Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de moluscos da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 M€ esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento, son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual presidente.
Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española Sáenz de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Soraya Sáenz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez, o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demais, é o Presidente galego.
Velaí o ritmo e sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca aos galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.
Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.
Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como Presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.

Ensino centralista e elitista

Patente a súa falla de ideas e incapacidade no eido da economía, o Goberno do Estado tenta substituílas contentando no político os sectores máis extremistas do seu electorado. Velaí as súas iniciativas sobre Poder Xudicial, aborto, réxime local e, agora, o proxecto de lei de modernización da calidade educativa (Lomce) do ministro José Ignacio Wert.
A proposta, máis ca modernizar ou incrementar a calidade do ensino, está pensada para elitizalo, investindo moitos menos recursos. Establecendo avaliacións (na primaria, fin da educación secundaria obrigatoria e remate do bacharelato) estrañas ás Administracións educativas autonómicas e afondando nos recortes orzamentarios ás bolsas e ao ensino en xeral, elitizará progresivamente o ensino superior, derivando os estudantes dos segmentos populares e das clases medias a outros itinerarios que impedirán toda promoción social.
Neste senso, o proxecto é moito menos incluínte e cohesionante socialmente cá Lei Villar Palasí do ano 1970 e, xa que logo, lembra a normativa do franquismo, reflectida tamén no cómputo da relixión para efectos de avaliación do aproveitamento na concesión das bolsas.
O outro vector que nos retrotrae ás épocas predemocráticas é a recentralización do ensino ou “españolización”, como dixeron explícitamente Wert e implícitamente María Dolores de Cospedal.
Seica o Estado non ten para bolsas nin para reformar a Formación Profesional (FP), mais terá para lle pagar os colexios privados aos que queiran estudar en castelán (fará o mesmo coas familias que queren unha praza de ensino infantil en galego?). E definirá contidos comúns nas materias troncais (50 por cento do horario lectivo), reducindo a marxe da Xunta para estruturar os seus contidos educativos.
A educación ten que garantir curricula compatíbeis no espazo europeo. Mais no pacto constitucional e estatutario de 1978-1981, definiuse como materia basicamente de competencia galega, catalá e vasca sen prexuízo da garantía dos dereitos fundamentais e do seu financiamento público.
Velaí o acerto da definición da consellera catalá de Ensino, Irene Rigau (CiU): “o proxecto é predemocrático e inexecutábel”.

Corrupción e economía de mercado

Coñecemos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do actual Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose que a ministra Ana Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Mariano Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP -que depende segundo a súa contabilidade oficial nun 86% das subvencións públicas- incrementaba o soldo do seu Presidente nuns 28.000 euros até elevalo a máis de 200.000 €/ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión -desmentida polo PP- do xornal “El Mundo” Dolores de Cospedal suprimiría os sobresoldos da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 €/ano, segundo os apuntamentos publicados no xornal “El País”, tamén desmentidos polo PP.
E mentres medra o malestar da cidadanía, o PCE ven de afirmar que a corrupción é consubstancial ao sistema. Velaí que só safaríamos da corrupción a medio dunha transición cara ao socialismo, esquecendo a evidencia da gravísima corrupción que existiu na Europa do socialismo real entre 1946 e 1990 e existe na Cuba castrista.
O repto é previrmos a corrupción dentro do sistema. E isto esixe, sobre todo, non confiar na autorregulación e establecer regras claras para garantirmos a transparencia e a boa gobernanza. Porque a grande ferramenta contra a corrupción é o Dereito. Un Dereito que emane dun pacto social e político que esixa altísimos estandares de calidade, moralidade e transparencia aos nosos políticos.
Cómpre falarmos tamén dos axentes privados facilitadores da corrupción política, residenciados nas grandes construtoras e nalgunhas empresas que cotizan no IBEX 35. Connivencia que non só degrada a política, senón a economía. Porque distorsiona a libre concorrencia, conforme ao modelo do “capitalismo de casino do BOE”: pouca atención á formación e motivación dos recursos humanos e ao I+D+I e construción de oligopolios. Estes axentes privados facilitadores tentan chuchar todos os grandes contratos, en detrimento do conxunto do tecido empresarial galego e degradan a contratación de moitos servizos públicos.

A ARRINCADEIRA: A xenreira do PP co galego
A Xunta, esquecendo que segundo o Estatuto os procedementos xudiciais nados na Galicia han rematar perante o TSXG, quere levar o Decreto do galego ao Tribunal Supremo, que só pode estimar o recurso se plantexa e obtén do Tribunal Constitucional a declaración parcial de inconstitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Será ésta a intención do Goberno de Feijoo? De calquera xeito, é un aceno que non só atenta contra a nosa lingua, senón que despreza o noso autogoberno, ao someter a normativa galega ás instancias xudiciais de Madrid.