A devolución do Pazo

A ocupación simbólica e temporal do Pazo de Meiras por activistas do BNG levou polo mundo adiante a reivindicación cidadá de que o Pazo sexa devolto á cidadanía galega. A ocupación tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente, ao non existir nos activistas ningunha caste de intencionalidade de apropiación patrimonial, invasión da intimidade persoal e familiar de ninguén nin de mantemento da ocupación.
O despoxo patrimonial sofrido polos galegos no 1938 en beneficio do patrimonio persoal do ditador Franco levouse adiante a medio de tres instrumentos fundamentais: o desconto obrigatorio de parte do soldo en moitas entidades públicas e empresas privadas, as “doazóns voluntarias” dos veciños, exaccionadas polos concellos coa colaboración da Falanxe e da Garda Civil e a ocupación sen contraprestación de moitos dos terreos adxacentes.
A respecto deste último instrumento de despoxo patrimonial (o menos coñecido), o historiador sadense Babío Urquidi vén de relatar que moitos dos paisanos de Meirás foron obrigados a subir a camións militares que os levaron á sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno coruñés onde asinaron cadanseus contratos de compravenda por prezos moi baixos en relación coa calidade das terras transmitidas. Porén, a meirande parte non puideron cobrar nin o que se consignou como prezo, porque a chamada “Junta Pro Pazo” que coordinaba as Administracións Públicas e forzas vivas que facían a recadación deu en creba, por mor do custo elevado das obras de mellora continuamente requiridas polo ditador e a súa dona, Carmen Polo.
Velaí a ilexitimade de orixe da propiedade da familia Franco. Ilexitimidade que, de xeito absolutamente inédito, vén de recoñecer o PPdeG a medio do seu voceiro parlamentario Pedro Puy. Un recoñecemento que habería abrir a porta ao estudo por parte do Parlamento e da Xunta, coa colaboración do Concello de Sada e a Deputación coruñesa, dos procedementos xurídicos precisos para poderlle devolver o Pazo á cidadanía.
A devolución do Pazo é á única reparación posíbel a este despoxo. Despoxo que se mantivo até de agora só pola longa duración do franquismo e pola intensidade da súa represión.

A morte do Pastor

O Banco Pastor foi absorbido polo Banco Popular no 2011, mais dende poucos meses despois constitúe unha marca propia con personalidade xurídica e ficha bancaria de seu que concentraba, agás seis oficinas nas cidades, toda a rede do Popular no noso País (uns 2.000 empregados nunhas 200 oficinas). Malia que os servizos centrais coruñeses foran case absolutamente liquidados mantívose o emprego e a rede comercial. O Pastor xa non era galego, mais seguía mantendo unha limitada existencia. A clientela confiaba no seu persoal (hai trinta anos o Pastor era “o noso Banco”) e a fuxida de depositantes nos úiltimos meses foi moito más limitada que a sofrida polo Popular.
A resolución do Popular e a súa entrega de balde ao Santander sinala o camiño para a perda definitiva desta marca e ficha bancaria e da meirande parte deses 2.000 empregos. O Santander quere marca única para todo o Estado e quere eliminar axiña as duplicidades de cadansúas redes comerciais, evidentes nos principais cen concellos do noso País. Perderemos definitivamente un xeito de facer banca que entendía o xorne das nosas pemes e as especificidades duns sectores produtivos que en Madrid nin importan nin se lles entende.
E, para máis, o dano sofrido polos accionistas, entre eles máis da metade dos empregados do Pastor que agora ven en risco o seu posto de traballo. Semella evidente o engano do Popular canto á información que achegou á súa ampliación de capital de 2.500 M€ de maio-xuño 2016, polo que eses accionistas poderán recuperar o seu investimento nos xulgados, como moitos dos bonistas que adquiriron “cocos” e obrigas subordinadas. Canto aos accionistas anteriores, terán que acudir a reclamacións penais ou civís, seguramente colectivas, de incerto resultado contra os últimos administradores (e quizais o auditor) do Banco.
Hai tres semanas escribín nestas páxinas o artigo “Recuperarmos o Pastor”. Antes e despois, puidemos constatar a absoluta falla de pulo e sensibilidade, non só no Presidente e Goberno galegos, senón no conxunto da oposición política, sindicatos, organizacións empresariais e supostas forzas vivas da sociedade civil galega. Galicia, sen liderado político, social e empresarial, vai pagar un custo moi alto e sinala a vía libre para futuros saqueadores do país.

