Era visto!

No pasado nadal, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) corrixiu a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) español e determinou que os efectos da nulidade das cláusulas de chan eran retroactivos dende o principio do contrato e non dende maio de 2013, como arbitrariamente decidira o TS para reducir o impacto da sentenza na banca. O TXUE afirmou, ademáis, que cumpría pór aos consumidores na situación na que estarían se a cláusula de chan non tivese existido nunca. É dicir, que se lles pagasen os intereses legais a respecto das diferenzas ao seu favor de cada cota do préstamo.
O Goberno do Estado aprobou o 21 de xaneiro un Decreto-Lei para que os Bancos puidesen atender as reclamacións dos consumidores para a devolución destas diferenzas. Na Galicia varios (entre eles a asociación de consumidores ACOUGA) advertiron que este sistema non amañaba nada, porque non establecía nin un procedemento de arbitraxe nin de mediación. Só axudaba á banca ao favorecer o contacto bilateral non regulado co consumidor no que as entidades aproveitaban a súa prevalencia en organización, medios e información. Moitas solicitudes extraxudiciais foron pactadas en bastante menos diñeiro do que aos bancos lles cumpría pagar aos consumidores. En concreto, a banca case nunca ofreceu pagar os xuros de demora.
Agora o Consello do Poder Xudicial, no que manda a maioría absoluta gobernamental, non prové os medios axeitados para resolver os milleiros de casos que están a entrar nos xulgados por nulidade de cláusulas bancarias. Néganselle á Administración de Xustiza os medios materiais e persoais precisos para que poida cumprir o seu labor constitucional e satisfacer os intereses dos consumidores, como se lle negan tamén eses medios á orde xudicial contencioso-administrativa para revisar a actuación ilegal das Administracións Públicas.
Deste xeito o PP, como antes fixo o PSOE, favorece a banca, grandes corporacións e Administracións Públicas, prexudicando aos consumidores, pemes e cidadáns, furtándolles aos Tribunais, por vía orzamentaria, os medios precisos para que fagan xustiza.

Máis xulgados

A senteza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013 declarou nulas por abusivas as cláusulas de chan dos préstamos hipotecarios dos consumidores de NCG Banco, S.A. (hoxe Abanca), BBVA e Cajamar, mais os seus efectos fixáronse dende esa data e non dende a data de sinatura dos préstamos, ao consideraren que a total retroactividade ía prexudicar gravisimamente ao sistema bancario español. Tratábase dunha teoría xurídica de patacón que tentaba protexer a Banca e que foi desbotada de todo pola Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 21 de decembro de 2016. Este declarou que, no caso de que un xuíz declare nula por abusiva unha cláusula contractual, hai que repoñer ao consumidor na posición que tería se nunca se aplicase a cláusula. Ou sexa, devolverlle os cartos cobrados de máis dende a mesma data do préstamo e, ademais, pagarlle os xuros legais (3 % anual arestora) dende a data dos pagos indebidos.
Eventualmente (case) todas as cláusulas de chan impostas aos consumidores por outras entidades bancarias tamén son abusivas e, xa que logo, nulas. Velaí que o Goberno do Estado tente favorecer á Banca cun sistema de mediación sen garantías, que enfronta ao consumidor nun claro plano de desigualdade co seu banco. Pista para acordos relativamente prexudiciais (quitar a cláusula sen pagar atrasos, non pagar xuros polos atrasos, devolver en especie e non en cartos…) ou para atrasos inxustificados.
A vaga de preitos das preferentes e subordinadas (lembremos as limitacións da solución arbitral da Xunta) amosounos que só coa reclamación xudicial acadará o consumidor a reparación íntegra do seu dereito, percebindo as cantidades adebedadas dende o comezo, os seus xuros legais e, eventualmente, os gastos de avogado e procurador. O sistema de mediación bilateral do que fala o Goberno Rajoy xoga a prol da Banca, que tentará diluír os efectos da enxurrada xudicial en varios anos ou chegando a acordos propios de campaña de rebaixas.
O que cómpre é dotar de máis xulgados, con cadanseus xuíces e funcionarios, para que os consumidores acaden a satisfacción do seu dereito e obteñan unha sentenza a tempo. Cara eventuais atrasos cómpre lembrar que só o consumidor que reclame xudicialmente cobrará intereses sobre as cantidades indebidamente pagadas.

