A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

A xogada de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57 % de Ferroglobe –o 43 % restante pertence aos socios da compañía norteamericana Globe Speciality Metals–, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría –400 postos de traballo directos e indirectos–, segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir contra ese carácter inescindíbel. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar a venda das centrais hidroeléctricas, existindo un acordo de venda definitivo, só pendente da aprobación por Augas de Galicia, da escisión das concesións hidroeléctricas. O fondo canadense Brookfield pagaralle polas concesións –é dicir, polo dereito a explotar privativamente a nosa enerxía hidroeléctrica– 255 millóns de euros.
Ferroglobe manifestoulle aos sindicatos estatais que só a venda das concesións podería salvar os empregos das fábricas. Velaí que os sindicatos estatais apoiasen esa escisión das concesións como suposto único instrumento para viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte e dos alcaldes todos da bisbarra.
Ferroglobe afirmou que a Xunta haberíalle permitir a escisión das concesións antes do 31 de maio para que sigan en vigor os compromisos do Plan Industrial. Malia esta urxencia, a solicitude de escisión presentouse en Augas de Galicia o 11 de maio e arestora (27 de maio) está pendente dun informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.
Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida. Porén, os 255 millóns de euros que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio na Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57 % de Ferroglobe, nin o presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. Non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo, senón polo desleixo na xestión industrial do Grupo en Galicia. A factoría de Cee está como hai trinta anos e Ferroglobe leva máis de vinte incumprindo a promesa de instalar o forno número trece.
Xa que logo, o Plan Industrial aprobado en Madrid é un mero desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda clase de sospeitas, á vista da falla evidente de argumentos xurídicos e económicos.

A chantaxe de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57% de Ferroglobe, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría (400 postos de traballo directos e indirectos), segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar con urxencia (este mesmo ano) da venda das centrais hidroeléctricas, coas que conta ingresar 255M€ do fondo canadiano Brookfield. Velaí que aprobase un acordo cos sindicatos estatais para que apoien esa escisión das concesións como único instrumento de viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte.
O asunto está claro. Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida.
Porén, os 255 M€ que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio n’A Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57% de Ferroglobe, nin o Presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. E non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo.
A Xunta non ten razóns xurídicas, económicas nin políticas para apoiar un Plan Industrial que é mera expresión dun desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda caste de sospeitas.

Electricidade máis barata na Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida polo sindicato nacionalista CIG para facer posíbel unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia, que aforraría nun 30% as chamadas peaxes da enerxía, co que se acadaría para os consumidores galegos unha media dun 12,5% de rebaixa na factura eléctrica. Cómpre salientar que as peaxes supoñen o 41,5% da factura da luz e o consumo só o 37,5%. O resto son impostos.
Galicia sofre custos ambientais e sociais moi importantes para producir electricidade eólica, térmica ou hidroeléctrica e o 40% desta electricidade consúmese fóra do noso País. Velaí a racionalidade desta proposta. Porque a tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco no 1951 e non se aplica nas principais democracias occidentais (USA, Reino Unido, Austria, Alemaña), que. pola contra, tentan que haxa unha real competencia e pluralidade, tanto na xeración como na distribución eléctricas.
A tarifa única española grava aos países produtores como Galicia e aos grandes consumidores industriais, lastrando gravemente a competitividade industrial galega e, en xeral, a española. O sistema está pensado no capitalismo castizo de amiguetes e na visión centralista das cousas típica do bipartidismo dinástico. Beneficiando ás grandes distribuidoras e aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid, que case non xera enerxía.
A ILP contempla, tamén, a obriga da Administración galega de remediar a pobreza enerxética das familias, definindo esta como a situación na que se gasta máis do 10% dos ingresos familiares en luz e gas e non se garante unha temperatura constante na casa entre 18 e 21 graos.
Que os galegos nos decatemos de que esta tarifa eléctrica é unha estafa non gosta en Madrid. Recentemente, en portada, o xornal “Cinco Días” alcumaba de insolidaria e inconstitucional esta proposta. De inconstitucional non ten nada, só require da reforma dunha lei ordinaria, a Lei do Sector Eléctrico. E, canto á solidariedade… que lles parece producir electricidade, pagala máis cara e que, aínda por riba, perdamos todos os anos 500 M€ de financiamento local e 1460M€ de financiamento autonómico por mor da voracidade da Administración do Estado?
Con que dereito nos alcuman de insolidarios?