Recuperarmos o Pastor

O novo Consello de Administración do Banco Popular vén de recoñecer que a ampliación de capital do pasado mes de xuño non foi abondo para garantir a solvencia da entidade e, xa que logo, vén de abrir o proceso para a adquisición do banco por outra entidade. A concentración bancaria avanzará, xa que logo, en claro prexuízo dos intereses dos consumidores e das empresas, mentres que o recoñecemento implícito de que o anterior Consello de Administración non lle contou a verdade aos investidores sobre a situación patrimonial do banco abre a vía para que os xuíces poidan anular as suscricións por clientes minoristas de accións da entidade creadas en virtude da ampliación de capital última, con recuperación íntegra do diñeiro investido.
O Banco Popular no seu día absorbeu ao Banco Pastor, pero meses despois segregou unha nova entidade tamén chamada Banco Pastor, con personalidade xurídica, marca e ficha bancaria de seu. Ao Pastor fóronlle adscritos os activos e pasivos de case todas as oficinas do Grupo no país. O Pastor é, hoxe en día, un banco saneado, con 212 oficinas, un 20% de cota de mercado en Galicia e unha vocación de banca de pemes. A marca ten boa reputación, como amosa o feito de que mentres moitos clientes do Popular retiran total ou parcialmente os seus depósitos, os do Pastor permanecen estábeis.
Quere isto dicir que quen merque o Banco Pastor ten a garantía de gañar cartos dende o primeiro día. Por outra banda, o Banco Popular obtería con case total probabilidade máis fondos vendendo separadamente ambas as entidades. E se para mercar o Popular só contan os grandes bancos estatais, para mercar o Pastor o abano poderíase abrir á banca e fondos internacionais e aos propios capitais galegos.
E velaí a grande oportunidade que se podería abrir: que capitais galegos poidan adquirir o Pastor. A rendibilidade económica da operación estaría garantida, á vista do valor da rede e da marca, mentres que o posíbel valor de adquisición podería abanear entre 200 e 300 millóns de euros, segundo fontes profesionais bancarias. É dicir, un valor para nada desaquelado. Xa que logo, cómpre que a Xunta lidere dende a discreción as actuacións necesarias para aproveitar esta oportunidade histórica.

Cen anos das Irmandades da Fala

Esta primavera cúmprense cen anos da fundación das Irmandades da Fala d’A Coruña, primeiro e de Santiago de Compostela, despois. A esta fundación axiña seguirían outras vinte e seis polo País adiante. As Irmandades nacen na I Guerra Mundial conectadas co agromar en Europa do rexurdimento das nacionalidades (velaí a rebelión de Páscoa en Irlanda) para reivindicar o galego como lingua de futuro e progreso. Por iso xuntaron axiña o máis dinámico e moderno da intelectualidade e sectores profesionais galegos, alicerzándose nunha ampla transversalidade, dende conservadores como Lousada Diéguez, Vicente Risco ou Cabeza de León até unha maioría progresista (Peña Novo, Villar Ponte).
Remataba a guerra mundial e mataba a gripe española millóns (entre eles o líder natural irmandiño, Lois Porteiro Garea), cando as Irmandades definiron por primeira vez o galeguismo como nacionalista, na Asemblea de Lugo de novembro do 1918. O galeguismo espállase e convértese en organización de masas ao arraizar no agrarismo. Mentres, os galeguistas sitúanse na vangarda cientìfica e fundan no 1923 o Seminario de Estudos Galegos. Tamén atenden á promoción deportiva, nomeadamente do fútbol. Son galeguistas os que fundan o Eiriña en Pontevedra ou bautizan a fusión do Vigo Sporting e do Fortuna (1922) co patriótico nome de Celta.
No mundo empresarial, son galeguistas os que fundan a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, dirixida por Alexandre Bóveda, o fundador do Banco Pastor (D. Ricardo Rodríguez Pastor) ou o director-copropietario do Balneario de Mondariz, D. Enrique Peinador Lines. Mentres, a Igrexa coñece do pulo galeguista do Arcebispo Lago ou dos pensadores da revista Logos. Máis serodio é o arraizamento do galeguismo na clase operaria, malia que as relacións entre o sindicalismo cenetista n’A Coruña e o galeguismo sempre foron cordiais e fluídas.
O avance de Galicia até 1936 foi moi importante, tanto no ámbito empresarial e financeiro como no campo social e político. Mais no verán dese ano trunfou o golpe da barbarie criminal, que atendería nomeadamente reprimir calquera manifestación de galeguidade e facer esquecer este próximo pasado, sen o que a Galicia de hoxe en día non sería comprensíbel.

