Sobrevivirmos como país

Galicia precisa para sobrevivir como país viábel un conxunto de políticas autocentradas que garantan o benestar. Políticas que rachen co dependentismo, coas visións colonial ou provincial de Galicia para entendela como eixo de actuación e centro das perspectivas todas. Políticas que poñan en valor os nosos sectores estratéxicos, que son secundarios na visión do Estado e que tenten crear emprego de calidade e xerar valor nas actividades económicas, rachando coa visión extractiva e dependente que de Galicia ten o capitalismo de amiguetes español. Segundo a información dos procesos electorais dos últimos 20 anos entre o 18 e o 30% asumen en maior ou menor medida estes parámetros. Hai pobo.
Non hai que escoller entre a clave nacional e a clave social. Galicia non ten un problema de loita de clases, senón de secundarización e dependencia a respecto dun Madrid sen forza industrial, mais coa meirande parte dos recursos financeiros, políticos e mediáticos remando ao seu favor. Un Madrid que ameaza devorar España toda como xa fixo en grande medida coa Meseta.
Velaí que as políticas centradas en Galicia como suxeito, haberían basearse nun proxecto moi amplo, plural e transversal, que chegue ás maiorías sociais, que suma e non divida. Un proxecto que require de lecturas modernas e actualizadas da realidade, fuxindo dos lugares comúns impostos polos dogmatismos. Require de visións amplas e xenerosas: non importa tanto de onde veñen as persoas senón onde queren ir. Require de adoptar acordos dende mínimos comúns denominadores susceptíbeis de sumar centos de milleiros. Require dun sentido pragmático que evite os sectarismos e as propostas exóticas ou minorizantes.
O radicalizado nacionalismo español, que profesan PP, C’s e mesmo amplos sectores do PSOE estatal tenta liquidar calquera Poder galego real (na política e cultura, mais nomeadamente na economía). Por iso compre que se dean pasos urxentes cara á materialización destas formulacións. En Marea e BNG haberían asumir neste proceso un rol protagónico, mais o espazo dos autónomos e pemes onde tenta implantarse CXG tamèn é fundamental nun proxecto transversal.
A parte máis dinámica e moderna da sociedade galega agarda solucións e non teorías. Porque do que se trata é de sobrevivirmos como país.

Galicia e a reforma constitucional

A crise política xerada pola cuestión catalá saldouse cun certo reactivamento do nacionalismo español, que arela consolidar un proceso de recentralización que vén de lonxe para converter o autogoberno en mera descentralización administrativa e garantir a total supremacía das elites financeiras e mediáticas de Madrid e dos grandes lobbies estatais da distribución enerxética e das actividades concesionais e de grandes construcións.
Este reactivamento e máis a transformación de Núñez Feijóo no candidato á sucesión de Rajoy preferido por estes sectores está a lle dar azos á explicación dos problemas e intereses galegos en clave dependentista. Segundo estas teses unionistas cómpre que Galicia loite por máis España para garantirmos a solidariedade do Estado, xa que non somos quen de nos valer por nós propios.
O argumento é claramente falso, porque o que a Galicia lle cómpre non é máis España, senón máis Galicia, menos España e máis Europa. Porque se Catalunya e Andalucía poden xogar coa súa forza poboacional ou por PIB, nós só achegamos o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da súa poboación. Ademais, os nosos alicerces económicos, os nosos intereses, non son relevantes para o Estado, senón prescindíbeis. Velaí que a nosa única ferramenta de benestar sexa un autogoberno ampliado, blindado e ben financiado.
Euskadi e Navarra, con cadanseu financiamento foral, poden preferir non abrir un proceso de reforma constitucional en clave de federalización real e asimétrica, mais Galicia só conta con esta vía para ter opcións cara á súa estabilidade e benestar social e económico. Porque esa reforma habería garantir ferramentas competenciais fundamentais para o benestar, como a xestión da AP-9 e de todos os portos, aeroportos, estradas e ferrocarrís, as competencias exclusivas en réxime local (para poder suprimirmos as custosas e innecesarias Deputacións) ou a blindaxe competencial a prol da Xunta nas áreas esenciais das políticas enerxética, industrial, agraria e social. Canda esta blindaxe competencial, precisamos un financiamento acaído, baseado na autoxestión de todos os tributos. Cumpriría que o tecido empresarial, universitario e social asumise esta necesidade e prepararmos en serio para o proceso de reforma que ha vir máis tarde ou máis cedo.

