Recentralización e involución política

No estado español sempre foron unidos os procesos de democratización e avance nas liberdades e os de recoñecemento do dereito ao autogoberno das nacionalidades. Velaí as experiencias das dúas repúblicas e a transición até o golpe de Estado do 23-F, aproveitado para reconducir á baixa o autogoberno galego, catalán ou vasco e para acoutar a democracia nas canles só representativas, nunca participativas, do bipartidismo dinástico.
Para Galicia, asemade, coinciden os periodos de democracia, liberdade e autogoberno cos de benestar económico e progreso social e cultural e as longas noites de pedra do dependentismo, do centralismo e do autoritarismo co atraso económico, anomia social e páramo cultural. Só o autogoberno garante o benestar, porque somos pouco máis do 5% do PIB e da poboación estatais e porque os nosos alicerces económicos son secundarios para España.
Dende 2006 Rajoy, axudado e mesmo pulado por UPD e despois por C´s, enfrontou o afondamento do autogoberno das nacionalidades dende o recurso ao Estatut de Catalunya, aprobado pola cidadanía catalá no 2006, acadando o seu obxectivo de anulalo parcialmente coa sentenza do Tribunal Constitucional de xuño do 2010. Unha sentenza que marcou o punto final a respecto das posibilidades de evolución cara un Estado plurinacional da Constitución do 1978, nas que moitos acreditabamos.
A maioría absoluta do PP de novembro do 2011 e a crise económica foron o pretexto perfecto para desenvolver un intenso proceso de recentralización fronte ás autonomías e os concellos (novas leis de modernización de gobernos locais, educativa e de educación), que coincide cun decidido pulo á privatización de servizos públicos a prol dos grandes lobbies construtores-concesionais e cunha política de recentralización económica a prol dos grandes capitais multinacionais e estatais e contra a urdime de pemes galegas (anulación do concurso eólico, recuperación das competencias autonómicas en enerxía, contratación pública orientada a grandes operadores que exclúe na práctica ás empresas locais…).
A doutrina recentralizadora acompáñase da involución política no eido das liberdades (lei mordaza, tendencia á criminalización da discrepancia co sistema dinástico…) e acada a máxima expresión na negativa do sistema dinástico -agora tripartito- a toda evolución que recoñeza a plurinacionalidade española, dándolle unha saída política á cuestión catalá.

Este 155 é inconstitucional

O artigo 155 da vixente Constitución faculta o Goberno do Estado para intervir o poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn (norma constitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os gobernos e/ou parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver estes e convocar eleccións.
Outros ordenamentos federais ou de estados compostos, como as constitucións italiana e austriaca si prevén a posibilidade de suspender ou anular gobernos e parlamentos territoriais en casos extremos. Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as institucións autonómicas, a medio mesmo do rescate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os gobernos centrais ocupen as institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver parlamentos ou cesar autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes. Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declarase consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.
A aprobación deste 155 vén de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demais nacionalidades, definidas na Constitución e nos estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, vén de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, considerarase legal todo o que acorde o Poder Central do Reino de España.

