Falarmos do importante

Unha das cuestións que amosan o desequilibrio do Estado das autonomías é a absurda centralización do ingreso, que atenta contra a relativa descentralización do gasto. Das resultas deste paradoxo, tres piares fulcrais do Estado do Benestar (a sanidade, os servizos sociais e a educación), fornecidos polas autonomías, non teñen garantido o seu financiamento, dependendo en último de contas do diñeiro que transfira Madrid.
Os supostos expertos e opinadores do dependentismo explican que este sistema beneficia Galicia, porque disque recebimos solidariedade. E poñen como exemplo o déficit das pensións e prestacións da Seguridade Social, porque os nosos pensionistas cobran máis do que recada o sistema dos nosos traballadores e empresarios. Mais os nosos pensionistas son titulares do seu dereito con carácter persoal, sexa cal for o país onde cotizasen. O argumento é, pois, falso.
Mais do que non falan estes supostos expertos é de que Galicia recada uns 13 mil millóns de euros ao ano, mentres a Administración da Xunta só gasta 9 mil M€. Valen os servizos prestados polo Estado na Galicia 4 mil M€? Non o cre ninguén.
Por outra banda, como demostrou dende Somos Nós Xosé Antón Jardón, Galicia recebe do Estado para o financiamento local só o 3,2 por cento, perdendo deste xeito 500 M€/ano, porque o Estado non fai o que debía, que era transferirnos o 5,5 por cento que por poboación nos cumpre e financia máis aos concellos de máis habitantes. Si, a solidariedade.
Velaí que cumpra abrir un debate sobre cartos e servizos públicos, mais sen a caste de trampas argumentais decote usadas polo unionismo. Por exemplo, fixar os servizos que ha prestar o Estado e asignarlles o seu financiamento. O que non é sostíbel e ademais atenta contra o espirito constitucional, é que o Estado, sen ter competencias de vivenda, incida nas políticas autonómicas repartindo fondos de xeito máis ou menos discrecional. Se non ten competencias non habería poder distribuír diñeiro público.
O debate lévanos á viabilidade da xeneralización do sistema de concerto económico, que vén de propor o lehendakari, Iñigo Urkullu. Un sistema no que recadaríamos todos os tributos e lle pagaríamos ao Estado unha cota polos servizos que prestase. Sendo os territorios máis abastados os que fornecerían dous Fondos de solidariedade para a nivelación de servizos e para infraestruturas.

A fin do estado das autonomías

A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demais servizos públicos), outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición.
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

Constitucionalizarmos o dereito a decidir

As cortes xerais a elexirmos o vindeiro 20-D haberían abrir o proceso para unha reforma constitucional que poida encaixar a plurinacionalidade española e axeitar as regras ao século XXI. No 1978 moitas persoas non votamos por idade e os debates monárquico e plurinacional foron limitados polo poder daquel franquismo sociolóxico que inzaba as institucións e que reproduciu algúns dos seus esquemas operativos no modelo da Transición.
Cinguíndonos hoxe só ao modelo territorial, cumpriría reformar o Título VIII para internalizar totalmente o réxime local. Que cada autonomía sexa responsábel da súa organización territorial e réxime local. Quen queira deputacións que as pague. Quen opte pola fusión dos concellos adiante. Ao tempo, cumpriría garantir un financiamento autonómico e local que garantise as correccións precisas por avellentamento e dispersión poboacionais que hoxe non se nos recoñecen.
No nível competencial, cómpre simplificar o réxime atribuíndolle ás autonomías todas as competencias non exclusivas do Estado, que haberían cinguirse ás realmente nucleares. Mais sería intelixente recoñecer o dereito a decidir da cidadanía de determinados territorios para renunciar, se así o prefiren, ás competencias de educación, xustiza, policía e seguranza cidadá e sanidade. A conveniencia dunha autonomía de xestión sanitaria ou educativa da Rioxa ou Murcia é, cando menos, dubidábel.
A Disposición Adicional 1ª, a carón da garantía da foralidade, habería recoñecer a personalidade nacional de Catalunya, Euskadi e Galicia e dos outros territorios que o plebiscitasen no futuro. A estas nacionalidades recoñeceríanselle competencias exclusivas e excluíntes en lingua, cultura, educación, policía e seguranza, Dereito Civil, infraestruturas e políticas económicas e sociais. E, consonte cunha “regra da claridade” inspirada na doutrina do Tribunal Supremo canadiano para o Quebec, recoñeceríaselles o dereito a decidir con determinadas limitacións de participación, votación e tempo mínimo entre referendos.
Esta proposta requiriría só dos trámites da reforma ordinaria (3/5 das Cámaras e maioría cidadá nun referéndum).