Falarmos do importante

Unha das cuestións que amosan o desequilibrio do Estado das autonomías é a absurda centralización do ingreso, que atenta contra a relativa descentralización do gasto. Das resultas deste paradoxo, tres piares fulcrais do Estado do Benestar (a sanidade, os servizos sociais e a educación), fornecidos polas autonomías, non teñen garantido o seu financiamento, dependendo en último de contas do diñeiro que transfira Madrid.
Os supostos expertos e opinadores do dependentismo explican que este sistema beneficia Galicia, porque disque recebimos solidariedade. E poñen como exemplo o déficit das pensións e prestacións da Seguridade Social, porque os nosos pensionistas cobran máis do que recada o sistema dos nosos traballadores e empresarios. Mais os nosos pensionistas son titulares do seu dereito con carácter persoal, sexa cal for o país onde cotizasen. O argumento é, pois, falso.
Mais do que non falan estes supostos expertos é de que Galicia recada uns 13 mil millóns de euros ao ano, mentres a Administración da Xunta só gasta 9 mil M€. Valen os servizos prestados polo Estado na Galicia 4 mil M€? Non o cre ninguén.
Por outra banda, como demostrou dende Somos Nós Xosé Antón Jardón, Galicia recebe do Estado para o financiamento local só o 3,2 por cento, perdendo deste xeito 500 M€/ano, porque o Estado non fai o que debía, que era transferirnos o 5,5 por cento que por poboación nos cumpre e financia máis aos concellos de máis habitantes. Si, a solidariedade.
Velaí que cumpra abrir un debate sobre cartos e servizos públicos, mais sen a caste de trampas argumentais decote usadas polo unionismo. Por exemplo, fixar os servizos que ha prestar o Estado e asignarlles o seu financiamento. O que non é sostíbel e ademais atenta contra o espirito constitucional, é que o Estado, sen ter competencias de vivenda, incida nas políticas autonómicas repartindo fondos de xeito máis ou menos discrecional. Se non ten competencias non habería poder distribuír diñeiro público.
O debate lévanos á viabilidade da xeneralización do sistema de concerto económico, que vén de propor o lehendakari, Iñigo Urkullu. Un sistema no que recadaríamos todos os tributos e lle pagaríamos ao Estado unha cota polos servizos que prestase. Sendo os territorios máis abastados os que fornecerían dous Fondos de solidariedade para a nivelación de servizos e para infraestruturas.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

A hora da coalición nacional

A crise política que vivimos determinará en poucas semanas unha evolución cara un Estado que lle dea mellor encaixe á plurinacionalidade española ou, pola contra, unha involución cara unha recentralización que rebaixe a autonomía política das nacionalidades, recoñecida provisionalmente antes de se aprobar a Constitución, a unha mera descentralización administrativa.
En calquera dos dous casos Galicia non ten unha estratexia gañadora, porque o seu Goberno asume o máis submiso dependentismo a respecto do Madrid político e económico. Porque se o Estado evolúe cara á plurinacionalidade, esa reforma non incluirá Galicia se o país non reivindica a súa singularidade nacional, como fixo no 1978 e no 1979. Mais se o Estado involúe cara á recentralización absoluta Galicia tamén terá que reaxir, porque un país cun PIB e poboación pouco superiores ao 5% estatais que depende de alicerces económicos estratéxicos que para o Estado son prescindíbeis, precisa dun amplo e ben financiado autogoberno e a recentralización só lle pode ser prexudicial en termos de benestar social e económico e de desenvolvemento político e cultural.
Velaí a necesidade de trascender os marcos que limitan as leiras de cada quen e superar a actual división orgánica do galeguismo político para construír unha grande coalición nacional aberta a todas as persoas e entidades que asuman Galicia como referencia vital e suxeito político e acrediten nunha política de inclusión e cohesión que resposte aos intereses das maiorías sociais.
Esta coalición habería entender a pluralidade do País para comunicar en termos de interclasismo e transversalidade social. Os reptos de futuro do noso país non se entenden en termos de loita de clases, senón en clave nacional. A recentralización política e económica, que reduce a marxe e o negocio das empresas galegas para engordar o complexo construtor-concesional do capitalismo de BOE prexudica ao tempo os emprendedores e os traballadores. Razón evidente polo que esta coalición nacional teña que sobardar mesmo o ámbito obxectivo da esquerda democrática expandíndose cara a sectores da maioría silente para tentar substraelos, se quer parcialmente, do pensamento único do tripartito dinástico.
Son tempos, pois, de decisións intelixentes e xenerosas, en clave de País.

