Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de moluscos da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 M€ esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento, son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual presidente.
Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española Sáenz de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Soraya Sáenz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez, o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demais, é o Presidente galego.
Velaí o ritmo e sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca aos galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.
Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.
Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como Presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

Autoestrada colonial

A AP-9 é o principal eixo de comunicación viaria deste país, vertebrando a Galicia atlántica na que viven case dous millóns de galegos. A AP-9 obríganos a pagar 30 € por viaxar entre as dúas cidades galegas máis poboadas, porque non temos unha vía alternativa de balde practicábel de feito. Velaí a importancia de que Galicia goberne a súa autoestrada.
O Estado quere reter a autoestrada porque non está disposto a que sexamos os galegos quen vixiemos a xestión do concesionario. Porque a autoestrada é un bo negocio para o concesionario e para o Estado, dende a lóxica extractiva do Madrid político. Unha lóxica extractiva presente tamén na blindaxe a prol do Estado da xestión dos portos e aeroportos ou na imposición no noso prexuízo dunha única tarifa eléctrica para todo o Estado. Trátase de que o autogoberno galego non sexa, no ámbito mínimo preciso para chamarlle deste xeito, nin continuo nin eficaz ao non poder usar destas infraestruturas e desta tarifa eléctrica para construír unha política económica autónoma, atraendo investimentos e xerando PIB e benestar. Trátase de orientar os nosos recursos a prol dos intereses do capitalismo de amiguetes do BOE e non a prol do noso desenvolvemento e benestar.
Velaí a lóxica coa que se achega, sen complexos, o ministro de Fomento a Galicia para rexeitar o traspaso dun instrumento tan importante para a nosa calidade de vida. Mais o verdadeiramente grave é a actitude do presidente Núñez Feijóo, asumindo a bondade dos argumentos do Estado, mesmo asumindo o discurso recentralizador deste a xeito de argumentario, na mellor tradición dos gobernantes colonizados. E arquivando “sine die” a demanda expresada por dúas veces pola unanimidade do Parlamento de Galicia, en clara sintonía coa inquedanza da amplísima maioría social.
Porque se grave é que o Presidente nos queira confundir coa súa post-verdade, culpando ao pasado Bipartito do que non é senón consecuencia da cacicada de Aznar –que prorrogou a concesión da autoestrada até 2048– máis grave é decatarmos que el e máis o PPdeG todo convertéronse en mandadiños peóns dos intereses extractivos e coloniais do PP estatal, rachando de vez o mito da influencia na Corte do PPdeG e do propio Feijóo.

Día da Patria, Día de Galicia

Somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria… O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno san e común na nosa contorna. Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses o 14, máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25. Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade.
Mais cómpre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patriotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia.
Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de tres millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española.
Que autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucións de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9, xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos.
Mentres, o Estado español semella tender máis a recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.

AP-9, nova aldraxe

O goberno do estado vén de vetar, outravolta, o debate no Congreso da proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento nacional galego para lle transferir a Galicia a titularidade e xestión da autoestrada AP-9. O veto constitúe unha competencia gobernamental a respecto das proposicións de lei que impliquen aumento do gasto público ou diminución do ingreso, consonte co artigo 134.6 da Constitución.
Esta decisión, de uso absolutamente excepcional, podería non se ter en conta pola Mesa do Congreso, mais PP e C’s contan coa maioría absoluta nese órgano, polo que semella que a decisión unánime da cidadanía galega vai ser rexeitada con todo desprezo polo poder estatal, como xa pasou coa primeira proposición aprobada o ano pasado ou coa proposición de lei galega de transferencia das competencias sobre tráfico (2010) pola que pulou o vicepresidente Anxo Quintana no 2008.
O argumento do Goberno do Estado é que o traspaso a Galicia lle xeraría ao Estado obrigas coa concesionaria por uns 4.400 M€, o que é absolutamente falso, pois que a proposta non prevé o resgate da concesión e as transferencias ás Comunidades Autónomas efectúanse sempre en réxime de subrogación, asumindo estas as obrigas estatais anteriores.
Velaí que esta decisión constitúa unha labazada á cidadanía galega representada no noso Parlamento e un insulto á intelixencia colectiva do noso País. A España preocúpalle moito máis o negocio da concesionaria ca os intereses dos galegos, moi dependentes na Galicia atlántica (75% da poboación) deste eixo vertebrador pola falla na práctica dunha estrada alternativa completa. España condénanos a pagar 40 € pola viaxe ida e volta de Ferrol a Vigo, mentres casteláns e andaluces seguen a circular entre as súas cidades por autovías de balde.
Esta decisión tamén amosou a falla de peso real do PPdeG no contexto estatal. Todos fomos quen de comprobar polas declaracións do vicepresidente Rueda que o Goberno galego non sabía desta nova con anterioridade. Enteirouse polos xornais.
Alberto Núñez Feijóo xa non manda nada en Madrid. Que mal negocio o do pobo galego ao lle dar a maioría absoluta.

Gaña Euskadi. E Galicia?

O PNV tiña os deputados decisivos para derrotar as emendas á totalidade aos Orzamentos estatais. E sabía que esta vantaxe non era permanente. Despois das vindeiras eleccións podía desaparecer e mesmo o eventual triunfo de Susana Díaz nas primarias do 21 de xuño podía relativizala substancialmente.
Abofé que a contraprestación obtida foi moi boa para Euskadi. O Estado reclamáballe 1.600 M€ pola liquidación do cupo (Euskadi recada directamente os impostos e págalle un cupo ao Estado polos servizos non transferidos que este presta) dos cinco últimos anos. Agora só serán 200 M€. Por outra banda, Euskadi obtivo unha redución do cupo de 540 M€/ano entre os anos 2017 ao 2021. Velaí ese grande número: 4.100 M€, case 2000 € por cada residente en Euskadi. Decátanse vostedes da mellora que isto suporá na sanidade, na educación ou na competitividade empresarial de Euskadi?
O pacto foi alcumado de “insolidario” por algunhas voces en Catalunya e Galicia. Mais cómpre lembrar que o PNV si votou contra a investidura de Rajoy, sen que este voto servise para construir unha alternativa a Rajoy por mor da abstención do PSOE. Por outra banda, os cidadáns que votaron PNV fixérono para que defendese en Madrid os intereses vascos. Non para que mercase o relato independentista de moitos cataláns ou o relato dependentista de moitos galegos. Con este acordo Euskadi racha o cerco unionista ao autogoberno, blinda a axenda vasca e escenifica unha relación bilateral do Estado. Co “status” acadado non precisan a independencia pasado mañá.
Mentres, Galicia malbarata a súa aposta polo PP de Feijóo (11 deputados estatais sobre 23, única maioría absoluta do Estado nun Parlamento) cun 33% menos de investimento estatal entre 2016 e 2017. E este apoio popular e proximidade co “Goberno amigo” non lle permite nin acadar en beneficio da cidadanía a transferencia da Autoestrada do Atlántico. Mal negocio o do dependentismo.
Estes feitos amosaron tamén que o un hipotético sistema no que Galicia recade os tributos e pague un cupo ao estado non é esa catástrofe da que fala o unionismo, senón unha ferramenta potencial para máis autogoberno e benestar, dependendo das súas bases normativas e de liquidación do cupo.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.