A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello agoniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades (moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.

O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixasemos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.
Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP, recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán, avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase constitucional o Estatut.
En xuño do 2010 o TC “mandó a parar” cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario entre o Estado e Catalunya e implicitamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.
Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en níveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.
Dende aquí o Goberno do Estado seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer un referéndum consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.
O bloqueo das solucións politicas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

Entrevista para Ideas.gal (xullo de 2017)

Entrevista publicada en Ideas.gal o 28 de xullo de 2017. O orixinal pode consultarse aquí.

1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza/Galicia é a miña patria e a miña referencia no mundo. Son persoa e son galego, son realidades inescindíbeis. O meu sentimento de pertenza e de referencia é absoluto.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Iremos a menos económica e culturalmente como non consigamos botar fóra ao PP nas seguintes autonómicas, consolidando a meirande cantidade de gobernos locais progresistas nas vindeiras locais do 2019, nomeadamente nos principais concellos.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Un país europeo normal e soberano que partillase unha convivencia en pé de igualdade co resto dos pobos do Estado e da Europa, cunha sociedade cohesionada e inclusiva. Penso que as políticas para acadar un tal país son semellantes ás desenvolvidas dende 1997 polo Scottish National Party ou dende 1979 polo PNV… un grande partido nacional que faga socialdemocracia real, non hai outro camiño.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Son esenciais a educación, a Universidade, a investigación, desenvolvemento e innovación, a enerxía o emprendemento empresarial e a cultura. Penso que precisamos un financiamento acaído e iso conleva unha autonomía financeira ampla nun marco de cosoberanía, cando menos. Precisamos gobernar nós os nosos portos e aeroportos e ter ampla capacidade fiscal, ademais de recadar nós os impostos. Desconfío da ladaíña do “somos uns pobriños condenados á solidariedade eterna”. Ninguén é eternamente solidario e ao Estado español interésalle confundir á nosa cidadanía cunha suposta pobreza que non é certa. Para máis queren introducir o debate das pensións, cando o meu dereito á pensión non é territorial, senón persoal e depende de todo o que levo cotizando aquí e aí fóra. España “chuléanos” 500 M€ no financiamento local e 2.600 M€ no autonómico, ademais de impornos unha tarifa enerxética única que impide que poidamos atraer novos investimentos industriais subvencionando o 40% da produción enerxética que España nos obriga a ceder de balde.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

O noso país require dunha potente política exterior e dun intenso traballo de visibilización da Marca-Galiza.
Debería profundar a súa relación co espazo lusófono, o iberoamericano, a Europa ocidental e os países de Extremo Oriente, nomeadamente China e Xapón.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Unha Galicia soberana e moi universal. Escocia, Noruega e Euskadi son os meus referentes, malia que son realidades ben diferentes das nosas.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar. Decidirmos ser nós é o único xeito de garantir o noso benestar. Galicia só supón o 5% PIB e o 5,5% da poboación do Estado e os nosos alicerces económicos para España son perscindíbeis. Así que precisamos da diferenza, do autogoberno, do dereito a decidir… moito máis que Catalunya e Euskadi, como adoita dicir Anxo Quintana.
O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar.

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

O propio Anxo Quintana e, dos políticos actuais, Luís Villares, canda o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o de Lalín, Rafa Cuíña. Na historia Castelao e Bóveda e na transición Pablo González Mariñas, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. No ámbito cultural e deportivo gostaría salientar Vero Boquete, Manolo Rivas e Teresa Moure, entre moitxs outrxs. Temos unha grande débeda cos nosos creadores culturais, que pagan un grande tributo co seu compromiso cunha lingua e cultura minorizada.

9) Que aspectos do Dereito Galego non son suficientemente coñecidos, ao teu ver?

En xeral, o Dereito Civil Galego é moi descoñecido, malia que os pactos sucesorios de mellora ou apartamento que permiten dispor dos bens propios en vida si arraizaron despois da reforma fiscal que alixeirou no 2016 o peso impositivo do Imposto de Sucesións que indirectamente fixera medrar moito o PP entre 2009 e 2016. Axudou, evidentemente, que o Tribunal Supremo eximise de pagar IRPF aos transmitentes destes pactos. Galicia é un bo país para a sucesión, non só pola carga fiscal, senón pola liberdade de disposición. A lei imperante en todos os territorios do Estado, agás Catalunya, Illes Balears, Nafarroa, Aragón, Euskadi e Galicia, é vella, arcaica e trasnoitada. Afástase da liberdade de testar e resposta a un concepto de familia decimonónico.

AP-9, nova aldraxe

O goberno do estado vén de vetar, outravolta, o debate no Congreso da proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento nacional galego para lle transferir a Galicia a titularidade e xestión da autoestrada AP-9. O veto constitúe unha competencia gobernamental a respecto das proposicións de lei que impliquen aumento do gasto público ou diminución do ingreso, consonte co artigo 134.6 da Constitución.
Esta decisión, de uso absolutamente excepcional, podería non se ter en conta pola Mesa do Congreso, mais PP e C’s contan coa maioría absoluta nese órgano, polo que semella que a decisión unánime da cidadanía galega vai ser rexeitada con todo desprezo polo poder estatal, como xa pasou coa primeira proposición aprobada o ano pasado ou coa proposición de lei galega de transferencia das competencias sobre tráfico (2010) pola que pulou o vicepresidente Anxo Quintana no 2008.
O argumento do Goberno do Estado é que o traspaso a Galicia lle xeraría ao Estado obrigas coa concesionaria por uns 4.400 M€, o que é absolutamente falso, pois que a proposta non prevé o resgate da concesión e as transferencias ás Comunidades Autónomas efectúanse sempre en réxime de subrogación, asumindo estas as obrigas estatais anteriores.
Velaí que esta decisión constitúa unha labazada á cidadanía galega representada no noso Parlamento e un insulto á intelixencia colectiva do noso País. A España preocúpalle moito máis o negocio da concesionaria ca os intereses dos galegos, moi dependentes na Galicia atlántica (75% da poboación) deste eixo vertebrador pola falla na práctica dunha estrada alternativa completa. España condénanos a pagar 40 € pola viaxe ida e volta de Ferrol a Vigo, mentres casteláns e andaluces seguen a circular entre as súas cidades por autovías de balde.
Esta decisión tamén amosou a falla de peso real do PPdeG no contexto estatal. Todos fomos quen de comprobar polas declaracións do vicepresidente Rueda que o Goberno galego non sabía desta nova con anterioridade. Enteirouse polos xornais.
Alberto Núñez Feijóo xa non manda nada en Madrid. Que mal negocio o do pobo galego ao lle dar a maioría absoluta.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