Un modelo depredador e dependente

Galicia habería ser o país europeo máis favorábel ao investimento exterior e onde máis doado fose crearmos unha empresa. Claro é, sempre co pleno respecto á normativa laboral, ambiental e fiscal vixente. O Goberno Feijóo, ao longo destes oito anos e medio, caracterizouse polo seu desleixo no eido da promoción empresarial e pola ineficiencia das poucas medidas de política económica adoptadas, como lle recoñecerán a vostedes en privado ducias de emprendedores galegos.
A proposición de lei do PP de fomento de iniciativas empresariais non é un instrumento para o desenvolvemento económico sostíbel, senón para un modelo económico depredador, de actividades extractivas que non continúan co remate do proceso produtivo na Galicia. Deste xeito, a proposta favorece os grandes proxectos empresariais dos grandes grupos estatais e multinacionais nos sectores eólico, mineiro e forestal, en claro prexuízo das pemes galegas. A Consellería de Economía e Industria será a competente para a autorización destas actividades e os informes das Administracións ambiental, hidráulica, de patrimonio histórico, agroforestal ou pesqueiromarisqueira de Galicia non serán obrigatorios para resolver. Para estes grandes grupos será moito máis doado expropiar por causa de interese social no suposto de non poder mercar os terreos precisos para a súa actividade no baixo prezo que sinalen.
O PP evitou tramitar esta norma a medio dun proxecto de lei do Goberno, precisamente para evitaren os trámites de información pública e de participación da sociedade civil que esixe a lexislación vixente. Velaí o seu trámite como proposición do seu Grupo Parlamentario, para garantiren unha aprobación exprés, sen debate social, sen que poidamos tomar conciencia da gravidade desta reforma para os intereses da maioría social galega.
Oriéntase ao territorio á produción enerxética, mineira ou forestal en beneficio de grandes grupos foráneos e sen que o País reciba contraprestación ao prexuízo que sofrirá no ambiente, no equilibrio territorial e na multifuncionalidade do noso medio rural. Sométese a nosa economía aos intereses das elites extractivas españolas e afóndase na liña dependentista de recentralización e explotación de recursos que esas elites queren para Galicia co apoio entusiasta do Presidente Núñez Feijóo.

Arredarnos do dependentismo

Hai dúas semanas escrebíamos nestas páxinas que o 2 de outubro principiará un proceso substancial de reforma constitucional do Estado e que Núñez Feijóo aposta polo dependentismo a respecto de Rajoy e Madrid para faceren deste país unha Rioxa ou Murcia un pouco máis grande.
O lehendakari Urkullu vén de anunciar este fin de ciclo e coida chegado o intre de construír un Estado confederal que recoñeza o dereito a decidir das nacións galega, catalá e vasca. Cando moitas acreditaban que o PNV sería o apoio do PP até o remate da lexislatura asistimos á confirmación dende Euskadi de que o proceso catalán moveu de xeito irreversíbel os marcos.
Que lle convén a Galicia? Dende logo non ser coma a Rioxa ou Murcia. Non lle convén o dependentismo, porque só achega pouco máis do 5% ao PIB e á poboación do Estado e porque as nosas bases económicas non son relevantes para este mesmo Estado. Ser un de tantos (o dependentismo) afonda na nosa subordinación económica, cultural e social. Cómpre, pois, arredarmos do dependentismo.
Mais Núñez Feijóo (que disque non recuncará nin seguirá carreira en Madrid) quitou hai un ano a única maioría absoluta do Estado e no ámbito do PPdeG non se move unha palla. Xa que logo, só poden tecer un relato as forzas políticas e sociais que acrediten nun proxecto de País distinto. Un relato para a sociedade galega que nos permita partillar o proceso que vai vir si ou si.
Velaí a necesidade urxente dunha unidade de acción de En Marea e BNG que tenda a mAn ao novo PSdeG (á marxe da desubicación da Executiva federal do PSOE) e ao mundo do galeguismo centrista e independente, que tenta arestora vertebrar Compromiso. Tamén á sociedade máis dinámica e aos axentes empresariais, que son os primeiros prexudicados da política económica dependentista do PP, como demostraron a revogación do concurso eólico, a liquidación das Caixas ou os efectos na recesión da falla dunha Banca Pública Galega que apostase polas nosas medianas empresas.
Semella, pois, o momento da intelixencia e da xenerosidade. O momento de que as forzas políticas e sociais galeguistas e progresistas que non partillan o relato dependentista do PPdeG deixen de ollar para cadanseu embigo e pensen nos intereses da cidadanía galega.