Efectos do proceso catalán na Galicia

Ocorra o que ocorra hoxe na Catalunya as cousas entre aquel país e o Estado español non serán xa nunca iguais. A fenda é irreversíbel. Mais os separadores, neste contexto, non foron os independentistas, senón as propias elites económicas, mediáticas e políticas de Madrid, que nin souberon nin quixeron ofrecer a unidade de España como fórmula amábel de integración plurinacional, senón como imposición dunha realidade que habería ficar fóra de toda capacidade de decisión cidadá, o mesmo ca a Monarquía. Sempre contando coa axuda dun Tribunal Constitucional escollido só polas maiorías políticas estatais e que decide o 99% das veces a xeito de árbitro caseiro. Como dicía Castelao, o separatismo nace en Madrid.
O proceso, evidentemente, non remata mañá. Mais axiña comezará outro: o da reforma constitucional que esixen as circunstancias para acoller o que é unha realidade social transversal, interclasista e pacífica. O problema catalán non se amaña enviando a Garda Civil ou con represión policial ou xudicial, mesmo con apariencia de legalidade formal. É un problema político.
Os efectos para Galicia deste proceso serán importantes. Na reformulación territorial Galicia non pode conformarse co dependentismo de Rajoy e Feijóo, non pode xogar ser a Rioxa ou Murcia, senón que ten a necesidade de puxar polo máximo autogoberno posíbel, pola máxima autonomía financeira e polo pleno recoñecemento da súa singularidade nacional, a única barreira efectiva contra o noso limitado peso poboacional e económico no Estado. É o momento dun novo relato e só terá éxito se conecta coa xente común, coa sociedade civil.
Mais os efectos irán chegando nas próximas semanas tamén á propia cidadanía. Sectores importantes da dereita urbana, nomeadamente d’A Coruña e Vigo, vanse pechar nun discurso esencialista español cada vez máis incompatíbel coa aceptación da singularidade cultural, política e económica galega. Mais amplos sectores da Galicia máis dinámica evoluirán cara un soberanismo moito máis cívico ca identitario, tanto máis intensamente canto máis evidente sexa que Catalunya saia favorecida do “procès” en termos de ampliación do autogoberno, mellora do financiamento ou recoñecemento do seu dereito a decidir.
Veñen tempos de cambio e cómpre construír sen lle ter medo.

Entrevista para Ideas.gal (xullo de 2017)

Entrevista publicada en Ideas.gal o 28 de xullo de 2017. O orixinal pode consultarse aquí.

1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Galiza/Galicia é a miña patria e a miña referencia no mundo. Son persoa e son galego, son realidades inescindíbeis. O meu sentimento de pertenza e de referencia é absoluto.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

Iremos a menos económica e culturalmente como non consigamos botar fóra ao PP nas seguintes autonómicas, consolidando a meirande cantidade de gobernos locais progresistas nas vindeiras locais do 2019, nomeadamente nos principais concellos.

3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Un país europeo normal e soberano que partillase unha convivencia en pé de igualdade co resto dos pobos do Estado e da Europa, cunha sociedade cohesionada e inclusiva. Penso que as políticas para acadar un tal país son semellantes ás desenvolvidas dende 1997 polo Scottish National Party ou dende 1979 polo PNV… un grande partido nacional que faga socialdemocracia real, non hai outro camiño.

4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

Son esenciais a educación, a Universidade, a investigación, desenvolvemento e innovación, a enerxía o emprendemento empresarial e a cultura. Penso que precisamos un financiamento acaído e iso conleva unha autonomía financeira ampla nun marco de cosoberanía, cando menos. Precisamos gobernar nós os nosos portos e aeroportos e ter ampla capacidade fiscal, ademais de recadar nós os impostos. Desconfío da ladaíña do “somos uns pobriños condenados á solidariedade eterna”. Ninguén é eternamente solidario e ao Estado español interésalle confundir á nosa cidadanía cunha suposta pobreza que non é certa. Para máis queren introducir o debate das pensións, cando o meu dereito á pensión non é territorial, senón persoal e depende de todo o que levo cotizando aquí e aí fóra. España “chuléanos” 500 M€ no financiamento local e 2.600 M€ no autonómico, ademais de impornos unha tarifa enerxética única que impide que poidamos atraer novos investimentos industriais subvencionando o 40% da produción enerxética que España nos obriga a ceder de balde.

5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

O noso país require dunha potente política exterior e dun intenso traballo de visibilización da Marca-Galiza.
Debería profundar a súa relación co espazo lusófono, o iberoamericano, a Europa ocidental e os países de Extremo Oriente, nomeadamente China e Xapón.

