Este 155 é inconstitucional

O artigo 155 da vixente Constitución faculta o Goberno do Estado para intervir o poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn (norma constitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os gobernos e/ou parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver estes e convocar eleccións.
Outros ordenamentos federais ou de estados compostos, como as constitucións italiana e austriaca si prevén a posibilidade de suspender ou anular gobernos e parlamentos territoriais en casos extremos. Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as institucións autonómicas, a medio mesmo do rescate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os gobernos centrais ocupen as institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver parlamentos ou cesar autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes. Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declarase consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.
A aprobación deste 155 vén de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demais nacionalidades, definidas na Constitución e nos estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, vén de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, considerarase legal todo o que acorde o Poder Central do Reino de España.

Estado de excepción de facto

A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza. Tampouco quixo proporlle ao Congreso a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-política dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Rajoy botou man do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquel “la fiscalía te lo afina” do exministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial que tecnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do TSJ de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat. A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de 700 alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona. Mentres, o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado e á propia convivencia entre españois. È posíbel que ninguén se decate en Madrid?