Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.

Alcoa ou a economía produtiva

Bankia, a grande entidade sistémica na que o Estado español inxectou case 24.000 millóns de euros, estafou os investidores canda a súa saída a bolsa do 2011. Seica os seus xestores, dirixidos, quer por Rato, quer por Goirizorri, falsearon os seus dados contábeis para reducir os seus pasivos. O Goberno do Estado non reparou en cartos para que Bankia fose reflotada polo sector público e continúe acubillada nel até acadar unha venda a xeito que garanta un núcleo duro de plena españolidade e confianza. Que diferenza de trato coa poxa pública ás carreiras de NCG Banco!
Mais este Goberno Rajoy, sempre preocupado polos intereses das elites financeiras e extractivas españolas, esqueceu os intereses da empresa industrial e, en xeral, da economía produtiva. E implementou unha reforma tarifaria eléctrica que converte o insumo enerxético nun luxo que desequilibra as contas dos grandes consumidores industriais, fronte a un prezo da enerxía sensibelmente máis barato no resto da Unión Europea.
Este desleixo pola industria agrávase substancialmente na Galicia. Velaí como unha empresa esencial no noso tecido produtivo como Alcoa, con centros de traballo n’A Coruña e n’A Mariña corre serio risco de pechar o primeiro, o que suporía a supresión de 400 postos de traballo directos e uns 2000 indirectos. Triste paradoxo o de Galicia. Exportamos case a metade da electricidade que producimos e os nosos consumidores domésticos e industriais pagan facturas máis caras, xa non só a respecto da UE, senón co resto do Estado. O sistema tarifario eléctrico español oriéntase decididamente no beneficio do mercado madrileño de grande consumo.
Fronte isto a Galicia do 2014 non ten quen lle valla. Non existe aquela Fenosa galega que promoveu Aluminios de Galicia, precedente de Alcoa. Nin o Banco Pastor nin as Caixas de Aforro. Temos na teoría, si, unha autonomía política e o concello coruñés desfruta de autonomía local. Mais nin o Presidente Feijóo nin o alcalde Negreira teñen a autonomía en cadanseus miolos. Velaí que asistan, caladiños e sen mandar nada, a unha etapa máis do proceso continuo de desindustrialización de Galicia, xa advertido moi recentemente por Luis Pousa.

Abanca

NCG Banco mudou a súa marca este xoves, rematando un proceso que pasou pola efectiva adquisición por Banesco do 88% da titularidade do Banco e pola elección dun novo Consello de Administración. Deste xeito, rematou a historia das Caixas de Aforro de Galicia (fica viva, baixo a fasquía xurídica de Cooperativa de Crédito, a Caixa Rural Galega) e máis a fase provisional de nacionalización do principal Banco galego, agora de maioría venezuelana.
Vaia por diante que, no contexto decidido por Rajoy e De Guindos hai agora un ano, o –provisional– remate deste proceso non é o peor posíbel. Seica se salvou o domicilio social e fiscal e a sede operativa no noso País, canda unha marca e unha oferta financeira propias.
O emprego salvouse, tamén, en proporcións moi superiores ca os que conlevaría unha adquisición a prol do Banco Santander, BBVA ou Caixabank. Por outra banda, semella que a nova maioría do capital entende máis a xeito o valor da diferenza, da identidade e da complicidade coa cidadanía galega a respecto dos antigos xestores das Caixas, na liña tracexada pola equipa de Castellano.
Dito isto, cómpre lembrar que a Facenda de todos perdeu 9000 M€ neste proceso e que esta perda podería ter sido moito menor se o Goberno central xogase limpo co noso País, simplesmente outorgándolle a NCG o rango sistémico que lle deu a Bankia e non forzándoa a un proceso de poxa competitiva no peor dos momentos dos mercados financeiros. Galicia perdeu dúas entidades financeiras de base social, e deste feito existen sinalados responsábeis por acción e/ou omisión. As responsabilidades penais, civís e administrativas non poden ficar no xuízo da Audiencia Nacional polo asunto das pensións por cesamento dalgúns dos seus xestores e este intre histórico é o axeitado para, sen nos parar en consideracións, (re) abrir as pescudas que cumpran en Dereito. Doa a quen lle doa.
Cómpre constatar, tamén, que a nova equipa entendeu o dano reputacional que á entidade lle xeraba a crise da débeda subordinada, aínda non resolvida de todo, mais certamente en vías de amaño parcial. Pois na vinculación co aforro galego pode residir boa parte do éxito da futura saída a Bolsa da anovada ABANCA, ligando de xeito estábel o seu futuro co deste País.