Feijóo e o paradoxo galego

Despois de seis anos e oito meses (oitenta meses!) de goberno Feijóo Galicia é máis pobre e máis dependente no económico e absolutamente irrelevante no político. Nestas circunstancias, o paradoxo é o relativo prestixio do que desfruta o presidente Feijóo, nomeadamente no Madrid político e mediático, consolidándose como número un das posíbeis opcións de remuda para Rajoy como líder estatal.
Vaites paradoxo! Núñez Feijóo prometeu que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova constituiría unha entidade líder e solvente. Prometeu que a venda a Pemex do 51% de Hijos de J. Barreras era o comezo dunha potente reactivación do sector naval galego. Arestora non hai un só pedido no naval da ría de Vigo mentres vimos como se liquidaba en grande medida o subsector financeiro galego (a absorción do Pastor polo Popular colleu ao presidente en Málaga) durante o seu longo mandato. A ruptura das regras de xogo anulando o concurso eólico determinou a ruína deste sector económico, antes grande xerador de emprego e tecnoloxía.
Non houbo un relato para construír empresa nin para construír País, primando unha xestión ineficiente propia dunha grande Deputación. Manifestouse unha obsesión por ser os campións do equilibrio de contas recurtando a calidade asistencial da nosa sanidade e os servizos sociais, deixando así milleiros sen o paraugas da Risga e das prestacións por dependencia. Mentres, desaproveitouse a oportunidade de planificar o territorio e a mobilidade, de coordinar o sistema aeroportuario galego, de pór as ferramentas para converter os nosos portos nunha grande ferramenta de captación de investimento exterior e de xeración de oportunidades de negocio.
Non hai marca Galicia, malia o grande prestixio internacional dos nosos produtos e de varias das nosas empresas. Non existe unha política exterior no pequeno país europeo que potencialmente ten máis introdutores e embaixadores por Europa e polo mundo. Galicia voltou ser exportadora de man de obra, agora unha xuventude abondo estudada que, marchando, descapitaliza o País e manca as nosas posibilidades de reaxir.
Como é posíbel este paradoxo? Como é posíbel que sigamos a mercar o relato das excelencias de Núñez Feijóo que venden dende Madrid?

Sen goberno nin presidente

As políticas de austeridade desenvolvidas polo Goberno Feijóo dende 2009 son corresponsábeis da grave desindustrialización de Galicia, que perdeu dende aquela todo o emprego industrial xerado dende fins dos 90. Precisamente o Foro Económico de Galicia atribúelle a grave diferenza entre o crecemento económico galego e o estatal (0,9% fronte ao 2,7% no primeiro trimestre deste 2015) á nosa febleza industrial. 204.000 galeg@s emigraron dende o 2009, nomeadamente os membros das xeracións mellor formadas da súa historia. No 2009 existían cinco entidades bancarias galegas (Caixa Galicia, Caixanova e os Bancos Gallego, Etcheverría e Pastor). Hoxe só fica a rede de Abanca vinculada ao País, malia que propiedade de capital venezuelano. A política económica de Feijóo foi un fracaso, non só pola falla de plan, ideas e confianza no país e nos seus axentes económicos, senón tamén pola grave ineficacia amosada polo seu Goberno.
Mais, nesta fin do verán, a esta ineficacia e falla de ideas uniuse a ausencia do Goberno e do seu presidente. Pechou unha explotación leiteira diaria dende que se liberalizou a venda de leite na Europa, Galicia é o país europeo onde máis barato se vende o leite e Feijóo e a conselleira Quintana non están para defender un sector fulcral para a economía deste país e totalmente prescindíbel para a estatal, como se dixesen “isto non vai connosco”. Na crise do lume da Limia, que queimou 3000 hectáreas, a Xunta estivo ausente, como se fose impotente diante dos lumes e só soubese falar do perigo dos numerosos, mais descoordinados, incendiarios. A demisión da Xunta das súas obrigas gobernamentais é tan evidente que ninguén do Sergas inspeccionou o estado dos servizos e instalacións do novo Hospital de Vigo, contractualmente responsabilidade das empresas adxudicatarias dun contrato pensado nos seus intereses e nos de Povisa.
Percébese, con ducias de milleiros na rúa, que non existe motivación nin folla de ruta no Goberno galego e no seu Presidente. Semella, pois, que a lexislatura remata e só fica ollar cara Madrid. De onde non virán, de certo, as solucións.

