A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

Dereito penal do inimigo

Unha corte de apelación do Tribunal Supremo (TS) constituída para resolver o recurso de Oriol Junqueras contra a prisión preventiva acordada polo maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, Pablo Llarena, rexeitou o recurso do líder catalán, por considerar que existía risco fundado de reiteración delictiva, malia o compromiso de respecto á legalidade expresado polo preso político.
Porén, o verdadeiramente grave desta resolución xudicial son as súas conclusións, constituíndo corpo doutrinal dende as desaqueladas teses da Fiscalía Xeral do Estado e do maxistrado Llarena a respecto da aplicación do delicto de rebelión aos líderes do procés, nunha interpretación dos feitos e aplicación dos tipos penais mais propia dunha sentenza definitiva ca do limitado coñecemento propio dunha resolución cautelar e provisional.
O artigo 472.5 do Código Penal (CP) castiga como rebeldes aos que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado alzándose de xeito público e violento. Mais até de agora constitúe feito non controvertido, mesmo internacionalmente, o carácter esencialmente non violento do procés. Os propios maxistrados do TS recoñecen que non consta que Junqueras participase en feitos violentos nin dese ordes directas para desenvolver esta caste de accións. Pero para a corte de apelación do TS a violencia existe dende o intre no que Junqueras, como vicepresidente catalán, debeu pensar que o desenvolvemento do procés podería causar reaccións de violencia lexítima por parte do Estado. Para o TS, a pacífica ocupación dos colexios electorais constituiu a causa das violentas actuacións policiais do 1-O que, xa que logo, serían tamén da responsabilidade de Junqueras e integrarían ese elemento de violencia que esixe o devandito artigo do CP para que exista o delicto de rebelión.
Velaí a revirada aplicación da Lei que fai o TS, impropia dun Dereito Penal dos cidadáns, o único posíbel nos Estados democráticos. Semella máis ben que se está a aplicar un Dereito Penal do inimigo, propio dun estado de excepción non declarado. E a aplicación do concepto de inimigo no Dereito interno sempre foi o xerme da destrución autoritaria do Estado, segundo o profesor Raúl Zaffaroni.
Como vén de escribir o constitucionalista Javier Pérez Royo: “esto no puede acabar bien nunca”.

Criminalizarmos as opinións

Até primeiros do 2001, no Dereito Penal español o réxime punitivo a respecto da apoloxía do terrorismo era o xeral que rexía e rexe para toda apoloxía do delicto: só se castiga aquela apoloxía en canto constitúa unha provocación que, ademais, pola súa natureza e circunstancias, supoña un convite directo a cometer un delicto.
Mais un neófito ZP mercoulle a teoría ao peor Aznar do aznarato e, da man do chamado Pacto antiterrorista, aprobouse en decembro de 2000 unha reforma que introduciu un novo delicto destinado só á apoloxía do terrorismo, que pena todo xeito de reivindicación ou xustificación e calquera conduta que, ademais, promova a falla de crédito ou humillación das vítimas. Ou sexa, que temos unha regra excepcional para o terrorismo que non se predica dos asasinatos en xeral, dos crimes machistas ou dos crimes do franquismo. Unha norma excepcional, que representa unha concepción propia do Dereito Penal do inimigo e, polo mesmo, resulta inconstitucional. A Constitución interprétase no eido dos dereitos fundamentais consonte coa xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e máis cedo ca tarde haberemos asistir á anulación das sentenzas que defenden unha interpretación da apoloxía do terrorismo allea á regra xeral da apoloxía do delicto (a última a do Tribunal Supremo condenando ao Strawberry de Def con Dos).
Para entendermos a grandísima trapallada da persecución destas condutas, abonda saber que ETA abandonou a súa actividade hai xa máis de cinco anos. Pois ben, no 2011 abríronse cinco causas por esta caste de delictos, no 2015 25. Non fai sentido ningún, verdade? No canto de perseguir a corrupción ou procurar a nosa seguranza fronte ao yihadismo, policía xudicial, fiscais e xuíces dese Tribunal de excepción –sucesor do franquista Tribunal da Orde Pública– chamado “Audiencia Nacional” adican os recursos que lles pagamos todos para pescudar e mesmo condenar tweets de gamberros, freakies ou descerebrados.
Nas democracias existe un amplísimo respecto á liberdade de expresión. O Dereito Penal do Estado democrático só ha castigar as condutas verdadeiramente lesivas e graves para a convivencia. Nas democracias non se impón pena por opinar, por bárbara que a opinión for.

