Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

A ruptura do pacto constitucional

O dereito á autonomía das nacionalidades galega, catalá e vasca recoñeceuse antes da propia aprobación da Constitución, a medio da aprobación de cadanseu réxime preautonómico entre outubro de 1977 e abril de 1978. Recoñecíase unha realidade substantiva, manifestada na aprobación plebiscitaria de cadanseu Estatuto na II República. Velaí porque se lles dotou constitucionalmente do máximo grao de autogoberno e dun procedemento de aprobación e modificación de cadanseu estatuto pactado entre a representación parlamentaria de cada nacionalidade e o Congreso que remataba nun referéndum de ámbito exclusivamente territorial.
Para o resto dos territorios non se prevía esta aprobación paccionada nin o nível máximo de autonomía, senón despois de cinco anos logo da reforma de cadanseu Estatuto. Mesmo contemplábase a posibilidade de que algún dos territorios españois non optase polo autonomía ou optase por unha simple autonomía administrativa.
Mais o referéndum andaluz e a xeneralización do “café para todos” estendeu o autogoberno de nível máximo a todo o territorio. E o golpe de Estado de 1981 abriu o ronsel da recentralización, primeiro a medio da só parcialmente fallida LOHAPA (1982), despois a medio da desculpa da garantía estatal a respecto da eficacia do Dereito europeo e das decisións comunitarias, máis tarde co martelo dun caseiro Tribunal Constitucional (TC) que desfixo o concepto de competencias exclusivas autonómicas coa confusión entre leis básicas e leis marco e coa extensión de títulos transversais como a garantía da igualdade dos dereitos dos españois ou a unidade de mercado, que baleiraron as competencias galegas en agricultura, pesca, comercio interior, fiscalidade ou protección medioambiental.
Hoxe o autogoberno galego ou catalán son pálido reflexo dos potencialmente proxectados entre os anos 1978 e 1980, cando os Estatutos se concibían como porta dun proceso dinámico e aberto e non como un marco pechado e estático. Só Euskadi e Navarra, ao abeiro do réxime foral, conservan un autogoberno merecente deste nome.
Velaí que constatemos que o pacto constitucional que encaixou Galicia como singularidade nacional estea máis que superado pola continua vulneración desenvolvida ao longo de trinta e cinco anos de recentralización.

Diluíndo a corrupción

Vaia por Deus. Correa ía canda o tesoureiro do PP representando a algunha grande empresa que pretendía algunha importante licitación de infraestruturas nos distintos Ministerios. Ía Bárcenas ao Ministerio de quenda e aquelaba o que tiña que aquelar para que a adxudicación correspondente fose para a empresa amiga presentada por Correa. Acadado o éxito, Correa cobraba e llelo daba a Luis Bárcenas. Así até 2004. Claro, resulta que o Goberno Zapatero chegou á Moncloa a mediados de abril dese ano. Ao mellor o fío rompeuse por ese pequeno detalle.
E foilles así. Non pasou máis nada. Correa e Bárcenas. Bárcenas e Correa. E máis ninguén.
Correa ten dereito constitucional a mentir e, sobre todo, a agachar a verdade que lle prexudique. Mais calquera persoa cun mínimo de formación xurídica ou experiencia institucional sabe que para que esa maquinaria funcione cómpre moita peza do Noso Señor. Nomeadamente altos cargos políticos que decidan e planifiquen, mais tamén funcionarios que tramiten e emitan informes e propostas de adxudicación. Velaí que o relato de Correa poña baixo sospeita xeral a xestión toda na contratación pública dos Gobernos do aznarato (1996-2004), por certo todos partillados por Mariano Rajoy como ministro. Non por acaso o caso Gürtel é o caso PP, coma o caso ERES é o caso PSOE-A.
Enténdese agora a implacábel estratexia obstrucionista seguida polo PP de Rajoy contra esta investigación (e as demais separadas do tronco xeral da Gürtel). Apunten: o PP recusou todos os xuíces instrutores: Garzón, Ruz e De la Mata. Tamén criticou acedamente por parcialidade ao maxistrado De Prada que está axuizando este caso e máis á xuíza Freire, instrutora da causa por encubrimento e danos informáticos (lembrarán que alguén na sede xenovesa borrou os arquivos dos ordenadores que usaba Bárcenas). Mesmo veñen de pedir a nulidade da investigación deste xuízo.
Coincide no tempo esta estratexia de dilución da corrupción do PP, de lle tirar a importancia a unha podremia que acada o PP como organización, cos esforzos de Susana Díaz, líder do PSOE de Andalucía, para diluir a corrupción do caso ERES, coa finalidade de salvar aos xenerais Chaves e Griñán.
Semella que diluír a corrupción é parte esencial do pacto de investidura implícito que PP e PSOE van acordar moi axiña.

Unha reforma local desaquelada

Ninguén nega a necesidade dunha fonda reforma do réxime local no conxunto do Estado español. Mais o Goberno Rajoy erra pola base, porque a plurinacionalidade española e o diverso do seu poboamento requiriría que esta reforma fose deseñada e implementada por cada Goberno autonómico. Non se pode comparar Euskadi, onde as deputacións forais representan os tres territorios históricos ou as Castelas e Andalucía, que viven o feito provincial, co noso País ou Catalunya, onde provincias e Deputacións son enxendros absurdos pertencentes ao século XIX, cando Catalunya e Galicia tiñan arredor de cadanseus 1,6 millóns de habitantes distribuídos de xeito máis ou menos semellante entre as 4 provincias coas que De Burgos nos agasallou a galegos e catalás para esfarelar a identidade común de ambos os dous países.
Pois ben, Rajoy e Montoro esquecen que só coa supresión das Deputacións galegas aforraríamos 22 millóns de euros por ano e acordaron potencialas a nível de todo o Estado, nomeadamente para que fagan de ‘policías dos concellos de menos de 20.000 habitantes, garantindo a uniformidade na prestación dos servizos’. Unha uniformidade por abaixo, en detrimento non só da autonomía local e da participación dos usuarios, senón do benestar cidadán e da calidade na prestación destes servizos públicos.
O PP segue a pensar en termos do século XIX e acredita nunha única lexislación para todo o Estado, nun Estado recentralizado, cun único cerebro que todo o pensa e todo o entende, no canto de construir un Estado moderno e en rede, que poida liberar recursos que este sistema centralista absurdo estraga por mor das duplicidades que se seguirán a repetir “ad infinitum”, xa que dicir “Deputación” e “provincia” é dicir superposición de esquemas preconstitucionais e desbalde de cartos.
Mais nada disto sería posíbel se Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda usasen da súa suposta influencia en Xénova e fosen quen a substituir este despropósito por unha fonda e consensuada reforma local, específicamente galega, que todas as forzas políticas e sociais, canda a FEGAMP, haberían debater e aprobar no canto desta reforma desaquelada que nace dos cerebros do PP andaluz.