Desleixo pola xustiza

Como suporán, o colectivo dos empregados públicos que atende as funcións de xestión, tramitación, auxilio e medicina forense da Administración de Xustiza en Galicia é abondo amplo e plural, ideolóxica e vitalmente. Pois ben, o 75,5% deste colectivo participou nun referéndum para decidir sobre a proposta dos sete sindicatos con representación: folga indefinida dende o vindeiro mércores. O 73,3% votou a prol desta convocatoria en horario total e outro case 20% en horario parcial. Máis dun 93% dos votantes que representan máis do 70% do colectivo. Poucas veces se acadou no sector público galego un apoio tan amplo nunha reivindicación colectiva.
Non se pode dicir que este colectivo teña feito un uso desaquelado do seu dereito, xa que é súa primeira folga dende que se transferiron estas funcións á Xunta de Galicia, no xa lonxano 1996. A última suba da que desfrutaron estes funcionarios foi a que acordou o Goberno de coalición BNG-PSOE no 2008. Sofriron, por outra banda, a supresión do complemento específico durante catro anos. Arestora os funcionarios galegos deste colectivo son os peores pagados de todo o Estado español.
O noso País está tamén nos últimos lugares canto á informatización e artellamento da Oficina Xudicial, mesmo ben por baixo do territorio onde o Ministerio de Xustiza segue a desenvolver as súas competencias (Estremadura, Murcia, Ceuta, Melilla e as dúas Castelas). Algo impensábel hai só oito anos e que nos fai cuestionar a execución das súas competencias por parte da tan ben dotada orzamentariamente Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Malia que o conxunto do colectivo desconfía do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, por non ser veraz nas súas propostas, a negociación semellaba mellorar coa mediación da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Mais a Xunta refugou esta mediación e sentou canda o director xeral de Xustiza ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, demostrando abondo que non lle preocupa o mal estado da Administración de Xustiza.
Na xustiza, como na sanidade pública, as retalladas da Xunta degradaron o servizo público e empeoraron as condicións salariais e de traballo en xeral. A folga indefinida vai agravar sensibelmente a xa adiada e sobrecargada Xustiza galega. Mais seica o importante é frear o procès.

Avogacía e lingua

Son moitas as páxinas que levamos escritas sobre as carencias e insuficiencias da introdución da lingua galega na Administración de Xustiza, desque aquel histórico momento no que os maxistrados da Sala do Contencioso da antiga Audiencia Territorial d’A Coruña (sucedida hoxe polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-TSXG-) ditaron, inducidos polo omnipresente Xosé González Martínez e precisamente nun preito do Concello de Redondela, a primeira sentenza en galego da Idade Contemporánea.

Graves limitacións do labor normalizador
Desenvolvéronse ao longo destes máis de trinta anos, ben é verdade, actividades formativas varias: cursos de Linguaxe Xurídica, etc.-, mais non se acadaron, nin moito menos, os avances que se conseguiron nas Administracións Autonómicas e Locais que mesmo afixeron aos administrados en xeral ao uso normal do galego na documentación administrativa.
A evidencia témola, moitas veces, na orde xurisdicional contencioso-administrativa, onde adoitamos recibir sentenzas redactadas en perfecto castelán mesmo cando as partes (menos) e o expediente administrativo (máis) escreben en galego. Só o 10% das actuacións xudiciais redáctanse en galego, mais se falamos de sentenzas esta porcentaxe baixa á metade: 5%.
O problema de base é a desigualdade xurídica do galego e o dereito dos funcionarios xudiciais á ignorancia do galego.
Teño para min que a metade dos problemas da normalización do galego resolveríanse cunha simple reforma normativa, que recoñecese na Constitución e no Estatuto a igualdade xurídica do galego e, xa que logo, a obriga de todos e, nomeadamente dos funcionarios xudiciais (tamén dos maxistrados, xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza) de coñecermos as dúas linguas oficiais. Porque até de agora o dereito dos avogados a usar do galego atópase na práctica moi condicionado diante do dereito á ignorancia de xuíces, fiscais, maxistrados e letrados da Administración xudicial, que ás veces se reivindica, sobre todo no caso dos xuíces e maxistrados de orixe foránea e de nova provisión ou destino.