A resaca do petroleiro

A sentenza do caso “Prestige” abriu unha fonda ferida na sensibilidade da cidadanía galega. O único proceso aberto no noso País por mor desta catástrofe ecolóxica fica -e ficará, pois que as posibilidades de recurso son mínimas- sen culpábeis penais.
Mais cómpre afastar de nós ese sentimento lexítimo de raiba e tentar comprender o que pasou. Nas pescudas xudiciais previas, o xuíz instrutor e a Audiencia coruñesa sinalaron unhas liñas vermellas que o propio relator da sentenza ven de denunciar. Porque aló non estaban acusados nin os armadores, nin os inspectores marítimos cualificadores nin os políticos. Só o capitán, o xefe de máquinas e o director xeral da Mariña Mercante do Goberno do Estado. No alborexar do proceso xudicial a nosa raiba centrábase nos Gobernos que mentían e a raiba deses Gobernos mentiráns no Mangouras. Das resultas deste xogo político veu este grande baleiro de imputacións.
O Dereito Penal non dá solucións absolutas nin “xuízos finais”. E menos un Dereito Penal cativo, como do Estado español, orfo de ferramentas operativas, daquela, contra os delictos ecolóxicos. E bo coñecedor de como condenar excluídos e absolver dirixentes.
Ben é verdade que a absolución penal de López-Sors ten a grande dúbida da probabilidade da existencia dunha alternativa para acoller o barco a un porto próximo. Mais a solución xudicial non pode alcumarse de ilegal, polo menos univocamente. Porén, é moito máis discutíbel a condena de Mangouras por desobediencia, que semella só xustificar a súa prisión preventiva.
Compre tirar dúas conclusións deste xuízo. A pragmática: se non hai inmediatas demandas civís con solicitude de embargo cautelar, os prexudicados non cobrarán nin os 22,5M€ consignados pola aseguradora. E máis a cívica: as responsabilidades políticas non poden confundirse -sempre e en todo lugar- coas responsabilidades penais.
Nun futuro proceso civil determinaranse as responsabilidades económicas e debullaranse as profesionais e políticas. A sentenza civil, de seguro, tería grande potencialidade reparadora.

Defendermos a liberdade

A democracia alicérzase principalmente no principio de legalidade, na inclusión e cohesión social e nun réxime de liberdades plenamente garantidas. A democracia baséase no goberno da maioría, mais garantindo o respecto e integración no xogo político e social das minorías. A democracia esixe dun réxime xudicial garantista, onde ninguén é culpábel até non ser condenado en sentenza firme por un tribunal independente e no desfrute do seu pleno dereito de defensa.
A causa da liberdade no mundo non vai ben. E non só pola existencia das ominosas ditaduras norcoreana, siria ou birmana, polo totalitarismo teocrático de distinta caste que protagonizan Irán e Arabia Saudi ou polo imparábel crecemento económico de China, primeira potencia mundial dende parámetros políticos autoritarios e represivos .
Porque máis perigoso é o avance do autoritarismo no seo das democracias. Velaí o caso de Rusia, onde Putin liquidou na práctica o xogo parlamentario, a autonomía local e o autogoberno das nacionalidades e rexións que conviven na Unión Rusa e limitou substancialmente as liberdades de opción sexual e de conciencia. Ou dos USA, onde o 11-S xerou unha vaga obsesiva que permite manter detidas centos de persoas sen acusación formal en Guantánamo, outorgar competencia en casos de seguridade do Estado a Tribunais de excepción non independentes ou vulnerar o dereito á intimidade de millóns de persoas por mor de supostas necesidades da seguranza pública que tenden a ver inimigos onde só hai discrepantes.
Na Unión Europea consolidouse un goberno burocrático, que non resposta perante a cidadanía. E, no Estado español, unha democracia de baixa calidade na que non existe a transparencia e os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e o Consello do Poder Xudicial ficaron controlados polo bipartidismo dinástico PP-PSOE. Ademais da obsesión por converter o Dereito Penal nun instrumento táctico-político, vulnerando coa doutrina Parot o principio de irretroactividade que rexe este Dereito.
E en Galicia asistimos a prácticas policiais abeiradas nunha concepción autoritaria da orde pública, que permiten o illamento dos políticos a 4 kms. dos manifestantes, as sancións administrativas abusivas a preferentistas ou opositores aos despexos ou a incautación, sen razón legal ningunha, de bandeiras estreleiras nos actos deportivos.