¿Puede resolverse con sanciones una pitada a la marcha real como la del Camp Nou?

Si miles de aficionados catalanes y vascos pitan el himno español, eso no se resuelve con sanciones de la Ley Mordaza o enviando la Guardia Civil a casa de tales aficionados. La solución pasa, sin duda, por reconocer la plurinacionalidad del Estado y aceptar que hay millones de ciudadanos que no nos sentimos identificados con la marcha real o la bandera roja y gualda como propia, aunque hayamos de respetarlos. Que miles no lo hayan hecho no debe entenderse como agresión a España, sino a una monarquía y a un régimen institucional que no ha sabido integrar la plurinacionalidad.
La marcha real y la bandera roja y gualda fueron adoptados por la monarquía borbónica como símbolos de una monarquía centralizada, la misma que derogó las libertades catalanas en 1714, los fueros vascos en 1839 y tuvo que aceptar la independencia de las repúblicas americanas y, posteriormente, de Cuba o Filipinas (1898). También la que dividió en cuatro trozos provinciales “como la túnica de Cristo” el Reino de Galicia en 1834 y aplastó la Revolución gallega de abril de 1846. Pero es que este mismo himno y bandera, sustituidos por la República en 1931, representaron la victoria (que no la paz) de 1939.
Bajo esa bandera y a los acordes de ese himno fueron fusilados Alexandre Bóveda, Lluis Companys, Carrasco i Formiguera (fundador de Unió), doce capellanes nacionalistas vascos y cientos de miles de españoles. El problema ya no es la desafección que cientos de miles de gallegos, catalanes y vascos le tengamos a este himno y a esta bandera. El problema es que no representa a millones de españoles por su conexión con un régimen que significó la muerte para muchos, la represión, la injusticia y el atraso durante décadas. Sólo en las generaciones más jóvenes ha existido un cierto rescate cívico de la bandera rojigualda con los éxitos de la selección española de fútbol.
La transición blindó, junto con la Monarquía, este himno y esta bandera, al tiempo que evitó una auténtica ruptura democrática. Los Estatutos de Autonomía fueron sometidos a la jurisdicción de un Tribunal Constitucional que ha desarrollado su función como si de un árbitro casero se tratase, declarando la inconstitucionalidad parcial de las leyes de normalización lingüística o el Estatut aprobado por la ciudadanía catalana y permitiendo una recentralización abierta que ha limitado en gran parte las posibilidades de autogobierno que la Constitución y los Estatutos abrieron.
En fin, el presidente Mariano Rajoy ha intensificado dicha recentralización y ha bloqueado cualquier avance hacia el reconocimiento, no ya del derecho a decidir, sino de toda mejora del autogobierno y de la financiación autonómicas. El sistema institucional español está agotado y cualquier esquema de convivencia plurinacional parece posible, pero ciertamente remota. En estas circunstancias, ¿nos puede extrañar lo ocurrido en el Camp Nou?

