A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello agoniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades (moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.

A Renda Básica de Integración

O goberno local d’A Coruña presentará este mes no Pleno unha Ordenanza para regular a percepcIón dunha Renda Básica de Integración (RBI) por parte dos residentes que cumpran uns determinados requisitos. A medida constitúe un dos pontos fulcrais do programa electoral que o alcalde Xulio Ferreiro e a Marea Atlántica presentaron ás últimas locais de maio do 2015.
Esta caste de prestacións son esenciais nunha época de crecente exclusión social, coma nesta que vivimos. Na nosa Galicia, a porcentaxe de poboación en risco de exclusión medrou do 16 ao 20%, mentres que tres millóns de cidadáns españois ficaron fóra da clase media dende que comezou a Grande Depresión. Estas Rendas garanten unha existencia digna, concibida como dereito da persoa, e resolven, dende logo, moitas cuestións que ameazan a inclusión social. Dende a pobreza enerxética, até a presión de determinados empregadores que poden usar a actual falla de cobertura social como medio coercitivo para obter traballadores que perceben o salario mínimo por dez ou once horas de traballo.
Adoita obxectarse a esta caste de prestacións un suposto efecto desincentivador sobre a busca de emprego, É dicir, habería supostamente persoas que eludirían traballar para cobrar, no seu canto, esta caste de prestacións. Cómpre desbotar este argumento de patacón. Ninguén con sentido común deixa de traballar para cobrar unha paga de pouco máis de 500 €.
Canto ao impacto na economía global, cómpre dicir que esta caste de rendas suple a falla dun nível mínimo de ingresos, polo que simplemente complementará, no peor dos casos, as pensións contributivas e non contributivas, subsidios por desemprego ou RISGA. E suporá unha dinamización canto aos consumos de primeira necesidade, cun importante impacto na facturación das pemes locais.
En último de contas, a Renda Social de Integración é unha solución acaída e precisa, mais certamente non abonda para resolver os complexos problemas de inclusión e cohesión social que os gobernantes austericidas contribuíron a xerar neste tempo de recesión. E quitará moitas persoas do burato de miseria no que viven.

Respectarmos a aconfesionalidade pública

O balbordo argallado polo PP contra a aplicación en cadanseu ámbito local do principio de aconfesionalidade polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e polo d’A Coruña, Xulio Ferreiro, amosa a pouca asunción pola dereita do principio constitucional de aconfesionalidade (ou laicidade positiva). Segundo este principio constitucional, os Poderes Públicos non teñen relixión oficial, mais han ter en conta as crenzas maioritarias da sociedade para cooperaren coa Igrexa Católica e as demais confesións. É dicir, nin confesionalidade católica nin laicismo, entendido este como o respecto ás confesións relixiosas no ámbito privado e apartamento destas do ámbito público.
Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristiás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañada no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.
Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demais confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuíña, Ferreiro e os demais alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demais confesións, mais de ningún xeito acudiren como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acudirán, se lles peta, coma cidadáns privados.
A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.
Velaí que non haxa que lles mercar o relato.

A pinza PP-PSOE

PP e PSOE seica monopolizaron a representación política dende 1982, despois da desfeita da UCD. O chamado “sistema da transición” é, basicamente, a do bipartidismo dinástico, abeirado na lei D´Hondt e nunha retroalimentación que abrolla con descaro cando é cuestionada seriamente. Se no 1979 a UCD, Coalición Democrática (antecedentes principais do actual PP) e PSOE deron cabo á experiencia do goberno de coalición n’A Coruña de Domingos Merino, hoxendía voltamos á pinza amosada nos recentes Plenos de organización da mesma cidade e de Lugo. O mesmo Feijóo vén de declarar nunha entrevista que quere “un PSOE forte que lle diga non aos nacionalistas e a Podemos”.
En realidade, un dos principais motivos polos que o PSOE, neste contexto, é un problema e non unha solución está no seu carácter de franquicia institucional, que lle merca ao PP ideas como a blindaxe da priorización do pagamento da débeda a respecto do mantemento dos servizos públicos (reforma “express” do artigo 135 da Constitución en outubro do 2011) ou unha idea monolítica de España que tende á continua recentralización e á negación da plurinacionalidade do Estado. E, á vista da iconografía de Pedro Sánchez na súa recente Conferencia Política e da limitada visión territorial de Carme Chacón, semella que o problema ha continuar.
Vivimos un tempo de fondas remudas institucionais, sociais e políticas. Xa que logo, máis cedo ca tarde, o PSOE terá que decidir se quere partillar dun outro relato, axustado a unha idea plurinacional do Estado a unha socialdemocracia renovada e participativa, ou tenciona defender unha democracia de baixa calidade, que despreza os valores da participación cidadá e asume como dogma as estreitas lindes do austericidio.