Nin crédito nin creto

A peme galega afoga por por falla de crédito. A banca española inviste os cartos baratos que obtén do Banco Central Europeo na ben pagada débeda pública e, suxeita á cobetura do 9% entre recursos propios e alleos, non presta. Mais existe unha grande demanda de circulante baseada en efectos de clientes solventes que a Banca non desconta, condenando á empresa galega a caer nas mans dos usureiros do desconto comercial, cando non á morte. No oligopolio bancario, a limitada capacidade crediticia ao sector privado derívase cara á grande empresa española, a dos sectores regulados e do “capitalismo castizo do BOE”, que pagan uns tipos de xuro do 2,5-3,5 % fronte ao 8-10% que pagan as nosas cando conseguen crédito.
Velaí a necesidade de que Nova Galicia desenvolva banca minorista a pemes e familias no País (límites funcionais e territoriais impostos pola UE), para reducir os negativos efectos do oligopolio bancario e da exclusión financeira. Banca minorista que só será posíbel se non cae nas redes dun banco español. Mais esta subsistencia de Nova Galicia habería ir acompañada da creación dun potente instrumento bancario público, quizais dirixido só ás empresas, para que a Xunta de Galicia puidese vehiculizar unha política de crecemento, desenvolvendo as funcións de soporte do tecido industrial que facían as Caixas e o antigo IGAPE, malia que con mellor criterio estratéxico.
Este fracaso da reforma financeira (a seca crediticia) únese á desindustrialización xeneralizada e perda de posicións nos sectores de futuro, ao altísimo e estábel desemprego, á desmontaxe do Estado do Benestar e aos peores níveis de déficit e débeda públicos. Xa que logo, esta catástrofe tiroulle todo o creto ao Goberno do Estado.
Na Galicia, a maiores, sofrimos un saqueo consentido, cando non planificado, por parte deste Goberno central: quita nas preferentes, machado fiscal ás pensións do extranxeiro, redución real das nosas pensións mínimas, tarifa eléctrica que penaliza o noso esforzo produtor de enerxía, bloqueo dos nosos sectores estratéxicos (mar-industria, naval, enerxías renovábeis, agrogandeiro) e falseamento sistemático dos dados de investimento público estatal. España non é para Galicia, arestora, un bo negocio.

España non representa os intereses galegos

A eventual declaración de incompatibilidade co Dereito da UE do chamado “tax lease”, canda a prohibición para construir barcos a Navantia-Fene, que Aznar pactou coa UE para salvar Navantia das perdas xeradas pola ineficiencia andaluza e cartaxeneira, reflicten que España nunca entendeu a importancia da construción naval galega. Tampouco entendeu nunca a importancia da nosa industria conserveira, da nosa pesca e, en xeral, do carácter fulcral e estratéxico do noso sistema produtivo mar-industria.
Do mesmo xeito, a axenda española cara a negociación da Política Agraria Común (PAC) centrouse só nas producións mediterráneas (olivas, laranxas) e nos intereses das rexións latifundistas, arrumbando os intereses das nosas producións cárnicas e lácteas. Outro tanto cómpre dicir dos nosos intereses do sistema monte-madeira-industria. Mentres, tentouse impoñer dende Madrid un sistema aeroportuario dependente dese xigante que é Madrid-T4, retendo as competencias sobre uns portos que remanecen desconexos e pequenos. Cando estes, xestionados a xeito, haberían ser o grande “hub” europeo cara América no horizonte da nova canle panameña, no 2015.
Certo é que a nosa produción por habitante chega só a pouco máis do 90% da nosa renda dispoñíbel. Mais, de existirmos con voz propia na Europa, ao xeito de Estados da nosa fasquía poboacional (Irlanda, Eslovenia, os países bálticos) semella que o noso PIB tería medrado substancialmente, pois que case todos os nosos sectores empresariais nos que presentamos vantaxes comparativas foron e son sometidos a acoso e soidade. E non precisaríamos daquela ningunha caste de subsidio.
O mapa complétase co desprezo da esquerda e dereita española polas nosas Institucións de autogoberno. Velaí o rexeitamento de Fernández Ordóñez e da montorista Marta Fernández Currás a compareceren diante do Parlamento deste País. Quizais tamén para non ter que recoñecer que, canda a mala xestión dos seus dirixentes galegos, a inviabilidade da fusión das Caixas tivo algo a ver coa proa do PP e PSOE estatais a respecto da pervivencia de toda entidade financeira galega.
O peor de todo é que, cun 5% do PIB e cun 6% da poboación estatal, isto non vai mellorar. Velaí que sexan o autogoberno e o dereito á diferenza as mellores armas para sermos economicamente viábeis.

A ARRINCADEIRA: Yes Scotland
Escocia camiña cara ao seu referendo de autodeterminación de 2014. Moitos escoceses levan gravado a lume que o Goberno de Westminster informara de que Escocia era un país pobre e subsidiado, contabilizando os ingresos do petróleo do Mar do Norte como xerados por un novo territorio chamado “plataforma continental” e distinto de Escocia. Até a lei de transparencia os escoceses non puideron saber do engano do Goberno británico.

