A fin do estado das autonomías

A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demais servizos públicos), outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición.
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

O espolio da enerxía galega

Nestes días de seca abrollou a vella vila de Portomarín, asolagada polo encoro de Belesar. A construción dese encoro, canda o de Castrelo de Miño ou da central térmica de Meirama, ilustra a historia dos sacrificios económicos (expropiacións a baixo prezo, desarraigo e emigración da poboación residente) e ambientais que sofriu Galicia para producir enerxía. Entre hidráulica, eólica, térmica e outras fontes a nosa produción (case o 12 por cento da estatal) dá para cobrirmos todo o noso consumo, exportando o excedente, que é case dun 40 %.
Mais a (i)lóxica do centralismo unionista impón unha única tarifa para todo o Estado, impedíndonos ser donos do noso excedente para ofrecer unha enerxía máis barata á nosa industria e ao emprendemento industrial exterior. Decátanse vostedes da cantidade de cartos que perdemos coa tarifa eléctrica única? Unha tarifa pensada para beneficiar o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid (que só produce o 4,5 % do seu consumo) ou o ineficiente carbón asturiano e leonés. E que penaliza nomeadamente a produción industrial dos países produtores de enerxía, como Galicia.
Para máis, os galegos pagaremos máis cara a enerxía cós madrileños, porque dende este ano haberemos pagar entre todos os 23 M€ (uns 12 €/ano por contrato en Galicia) que recada cada ano a Xunta co canon eólico. Un auténtico espolio.
Pois así nos vai. As subvencións ao consumo eléctrico madrileño e ao carbón asturiano e leonés prexudican a nosa competitividade (lembran a espada de Damocles que pende sobre as fábricas de aluminio de Sabón-Arteixo e San Cibrao?) para reter e atraer investimentos industriais que xerarían bos soldos e un substancial incremento do PIB. E os galegos pagamos máis cara unha enerxía que custou moito en termos ambientais, paisaxísticos e de sacrificios persoais de ducias de milleiros de paisanos.
Como adoita pasar, o bipartidismo unionista PP-PSOE segue na figueira. Ou, máis ben, segue a enganar á cidadanía galega dende un discurso da dependencia e da esmola que impide que Galicia constrúa unha política industrial de éxito dende o dereito a decidir sobre o excedente da súa enerxía.