Os límites da política institucional

O grande Jabois vén de entrevistar ao alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen se amosou moi dubidoso a respecto de se o cambio social pode vir pola vía institucional. Velaí un tema fulcral, que latexa sempre nos procesos de cambio e que adoita ficar á marxe das reflexións dos seus actores políticos. Dicía Anxo Quintana no 2006: “chegamos ao Goberno, non chegamos ao Poder”, e esa análise non mereceu reflexións ulteriores nin na súa propia forza política. É posíbel o cambio real dende a política institucional?
As Institucións viron bastante restrinxidas as súas marxes de manobra nos últimos anos. Velaí o caso dos concellos. Coas reformas á gobernanza local impostas manu militari pola maioría absoluta de Rajoy, resúltalle moi difícil a calquera goberno local remunicipalizar un servizo público ou medrar en persoal. É dicir, resúltalle moi difícil rachar o círculo vicioso da privatización dos servizos públicos e da redución salarial ao persoal que posibilita eses servizos. Os gobernos locais progresistas resultan obrigados a xestionar con moi poucos recursos e son medidos polos parámetros da eficiencia propios das forzas conservadoras e opostas ao cambio. Os gobernos progresistas son os primeiros que han xestionar a xeito, porque se non o fan van perder o apoio, en primeiro lugar, dos sectores máis afectos ao cambio. Mais non sería xusto deixar de sinalar o paradoxo de xestionar a pobreza de recursos dacordo cun marco lexislativo imposto precisamente para evitar unha gobernanza local tendente á mellora dos servizos públicos.
No nível autonómico son patentes tamén estas limitacións. A recente morte dunha persoa en Reus (Catalunya) por mor dun lume causado polas velas que tiña que usar para se iluminar logo de sofrir o corte da luz por falla de pagamento, fixo lembrar como o Tribunal Constitucional impediu a aplicación da lexislación catalá sobre pobreza enerxética. Outro brutal paradoxo que limita substancialmente o autogoberno como solución aos problemas vitais da xente.
Un programa de cambio non pode alicerzarse só no institucional. As súas bases sociais haberían entender as limitacións da política institucional para evitar as tan comúns decepcións cos gobernos do cambio. E os seus líderes manter sempre viva a relación coa sociedade civil para evitar ese illamento tan común nos actores políticos do cambio.

Ten solución España?

Revélasenos agora que o goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paraísos fiscais por mor de lle garantir ás construtoras do IBEX 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabeu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do IBEX 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver, poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia, ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1 M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s, son os seus valedores partidarios. Cómpre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quen a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impor as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora é só unha intuición. Mais teño para min que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta, e de aí… para o Norte.

Non se pode vivir con medo

O antigo delegado da edición de Ourense dun xornal coruñés publicou unha “carta aberta a Anxo Quintana” que condensa os lugares comúns todos do obsesivo discurso que dende determinadas trincheiras manteñen fronte ao antigo vicepresidente da Xunta dende despois do verán do 2008.
A obsesión vén xa de vello. E a teima non é só persoal con Anxo Quintana -que tamén- senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno e capaz de artellar solucións prácticas para este País. Velaí a xenreira que destilou a respecto do manifesto a favor da reconexión coa sociedade, asinado o verán do 2011 -despois do 15-M- pola maioría dos alcaldes do BNG, moitos referenciados como quintanistas.
Anxo Quintana respondeu a carta manifestando que a clave desta xenreira e da insólita campaña de destrución persoal desenvolvida a primeiros do 2009 son as presións exercidas a respecto da adxudicación do concurso eólico, a fins do 2008. Naturalmente, ese relato pertence ao coñecemento do propio Quintana. O que eu lles podo dicir, dende a responsabilidade institucional que na altura exercía, é que encaixa milimetricamente con todos os acontecementos que puiden observar moi de preto ao longo das semanas seguintes, comezando pola estrañísima reacción (decembro do 2008) do representante da Consellería de Medio Ambiente, ordenada polo propio Pachi Vázquez, ao abandonar a comisión que tiña que propor a adxudicación do concurso eólico, sen que constase discrepancia ningunha, nin fáctica nin xurídica coa proposta da Consellaría de Industria. Cal foi a orixe desta orde de Pachi Vázquez?
Quintana, coma calquera, cometería erros políticos. Mais na campaña desenvolvida no 2008-2009 (e insolitamente reaxida agora, cando está fóra da politica activa) o detonante non foron aqueles. Foron os obxectivos serios e factíbeis do concurso eólico, que pretendían un substancial incremento da actividade industrial de Galicia e o empoderamento dos nosos emprendedores a respecto da dependencia co capitalismo español de amiguetes. Obxectivos que cumpría estragar.
Como di Quintana: “o medo a ser o obxecto da próxima cazaría afasta á xente da vida pública… Eu aprendín a lume que non se pode vivir con medo”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.