nestes últimos anos se reserva para todos os dirixentes, mentres adoitan sancionar duramente aos peóns.
De calquera xeito, o xuíz ordinario predeterminado pola lei, o xuíz compostelán, imputou xa á Axencia estatal das infraestruturas ferroviarias. Sería quen de chegar tan aló un xuíz da Audiencia Nacional que depende no seu nomeamento das institucións ocupadas polo bipartidismo de quenda?

Delicto, culpa e responsabilidade

Nunha democracia occidental, xusto ao inverso ca nos Estados musulmáns, comprendíamos a diferenza entre Relixión e “Res Publica”. Mais semella que, hoxendía e máis na España que na Galicia, moitos responsábeis do Público amosan que esa diferenza non é tan nidia.
Centos de anos de monarquías castelás, austriacas, borbónicas e do falso Estado moderno e contemporáneo (o do capitalismo castizo do BOE) non foron quen de lle aprender á cidadanía a diferenza entre o delicto e o pecado, a culpa e a responsabilidade. Mais, moi de certo, esa incapacidade tivo a súa orixe na identificación, primeiro, do delicto co pecado e, despois, do pecado coa culpa e coa responsabilidade.
Delicto supón incorrermos nunha das máis graves condutas sociais e ser condenado nun xuízo xusto onde o delincuente conta con medios abondos, en democracia, para preservar a presunción da súa inocencia. Pecado é a falta relixiosa e/ ou moral na que incorremos cando transgredimos un código de conduta antropolóxico-moral que aceptamos, sexa por herdanza, for por escolla persoal.
Mais culpa e responsabilidade son conceptos colectivos e non individuais. E velaí o erro dos opinadores españois de arestora: confundirmos o delicto (concepto xurídico do Dereito Penal) e o pecado (concepto antropolóxico e ético vencellado a unha confesión relixiosa) coa culpa e coa responsabilidade. Porque culpa é un concepto individual que abrangue ao colectivo. E responsabilidade supón a vinculación dos nosos actos voluntarios cun determinado efecto ou resultado. Podemos estar libres, si, de delicto e pecado, mais sermos gravísimos culpabéis pola elección ou vixilancia dos infractores ou incumpridores, que serán xente da nosa equipa ou responsabilidade (o que chamamos “culpa in vigilando”, “culpa in eligendo”).
Velaí a túrpida realidade do Presidente de ADIF, do da Renfe, do ministro José Blanco, dos ministros Ana Pastor ou Álvarez Cascos e de todos aqueles que berran aos ceos a súa·inocencia. Porque nas democracias axuizamos (como nos ven de ensinar, nestas mesmas páxinas de El Correo Gallego, o maxistrado Villagómez) culpas e responsabilidades. Nunca delictos nin pecados.

A corresponsabilidade do accidente

É cedo de máis para calquera conclusión definitiva a respecto do complexo causal que xerou a catástrofe da curva d’A Grandeira. Mais as decisións adoptadas nos últimos días por ADIF e RENFE e as caixas negras son ben elocuentes. Semella que existiu, si, un erro humano, mais este erro humano nunca xeraría por si só o accidente se a seguranza do comboio e do camiño de ferro fose a axeitada. En último de contas, co moderno sistema europeo ERTMS o accidente non sería posíbel porque o sistema frearía o tren. Como explicarmos, se non é así, a decisión de ADIF de activar axiña un complexo sistema, recomendado polos expertos que conforman a Comisión ministerial que pescuda o accidente, de freado automático na curva cando a velocidade sobarde os 60 kms/h e o maquinista non actúe?
A decisión é asisada. Mais chega tarde. Cando abrollou xa a convicción de que os Gobernos de Aznar-Cascos, ZP-Blanco e Rajoy-Ana Pastor aforraron en seguridade. Como se Galicia non precisase, por algunha estraña causa, da seguranza integral que gozan os AVE’s a Valladolid, Valencia, Sevilla ou Málaga.
Velaí a razón do nerviosismo dos presidentes de ADIF e RENFE ao acusar en exclusiva o maquinista Garzón. Este enfrontará un proceso penal no que, sen prexuízo da súa presunción de inocencia, aparecen pegadas dun comportamento irregular que podería ser constitutivo de delito. Mais o dos Presidentes de ADIF e RENFE é de puro cinismo político. Non poden seguir un día máis en cadanseus postos.
Os Gobernos do PP e PSOE toleraron unha seguridade desaquelada no traxecto. E un erro humano puido facer o resto, cando o sistema estaba pensado para que a vida dos pasaxeiros non estivese exclusivamente nas mans do maquinista Garzón.

A ARRINCADEIRA: Lástima de bois.
A Coruña coñeceu unha feira taurina absolutamente orfa de seareiros e unha demostración cidadá a prol da súa cancelación que sobardou os límites de determinados colectivos animalistas ou partidos da esquerda nacionalista para acadar unha transversalidade social, xeracional e interclasista. Pódese admitir a subvención encuberta de 90.000 € do Concello a este espectáculo? É admisíbel manter na Lei de protección aos animais de Galicia a taurina licenza para matar?

O calote da AP-9

Foi Aznar, en febreiro do 2000, quen prorrogou a concesión da autoestrada do Atlántico até agosto do 2048, excusando a mesma na gratuidade dos treitos Rande-Puxeiros e Fene-Ferrol. AUDASA, titular da concesión, fora nacionalizada por mor das súas perda e foi privatizada no 2003, pertencendo primeiro a Sacyr e despois aos americanos de Citi. Durante este tempo Audasa salientou por unhas peaxes caras e un mal servizo, peor aínda nos últimos tempos. Velaí os grandes beneficios acadados pola concesionaria, pois que ingresan moito e gastan pouco en persoal e servizos.
Este alongamento da concesión e ulterior privatización ilustra ben o xeito de facer as cousas por parte da dereita española, sempre pendente de darlle negocio ás elites financeiras de Madrid. Velaí que as comunicacións radiais de Madrid e moitas das súas autovías sexan de balde, mentres os galegos teñamos que pagar por comunicarnos entre nós. A AP-9 conecta ao 70% da poboación galega e ao 80% do PIB do noso País e, malia esta realidade, sofriu un encarecemento brutal estes anos,que rematará este 2012 cun incremento de case o 20% entre o1 de xaneiro e 1 de setembro. Cando o certo é que non contarmos cunha estrada alternativa, libre de peaxe, tendo en conta as graves chatas e carencias da N-550.
O Ministerio de Fomento, quer con Arias Salgado, Álvarez Cascos ou Ana Pastor, quer con Magdalena Álvarez ou Pepe Blanco, sempre amosou a súa proximidade coa concesionaria e o seu afastamento da cidadanía. Velaí a urxencia de transferirmos a autoestrada (xunto coa central AP-53) á Xunta de Galicia para que esta vixile de preto aos xestores da concesionaria en interese só do País.Uns xestores, hoxe dependentes do grupo norteamericano Citi, sempre pendentes do seu negocio e nunca de que xestionan un dos servizos públicos fulcrais deste País. Un servizo esencial que non habería custar ao pé dos 45 euros no eixo A Coruña-Vigo cando circular polas autovías castelás, madrileñas ou andaluzas segue a ser de balde.