Antón Arias, un empresario moderno

O presidente da CEG (a principal patronal galega), Antón Arias, manifestou a título persoal o que manifestaría calquera persoa demócrata e informada: cómpre actuarmos dentro da lei, pero que a cuestión catalá é de natureza nomeadamente política e, xa que logo, cómpre sabermos o que queren os cataláns a medio dun referéndum pactado e suxeito á legalidade.
Na súa curta andaina como Presidente, Arias Díaz-Eimil salientara xa pola súa defensa, despois da Grande Recesión, da recuperación dos incrementos salariais como unha necesidade do conxunto da economía, tanto pola motivación dos seus recursos humanos (o que define unha empresa e é quen de posicionala no mercado) como pola mellora do mercado interior que estas subas salariais xerarían.
Temos, pois, un dirixente patronal que semella introducir un outro xeito de enxergar as cuestións sociais, políticas e económicas, ben diferente da liña continuada desenvolvida pola CEG dende 1977 e, moi probabelmente, ben máis achegada ás pequenas e medianas empresas que vertebran a nosa economía produtiva e a varias das patronais sectoriais e comarcais galegas, moito máis achegadas ao terreo cá liña de Fernández Alvariño et alter, que concibe Galicia como país dependente e subordinado e que colleu tortícole de tanto ollar cara Madrid.
Fronte esta análise moderna, os vellos dirixentes como Fernández-Alvariño (herdeiro da nefasta época da CEG de Antonio Ramilo e Sánchez Sostre) repenican nun mantra que só beneficia aos intereses das grandes empresas financeiras e construtoras-concesionais e que vencella indisolubelmente a actual Constitución real do Estado español (ben afastada da pluralidade inicial do texto de 1978) cos intereses das elites do capitalismo castizo do BOE que dominan a CEOE e, deste xeito, a CEG.
Que un presidente da CEG propoña un discurso moderno e democrático é todo un sinal de que os tempos mudan. Xa que logo, milleiros de autónomos e pemes galegas haberían considerar se non habería que afondar nesta liña de análise, discurso e acción, a única que pode reconciliar a patronal galega coa economía produtiva e coa sensibilidade das maiorías sociais.

Novo paradigma na CEG?

De sempre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ubicouse no político na adhesión á alternativa do PP e economicamente no pensamento máis desregulador e neoconservador, constituíndo ademais unha extensión provincial e acrítica da española CEOE, malia que lle debe a súa existencia obxectiva á mesma realidade do autogoberno. Como nos conta o xornalista Marcos Pérez Pena, nas primeiras eleccións autonómicas de 1981 a CEG prexudicou, no ámbito do centro, á opción do Partido Galeguista (PG) para encher prensa e radio co seu apoio á AP de Fraga e Albor para “frenar el marxismo”. A institución tivo que ser resgatada financeiramente pola Xunta de Galicia (2002) logo do espolio ao que a someteu a xestión malfadada do Secretario Xeral, Rafael S. Sostre e do Presidente Antonio Ramilo, pendente aínda de xuizo.
Xa que logo, o novo xorne amosado polo novo Presidente, Antón Arias Díaz-Eimil, confronta coa liña da CEG nos seus primeiros 37 anos. Arias vén de descualificar o modelo laboral de Rajoy por considerar que é unha máquina de creación de emprego precario e destrución do emprego de calidade. Considera que os salarios han subir e que a negociación colectiva non debe porse límites porque o persoal das empresas ten dereito a planificar unhas expectativas vitais. Opta por distinguiren emprego estábel do temporal, deixando este para as necesidades non estruturais. Renuncia, na orde política, ao partidismo pro-PP da CEOE e non rexeita os novos gobernos locais progresistas porque todo o que é democrático non lle preocupa.
As ideas do novo Presidente da CEG concordan co conxunto das pemes galegas ás que representa, moito máis sensíbeis á mellora da demanda interna (e, xa que logo, á recuperación das rendas salariais) e á existencia de financiamento asequíbel que á redución dos custos salariais. Polo mesmo, teñen sido moi ben recebidas polos novos emprendedores e por determinados dirixentes empresariais comarcais e sectoriais.
Galicia precisa dunha organización patronal que represente os intereses dos seus sectores produtivos con autonomía, tanto a respecto dos intereses do capitalismo castizo de BOE de Madrid canto aos do PP. Que veñen sendo, por certo, os mesmos.

Alvariño na CEG

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) vén de confundir a súa función representativa coas súas lexítimas opinións persoais, aliñando inequivocamente a organización empresarial galega cun determinado partido político por mor da “estabilidade política”. Non se quere decatar Fernández Alvariño da súa función institucional e representativa, que o obrigaría a representar ao seu importantísimo colectivo dende o apartidismo e o respecto á lexitimidade dos concelleiros e alcaldes saídos das pasadas eleccións do 24  maio. Desgrazadamente, a actitude do Presidente da CEG non é nova. O falecido Presidente Antonio Ramilo (1991-2000) identificou os obxectivos da CEG cos do PP, do que foi senador. O mesmo Ramilo que tivo que demitir por graves irregularidades da CEG na xestión dos cursos de formación, polas que segue imputado o seu daquela secretario xeral, Rafael Sánchez Sostre. No nível estatal, o Presidente da CEOE entre 2007 e 2010, Gerardo Díaz Ferrán, defendeu sen pudor ningún os recortes ao Estado do Benestar e máis as rebaixas salariais cando exercía o seu cargo. Logo sería prendido pola creba do Grupo Marsans e arestora está no cárcere. Esta caste de posicionamentos políticos da CEG e da CEOE e máis o claro predominio na súa estrutura e decisións das grandes empresas (IBEX 35 e outras) sobre as medianas e familiares motivan o constatábel afastamento da maioría dos emprendedores e empresarios a respecto destas organizacións xigantescas e pouco transparentes. O que non ocorre coa maioría das organizacións empresariais sectoriais, que viven os problemas do día a día dos pequenos e medianos empresarios e mesmo enfrontan a negociación colectiva cun espirito de diálogo e apertura descoñecido secularmente nos burócratas da CEG e CEOE.
Porque moitas pemes que viven do mercado interior precisan non tanto de reformas laborais como da reactivación da capacidade de consumo das clases medias e traballadoras, o que só se acadará con políticas de crecemento. Neste senso, as políticas de austeridade son, tamén, as peores inimigas do conxunto do tecido empresarial. Nomeadamente das pemes galegas.