Austeridade, empobrecemento e recentralización

Falamos a semana pasada da arrepiante evolución do emprego e a ocupación en Galicia ao longo dos sete anos de Goberno Fejóo, á vista dos dados fornecidos polo economista Marcelino Fernández Mallo. Agora é o economista Alberto Turnes o que nos achegan doutros datos que sinalan inequívocamente o empobrecemento sofrido por Galicia ao longo da era Feijóo. O PIB galego, que acadaba no 2008 o 5,33% estatal (por certo, logo de subir canda o bipartito dende o 5,23% do 2005), contraeuse no 2016 ao 5,18%. Os dados de investimento produtivo (formación bruta de capital fixo) son brutais, baixando un 47% entre 2008 e 2016 (de 17,285 M€ a 9.193 M€ entre 2008 e 2016). O territorio autonómico que máis baixou no Estado, produto sen dúbida do gravísimo proceso desindustrializador que sufrimos.
Este suspenso histórico aínda é compatíbel con certa opinión pública e publicada, de certa relevancia nas clases medias urbanas, que merca o relato de que Feijoo é un bo xestor e que a austeridade é o camiño, malia que esta ladaíña vaia, aos poucos, tendo menos seareiros. As políticas de austeridade xeran exclusión social e descapitalizan o capital social, degradando a nosa sanidade, educación e servizos sociais. Mais, tamén, contraen a nosa economía, ao renunciar a calquera política de promoción empresarial e deixar aos sectores estratéxicos da economía galega ao pairo.
Mais a política austericida de Feijóo reflectiu tamén a idea de que o autogoberno non vale para xerar benestar nin desenvolvemento, asentando o relato de que as verdadeiras decisións dependen de Madrid e Bruxelas. Neste senso, Núñez Feijóo demostrou que se pode facer moito menos con menos, xerando aínda moito menos ruído social e identitario.
E a descapitalización austericida abriu novas oportunidades de negocio para os operadores privados, mais non para os grupos empresariais galegos (para os que Feijóo ollou sempre con desconfianza), senón para os grandes grupos concesionais do capitalismo de amiguetes de Madrid. Deste xeito, os recortes do autogoberno autonómico e local xeraron un proceso de reprivatización que nos empobreceu, arrequecendo ese capitalismo de amiguetes.
Coma sempre, a recentralización empobrécenos e o autogoberno arrequécenos.

A continua recentralización

A Constitución garantiunos, canda cataláns e vascos, o acceso ao nível máis elevado de autogoberno, a medio dun Estatuto negociado entre os parlamentarios galegos e o Congreso. Porén, dende a aprobación dos tres estatutos das nacionalidades galega, catalá e vasca a tensión recentralizadora foi continua. O Madrid político e económico ten pulado sempre por unha -inexistente- España monolítica e monolingúe e pola concentración financiera e empresarial en Madrid, en claro prexuízo das periferias españolas.
Malia que fracasou no Tribunal Constitucional o primeiro ataque recentralizador (a Lohapa aprobada por UCD e PSOE), os recortes ao autogoberno continuaron. Os gobernos de Felipe González usaron as leis básicas e o proceso de unificación europeo para recentralizar, ao tempo que retiñan os traspasos de medios materiais obrigados polas competencias asumidas en virtude do Estatuto de Galicia. A segunda lexislatura de Aznar foi unha continua sucesión de iniciativas recentralizadoras. E Zapatero usou de vías indirectas, como o uso centralizado de fondos estatais (vivenda, medio rural) que haberían estar territorializados, por non lle pertencer xa ao Estado estas competencias. Así e todo, o goberno Rajoy foi o máis intensivo nos recortes do autogoberno. No ámbito financeiro limitou extremadamente o déficit autonómico, flexibilizando o estatal, prexudicando gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais. A reforma educativa da LOMCE impuxo contidos absurdamente uniformes para todo o Estado, mentres relegou ao galego a lingua subordinada no ensino.
A reforma local tirou dos nosos concellos as competencias sociais para llelas atribuir a unhas Deputacións fracasadas e inoperantes. Galicia foi privada das súas competencias en materia de horarios e superficies comerciais, en claro prexuízo do seu comercio de proximidade e do consumidor galego en xeral.
A nosa especifidade económica e territorial determina que todo recorte ao autogoberno se traduza, sempre, en recortes ao benestar da cidadanía galega. Velaí que sexa tan preciso, no próximo futuro, un marco xurídico que garanta un autogoberno blindado e financiado a xeito.