A ruptura do pacto de transición

Os que viviron aquelas datas saben que no 1975 e 1976, despois da morte de Franco, existía unha grande crise económica, derivada da do petróleo do 1973 que mancaba gravemente ás clases medias e traballadoras, mentres os níveis de protección social eran moi baixos. Só a educación estaba no camiño de se considerar un servizo universal, ao abeiro da Lei de educación do 1970.
A falla de liberdades e de servizos sociais, a crise económica e o atraso relativo da sociedade española facían un “cóctel” explosivo, tendo en conta que existía tamén unha extrema dereita franquista moi minoritaria, mais ben arraizada nos postos de mando da organización sindical franquista, na burocracia e nas Forzas Armadas. No mundo da esquerda e dos nacionalismos vasco, catalán e galego constatábase a vontade de construír unha democracia dende a ruptura co franquismo e que recoñecese o dereito á autodeterminación das nacións –nacionalidades, na linguaxe da época– que integran o Estado español.
Neste senso, o pacto político e social da transición (que comeza cos acordos económico-sociais dos Pactos da Moncloa, segue coa Constitución e os Estatutos e remata coa crise do 23-F, o trunfo de Felipe González nas eleccións do 1982 e a súa primeira lexislatura) vai atender ao alargamento da clase media, a xeneralización da cobertura do desemprego e a universalización da sanidade e da educación públicas, garantindo un “complemento social” aos baixos salarios e unha certa mobilidade social. En troques, a ruptura fíxose reforma, arquivouse a memoria histórica, garantiuse a impunidade do franquismo e afastouse a cidadanía dun sistema político representativo axiña derivado ao bipartidismo de quenda, á proscrición “de facto” da democracia participativa e a negación do dereito á autodeterminación das nacionalidades, diluindo o seu dereito ao autogoberno no café para todos que tanta úlcera nos deu.
Hoxe o pacto da transición rachou, porque as institucións e partidos españois non foron quen a manter o pequeno Estado do benestar que o facía posíbel. E velaí que cando non se garanten rendas mínimas nin servizos públicos esenciais, a cidadanía reclame o dereito a construír o público por si propria.

Provincias fóra

Louzán destraga 280.000 € dende a deputación pontevedresa en publicidade da volta ciclista, mentres o vello Baltar é condenado penalmente por ter contratado ilegalmente ducias de traballadores para a deputación ourensá. As deputacións manteñen cadanseu presidente, 108 deputados e un aparello custoso sen funcións definidas e sen lexitimidade democrática. O delegado do Goberno do Estado, sen máis funcións coñecidas que a xefatura política das policías estatais, mantén catro subdelegados e unha estrutura periférica duplicada e redundante.
PSOE e PP frearon nos anos 80 e 90 do seculo pasado os esforzos lexislativos de Catalunya e Galicia (do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas) para subordinar as provincias aos Gobernos autonómicos e mesmo abrir o camiño para a súa supresión devagariño. O bipartidismo dinástico seica considerou que as provincias ían ser un eficaz contrapoder que Madrid podería usar contra os Gobernos autonómicos. E o goberno Rajoy ven de potenciar os poderes das Deputacións fronte aos concellos para reducir a calidade dos servizos sociais e centralizar a prol de grandes empresas estatais privadas a súa xestión.
O pensamento galeguista e democrático sempre considerou estas estruturas provinciais como lesivas para a boa gobernanza da Galicia e niños de caciques e xestión desaquelada. Mais, naquela ilóxica centralista do XIX, as catro provincias galegas copiaban os departamentos franceses para construíren cadanseu distrito de 400.000 habitantes no que fose posíbel viaxar no día dende calquera das súas capitais municipais á capital. Hoxe mudou todo. Nunha Galicia na que o 55% da poboación vive nas súas oito principais áreas urbanas e na que decidimos en tempo real a medio da videoconferencia e o correo electrónico, a supresión destes enxendros inùteis e prexudiciais é necesaria.
Até agora sempre invocaban a Constitución. Mais agora albíscanse, si ou si, tempos para a remuda constitucional. Cómpre obter desa remuda, entre moitas outras novas competencias, a capacidade para que Galicia decida sen interferencias o seu réxime local para suprimirmos as provincias.
A lexislatura que comeza a vindeira primavera habería ser a derradeira para as deputacións galegas.

