Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de moluscos da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 M€ esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento, son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual presidente.
Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española Sáenz de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Soraya Sáenz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez, o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demais, é o Presidente galego.
Velaí o ritmo e sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca aos galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.
Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.
Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como Presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.

Foi unha cazaría

O grande traballo do reporteiro galego Xaquín López para TVE vén de demostrar que a morte do seareiro deportivista Jimmy, o pasado 30 de novembro, non ocorreu das resultas de ningunha liorta concertada, senón da actuación unilateral dos seareiros da fronte madrileña, que atacaron sen provocación ningunha aos seareiros deportivistas cando almorzaban preto do estadio colchoneiro, contra as 8:30 da mañá daquel domingo negro.
Xa ficara demostrado que o mando policial galego advertira da viaxe dos seareiros coruñeses e de que a delegada do Goberno de Madrid, Cristina Cifuentes, mentiu. E agora cae o relato que cociñaron os “media” en Madrid para explicaren o que pasou en clave de equidistancia e mesmo de provocación branca e azul: “quedaron uns radicais galegos cuns rapaces da Fronte Atlética, bateron entre eles e morreu un galego de moi mala vida”.
Iso foi o que nos contaron e o que lles mercaron non poucos galegos, vía determinado medio coruñés. Pouca conciencia do propio amosan aqueles que non son quen a contar o que nos pasa dende a propria percepción e que recorren a un relato importado que degrada aos nosos. Malia que cumpra deixar ben clariño que a TVG e a maioría dos nosos media souberon contar o que pasaba e o que se ía descobrindo.
Cómpre rachar de vez con esa cínica equidistancia e dicir ben claro a realidade. A organización chamada Frente Atlético, canda os teoricamente disoltos Ultra Sur son grupos que partillan unha ideoloxía parafascista e, cando menos, de extrema dereita españolista e rexeitan violentamente calquera idea ou identidade que non sexa a súa. As sucesivas directivas atléticas apoiaron estes extremistas (como denunciou Eduardo Inda, ex director do Marca e pouco sospeitoso de pertencer aos Riazor Blues) e non pasaba nada. Os nosos Blues abranguen unha mesta largura de seareiros, moitos de tendencia progresista, mais de ningún xeito unitarios nas súas tendencias. E que, claro, coma sempre pasa no fútbol, acollen algunhas persoas non moi acaídas nin equilibradas. Grande minoría a respecto da maioría extremista dos atléticos.
Velaí que teñamos que pensar dun xeito á galega de combater esa violencia que tanto lle preocupa, de xeito súpeto, a eses inimigos do deportivismo que se chaman Tebas e os seus compañeiros de quenda.

Quedar ben con Madrid

51 peñas deportivistas, que representan aos sectores máis activos e conscientes da afección, veñen de criticar duramente a política desenvolvida nas últimas datas por Tino Fernández e o seu Consello de Administración, reprochándolles ter preferido “quedar ben con Madrid” antes ca esixir unha pescuda xudicial a xeito que descubra os asasinos de Jimmy e antes ca defender unha “política contra a violencia que non sexa equidistante entre as vítimas e os agresores”.
Arrepía pensar en que sexan o propio Ministerio do Interior e a Delegación do Goberno en Madrid, responsábeis por omisión desta morte, os mesmos que fabricasen o relato que se lle vendeu aos media madrileños (agás algunha excepción honrosa) e que de aló exportaron ao resto do Estado, mesmo a algúns media do noso país. Un relato onde os malos son os galegos, que veñen amolar aos da capital, que serían moi bullangueiros e moi de saltar á primeira, coma bos latinos. Porque focalizando na vítima no canto dos asasinos conseguen que menos xente se pregunte polas mentiras de Cristina Cifuentes, que coñecía dende tres días antes que 50 blues viaxarían na mañanciña do domingo 30-N. Que menos xente se pregunte que está a ocorrer na investigación, que en 15 días non foi quen a xerar unha soa detención nin unha soa explicación.
Para a cidadanía galega feitos coma estes haberían servir para aprendermos como, para o que non interesa, non somos considerados da Casa. A decisión política, as elites financeiras e mediáticas, a conformación da opinión dunha España a cada máis polarizada e centrípeta…están en Madrid e Galicia, co 5% do PIB e o 6% da poboación, non conta. Moito menos A Coruña nin o Dépor.
Velaí que sexa tan importante mirar polo noso e apostar sen dúbidas por máis autonomía mental. Por máis capacidade para formarmos os nosos propios xuizos dende aquí, o que esixe tamén máis coñecemento e achegamento á nosa propia contorna. E velaí que sexa tan deprimente que tanto o Presidente de Galicia como o alcalde da Coruña prefiran tamén quedar ben con Madrid, mercándolle a súa falaz historia, antes ca defender o verdadeiro relato dos feitos que, se non coñecen, haberían coñecer en razón do cargo que ocupan. Precisamente polo voto da cidadanía galega e coruñesa.