A legalidade internacional do dereito a decidir

Josep Borrell e Josep Piqué, canda Francesc de Carreras e outros unionistas cataláns, veñen de negar o dereito de Catalunya á súa libre determinación “consonte coa legalidade internacional”.
Non hai tal. O artigo 1º do Pacto Internacional de dereitos civís e políticos (1966), plenamente vixente no Estado en virtude do artigo 96 da Constitución, recoñece este dereito de libre determinación a todos os “pobos”. Mais o concepto de pobos adoita tentar restrinxirse polos unionistas aos pobos colonizados ou pobos indíxenas. Porén, o Tribunal Internacional da ONU non limita este concepto ás devanditas categorías, recoñecendo adoito esta cualidade a aqueles que foron considerados no periodo de entreguerras pola Sociedade de Nacións como “nacionalidades”. Velaí o caso de Galicia, recoñecida como tal en Xenebra hai agora 84 anos e tamén de Catalunya, xa recoñecida no 1926.
Quere isto dicir que existe un dereito a decidir de Galicia ou Catalunya recoñecido polo Dereito internacional? Si, e máis aínda, o caso é que este dereito estaría constitucionalmente recoñecido por España, consonte co artigo 96 da Constitución, mentres non derrogue ou modifique o artigo 1 dese Pacto Internacional ao abeiro do procedemento de denuncia previsto no Tratado.
O que ocorre é que o Tribunal Constitucional optou por unha interpretación esencialista da Constitución que descoñece os efectos dos Tratados Internacionais validamente adoptados polo Estado español. Agora ben, señores ex ministros Borrell e Piqué, non insulten a nosa intelixencia…

A arrincadeira. Filosofía si
O traballo da catedrática de Filosofía Carme Adán e de tantas outras persoas foi fulcral para que se presentase hai poucos días perante o Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para recuperar a Historia da Filosofía como materia curricular obrigatoria do 2º de Bacharelato.
A cidadanía respostou de xeito extraordinariamente positivo (asinaron a ILP 8.200), amosando non só que lle preocupa a educación, senón que quere unha educación que posibilite o pensamento crítico e non só provea de contidos. Unha educación que constrúa persoas e cidadáns e non simples produtores ou consumidores.

Precisamos o Partido Nacional

O mérito do “Chamamento de Vidán”, asinado por persoas do prestixio e valía de Xavier Vence -antigo portavoz do BNG- Carme Adán, Ana Luísa Bouza, Ana Rúa, Ana Miranda, Alba Nogueira, os antigos alcaldes de Sada e Boiro Abel López Soto e Xosé Deira, Xabier Toba ou o alcalde con maioría absoluta de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, está en diagnosticar a fin do ciclo do BNG, proclamar a necesidade dun novo partido galeguista de vocación maioritaria e distinguir este obxectivo a medio prazo do obxectivo a curto prazo de construir unha maioría alternativa a Feijóo.
Porén, non pode substraerse a unha certa -e quizais non consciente- pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste Partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís, tamén entre profesionais, líderes sociais e xente nova.
Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes -canda os recentemente adheridos ao Foro Galego e tantas outras persoas adheridas ás distintas Mareas locais- será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio, a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.
De calquera xeito, a construción do Partido Nacional transcende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dunha reformulación xeral e, moi probabelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto-dende logo ben negativo- o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por Compromiso (CXG) terá moito que dicir.
Construír o Partido Nacional requirirá de moita intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.