O café para todos

O recente pasamento de Adolfo Suárez lémbranos os erros da transición canto ao desenvolvemento autonómico. Uns erros que se deron, nomeadamente, nos anos posteriores, porque o deseño constitucional respostaba a criterios moito máis acaídos.
A Constitución recoñeceu que Galicia, Cataluña e Euskadi, por ter plebiscitado cadanseu Estatuto na República, tiñan dereito ao acceso inmediato a unha autonomía política, con cadanseu Parlamento e Tribunal Superior de Xustiza. Deseñábase un Estatuto de Autonomía “paccionado”, a negociar bilateralmente e ratificar nun referendum autonómico que de seu implicaba un certo recoñecemento do dereito a decidir. Definíanse Galicia, Cataluña e Euskadi como realidades políticas preconstitucionais facilitándolles cadanseu “status” de amplo autogoberno. A estes territorios engadíaselle Navarra, á quen se lle reintegraba o seu Foro, contemplándose a posibilidade futura de se integrar con Euskadi.
Canto aos restantes territorios, deseñouse un sistema aberto, onde eran as rexións as que tiñan que lle dar pulo á súa transformación en comunidades autónomas, mais dirixidas a un réxime competencial e institucional moito máis reducido, que podería ficar na mera autonomía administrativa sen Parlamento. Abrindo a porta para que as autonomías non históricas puidesen acceder á autonomía plena das nacionalidades a medio dun esixente referendum ou ampliasen o seu autogoberno aos cinco anos.
Este esquema rachouse coa política do “café para todos” que chegou ao enxendro xurídico de igualar as competencias das nacionalidades coas das rexións a medio da transferencia de competencias exclusivas do Estado. E Aznar púxolle o ramo á obra transferindo a sanidade e a educación a territorios que nin querían nin precisaban a xestión descentralizada destas importantes competencias.
Como lle eu dixen este día a Jordi Évole: “O erro foi o café para todos. E ficamos con úlcera de tanto café”.

O Estado Autonómico está esgotado

A Constitución española de 1978 (esa mesma que nin vostede nin eu, nin ninguén menor de 53 anos votou, esa mesma que José Luis Rodríguez Zapatero, Alfredo Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy reformaron en 24 horas para priorizar o pagamento da débeda sobre a sanidade ou a educación) recoñeceu un acceso rápido e privilexiado ao pleno autogoberno para Galicia, Euskadi e Catalunya, únicas para as que o artigo 151 definía cadanseu Parlamento, ao tempo que preparaba unha vía moito máis de vagar e dificultosa para o acceso a un moi limitado autogoberno para o resto dos territorios. Tratábase de resolver o encaixe na España plural das devanditas tres nacións ao tempo que se alicerzaban bases sólidas para políticas de proximidade no resto dos territorios.
Mais o xogo do Partido Socialista co referendo andaluz, o “café para todos” do ministro Clavero da UCD e a progresiva igualación competencial tentaron definir unha caste de descentralización máis administrativa que política e simétrica, que deixaba intactas importantes pulsións recentralizadoras, constantes dende a Lohapa do 1983. España non foi quen de recoñecer que Galicia, por exemplo, tiña que desfrutar do monopolio da execución (o que Manuel Fraga chamaba a Administración única), de plena liberdade para regular o seu réxime local, suprimindo se quixer as provincias, dun bo financiamento, de instrumentos de política económica e de plenas competencias en educación, cultura, lingua, portos, aeroportos e infraestruturas.
Esta simetría emuladora chegou ao límite cando Aznar transferiu a xestión da sanidade e da educación mesmo ás autonomías que non querían asumilas. De feito, a ex presidenta madrileña Esperanza Aguirre denunciou hai meses o que era un segredo por todos coñecido, ao considerar que Madrid non tería que desfrutar de competencias nos eidos da educación e da xustiza. Outras comunidades considéranse cativas de máis para xestionar a sanidade.
O Estado autonómico está esgotado. Mais isto non habería roubarmos azos para pensar nun autogoberno máis amplo para Galicia que sexa, ao tempo, máis eficaz na xeración de benestar.