A penalización da enerxía galega

A tarifa eléctrica única para todo o Estado é un despropósito. Territorios de alto consumo doméstico non produtores de enerxía, como Madrid, pagan menos ca Galicia, pois que aquí temos que aboar para máis un suplemento polo tributo autonómico que grava a enerxía eólica que producimos.
O sistema centralizado, en xeral, beneficia ás illas Canarias e Baleares, Ceuta, Melilla, ao carbón asturpalentinoleonés e ao grande consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid, penalizando ás grandes empresas industriais e aos consumidores domésticos, nomeadamente aos máis pobres e aos que tentan producir parte da enerxía que consumen. A tarifa única, por outra banda, aproveita a falla dunha política europea da enerxía para impor un trato de favor (nomeadamente apreciábel cos últimos ministros Sebastián-PSOE e Soria-PP) ao oligopolio das tres grandes distribuidoras-comercializadoras: Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa. As tres adoitan ser refuxio de antigos dirixentes socialistas e populares.
As sucesivas reformas da lexislación do sector eléctrico e do marco tarifario, canda o desestimento do concurso eólico do goberno de coalición BNG-PSOE imposto por Feijóo, liquidaron o eólico como sector estratéxico da economía galega e impediron que o noso capital autóctono adoptase posicións sólidas no ámbito da produción enerxética, mentres se reforzaba o predominio da distribución e do transporte. Para máis, a supresión das primas á ininterrumpibilidade puxo en perigo a continuidade empresarial de grandes consumidores industriais galegos, como Alcoa, mentres en Galicia a pobreza enerxética xa afecta milleiros.
Pagamos máis por producir enerxía, malia sufrirmos importantes custos ambientais. Galicia é a grande prexudicada da regulación enerxética. Porque, ademais de pagar máis caro, impedíusenos beneficiarmos do desenvolvemento empresarial do sector das renovábeis.
Velaí que a iniciativa lexislativa popular que vén de promover a CIG, a respecto da necesidade dunha tarifa eléctrica de noso, abra un dos principais debates do futuro económico de Galicia. Falemos, pois, de balanzas enerxéticas e sexamos conscientes dos nosos intereses, que só nós podemos visibilizar.

Unha política resistencialista

En realidade no BNG convivían e, até de agora, conviven dous proxectos nacionalistas moi diferentes. Para simplificarmos a análise (a risco de non sermos precisos ao 100%) grande parte da UPG, MGS e independentes aliados acreditan nunha opción moi cohesionada internamente, de lento progreso no achegamento a novas capas sociais e moi coordinada coa CIG e outras organizacións sociais do ámbito do nacionalismo. Neste prantexamento a tendencia é máis de resistencia e de nuclear unha forza de oposición rotunda ca de gobernar ou transformar de xeito progresivo. Considérase, dende esta perspectiva, que hai unha parroquia propia e desconfíase da ampliación da base social e mesmo da militancia.
Fronte esta cosmovisión, outros sectores dentro e fóra do BNG acreditan dun outro xeito de facer política galeguista: instalada na centralidade, aberta á sociedade, basicamente institucional e constituíndo unha forte alternativa de poder, orientada a moi amplos sectores da sociedade deste País. Mais este polo, maioritario na candidatura onte competencia da que resultou gañadora da Asemblea Nacional do BNG, non monopolizaba esta alternativa, que resultou heteroxénea de máis e, en último de contas, perdedora por moi poucos votos. Claro é que a vitoria ten moitos pais e a derrota é orfa.
Sendo pírrica a vitoria onte da UPG e aliados, non é menos certo que as derrotas orgánicas nunca son doces. E que a UPG resolveu quizais o derradeiro esforzo por lle desputar a hexemonía, o que lle permite xestionar unha organización moi activada que pode gañar apoios na actual recesión, malia que renuncie, como na xuntanza congresual de hai dous anos e medio, a se dirixir dende unha opción central ao conxunto da sociedade galega.
Porén, semella que existe unha sensibilidade abondo ampla para prognosticar que ese proxecto galeguista central, competitivo, moderno e europeo vai estar presente, dun ou doutro xeito, nos próximos anos, cando Galicia (e a Europa toda) se xoga o futuro.

A ARRINCADEIRA
Baltar non pasará á historia por achegar idea ningunha á construción social, nin por desenvolver obras ou servizos sociais úteis. Baltar pasará á historia só pola súa concepción caciquil da política e por ser o autor da máis caluniosa agresión a un candidato (Quintana, do BNG) na historia da democracia, que só unha discutíbel decisión da Audiencia ourensá posibilitoulle eludir o xuízo que decretara a Xuíza d’o Carballiño.