A arrincadeira: Manuel María, poeta cívico.
Ninguén pode negar o acerto da escolla este ano da Academia a respecto do protagonista do Día das Letras Galegas. Manuel María é o noso máis senlleiro poeta cívico dende Curros. Coherente coa súa ideoloxia, sempre foi persoa atenta e aberta, quen a sumar e tender pontes coas persoas que non pensaban coma ela. Ogallá o 2016, ademais de conmemoralo -canda ás Irmandades da Fala, que cumpren o seu Centenario-, afonde na cultura que preferiu tender pontes a excluír ninguén, como adoitaba facer Manuel María.

Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d’A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña esta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.
Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas: “hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituíra ao alcalde republicano Alfredo Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.
Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa cómpre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mor da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria
Dende a fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.
A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.
O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.
A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses” e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.
Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.
Velaí as esperanzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino. Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as clases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para A Coruña sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperasen, pero non monopolizasen.
Cómpre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como María Xosé Bravo ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.

O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculación coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais esta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

A singularidade da Marea Atlántica

A Marea Atlántica gañou as eleccións locais n’A Coruña, obtendo 10 concelleiros, fronte ao alcalde Negreira (PP) que retivo outros 10 cuns poucos menos votos. Os socialistas obtiveron 6 e o BNG 1. Ninguén máis obtivo representación.
Cal é a clave para lermos este resultado? De onde saíron estes milleiros de votos que empoleiraron Xulio Ferreiro a unha segura alcaldía? Sen dúbida en xerar un amplo espazo de confluencia. Porque fronte a moitos proxectos que se dicían -e non o eran- semellantes, a Marea Atlántica naceu dun pulo cívico, cun núcleo de arrincada importante de independentes vencellados a unha cosmovisión progresista, galega e coruñesa. Mentres que os seis partidos que apoiaron o encontro, dende Compromiso por Galicia até Podemos ou Equo, pasando polos partidos do espazo AGE, souberon cederlle o protagonismo aos candidatos e á fórmula de unidade. Unidade que o electorado soubo recoñecer e apoiar. Na Marea converxeron nacionalistas e non nacionalistas e toda caste de sensibilidades progresistas. O electorado que quería unha fonda remuda do goberno local soubo velo e votalo. Acadar a unidade dende a pluralidade ten agasallo.
Mais Coruña é de vello un espazo bo para esta caste de proxectos, que recoñecen Coruña e Galicia como proxectos cívicos de todos. Que prefiren a eficiencia da mestizaxe aos purismos estériles. Exemplos témolos a esgalla, na longa historia coruñesa. Nos anos 20 do século pasado os galeguistas defenderon fronte a Risco na Irmandade Nazonalista o pacto cos progresistas e republicanos e Peña Novo foi concelleiro. Castelao e Bóveda atoparon na Marineda un apoio sobranceiro ao seu proxecto de gañaren o autogoberno dende a asociación coa Izquierda Republicana e despois coa Fronte Popular. A CNT da II República era n’A Coruña un espazo pacífico de encontro, lonxe do radicalismo da FAI. E, no 1979, as eleccións deixaron unha escea ben semellante á de agora. Pactouse un goberno plural e Merino foi o primeiro alcalde galeguista e progresista da cidade dende a II República.
Ese espirito plural e amplo, tan propio da galeguidade coruñesa, foi a clave do éxito da Marea Atlántica. O resto, aínda, está por escrebir e depende do bó criterio e sentido común dos gañadores das eleccións coruñesas.