O grave erro da reforma

O grave erro de concepto de Cristóbal Montoro e Mariano Rajoy no 2013, como o de Felipe González e Tomás de la Quadra no 1985, é crer nunha España única, cunha única problemática local e un único cerebro en Madrid que pretende saber, controlar e gobernar todo. Porque o réxime local pertence, por lóxica, ao ámbito interno do autogoberno galego e a confusión de competencias concorrentes entre Estado e Comunidade Autónoma neste eido, o mesmo que a garantía institucional da supervivencia das Deputacións son dúas das orixes da duplicidade e ineficiencia administrativas e do desbalde de cartos públicos.
Velaí que o que cumpriría, no marco dun federalismo asimétrico -único marco que pode posibilitar a gobernanza desta España plurinacional- sería outorgarlle plenas competencias a Galicia a respecto das súas entidades locais, fóra de dúas regras federais que garantisen o funcionamento democrático e a autonomía financeira dos concellos. Que Galicia regulase o marco competencial e financeiro dos concellos, mesmo propoñendo normativas específicas para fomentar fusións ou, moito mellor, o consorciamento dos seus servizos. E suprimise as deputacións provinciais aforrando 22 millóns de euros/ano.
O Goberno central ven de aprobar un proxecto de lei de reforma local que limitará gravemente a autonomía dos concellos ao forzar a subrogación das deputacións a respecto de moitas competencias municipais. Das resultas desta reforma, uns concellos democráticos cederán grande parte da súa xestión a prol dunhas deputacións provinciais non democráticas e obsoletas, por pertencer á Galicia e España de 1833 e non encaixar na estrutura autonómica do Estado.
Esta reforma, tamén, limitará o Estado do benestar ao igualar por abaixo a prestación de servizos públicos ao abeiro do concepto do chamado “custo efectivo”, desatendendo a advertencia de inconstitucionalidade do seu propio Consello de Estado. Agardemos, xa que logo, que o Parlamento de Galicia e a Xunta defendan a integridade das competencias autonómicas recorrendo esta norma, se chegar a lei, e inaplicando a mesma, dacordo coas competencias exclusivas do artigo 27.2 do Estatuto.

O pacto bilateral con España

De súpeto, a que semellaba imparábel onda recentralizadora refugou non pouco ao abrollar con moita máis forza a realidade dunha grande porcentaxe das cidadanías catalá e vasca que dan por pechado o percorrido do Estado autonómico e plantexan abertamente, cando non a independencia, si algunha caste de fórmula confederal de soberanía partillada ou a xeito de Estado asociado que lles garanta un autogoberno pleno.
É evidente que este proceso vai definir as vindeiras eleccións autonómicas que van vivir estes dous países nas vindeiras semanas. Ao tempo, no resto dos territorios vaise abrindo paso a pulsión recentralizadora a prol de mudar a estrutura xurídico-política. Probabelmente as CC. AA. seguirán a ser entes dotados de autonomía administrativa, mais semella evidente que a autonomía política (capacidade lexislativa dos Parlamentos, axendas propias para o crecemento económico, máis competencias e mellor financiadas) desaparecerá en varias destas rexións que mesmo poden reasignar a prol do Estado competencias tan importantes como a sanitaria, a educativa e a dos medios materiais da Administración de Xustiza.
Onde ficará Galicia? Canda as nacións, loitando por unha relación bilateral co Estado? Canda as rexións, substituíndo o seu autogoberno limitado por unha autonomía administrativa a xeito de Mancomunidade de Deputacións? Está claro que o noso interese económico esixe priorizarmos o factor nacional, diferencial e, con isto, a bilateralidade na relación, porque co 5% do PIB e o 6% da poboación estatal a recentralización condenaría ao noso País á pobreza económica e á marxinalidade. Parte da cidadanía intúe esta realidade, mais non son poucos os que cren que vai ser posíbel ficar como estamos, entre o encaixe bilateral no Estado e a absorción indiferenciada da recentralización. E compre situarmos no mapa, porque xa non vai haber café para todos. Nin tampouco barra libre de recursos.
Velaí que o novo papel de Galicia no Estado esixa unha nova fórmula constitucional e estatutaria de bilateralidade, é dicir, de diálogo na procura do consenso entre as Institucións españolas e galegas para definirmos os límites competenciais e financeiros do noso autogoberno.
O mínimo que lle podemos esixir aos nosos políticos é que perciban a importancia deste repto. Porque se eliximos ser Murcia cando Catalunya e Euskadi deciden ser soberanos estaremos a nos condenar á pobreza económica e á irrelevancia política, cando non á máis apartada marxinalidade.