Alcoa ou a economía produtiva

Bankia, a grande entidade sistémica na que o Estado español inxectou case 24.000 millóns de euros, estafou os investidores canda a súa saída a bolsa do 2011. Seica os seus xestores, dirixidos, quer por Rato, quer por Goirizorri, falsearon os seus dados contábeis para reducir os seus pasivos. O Goberno do Estado non reparou en cartos para que Bankia fose reflotada polo sector público e continúe acubillada nel até acadar unha venda a xeito que garanta un núcleo duro de plena españolidade e confianza. Que diferenza de trato coa poxa pública ás carreiras de NCG Banco!
Mais este Goberno Rajoy, sempre preocupado polos intereses das elites financeiras e extractivas españolas, esqueceu os intereses da empresa industrial e, en xeral, da economía produtiva. E implementou unha reforma tarifaria eléctrica que converte o insumo enerxético nun luxo que desequilibra as contas dos grandes consumidores industriais, fronte a un prezo da enerxía sensibelmente máis barato no resto da Unión Europea.
Este desleixo pola industria agrávase substancialmente na Galicia. Velaí como unha empresa esencial no noso tecido produtivo como Alcoa, con centros de traballo n’A Coruña e n’A Mariña corre serio risco de pechar o primeiro, o que suporía a supresión de 400 postos de traballo directos e uns 2000 indirectos. Triste paradoxo o de Galicia. Exportamos case a metade da electricidade que producimos e os nosos consumidores domésticos e industriais pagan facturas máis caras, xa non só a respecto da UE, senón co resto do Estado. O sistema tarifario eléctrico español oriéntase decididamente no beneficio do mercado madrileño de grande consumo.
Fronte isto a Galicia do 2014 non ten quen lle valla. Non existe aquela Fenosa galega que promoveu Aluminios de Galicia, precedente de Alcoa. Nin o Banco Pastor nin as Caixas de Aforro. Temos na teoría, si, unha autonomía política e o concello coruñés desfruta de autonomía local. Mais nin o Presidente Feijóo nin o alcalde Negreira teñen a autonomía en cadanseus miolos. Velaí que asistan, caladiños e sen mandar nada, a unha etapa máis do proceso continuo de desindustrialización de Galicia, xa advertido moi recentemente por Luis Pousa.

Feijoo agravou a recesión

A depresión económica que sofre Galicia ten dimensión europea e veu determinada, en moi grande medida, polas dúbidas, inacción ou manifestos erros tanto das Institucións da Unión Europea como dos Gobernos Zapatero e Rajoy. Culpar o Goberno Feijóo sería, xa que logo, inxusto.
Mais é evidente que Feijóo adoptou dende a primavera do 2009 unha liña de goberno marcada pola obsesión da austeridade, da consolidación orzamentaria. E ocorría na altura que a economía galega e, nomeadamente, algúns dos sectores consolidados ou emerxentes (enerxías renovábeis, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais e culturais, automóbil) precisaban de selectivas políticas de fomento e innovación que foron practicamente arquivadas (agás parcialmente as do automóbil) coa chegada de Feijóo a Monte Pío. Outros sectores (naval, mar-industria, agrogandeiro, monte-industria) padecían o desleixo histórico do Goberno español cara eles, polo que precisaban dun acompañamento continuo do Goberno galego e dunha acción exterior decidida de promoción, que tampouco existiu, agás no que atinxe ás xestións mexicanas -aínda sen froito coñecido-.
A Xunta liquidou de feito á súa ferramenta financeira, o IGAPE, mentres asistía pasivamente á venda do Pastor ao Popular e ulterior dilución da Fundación Barrié no seo deste e á venda do Gallego ao Sabadell. E non foi quen a acadar do Goberno Rajoy igual trato para NCG Banco e Bankia, malia partillaren a entidade galega o carácter sistémico desta.
Das resultas deste proceso, o Goberno Feijóo agravou a nosa recesión: na construción naval pasamos, dende 2010, de representarmos o 50% da produción estatal a só o 24%, os nosos subsectores de enerxías renovábeis, TICs e industrias audiovisuais e culturais enfrontaron o peche ou deslocalización, o investimento en I+D+I baixou a niveis de 1993, sen que os sectores agrogandeiro, forestal e monte-industria coñecesen medida eficaz ningunha nestes anos.
Feijóo aínda pode mudar un chisco este proceso se mantén Novagalicia como oferta autónoma de banca minorista para pemes e crea un instrumento financeiro público para Banca corporativa de empresas de certa dimensión. Porén, semella que para o primeiro fáltalle o poder e para o segundo a vontade.

