Presos para toda a vida

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se facer 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.
Este último outubro o PNV propuxo, e a maioría do Congreso aprobou, unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai (primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cívico.
Mais a política criminal non pode atender só as lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar os condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.
O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin estes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.
Se é permanente non é revisábel. Se é revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semanticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.

Este 155 é inconstitucional

O artigo 155 da vixente Constitución faculta o Goberno do Estado para intervir o poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn (norma constitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os gobernos e/ou parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver estes e convocar eleccións.
Outros ordenamentos federais ou de estados compostos, como as constitucións italiana e austriaca si prevén a posibilidade de suspender ou anular gobernos e parlamentos territoriais en casos extremos. Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as institucións autonómicas, a medio mesmo do rescate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os gobernos centrais ocupen as institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver parlamentos ou cesar autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes. Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declarase consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.
A aprobación deste 155 vén de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demais nacionalidades, definidas na Constitución e nos estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, vén de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, considerarase legal todo o que acorde o Poder Central do Reino de España.

Catalunya triomfant? Os fitos do procés

Este é o artigo publicado no número 47 da revista Luzes. Pode descargarse aquí: Catalunya triomfant? Os fitos do procés. Xoán Antón Pérez Lema Luzes. Setembro de 2017, ou ler a continuación:

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Angrois: haberá investigación independente

Catro anos da catástrofe de Angrois, semella que teremos unha investigación independente, no canto da parcial investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, sometido ao control político da ex ministra Ana Pastor. A nova dirección do PSOE vén de pedir no Congreso unha comisión independente para a pescuda do sinistro, rachando deste xeito o pacto de ferro que até de agora mantiña co PP para pechar en falso o caso Alvia, nunha clara defensa da xestión do antigo ministro José Blanco. Un ministro que inaugurou a liña Ourense-Santiago de Compostela en decembro do 2011, sen unha avaliación integral da mesma, das modificacións do proxecto e, nomeadamente, da condicións de seguranza da bifurcación d’A Grandeira, en clara vulneración da Directiva Marco de Seguranza Ferroviaria do 2004, como acreditou hai un ano xusto a Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
Este pacto de ferro impediu até de agora unha investigación parlamentaria e administrativa independente e puxo moitas chatas nas pescudas xudiciais. Velaí os atrancos da Vicepresidencia á continuidade dos peritos, nomeados polo xuíz Aláez, Hugo Ramos e Alfredo Matesanz, substituídos por dous funcionarios da Xunta sen experiencia ferroviaria. En outubro do 2015 o xuíz Lago Louro, novo titular da investigación xudicial, rexeitaba novas dilixencias de proba e máis a imputación doutros terceiros alleos ao maquinista. Semellaba, pois, pechada a vía ao coñecemento da verdade.
Mais a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que a Comisión Europea e a ERA escoitasen aos representantes das vítimas, mentres os avogados destas recorrían a decisión xudicial acadando da Audiencia compostelá a reapertura da investigación xudicial en maio de 2016. Dous meses despois a ERA, a instancias de Ana Miranda, descualificaba a investigación da española CIAF por parcial e incompleta e ratificaba a gravísima infracción cometida por España. Mais o pacto de ferro PP-PSOE impedían as investigacións parlamentarias en Compostela e Madrid.
Agora ergueuse o pano no Congreso. Teremos, pois, unha investigación independente. O PP fica só na defensa da escuridade.

Os roubos non reparados do franquismo

O peche en falso da ditadura franquista por mor da transición dos anos 70 determinou que non se reparasen os roubos do franquismo á cidadanía, mesmo que millóns de persoas descoñezan a súa existencia.
Nos primeiros meses posteriores á rebelión facciosa de 1936 incautáronse na Galicia bens e grandes sumas de diñeiro de persoas e familias non afectas ao golpe de Estado. A primeiros de 1937 o réxime franquista institucionalizou estes desapoderamentos ilegais. O sistema evoluiu até o desapoderamento deseñado polas Leis de Responsabilidades Políticas e de Represión da Masonería e do Comunismo.
Moitos galegos foron desposuídos dos seus bens e diñeiro de xeito ilegal e aínda non foron reparados. Velaí o caso do secretario do Concello d’A Coruña, Joaquín Martín (republicano centrista) condenado á morte e executado o 31 de agosto de 1936. A responsabilidade civil derivada da condena ascendeu a un millón de pesetas da época. A súa viúva, filla do esgrevio coruñés Médico Rodríguez, aínda pregaba lastimeiramente da ditadura no 1954 que lle levantasen o embargamento sobre os bens herdados do seu home. Outros casos salientábeis foron os do deputado republicano Miñones Bernárdez (principal accionista da Electra Popular, logo adquirida de saldo pola Fenosa de D. Pedro Barrié) ou do secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, Plácido Castro.
No resto do Estado o despoxo incrementouse coa anulación do valor de todo o papel moeda emitido polo Goberno da República española posterior ao 1936, o que supuxo a incautación de inxentes cantidades de diñeiro emitido contra das reservas de ouro da República.
Dende 1987 aplicouse unha lexislación orientada á devolución dos bens incautados ás organizacións sindicais e políticas, da que se beneficiou nomeadamente a UGT e da que saíron perdendo a CNT, o Partido Galeguista e o PNV, que nunca recuperou a súa sede parisien onde hoxe en día se atopa o Instituto Cervantes. Mais nunca nada se acordou para as familias e empresas desposuídas, como si se fixo na Alemaña postnazista e na Italia postfascista.
Velaí a xustiza da proposición non de lei que veñen de presentar varios partidos no Congreso para que sexan reparados os roubos do franquismo ás persoas e entidades privadas. Porque cómpre, si, que pasemos páxina. Mais non sen lela antes.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