6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Unha Galicia soberana e moi universal. Escocia, Noruega e Euskadi son os meus referentes, malia que son realidades ben diferentes das nosas.

7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar. Decidirmos ser nós é o único xeito de garantir o noso benestar. Galicia só supón o 5% PIB e o 5,5% da poboación do Estado e os nosos alicerces económicos para España son perscindíbeis. Así que precisamos da diferenza, do autogoberno, do dereito a decidir… moito máis que Catalunya e Euskadi, como adoita dicir Anxo Quintana.
O dereito a decidir o noso futuro nace da nosa condición de cidadáns maiores de idade dunha comunidade humana nacional e ben singular no mundo. O autogoberno e o exercicio do dereito a decidir son inescindíbeis da calidade de vida e do benestar.

8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

O propio Anxo Quintana e, dos políticos actuais, Luís Villares, canda o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o de Lalín, Rafa Cuíña. Na historia Castelao e Bóveda e na transición Pablo González Mariñas, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. No ámbito cultural e deportivo gostaría salientar Vero Boquete, Manolo Rivas e Teresa Moure, entre moitxs outrxs. Temos unha grande débeda cos nosos creadores culturais, que pagan un grande tributo co seu compromiso cunha lingua e cultura minorizada.

9) Que aspectos do Dereito Galego non son suficientemente coñecidos, ao teu ver?

En xeral, o Dereito Civil Galego é moi descoñecido, malia que os pactos sucesorios de mellora ou apartamento que permiten dispor dos bens propios en vida si arraizaron despois da reforma fiscal que alixeirou no 2016 o peso impositivo do Imposto de Sucesións que indirectamente fixera medrar moito o PP entre 2009 e 2016. Axudou, evidentemente, que o Tribunal Supremo eximise de pagar IRPF aos transmitentes destes pactos. Galicia é un bo país para a sucesión, non só pola carga fiscal, senón pola liberdade de disposición. A lei imperante en todos os territorios do Estado, agás Catalunya, Illes Balears, Nafarroa, Aragón, Euskadi e Galicia, é vella, arcaica e trasnoitada. Afástase da liberdade de testar e resposta a un concepto de familia decimonónico.

Camilo Nogueira

Na recente homenaxe nacional a Camilo Nogueira concorreron todas as forzas políticas e sindicais e unha representación moi plural da sociedade galega. Recoñecéuselle así o seu intensivo traballo, a súa honradez, o seu carácter dialogante e máis a súa teimosía nunha idea cívica, leiga e europea do galeguismo, do patriotismo.
O primeiro acerto de Camilo foi o de albiscar que a autonomía era irreversíbel. Que o Parlamento non era de papel, senón unha realidade que ía influír moito na vida da xente e un ponto de partida cara un auténtico autogoberno. E que cumpría dotar á autonomía dun capital simbólico e normativo que permitise o recoñecemento das Institucións galegas como Poderes lexislativo e executivo dun País e non como unha Mancomunidade de Deputacións. Camilo foi aquí fulcral.
O segundo acerto foi o de reivindicar a europeidade de Galicia e a unidade europea como alicerce do galeguismo. O europeísmo estivera sempre no ADN do galeguismo, até a fundación e primeira evolución da UPG, que procurou os referentes nas loitas anticolonización do Terceiro Mundo. Camilo racha con esta importante tendencia do galeguismo da transición e reivindica o europeísmo de Castelao, Plácido Castro ou Lois Tobío. Para alén disto, demostra que a Citroën non é a multinacional inimiga, senón a principal industria deste País e un dos elementos vertebradores da nosa primeira área urbana. Como tamén reivindica Inditex como fenómeno empresarial nomeadamente positivo, sen o que non se entende a actualidade da nosa segunda área urbana. A foto de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Amancio Ortega e José María Castellano na sede central de Inditex (abril 2001) constitúe un referente da normalización do galeguismo que arestora semella non ser do gosto de bastantes.
O BNG acertou recuperando Camilo para a política institucional no 1997, demostrando que o galeguismo gaña cando é central, xeneroso e inclusivo. Como eurodeputado, facendo uso do galego internacional, exemplificou a forza potencial da Galicia na lusofonía, sen se malmeter en leas normativas estériles. E reivindicou eficazmente na Eurocámara a identidade e os intereses deste pequeno país europeo.
Camilo é dos imprescindíbeis.