España como proxecto

Asubiar un hino é, case sempre, a constatación dunha certa impotencia e falla de ideas alternativas. Mais nunca, de ningún xeito, é ou pode ser un delicto. Quizais sexa un síntoma. Un síntoma de que a convivencia plurinacional na España non desfruta de boa saúde. Como o son as opinións dunha Presidenta madrileña que, a velocidade de cruceiro, amosa querer representar á España intolerante, en certa medida para agochar as mentiras do seu déficit e os fracasos da súa xestión. Malia que, en moi boa medida, tamén, para se postular a xeito da alternativa da extrema dereita madrileña á suposta moderación de Rajoy.
Mais teño para mín que os asubios do 2012 non teñen a mesma fasquía e entidade ca os do 2009. Foron máis intensos e tiñan outra expresión. Moi probábelmente máis social e institucional ca de mera reivindicación nacional. Ou, unha mistura de todo. De fastío a respecto do fracaso daquel proxecto da España da transición, cando os nosos pais acordaron convivir co resto dos cidadáns españois, en pleno respecto á identidade, autogoberno, economía, lingua e cultura de cada un dos países do Estado e, sobre todo, construir unha sociedade inclusiva e cohesionada socialmente, no que ricos e pobres non estivesen afastados por distancias inasúmibeis e as institucións servisen á cidadanía e non todo o contrario.
E, claro, a España do crecemento sen límites e da economía onde máis cartos se podían gañar en pouco tempo, deu paso á España financeiramente afundida e ineficaz. Á España da progresiva recentralización en Madrid, primeiro das infraestruturas, despois da economía e agora da política, que inviste 23.500 M€ en salvar o Banco que algúns (entre eles De Guindos) quixeron que absorbese Caixa Galicia, mentres os españois viven os peores recurtes en servizos sociais, sanidade e educación. Á España dunha institución monárquica que resultou, como pouco, insensíbel cos problemas da xente común e asumiu o rol de ser a primeira abandeirada da España única. Se a isto lle engadimos a criminalización das identidades galega, catalá ou vaca a pouco máis que tenten ir máis aló do mero folclorismo, comprenderemos que España, arestora, non é, xa, aquel suxestivo proxecto en común que os españois da transición debullaron.

A ARRINCADEIRA
Apenas principiamos a albiscar a revolución económica que pode supór aproveitar a nosa vocación portuaria, xusto catro anos antes da apertura da nova canle de Panamá. Galicia non é periférica cando falamos dos tránsitos marítimos entre Europa e América. É dunha centralidade fulcral. Aproveitaremos como País este reto?

A España do caos

Escribín hai dous anos que PP e PSOE e, nomeadamente, os seus líderes, ZP e Rajoy (aos que alcumei no noso galego de “fenómenos”) eran parte do problema e nunca poderían traer a solución. O tempo, no seu rol de implacábel executor do principio de Peter, multiplicou exponencialmente as razóns a prol deste xuizo.
ZP gabábase do sistema financeiro máis sólido do mundo mundial, negaba a crise, vía brotes verdes e pactaba o PP estatal a liquidación das nosas Caixas de aforro, mentres investía milleiros de millóns de euros nun Plan E que non xerou nin emprego estábel nin desenvolvemento tecnolóxico, social ou económico e tivo a triste honra de demostrar que ás veces até o keynesianismo pode fallar, nomeadamente cando non se escollen os obxectivos nin se dimensionan os instrumentos.
Mais sendo a herdanza recibida polo PP unha pexa moi grande, en catro meses Rajoy alargou a sensación de malestar económico e xerou o caos, malia a gozar dunhas primeiras semanas relativamente doces por mor da achega de liquidez do Banco Central Europeo aos principais Bancos. Pero a desconfianza a respecto de Rajoy e do PP xa se fixo, polo menos, tan potente coma a desconfianza a respecto do goberno ZP, ao que contribuíu certamente o adiamento ou agochamento de determinadas medidas como trampa para gañar as eleccións andaluzas.
Pois ben, o PP perdeu as andaluzas, subiu os impostos directos e subirá os indirectos, inxectará entre 12 e 15 mil millóns de euros en Bankia e recortará outros 10.000 millóns de euros da sanidade e da educación, medidas todas non previstas na investidura do 19-D. E, con ser todo isto representativo da súa falla de vergoña política,o peor de todo é a idea que transmiten de que todo isto non chega e que non saben por onde andan. A sensación dun De Guindos, que cada vez que fala sobe o pan. E dun De Wert, un Gallardón ou unha Ana Mato que non saben por onde andan.
Mentres, Rajoy considera que non compre que compareza perante a opinión pública. O mesmo pensa nalgunha fórmula para que non lle sigan, cada día un pouco máis, a asubiar os ouvidos no futuro.

A ARRINCADEIRA: O 15M NO SEU PRIMEIRO ANIVERSARIO
Semella que algúns políticos aprenderon a lección recibida dos demócratas anoxados do movemento 15-M, mentres estes entenderon que i) Galicia non é Soria. ii) Non todos os políticos son iguais. iii) O futuro do movemento é a súa dimensión europea e universal e iv) A clave é puxar por unha fonda transformación social que garanta a cohesión e inclusión sociais e non por unha revolución anarquista ou comunista.