Galego e política

Hai agora seis anos a cimeira do PPdeG partillaba canda Rosa Díaz (UPyD) e os sectores máis extremistas contra o “status” xurídico e social da nosa lingua unha demostración nas rúas compostelás contra o Decreto do Goberno de coalición que regulaba o galego no ensino. Decreto que obtivera a aprobación da representante do PP, Manuela López Besteiro, malia trasacordasen no último intre por razóns de cálculo electoral.
Deste xeito, o PP rachaba o consenso lingüístico (presente no Plan de Normalización do 2004, aprobado pola unanimidade do Parlamento) para tentar apañar uns milleiros de votos. Poucos cuantitativamente, pero fulcrais para acadar cadanseu escano adicional nas circunscricións d’A Coruña e Pontevedra. A ladaíña, o conto, da imposición do galego comezaba.
Xa con Feijóo na Xunta, aprobouse unha reforma da lexislación de emprego público que eliminou a obrigatoriedade das probas en galego e promulgouse un Decreto de plurilingüismo que, na práctica, excluiu o galego do ensino infantil nas cidades e do ensino das matemáticas e das ciencias nos níveis educativos obrigatorios. Os orzamentos para a normalización lingüística, mentres, diminuían un 60%.
O Goberno de Feijóo non é o único responsábel dos dados alarmantes reflectidos na última enquisa do IGE, pois que existen outros factores históricos, sociais e económicos. Mais si é responsábel de boa parte da tendencia de devalo dos últimos anos. Nun contexto no que o Estado español non recoñece a igualdade xurídica do galego na Constitución e tende, na práctica, ao monolingüísmo, os Poderes autonómico e locais son os únicos que poden compensar, só en parte, esta tendencia abafante. Por outra banda, o desleixo, cando non neglixencia, do Goberno de Feijóo e dos gobernos locais d’A Coruña e Vigo (este socialista) emitiu unha clara mensaxe: aos que mandan non lles interesa o galego nin que os axentes sociais evolúan cara un escenario de normalización. E as mensaxes do Poder sempre se entenden a xeito.
Velaí que sexa urxente chegarmos a novos consensos sociais para lle dar un novo pulo á lingua, que comece por arrincar o galego da liorta política. Liorta onde, por certo, o meteu o PP ao racharen o consenso lingüistico hai agora seis anos.

De mareas e maiorías sociais (II)

Escrebíamos hai seis meses que estaban a xurdir na Galicia iniciativas cidadás municipalistas que querían artellar novos xeitos de lle dar canle á necesidade de arrombar os vellos xeitos e actitudes á hora de facermos política.
A verdade é que, neste eido, ben se pode dicir que os tempos son chegados, ou están xa a chegar. O 31 de marzo convocaranse as eleccións locais e os procesos que non teñan botado corpo vai ser moi difícil que reaxan nas dez de últimas.
Diciamos en agosto que esta caste de iniciativas querían pobo, querían cidadanía, querían votos. U-la fórmula acaída? Dende logo iniciativa cidadá, cunha boa pinga de independencia e de novos xeitos de facermos a política. O que non haberia é o desprezo de cadansúas identidades orgánicas e de proxecto dos partidos e demais axentes sociais que partillaran cadansúa marea ou iniciativa.
Tamén haberían enxergar fórmulas plurais, transversais, inclusivas. Cómpre, si, inserir na Marea municipal o ecoloxismo, feminismo ou o movemento veciñal operante. Mais, ao mesmo tempo, cómpre inserir ás clases medias maltratadas pola crise: comerciantes de proximidade, pequenos e medianos empresarios, sectores de tendencia conservadora anoxados coa implacabilidade do PP coa súa propria base social… A Marea quere largura social, quere pluralismo cidadán, quere moita xente e moi distinta.
Velaí a necesidade de construír a oferta programática desta caste de alternativas arredor de dous eixos: de máximos no que atinxe á radicalidade democrática, á transparencia, aos valores cívicos. De mínimos no que atinxe ao común denominador programático: emprego de calidade, Estado do benestar, inclusión e cohesión social. Para pormos un exemplo, a eficiencia enerxética e a loita contra a pobreza enerxética han ser vectores fundamentais desta caste de propostas; o decrecentismo non vai ser un valor común. Cómpre distinguirmos ben o que une e o que divide.
Esta caste de propostas han ser pensadas para unha cidade e para un país. No caso da Coruña, para pormos un exemplo, a Marea Atlántica ha pensar nun relato propio para a cidade e para a área urbana, inserido nun país chamado Galicia. Aprendamos de todo o mundo, mais nin Galicia é Murcia nin Coruña é Cáceres, Albacete, Madrid nin Barcelona.