O sacrificio persoal da galeguidade

Son recorrentes as opinións que acusan á nosa literatura, creación musical, cinema ou artes escénicas de sobrevivir por mor das subvencións. Segundo estas opinións, os nosos escritores, músicos e creadores tentarían construir un espazo que lles garantise determinadas rendas para, deste xeito, non ter que competir no grande mercado español onde serían -disque- irrelevantes.
Non hai tal. O Goberno do Estado mantén un Ministerio de Cultura e un Instituto Cervantes que subvencionan case exclusivamente os productos literarios e culturais en castelán. Mercedes Peón, Susana Seivane ou Milladoiro están inéditos nas canles españolas de TV, mentres que a TVG acolleu xenerosamente a Manolo Escobar e María del Monte. Os nosos literatos asumen un labor penoso e complementario da propia creación: construír e viabilizar un sistema literario galego, mancando as vizosas posibilidades de suceso profesional que terian de se instalar no sistema literario español. Cal non sería o suceso de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xavier Alcalá de escribir en castelán? Ferrín tería xa acadado o Nobel.
Na empresa temos os exemplos do sacrificio de Peinador, Ricardo G. Pastor e Valentín Paz Andrade. Na Igrexa os de Monseñor Arauxo e o teólogo Torres Queiruga, que en calquera país normal tería chegado a bispo.
Que dicir da política! Bóveda foi asasinado xudicialmente e Castelao houbo de se exiliar, confiscados os seus bens. X. M. Beiras, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez ou Pablo G. Mariñas terían desenvolvido, de pertencer ao PP ou PSOE, cómodas carreiras políticas, mesmo ministeriais. Pola contra, as súas foron carreiras do salmón, contra corrente, sometidos a un acoso ambiental implacábel que mesmo usou do bulo, desprestixio persoal ou acusación falsa para obter os seus obxectivos. E a persecución é tanto máis renarte canto máis se achega o galeguismo a unha praxe transformadora e realista. Velaí a campaña de derrubo político e linchamento persoal sofrida hai anos por Anxo Quintana.
Pechen os ollos e pensen que sería deste País sen a achega intelectual, cultural, empresarial e política do galeguismo. Un ermo nun recanto afastado. Unha Galicia moi distinta, para peor, á que coñecemos.

A singularidade da Marea Atlántica

A Marea Atlántica gañou as eleccións locais n’A Coruña, obtendo 10 concelleiros, fronte ao alcalde Negreira (PP) que retivo outros 10 cuns poucos menos votos. Os socialistas obtiveron 6 e o BNG 1. Ninguén máis obtivo representación.
Cal é a clave para lermos este resultado? De onde saíron estes milleiros de votos que empoleiraron Xulio Ferreiro a unha segura alcaldía? Sen dúbida en xerar un amplo espazo de confluencia. Porque fronte a moitos proxectos que se dicían -e non o eran- semellantes, a Marea Atlántica naceu dun pulo cívico, cun núcleo de arrincada importante de independentes vencellados a unha cosmovisión progresista, galega e coruñesa. Mentres que os seis partidos que apoiaron o encontro, dende Compromiso por Galicia até Podemos ou Equo, pasando polos partidos do espazo AGE, souberon cederlle o protagonismo aos candidatos e á fórmula de unidade. Unidade que o electorado soubo recoñecer e apoiar. Na Marea converxeron nacionalistas e non nacionalistas e toda caste de sensibilidades progresistas. O electorado que quería unha fonda remuda do goberno local soubo velo e votalo. Acadar a unidade dende a pluralidade ten agasallo.
Mais Coruña é de vello un espazo bo para esta caste de proxectos, que recoñecen Coruña e Galicia como proxectos cívicos de todos. Que prefiren a eficiencia da mestizaxe aos purismos estériles. Exemplos témolos a esgalla, na longa historia coruñesa. Nos anos 20 do século pasado os galeguistas defenderon fronte a Risco na Irmandade Nazonalista o pacto cos progresistas e republicanos e Peña Novo foi concelleiro. Castelao e Bóveda atoparon na Marineda un apoio sobranceiro ao seu proxecto de gañaren o autogoberno dende a asociación coa Izquierda Republicana e despois coa Fronte Popular. A CNT da II República era n’A Coruña un espazo pacífico de encontro, lonxe do radicalismo da FAI. E, no 1979, as eleccións deixaron unha escea ben semellante á de agora. Pactouse un goberno plural e Merino foi o primeiro alcalde galeguista e progresista da cidade dende a II República.
Ese espirito plural e amplo, tan propio da galeguidade coruñesa, foi a clave do éxito da Marea Atlántica. O resto, aínda, está por escrebir e depende do bó criterio e sentido común dos gañadores das eleccións coruñesas.

Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde, a quen conmemoramos no vindeiro Día das Letras Galegas, é unha figura cultural de primeira orde que sería, con xustiza, o orgullo de calquera país europeo. As súas achegas a diversas ponlas da nosa cultura son dun valor innegábel. Malia que, quizais, sexa responsábel por omisión de ter agachado Castelao no Museo de Pontevedra, a pesares de contar con tanta obra do noso Daniel.
Canto ao seu labor político, Filgueira foi fiel ao seu conservadorismo fundando Dereita Galeguista no 1935. Un partido que podería ter desenvolvido un rol fundamental na República para atraer aos sectores católicos do País, ao xeito da Unió catalá do mártir Carrasco i Formiguera. De feito, o abraiante trunfo do Si e máis a alta participación do referéndum do Estatuto galego do 28 de xuño do 1936 quizais non se poida entender sen a colaboración da Dereita Galeguista, que mesmo chegou a neutralizar o pulo centralista doutras dereitas.
Agora ben, o que si resulta incompatíbel con todos os parámetros éticos da democracia europea é a súa participación activa no franquismo, chegando ser alcalde de Pontevedra e procurador nas Cortes da Ditadura nos 50 e 60 do século pasado. Porque esta actuación non constituía esixencia ningunha do seu conservadorismo nin da súa catolicidade e si unha plena integración consciente no aparello institucional dun Réxime ilexítimo e opresor, baseado na prolongación da loita civil e na liquidación ou invisibilización do inimigo. Abondan os exemplos de milleiros de persoas que, dende os supostos parámetros ideolóxicos de Filgueira, rexeitaron cargos no franquismo. Tolerarmos eticamente a súa participación política canda o xeneral Franco é incríbel dende a óptica de calquera europeo demócrata.
Podemos, pois, recoñecer os grandísimos méritos culturais do pontevedrés e a súa achega sobranceira ao noso acervo cultural. E mesmo conmemoralos sen restricións. Mais sen esquecer que, canda Heidegger, Carl Schmitt ou Marinetti, o seu activismo político durante o franquismo é incompatíbel coa ética democrática e non terá perdón de Deus por moito tempo que pase.

Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno -outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando a dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
Indalecio Prieto manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou a controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceifando así o campo.
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pagamento dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.

O Papa e a laicidade democrática

O Papa Bergoglio ven de falar perante o Parlamento Europeo. Os eurodeputados de IU, ICV e AGE deixaron os seus escanos a xeito de protesta por un acto que coidaban confesional. Na Galicia, X. M. Beiras declarou que non lle importaba o que dixera Bergoglio, senón só a Igrexa como estrutura de poder que nega ás mulleres os seus dereitos.
Mentres, os eurodeputados de Podemos ficaban na Cámara e o seu líder, Pablo Iglesias, saudaba o discurso do Papa. Un discurso no que Bergoglio dicía que os valores da democracia e da cidadanía son incompatíbeis co dominio dos axentes financeiros e que a dignidade da persoa é incompatíbel coa miseria e coa pobreza severa de tantos na Europa.
Cal é a resposta axeitada dende a laicidade democrática á revolución tranquila que está a desenvolver Bergoglio? Descoñecela, como fai AGE? Ou animala, como fai Pablo Iglesias?
Semella que a dúbida está fóra de lugar. Bergoglio está a desenvolver unha auténtica cruzada contra os abusos sexuais a menores e a corrupción na Igrexa onde está a arriscar moito, porque mesmo chega a desmontar a xerarquía alí onde pense que é preciso. É verdade que a exclusión feminina na Igrexa é inadmisíbel e seica non cómpre agardar grandes novidades a respecto deste tema nos anos vindeiros. Mais os avances son reais. Dende o punto de vista pragmático, Bergoglio é un aliado para as forzas que terman por máis democracia, máis cidadanía ou máis xustiza social, quer no ámbito galego ou estatal, quer no ámbito europeo. Tamén para desmontar o predominio extremista e españolista excluínte da xerarquía católica no Estado.
Outra razón esencial é a da liberdade relixiosa e ideolóxica. O teólogo galego Victorino Pérez Prieto xa nos aprendeu a grandísima achega de cristiáns como Castelao, Bóveda, Moncho Valcarce, Francisco Carballo, Torres Queiruga ou Pilar Wirtz na construción do galeguismo democrático. Defender que os cristiáns progresistas han continuar o seu tránsito cara á non crenza para construír unha alternativa transformadora vai contra os valores de liberdade e democracia que, supostamente, sosteñen os que tal propugnan.
Os cristiáns poden e deben construír democracia e cidadanía sen abdicar dos alicerces éticos e antropolóxicos da súa fe. Os valores da laicidade non esixen do anticlericalismo.