As grandes oportunidades da Lusofonía

A aprobación da iniciativa lexislativa Paz Andrade foi o primeiro chanzo para a aproximación real da Galicia ás lusofonías, mais non será abondo se este proceso segue a ser tan absurdamente lento nun mundo no que as remudas avanzan a grande velocidade. A nosa comunidade lingüística con Portugal na Europa, Brasil na América, Angola, Mozambique, São Tomé e Príncipe, Guiné-Bissau e Cabo Verde na África e Timor Leste na Asia constitúe unha fonte de oportunidades, nomeadamente no eido empresarial, mais tamén no cultural e no político. Para alén, no segundo círculo da lusofonía achegámonos á China a medio de Macau e á India a medio de Goa.
Ben é certo que para facer parte da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP) cómpre ser un Estado soberano e nós non o somos. Mais a realidade especial de Galicia (un territorio semiautónomo pertencente ao Estado español que, porén constitúe o berce do corpus lingüístico galego-portugués) podería xerar un status de seu como observador, nunha eventual reforma consensuada das súas normas internas. Por unha banda, contribuiría ao difícil equilibrio entre a exmetrópoli -o Portugal europeo- e o xigante brasileiro. Por outra banda, a presenza de Galicia na CPLP abriría amplas posibilidades para que o Estado español puidese constituír un segundo aliado na UE dos países lusófonos. Todo serían posibilidades de beneficio, tanto para Galicia e o Estado como para os países da CPLP. Se houber gobernantes intelixentes en Compostela e Madrid este camiño xa estaría percorrido, polo menos en parte.
Achegármonos á CPLP, achegármonos ás lusofonías, ha ser un obxectivo de País. E por iso cómpre que todos os partidos, sindicatos e organizacións empresariais, as tres Universidades, o Consello da Cultura, a RAG e todas as Institucións do País promovan e acorden un Plan Estratéxico “ad hoc”, difundido na sociedade e que remate coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia (canda as iniciativas lexislativas que haxa que promover perante o Congreso estatal).
O achegamento á lusofonía, canda a posta en valor da rede institucional da Galicia exterior, haberían ser os eixos fundamentais da nosa acción exterior extraeuropea. Para estarmos no mundo e valorizar a nosa cultura e personalidade, mais nomeadamente por mor dos nosos intereses económicos.

Os tres erros de En Marea

Aos dous meses do seu éxito, En Marea enfronta unha onda de certa decepción entre o electorado que o empoleirou á segunda praza nas eleccións xerais. O propio profesor Beiras vén de recoñecer defectos de coordinación e desfase entre a coalición e os seus parlamentarios. Defectos tan importantes como para que En Marea asine canda Podemos un documento onde non hai nin unha liña de referencia á axenda galega e onde as propostas de recoñecemento da plurinacionalidade e reversión da recentralización do PP baten contra propostas centralizantes que pretenden crear Ministerios sen competencias (Igualdade, Vivenda, Cultura) ou descoñecen o ámbito competencial dos Gobernos autonómicos.
O primeiro erro de En Marea foi non integrar o Grupo Mixto e deixarse seducir por esa andrómena do Grupo Confederal de Podemos. Velaí Compromís, está no Grupo Mixto e acada unha visibilidade e presenza moi superior á dos deputados galegos.
O segundo erro foi partillar a delegación de Podemos no proceso de negociación para a investidura de Pedro Sánchez, no canto de desenvolver unha actuación propia e autónoma, con representantes de seu, todo o coordinados con Podemos que fose preciso e factíbel. As resultas deste erro tamén son notábeis: Compromis chegou a un preacordo para o recoñecemento e pagamento da débeda pública valenciana e En Marea segue inédita.
E, en último de contas, o terceiro erro é non construír e contar un relato, en Madrid e na Galicia, que faga presentes os problemas e especificidades do noso País no proceso de negociación dunha nova gobernanza. Non é nada doado, require de coordinación, traballo, experiencia e sorte. Pero o crédito electoral que a cidadanía lle outorgou á coalición galega esixe que este relato se artelle e conte a xeito.
Malia todo ten razón Beiras. O importante non é como comece, senón como remate o conto. Claro que para que muden as circunstancias cómpre, si, toda a auctoritas do profesor.
Mais tamén un mundo de cadros, estruturas e técnicas de comunicación e coordinación que polo de agora non se albiscan por parte ningunha.

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.
Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i Llibertat e ERC.
Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en impostos e o que invisten as Administracións Públicas en servizos.
Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca cuberta.
Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos. Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.