Os abusos da banca

Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixa Bank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Nova Galicia Banco polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os terríbeis efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando os propios BBVA e Santander son propiedade na súa maioría de Fondos e investidores internacionais.
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas, nomeadamente de desconto de bo papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE. Malia que xa non vendan preferentes seguen a presionar ao seu persoal para que comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recorte do emprego.
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de que a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual e que actuase no ámbito da banca corporativa.
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.

Participación na mesa redonda sobre o futuro de Novagalicia Banco, no acto inaugural de CREACORUÑA

A tarde noite do xoves 10 de outubro, o Clube Financieiro Atlántico da Coruña acollía con grande éxito de audiencia e participación, a presentación en sociedade de CREACORUÑA, que debutaba cunha mesa redonda sobre “o futuro de Novagalicia Banco”.
Participaron nesta primeira experiencia os economistas Xosé Antonio Pena Beiroa e Marcelino Fernández Mallo (vicepresidente de CREACORUÑA), o avogado e secretario xeral de AGAPROFI Xoán Antón Pérez Lema, e o xornalista e economista José Luis Gómez, editor de Mundiario, moderados polo xornalista Fran Espiñeira, delegado na Coruña de La Voz de Galicia.
Xosé Antonio Pena ofreceunos una visión do que é o entramado empresarial galego e de como viña operando coas entidades financeiras. Colocounos ante una realidade na que as microempresas son a nota dominante, é dicir, empresas con dez ou menos empregados. As pequenas empresas galegas amosaron tradicionalmente a súa vocación de traballar con entidades con sede en Galicia, tanto polo coñecemento de tecido produtivo que estas amosaban como porque as decisións se tomaban no propio ámbito galego. Hai menos de quince anos, Galicia dispuña de nove entidades financeiras –cinco banco e catro caixas–, que foron desaparecendo ata a situación actual que pode derivar na pervivencia dunha soa, a cal ademais carece dun alto potencial de servizo pola súa escasa dimensión. A desaparición de Novagalicia Banco sería, por tanto, crítica para as pequenas empresas galegas.
Pena insistiu en que na actualidade, as entidades financeiras non están atendendo as necesidades de financiamento das empresas, tampouco Novagalicia. A razón, na súa opinión, radica nos requirimentos de capital que recaen sobre os créditos o cal fai que as entidades tendan a reducir ao máximo as concesións de préstamos, créditos e desconto comercial, incluso o de boa calidade.
Terminou afirmando que, igual que Bankia se pode considerar sistémica para a economía española, Novagalicia Banco será sistémica para a economía galega onde acapara un 40% de cota de mercado. Así pois, o mesmo trato que merece Bankia, ha recibir Novagalicia Banco.
A intervención de José Luis Gómez, moi instrutiva e amena, versou sobre a necesidade de manter Novagalicia como banco galego. A súa desaparición sería un feito histórico de extrema gravidade. Lembrou o editor de Mundiario, a traxectoria do conxunto de entidades que terminou de conformar a Novacaixagalicia actual, e a súa participación directa nas principais empresas galegas a través das súas corporacións industriais. E agora ese pequeno imperio financeiro industrial pode desaparecer para sempre. De feito, leva xa tempo en transo de desaparición. E recordou que o gran atractivo de Novagalicia Banco hoxe en día está na fidelidade que aínda conserva do mercado galego, presentando a maior cota de mercado dunha entidade nunha comunidade autónoma.
Antes as distintas posibilidades existentes, José Luis Gómez afirmou que a entrada dun banco español en Novagalicia implicaría a súa desaparición de facto. Se o comprase o BBVA ou o Santander, terminaría coma o Banco Pastor, sendo simplemente un rótulo no medio da rúa. Se é o fondo americano quen a adquire, a organización manteríase como está durante un número de anos ao cabo dos cales haberiamos ver a situación. Sería un xeito interesante de gañar tempo para que Galicia conseguise artellar unha opción viable para recuperar a propiedade do seu banco principal.
Mais a pregunta clave é: por que queren vender con tanta présa? Quizais pola mala imaxe actual de España nos mercados, que podería mellorar se o banco é adquirido polo fondo americano.
O misterio non acaba aquí, senón que atinxe tamén á pasividade dos políticos galegos (goberno e oposición), así como de empresarios, xornalistas e a sociedade en xeral. Non se debate, non se buscan alternativas, non se sinte a presión do poder político galego, nin sequera se esixen responsabilidades ante un feito que, de concretarse, traería extraordinarias consecuencias negativas para Galicia.
A mellor opción a día de hoxe: é difícil pero non imposible, conservar a sede en Galicia e agardar a recuperar o banco no futuro. A alternativa: volver empezar de cero. E para iso precisamos construír conciencia real de país, apostar por una visión e modelo colectivo, común, para, a partir dos grandes capitais que atesoura Galicia, levantar un proxecto novo financeiro e industrial. A historia nos demostra que se pode facer.
Xoán Antón Pérez Lema subliñou a necesidade de crear opinión e debate en torno aos grandes temas de Galicia entre os cales o futuro de NCG revélase dunha enorme transcendencia. Como secretario xeral de AGAPROFI, e polo tanto con coñecemento de causa, falou de como os aforradores galegos, e tamén os autónomos e pequenos e medianos empresarios, foron afectados pola venta de preferentes e subordinadas. Afirmou que a orixe do gran problema do banco reside na mala xestión das caixas, con operacións inmobiliarias nefastas, que debilitou o seu capital o cal se intentou resolver con activos de alto risco colocados sen garantías aos pequenos aforradores.
Coincidiu con Pena en que a concentración bancaria se traduce en menos oferta e peores condicións para os clientes ademais dos peches de oficinas bancarias nas vilas máis pequenas, o que deixaría a moitos cidadáns sen acceso a servizos financeiros. E considerou que o proceso de venda está a resultar nada transparente e si demasiado acelerado, e que pode rematar nunha auténtica estafa para o cidadán pois finalmente o prezo a pagar pode ser moi inferior ao valor real da entidade.
Ante as opcións sobre a mesa, Xoán Antón Pérez Lema decantaríase, como o menor dos males, pola venda ao fondo americano, esperando que trala operación chegue a solución definitiva para o contencioso en torno ás participacións preferentes.