Menos sanidade pública

O galego Dr. Juanatey, un dos máis senlleiros cardiólogos da Europa, vén de dicir que se a mortaldade cardiovascular luguesa e ourensá é ben máis alta que a das áreas coruñesa, viguesa ou compostelá, a razón ben podería ser a falla de mantemento dun Servizo de Hematoloxía operativo as 24 horas no HULA lugués ou no CHOU ourensán. O mesmo doutor lembra que a pobreza xera doenza cardiovascular, e esta morte, e que, desde que principiou a Grande Recesión, a mortaldade resultante da doenza cardiovascular repuntou un chisco. Cos recurtes imos, pois, cara atrás nun eixo tan importante da sanidade e do benestar como é a redución da mortaldade cardiovascular.
A Xunta pechou 2600 camas entre xuño e setembro por mor das feiras do persoal sanitario. Os usuarios son coincidentes en afirmar que a atención sanitaria reduciuse e que o verán é un tempo perigoso para enfermar. Por suposto, dende o Goberno galego o problema non existe ou non está enfocado a xeito. Mais a cidadanía -e o persoal sanitario- din o que dín.
Mentres, a cidadanía asiste pampa como se lle negan os dados esenciais para coñecermos as características da prestación sanitaria que vai desenvolver o Hospital vigués de Povisa a prol dos usuarios desa área do sur do noso País. E os usuarios coruñeses reclaman o reactivamento da Medicina Interna no Hospital Abente y Lago ou o mantemento integral do Centro de Planificación Familiar de Orillamar.
Por non falar da deterioración da asistencia farmacolóxica aos nosos maiores e dependentes desde que existe o copagamento. Ou do gravísimo problema que enfronta un país que xubila aos 65 anos aos seus mellores médicos e sanitarios.

A ARRINCADEIRA. Rajoy segue a apostar polo inmobilismo e a “non política” fronte ao problema catalán, mentres Europa mira con desconfianza a incapacidade do Goberno español para enfrontar este problema. Disque un 20% das persoas catalás que defenden a independencia asumiron esta proposta dende a sentenza do Tribunal Constitucional do 2010. Non por acaso dicía Castelao que o Madrid político fabrica independentistas.

Galicia na España aparente

Por primeira vez, quizais dende a aprobación da Constitución, dende Madrid un conxunto de líderes de opinión vencellados á Universidade, ao xornalismo, á avogacía, á política e á creación cultural (Elías Díaz, Nicolás Sartorius, José Antonio Zarzalejos, Ignacio Escolar ou Ángel Gabilondo) ven de defender “Unha España federal nunha Europa federal”, asumindo como precisa unha reforma constitucional que limite as competencias do Estado blindando as autonómicas, aposte pola unidade federal europea, garanta un financiamento autonómico xusto e equilibrado e recoñeza a identidade plural do Estado.
Das poucas sinais de lucidez da “España aparente”. Os asinantes decátanse que non se fala galego nin catalán por amolar, que o financiamento autonómico e as políticas económicas non son neutrais cos territorios e xeran graves desequilibrios entre eles ou que a recentralización prexudica a unidade europea e a gobernanza aquelada.
O problema é que estes persoeiros tiveron moita menos repercusión en Madrid ca o simultáneo manifesto centralista de Boadella e Vargas Llosa, para o que non hai problema territorial ningún, apenas a axitación do separatismo e doutras xentes de mal pensar e mal vivir. Un manifesto que sintetiza como poucos a cegueira deses superficiais inmobilistas aos que Castelao chamara hai setenta anos como “separadores”.
A reforma constitucional virá máis tarde ca cedo e os galegos teremos que pensar se queremos partillar este inmobilismo político ou aproveitarmos a oportunidade para situar os nosos intereses no centro do debate político. E resolvermos cuestións fulcrais para o noso futuro como as inxustas tarifas enerxéticas, un financiamento autonómico que asfixia á nosa sanidade e aos nosos servizos públicos ao non ponderar o espallamento e o avellentamento da nosa poboación, ou a falla de competencias para gobernar os nosos portos, aeroportos e infraestruturas e para impulsar a nosa economía.
Que Galicia poida contar. E decidir o seu encaixe no Estado e na Europa. Ou iso ou sermos Murcia ou a Rioxa.