Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

Unha resposta de Estado

A resposta que as autoridades e cidadanía catalás deron aos últimos atentados artellouse en clave propia, sen lle pedir permiso a ninguén. A información centralizouna o corpo policial catalán e foi a Generalitat, secundada polo concello barcelonés, a que monopolizou a achega de información. O Goberno central reaccionou serodiamente, eludindo toda imaxe de coordinación e unidade até o venres, cando a actuación policial de Cambrils obrigou Rajoy a asumir visíbelmente a primacía da Generalitat na coordinación das respostas policiais á crise.
Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención de novos incidentes e á protección cidadá. Asemade, reaccionaron proporcionalmente á agresión terrorista de Cambrils, onde a gravísima agresión múltiple de elementos armados xustificaba o uso letal das armas de fogo. Varios medios estatais cuestionaron o rexeitamento da Generalitat a bloquear con bolardos a Avenida das Ramblas, na liña do recomendado hai oito meses polo Ministerio do Interior para toda caste de rúas e avenidas. No caso das Ramblas, ese bloqueo é impracticábel. Poderíase facer na Praza de Catalunya, no seu comezo ou no seu remate a carón do mar, máis nunca impedir o acceso ás Ramblas de todas as rúas laterais ao longo dos seus 1,2 kms. de percorrido, alén das necesidades de limpeza, seguranza e subministracións da vía e dos seus negocios. Xa que logo, estas críticas tentan politizar o debate para desprestixiar ás autoridades independentistas catalás e a actuación da súa Policía.
Os Mossos amosáronse diante da Europa e o mundo todo como unha policía profesional e eficaz. Mais o certo é que até de agora o Goberno do Estado fixo todo o posíbel por subordinar e secundarizar este Corpo policial, negándolle todo acceso á información de Europol, rexeitando durante oito anos a convocatoria da Xunta de Seguridade e impedindo a convocatoria de 500 prazas máis de Mossos que a Generalitat xulgaba precisas para atender á ameaza terrorista no actual nível 4.
Na Europa todos precisamos de todos na resposta á agresión yihadista. Mais Catalunya vén de demostrar que sabe e pode dirixir localmente esta resposta.