Por último, Marcelino Fernández Mallo reflexionou sobre a necesidade de reaccionar dende a sociedade e o poder político galego. Manifesta a existencia dun obxectivo oculto na precipitada poxa sobre Novagalicia. Con tal de esperar á data sinalada por Bruxelas, o Estado podería recadar ata tres veces o valor que se manexa hoxe en día. Por iso desbota a posibilidade de que o banco sexa vendido ao fondo americano e suxire que será un banco español quen se faga coa propiedade da entidade galega.
A pregunta clave para el é que podemos facer como país? Ante o que el percibe como unha pasividade xeralizada, entende que a sociedade e, sobre todo, o sistema político galego ten que reaccionar dunha maneira contundente e inmediata para conseguir que o poder de decisión e maila estrutura central da organización permaneza en Galicia.
Por último, formula unha proposta que entende posible. Considera que a economía galega precisa iniciar de vez a súa transformación de cara a nova competitividade global post-crise. Necesita crecer, agruparse, crear novas unidades produtivas, expandirse a novos mercados, adquirir empresas, captar investimentos. E para todo iso, unha banca pública especializada nos servizos financeiros corporativos revélase coma un elemento clave de éxito. Propón Marcelino Fernández a segregación do negocio empresarial actual de Novagalicia para, a través dun spin-off similar ao que se fixo con EVO, crear unha entidade inicialmente pública de intervención nos sectores básicos e de alto potencial económico, e de transformación do tecido empresarial galego. Galicia apenas ten empresas medianas e grandes. Un factor necesario para esta transformación sería un banco público de servizos financeiros corporativos.
Unha vez rematadas as intervencións dos relatores, tivo lugar un ameno debate, con fértil intercambio de ideas e preguntas. En resumo, unha experiencia positiva e proveitosa, o primeiro éxito de CREACORUÑA.

Foto de Nieves Taboada.