A miña experiencia persoal
De todos os xeitos, xusto é recoñecer pola miña banda que nunca atopei en xuíz ningún resistencia ou desafección contra min por usar da miña lingua, agás un caso illado cunha xuíza castellana en Muros hai uns once ou doce anos. Nos únicos casos nos que me vin obrigado polos feitos a mudar de lingua (si, xa sei que podería ter usado de tradutor, pero os xuízos orais esixen unha fluidez ás veces incompatíbel cunha tal figura) foi polo descoñecemento do galego alegado por algún avogado de Madrid ou mesmo asturiano e, curiosamente, por unha testemuña, directora dende había quince anos, dunha oficina do Banco de Santander na Agra do Orzán coruñesa. Nestes supostos todos, a miña percepción foi que o xuíz ou a xuíza de quenda non sentía demasiada empatía polos alegantes de descoñecemento.
Quere isto dicir que é posíbel (mais non doado) manter a instalación do noso galego no uso forense, tanto na fala como na escrita. E isto depende bastante do compromiso persoal, mais moitos comprobamos que estas actitudes rematan por ser comprendidas e mesmo alentan certa imitación nalgúns.
Nestes intres percibo moita máis inseguridade no galego xurídico e comodidade no uso do castelán por parte dos meus compañeiros ca verdadeiros problemas ideolóxicos de oposición ao uso do galego, malia que coñeza outras opinións que afonden na importancia deses prexuízos ideolóxicos.

Carencias nas aplicacións informáticas e o problema da contratación mercantil en galego
Outro grave problemas do galego no uso forense está na falla de medios informáticos e técnicos dos funcionarios para levar adiante as actuacións xudiciais en galego. Esta tarefa non é tan complexa, se temos en conta a normalización procesual acadada nas Administracións autonómica e locais. Cómpre, iso si, que a Dirección Xeral de Xustiza e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, canda a Presidencia e a Sala de Goberno do TSXG cumpran cos seus deberes lingüísticos e democráticos, no canto da inacción actual.
E outro problema vén dado pola actitude dalgúns avogados, empresarios e directivos, ao mellor permeábeis cara ao galego e cara ao seu uso oral na xustiza, malia que reflictan dúbidas e resistencias diante do uso escrito formal na contratación mercantil (non tanto no uso escrito en comunicacións informais). Indubidabelmente hai moito que facer na linguaxe xurídico-mercantil ou xurídico-económica, porque a xurídico-administrativa avanzou de xeito moito máis substancial.

Quen fixo e quen non fixo a prol do galego na Administración de Xustiza
Neste Día das Letras de 2017 cómpre recoñecerlle a algunhas persoas e institucións o seu traballo a prol da lingua no mundo do Dereito. Dende aquelas primeiras actuacións no eido da tradución por parte do conselleiro Pablo González Mariñas e do director xeral Xabier D’Amorín (falecido de xeito temperán hai poucos anos), ao traballo de Xosé González Martínez, os maxistrados Daniel García Ramos (tamén desgrazadamente falecido) ou Xoán Xosé Barreiro, os fiscais Carlos Varela (antigo fiscal superior) e Benito Montero, o notario Victorino Gutiérrez Aller, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e outros tantos. Nos últimos anos cómpre nomear de xeito especial ao Colexio de Avogados de Santiago de Compostela co seu decano Evaristo Nogueira á fronte, á Irmandade Xurídica Galega e ao traballo desenvolvido polo fiscal superior Carlos Varela á fronte da Fiscalía galega.
No capítulo de desmerecementos temos que nos referir aos centros directivos competentes da Xunta de Galicia (Xustiza e Política Lingüística) e a todas as composicións das Presidencias e Salas de Goberno sucesivas do TSXG e do Consello Xeral do Poder Xudicial. O seu labor caracterizouse polo desleixo, cando non pola resistencia á normalización da nosa lingua.

25 e 75%
Para rematar unha idea fundamental: a presenza da lingua na Administración de Xustiza é unha cuestión normativa, de definir un Poder Xudicial galego que coñeza a lingua. Mais mentres tanto mudaría moito o estado da cuestión se só o 25% dos avogados galegos desenvolveramos polo menos o 75% do noso traballo na Galicia na nosa lingua.