Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

Respectarmos a aconfesionalidade pública

O balbordo argallado polo PP contra a aplicación en cadanseu ámbito local do principio de aconfesionalidade polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e polo d’A Coruña, Xulio Ferreiro, amosa a pouca asunción pola dereita do principio constitucional de aconfesionalidade (ou laicidade positiva). Segundo este principio constitucional, os Poderes Públicos non teñen relixión oficial, mais han ter en conta as crenzas maioritarias da sociedade para cooperaren coa Igrexa Católica e as demais confesións. É dicir, nin confesionalidade católica nin laicismo, entendido este como o respecto ás confesións relixiosas no ámbito privado e apartamento destas do ámbito público.
Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristiás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañada no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.
Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demais confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuíña, Ferreiro e os demais alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demais confesións, mais de ningún xeito acudiren como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acudirán, se lles peta, coma cidadáns privados.
A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.
Velaí que non haxa que lles mercar o relato.

O perigo das maiorías absolutas

O sistema electoral adoptou a fórmula da proporcionalidade que, non por acaso, resultou ser a menos proporcional de todas: a regra D’Hondt, que permite unha moi importante corrección a prol das candidaturas máis votadas, de xeito que votacións do 43 ou 44 por cento, que en termos de censo resultaron andar polo 26%, permitíronlle no 2011 -por exemplo- ao PP desfrutar a maioría absoluta municipal acadada na Coruña ou en Compostela. Se a isto lle engadimos a obrigatoriedade de que as candidaturas acaden un mínimo do 5% dos votos para obter representación no Congreso, no noso Parlamento e nos concellos, teremos un mapa aproximado das moi restritivas condicións que as leis lle impuxeron á proporcionalidade enunciada teoricamente na Constitución e no noso Estatuto.
Non se trata de que as regras do xogo beneficien ao PP, ao PSOE ou ao sursum corda. Trátase de recuperarmos a proporcionalidade. Por que non apostamos por reflectir unha representación real da sociedade, de xeito que un 3% ou un 12 % dos votos se poida traducir en porcentaxes aproximadas de representación?
Fica a cuestión dos gobernos. Na Europa o normal son os gobernos de coalición e non os de maioría absoluta, porque as sociedades son plurais e as maiorías absolutas haberían ser puramente episódicas. Xa que logo, o normal será que os partidos dialoguen dende o veredicto da cidadanía e acaden acordos que xunten unha maioría da representación que faga posíbeis gobernos estábeis.
Claro que, quizais, habería que comezar a pensar se todas as forzas que acaden representación teñen que entrar nos Gobernos, malia que non se dea unha maioría absoluta a prol dunha única opción. Ao mellor as forzas emerxentes poderían reservarse na oposición sen prexudicar as súas opcións de remuda futura da gobernanza. Mais isto haberíao decidir cada opción en cadanseu momento.

A ARRINCADEIRA
COMPROMISO rexeita participar nas Deputacións. Os galeguistas de COMPROMISO acordaron este domingo no seu Congreso non participar nas Deputacións, por ser organismos inútiles e lesivos para a Facenda de todos e para a boa gobernanza deste País. Se hai consenso político nalgún asunto na Galicia é na nocividade destes entes desbaldadores do carto público pola súa xestión caciquil e ineficiente. Que mesmo poderían caer nunha próxima reforma constitucional.

Tirarmos as hipotecas da lingua

A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.
Cómpre o máximo rigor a respecto das Administracións para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelánfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia.
Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano=nacionalista. Porque só dende políticas flexíbeis e amábeis coa cidadanía (e firmes coas Administracións e axentes políticos) poderá esta sociedade ir illando as condutas contrarias aos valores do civismo democrático dos inimigos do galego, ao xeito de Galicia Bilingüe e demáis freakies de quenda, hoxe desgrazadamente presentes en boa parte das equipas de goberno dos Concellos coruñés e compostelán.
Cómpre, tamén, unha política normalizadora de menos despachos e máis rúa e rueiro para facer popular e cidadá a tarefa a prol da lingua.
Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003. O galego precisa vivir, con normalidade, no contexto da lusofonía construindo máis pontes cara á integración política e cultural da Galicia no seu seo. Seica Alonso Montero podería corrixir as súas non matinadas reflexións e comezar por nomear académicos correspondentes escollidos nos distintos países que partillan a lusofonía, inserindo deste xeito a RAG na súa urdime académica e institucional.
Tamén habería retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, ademais de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización. Cómpre salientar que non hai vulneración de Dereito estatal que alicerce nin este recurso nin o da Xunta, retirado por mor da presión cidadá.