Ao benestar polo autogoberno

As políticas da austeridade e e recortes da dereita europea non foron respostadas a xeito polos partidos socialdemócratas estatais. Velaí que o sistema que máis calidade de vida xerou na historia recente da humanidade fose recortado en grande medida sen que o centro-esquerda fose quen de propor con forza, no nível europeo, un discurso do crecemento e da cohesión social.
Porén, en varios territorios europeos os seus partidos nacionais ou nacionalistas foron quen de trascender, sen o esquecer, o discurso da identidade para se centrar no discurso da inclusión e do benestar. Deste xeito incorporaron ao proxecto nacional a sectores tradicionalmente menos abertos ao discurso identitario, para lle ofrecer á maioría social un relato de futuro, arredor da convivencia e do benestar
Esencial a este proxecto é garantir unha sanidade e servizos sociais de calidade e unha educación pública competitiva. E para isto as cuestións do financiamento público e da autonomía fiscal son esenciais, porque só decidindo sobre os vectores dos que depende a recadación é posíbel garantir os servizos públicos.
Mais tamén esta caste de proxectos de integración e futuro priorizan o control sobre os piares do desenvolvemento económico, tentando promover os sectores con máis capacidade tractora e vertebradora. E non precisamente a medio de empresas públicas, senón do fomento dun emprendemento empresarial nado do País, ao que estas políticas lle teñen que garantir a competitividade coa grande empresa vinculada aos Gobernos estatais. Velaí, como exemplo frustrado polo PP, o plan eólico que os nacionalistas Anxo Quintana e Fernando Blanco promoveron no pasado goberno de coalición.
Esta caste de proxectos foron desenvolvidos polos gobernos nacionalistas de Euskadi e Escocia. E na propia Catalunya o movemento cidadán independentista é interclasista e transversal e trascende con moito o discurso identitario.
Os proxectos nacionais, malia o seu carácter inequivocamente progresista e integrador, trascenden tamén ao xogo tradicional esquerda-dereita e serán unha das alternativas ao esfarelamento dos grandes partidos socialdemócratas europeos.

O pacto bilateral con España

De súpeto, a que semellaba imparábel onda recentralizadora refugou non pouco ao abrollar con moita máis forza a realidade dunha grande porcentaxe das cidadanías catalá e vasca que dan por pechado o percorrido do Estado autonómico e plantexan abertamente, cando non a independencia, si algunha caste de fórmula confederal de soberanía partillada ou a xeito de Estado asociado que lles garanta un autogoberno pleno.
É evidente que este proceso vai definir as vindeiras eleccións autonómicas que van vivir estes dous países nas vindeiras semanas. Ao tempo, no resto dos territorios vaise abrindo paso a pulsión recentralizadora a prol de mudar a estrutura xurídico-política. Probabelmente as CC. AA. seguirán a ser entes dotados de autonomía administrativa, mais semella evidente que a autonomía política (capacidade lexislativa dos Parlamentos, axendas propias para o crecemento económico, máis competencias e mellor financiadas) desaparecerá en varias destas rexións que mesmo poden reasignar a prol do Estado competencias tan importantes como a sanitaria, a educativa e a dos medios materiais da Administración de Xustiza.
Onde ficará Galicia? Canda as nacións, loitando por unha relación bilateral co Estado? Canda as rexións, substituíndo o seu autogoberno limitado por unha autonomía administrativa a xeito de Mancomunidade de Deputacións? Está claro que o noso interese económico esixe priorizarmos o factor nacional, diferencial e, con isto, a bilateralidade na relación, porque co 5% do PIB e o 6% da poboación estatal a recentralización condenaría ao noso País á pobreza económica e á marxinalidade. Parte da cidadanía intúe esta realidade, mais non son poucos os que cren que vai ser posíbel ficar como estamos, entre o encaixe bilateral no Estado e a absorción indiferenciada da recentralización. E compre situarmos no mapa, porque xa non vai haber café para todos. Nin tampouco barra libre de recursos.
Velaí que o novo papel de Galicia no Estado esixa unha nova fórmula constitucional e estatutaria de bilateralidade, é dicir, de diálogo na procura do consenso entre as Institucións españolas e galegas para definirmos os límites competenciais e financeiros do noso autogoberno.
O mínimo que lle podemos esixir aos nosos políticos é que perciban a importancia deste repto. Porque se eliximos ser Murcia cando Catalunya e Euskadi deciden ser soberanos estaremos a nos condenar á pobreza económica e á irrelevancia política, cando non á máis apartada marxinalidade.