Corrupción endémica e recorrente

O auto de apertura do xuízo oral (que determina que unha instrución penal xa pasa a xuízo e os acusados van sentar no banco) da primeira peza da Gürtel e máis os termos da acusación da Fiscalía Anticorrupción sentan no banco aos tres últimos tesoureiros do PP, para os que se piden severas penas e imputa ao proprio PP como responsábel civil, reclamándolle máis de 250.000 € só polo beneficio directo obtido nuns anos en só dous concellos de Madrid. Fican varias outras pezas separadas desta causa que seguirán a xulgar persoas chave do PP que presidiron Aznar e Rajoy, canda unha organización á que se lle entregou dende a sede popular de Génova a organización de milleiros de eventos na España do aznarismo. Velaí que ao caso Gürtel ben se lle poida chamar caso PP.
O estadio das pescudas da xuíz Alaya reflicten unha corrupción endémica na Administración andaluza, que o PSOE dirixe ininterrompidamente dende 1982. O saqueo dos fondos públicos para a promoción do emprego resulta nomeadamente inmoral, o mesmo que a conciencia xeneralizada de impunidade que acubillaban os altos cargos andaluces atinxidos. Velaí que ao caso EREs ben se lle poida chamar caso PSOE de Andalucía.
E, no noso país, estes días coñecemos do auto da xuíza de instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, no que lle outorga a cualidade de testemuña protexida a un técnico do Acuario coruñés, mentres relata supostas relacións moi íntimas e colusorias entre o actual contratista do mantemento biolóxico do Acuario, algúns dos funcionarios municipais que alí serven e o vicealcalde coruñés Julio Flores. Sen poder determinar a entidade penal destas condutas (a presunción de inocencia ha ser respectada absolutamente) o texto deste auto e o que coñecemos da instrución reflicte univocamente a existencia de comportamentos absolutamente inmorais en termos cívicos, que merecen a absoluta reprobación política. A que agarda o alcalde Negreira para cesar ao vicealcalde Julio Flores? Non se decata o alcalde que está a proxectar o espectro da dúbida a respecto do conxunto do goberno local da Coruña?
A corrupción endémica desprestixia as institucións, dana a competitividade empresarial e manca animicamente a cidadanía, que terma en esixir unha clara remuda de paradigma que recupere para a política os valores da decencia.

Un novo pulo para a lingua

Dicíamos a semana pasada que unha política lingüística eficaz habería apoiarse na complicidade social e mesmo ratificarse a medio dun referéndum ou consulta. Mais que é o que hai que mudar nesta nova política?
O Goberno Feijóo non é o único responsábel do devalo nos usos lingüísticos, mais si un dos principais. E non só polo dano inflinxido por algunhas das súas políticas, senón nomeadamente polo relato desenvolvido dende hai seis anos, como vén de sinalar o sociolingüista e secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Para desenvolver os usos dunha lingua minorizada fronte á privilexiada lingua castelá é preciso, mais non abonda, un relato de goberno a prol da lingua. E este falta dende hai seis anos. O que latexa dende as políticas autonómicas desenvolvidas por Feijóo (supresión da obriga de coñecer a lingua para acceso á función pública, erradicación do galego como lingua vehicular para matemáticas e ciencias) é a idea da prescindibilidade do galego. Os efectos sociais deste relato gobernamental son letais.
Sen dúbida é urxente a remuda nas políticas da Xunta -e tamén nas dos gobernos da Coruña e Vigo-. Cómpre derrogar o Decreto de plurilingüísmo do 2010 para garantir un coñecemento e uso da lingua tan fluídos como os do castelán. Mais tan importante será restaurarmos un consenso político e social sobre a lingua, coa finalidade de quitala fóra do debate político, de xeito que a conxuntura electoral non inflúa no rumo da política a seguer.
Han ser desenvolvidas novas políticas dende o consenso. Políticas radicalmente esixentes coas Administracións Públicas, concesionarios e contratistas das mesmas, pero moi abertas, amábeis e sedutoras coas persoas e entidades privadas. Tentando gañar espazos para o uso da lingua alén da educación e da cultura. Sanidade, xustiza ou empresa son sectores nos que a lingua ten moito por avanzar e nos que axentes sociais coma as Irmandades Xurídica e Sanitaria, Foro Peinador ou a Irmandade de Adegueiros están a desenvolver un traballo dende a base continuado e eficaz. Porque no mundo empresarial, profesional ou deportivo o uso da lingua amosa identidade e a identidade distingue o produto. Mágoa que moitos políticos non o dean entendido.