A campaña da represión

O 27-O o Parlament aprobou a declaración da República catalá, mais axiña viuse que a declaración era só simbólico-política. Ninguén fixo nada por implementar na orde práctica esta declaración política. Nese mesmo serán, o Goberno do Estado disolvía a Cámara catalá, convocando eleccións para o 21-D, e cesaba ao Govern.
Eran medidas que sobardaban absolutamente o marco do artigo 155 da Constitución, que permitía intensas medidas de intervención do autogoberno, mais nunca a anulación do autogoberno. Porén, as Institucións catalás asumiron o seu cesamento sen reaccionar con medidas de desobediencia pacífica.
Así e todo, o falecido fiscal xeral instaba querela contra dos membros do cesado Govern perante a Audiencia Nacional (AN) por uns inexistentes delictos de rebelión e sedición (non houbo violencia ningunha en ningún intre e este elemento é esencial a estes dous delictos), e a maxistrada Lamela enviou o vicepresidente Junqueras e os conselleiros todos ao cárcere, como fixera días antes cos Jordis. Ao tempo, ditaba unha orde europea de detención contra Puigdemont e os membros do Govern que ficaran canda el na Bélxica.
Co tempo, o Tribunal Supremo, que instruía a querela contra da Mesa do Parlament, xuntou as dúas investigacións da AN que tiñan por investigados aos membros do Govern e aos Jordis. E retivo no cárcere aos propios Jordis, ao vicepresidente Junqueras e ao conselleiro do Interior, J. Forn, por considerar que estes podían reincidir en condutas delitivas violentas. Onde viu o maxistrado Llarena esa violencia nas semanas pasadas?
Mais o verdadeiramente rechamante foi a retirada, polo mesmo maxistrado instrutor do TS, da euroorde de detención a respecto de Puigdemont e dos outros conselleiros transeúntes. Semella que as supostas gravísimas condutas que manteñen Junqueras, Forn e aos Jordis no cárcere non han ser perseguidas, malia todo, fóra do Estado español. Había medo no TS de que os xuíces belgas rexeitasen as euroordes?
Catalunya enfronta unhas eleccións ilexítimas na súa orixe e desenvolvidas até arestora sen as mínimas garantías democráticas, cos principais candidatos de ERC e Junts per Catalunya no cárcere ou no exilio. Hai presos políticos e paira a idea, non cinguida ao ambito catalán, de que os donos do chiringuito, os que moven o tripartito dinástico, racharán as regras de xogo sempre que lles conveña.

A toxicidade xurídica da Audiencia Nacional

A Audiencia Nacional (AN) determinou no 2008 en Pleno (é dicir, unificando criterios para todas as Seccións penais) que o delicto de rebelión nunca foi competencia desta Audiencia. Mais a xuíza da AN, Carmen Lamela, en decisión ratificada por unha das súas Seccións, considérase competente para coñecer dos delictos de rebelión e sedición, modificando ese criterio firme establecido en Pleno.
Por outra banda, é evidente que a conduta dos membros do Govern non constitúe delicto de rebelión, por faltar o elemento da violencia. Tampouco a conduta dos Jordis integra o delicto de sedición, por faltar unha incitación á violencia na consecución dos obxectivos políticos.
Nunha democracia, tanto a competencia obxectiva dos Tribunais como a definición das condutas delictivas son de interpretación restritiva. Mais a AN sempre tentou facer interpretación extensiva dos conceptos xurídico-penais. Deste xeito chégase á conclusión de que “todo é ETA”, de que a violencia de baixa intensidade na rúa debe ser perseguida como terrorismo ou que Causa Galiza é unha banda armada.
O problema da AN é de orixe. Adolfo Suárez creouna no 1977 por Decreto-Lei dende a planta do franquista Tribunal da Orde Pública (TOP), que axuizaba delictos políticos. Considerábase que cumpría un Tribunal especial para enfrontar o terrorismo, mais axiña se lle foron outorgando máis competencias. Os seus xuíces instrutores asumiron moitas veces o rol de xuíces-estrelas, ás veces incorrendo en claras ilegalidades, como o abuso da prisión preventiva para acadar resultados nas pescudas. Os seus Tribunais adoitaron impor penas durísimas, estendendo ilegalmente tipos penais e conceptos xurídicos indeterminados ou vulnerando o principio da irretroactividade da lei penal, como no caso da doutrina Parot.
En ningún país da Europa occidental existe un Tribunal excepcional como a AN. Na provisión das súas prazas inflúe nomeadamente un Consello do Poder Xudicial refén das maiorías parlamentarias. E, sobre todo, constitúe unha Corte afastada do territorio e da sociedade e que actúa moitas veces máis como represor do inimigo ca como axuizador do cidadán. Velaí a súa anormalidade fronte ao principio constitucional do xuíz ordinario predeterminado pola Lei e a súa toxicidade a respecto do noso sistema xudiciario.