Europa como garantía do consumidor

A evolución da construción da Unión Europea nos últimos vinte anos foi substancialmente negativa. A primacía reitora dos Consellos Europeo e de Ministros (que representan aos Estados) fronte ao Parlamento Europeo ou á Comisión, que representan o interese común europeo determinou as políticas de austericidio no canto de enfrontar as políticas de crecemento que requiría a Depresión. Velaí o bloqueo do Plan Juncker, que planeou unha enxurrada de investimentos para dinamizar a economía europea e o emprego.
Mais o que tampouco pode negar ninguén é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ten desenvolvido unha xurisprudencia que garantiu que Europa sexa unha comunidade de Dereito. Fronte ás sentenzas políticas ás que nos teñen afeitos os Tribunais Supremo e Constitucional españois o Tribunal europeo fía fino con sentenzas xurídicas que lle dan abeiro ao consumidor. Foi o Tribunal europeo o que lle deu unha reviravolta ao procedemento de execución hipotecaria español, permitindo oposicións por argumentos de fondo tradicionalmente vetadas no Dereito procesual español e impoñendo a todos os xuíces estatais o estudo de oficio de calquera cláusula abusiva nas execucións xudiciais. Foi tamén o Tribunal europeo o que declarou abusivos os avais solidarios prestados por persoas físicas que non fosen socios ou administradores das entidades avaladas (mais si, seguramente, os cónxuxes ou ascendentes daqueles).
Os efectos da sentenza do TXUE do 21 de nadal sobardan con moito a anulación da doutrina de patacón do Tribunal Supremo español que limitaba os efectos da nulidade das cláusulas de chan ao 9 de maio de 2013. O que agora dí o Alto Tribunal da UE é que calquera cláusula contractual abusiva ou calquera actuación administrativa ou empresarial que vulnere os dereitos do consumidor han ser eliminadas do mundo xurídico dende o minuto cero, de xeito que ao consumidor se lle restableza na situación da que gozaría se esas cláusulas ou actuacións non tivesen existido.
A aplicación do Dereito nos Altos Tribunais españois está inzada de parcialidades e partidismos. No TXUE rexen os criterios xurídicos e a protección dos dereitos dos consumidores. Europa, desta volta, é unha garantía.

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

Dende fins dos 90 do século pasado foi cotián por case todas as entidades bancarias concertarlle aos consumidores os préstamos con garantía hipotecaria referidos ao Euribor incrementados cunha diferenza adicional (+0,50%, +0,75%, 1%, etc.). Mais introducíase no contrato unha cláusula de chan (normalmente entre o 2,5% e o 4,5%) que actuaba como límite por abaixo. É dicir, se o Euribor máis a diferenza adicional ficaban por baixo do chan aplicábase este.
O Tribunal Supremo (TS) ditaminou que as cláusulas de chan do BBVA, NCG Banco (hoxe Abanca) e Cajamar vulneraban a precisa transparencia, procedendo a anular esas cláusulas. No noso Dereito, os efectos da nulidade consisten en que as partes devolvan o que percebiron cos seus xuros legais dende a data na que se iniciou a relación (é dicir, dende que se outorgou perante notario o préstamo hipotecario). Mais o TS, nese caso, considerou que os efectos despregaríanse só dende a data da sentenza (9 de maio do 2013), non dende a data de cadanseu préstamo, por considerar que doutro xeito poríase en perigo a estabilidade do sistema financeiro. Unha segunda sentenza do TS consolidou esta xurisprudencia, claramente política no canto de xurídica.
Mais algúns xuíces e tribunais dubidaron da compatibilidade desta “doutrina de patacón” coa lexislación europea de protección dos consumidores. E presentaron a oportuna cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que a resolveu determinando para todos os xuíces europeos a obriga de aplicar a nulidade dunha cláusula abusiva dende a data na que naceu o contrato. É dicir, que os tribunais españois, se consideran abusiva unha cláusula de chan, haberán condenar ao banco a lle devolver ao consumidor todas as cantidades cobradas de máis dende a data de formalización do préstamo, como se a cláusula non tivese existido nunca.
Dende a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia vimos xa esta oportunidade a primeiros de ano e formulamos unha demanda colectiva perante o Xulgado do Mercantil d’ A Coruña, xa admitida a trámite, para que Abanca devolva as cantidades cobradas de máis dende as datas de cadanseu préstamo até o 9 de maio do 2013. Unha conta aproximada achéganos uns 7.500-8.000 euros a devolver nun préstamo de 100.000 euros pola diferenza de xuros do periodo novembro 2008-maio 2013. Cantidades moi importantes se pensamos que existen, só no caso de Abanca, 76.000 afectados en todo o Estado.
O TXUE reconciliounos co Estado de Dereito. Parafraseando ao muiñeiro de Potsdam que preiteou co rei de Prusia: “aínda hai xuíces en Luxemburgo”.