Homenaxe a Catalunya

No 2006 a cidadanía catalá aprobou plebiscitariamente un novo Estatut. O PP presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional, chegando a pedir sinaturas, cando só había un 10% de independentistas na Catalunya. En xuño do 2010 o TC decretaba a inconstitucionalidade parcial do Estatut e proclamaba que non existen competencias exclusivas autonómicas no Dereito Constitucional español e que non é posíbel unha evolución da Constitución cara un estado plurinacional.
Dende entón, unha onda cidadá soberanista encheu rúas e prazas e impúxose dende a sociedade civil aos partidos políticos. Fitos deste procès foron as Diadas todas entre 2012 e 2017, a consulta cidadá do 9-N do 2014 e o triunfo por maioría absoluta das eleccións do 27-S de 2015 e do último 21-D con cadanseus 47,7% e 47,5% de votos.
Fronte esta realidade e malia que máis do 70% dos cataláns querían decidir plebiscitariamente o seu futuro, Rajoy preparou un choque de trens que entendeu habería de beneficialo para recuperar a enchente de votos perdidos, baseándose nas instancias xurídicas que controlaba directamente: Fiscalía Xeral do Estado, TC e Salas do Penal da Audiencia Nacional (AN) e do Tribunal Supremo (TS).
Esqueceu que as necesidades de seguranza pública estaban perfectamente cubertas polos Mossos e, deixando inermes moitas vilas e cidades do Estado fronte á ameaza yihadista, ocupou o País catalán con milleiros de policías e gardas civís, que na xornada do reférendum do 1-O agrediron por orde do Goberno Rajoy milleiros de cidadáns pacíficos, nun espectáculo inédito na Europa democrática dos últimos trinta anos.
Logo Rajoy vulnerou o artigo 155 da Constitución, disolvendo Govern e Parlament, malia que esa Cámara se limitara a declarar de xeito puramente simbólico e non executivo a República catalá. Medio Govern foi encarcerado preventivamente, nunha aplicación absolutamente anticonstitucional do Dereito Penal do Inimigo.
Aínda nestas circunstancias de desigualdade, o soberanismo seguiu transitar polas canles da non violencia e revalidou unha maioría absoluta coa que ninguén contaba. E moi axiña o unionismo tentou bloquear esta maioría aproveitando o cárcere e exilio de oito deputados.
O soberanismo catalán cometeu erros, algún deles quizais grave. Mais comprenderán que, diante desta enxurrada, un non poida ser equidistante.

A cuestión catalá e Galicia

Os partidos soberanistas obtiveron a maioría absoluta nas eleccións catalás, cun 47,5 % de votos e 70 escanos sobre 135. O resultado é aínda máis rechamante se temos en conta que a convocatoria electoral dende o Goberno do Estado era ilexítima, por mor dunha inconstitucional aplicación do 155 e que os partidos non desfrutaron das mesmas posibilidades, cos principais candidatos de Junts x Catalunya e ERC no cárcere ou no exilio.
Mais o feito de obter Cs o primeiro posto en votos (máis do 25%) e escanos, a falta dunha maioría absoluta de votos independentista e a grave derrota da CUP (que baixa de 10 escanos a só 4) achega certas particularidades a esta vitoria electoral. Junts x Catalunya e ERC non van precisar deles para gobernar e interpretarán o seu 43% de votos (fronte ao 39,5% de Junts x Sí do 2015) no sentido dun mandato cidadán para continuar co procès, malia que afastándose dunha vía unilateral que semella arquivada polo de agora.
Agora é, pois, a hora da política. O tripartito dinástico do 155 non continuará unido como até de agora. O PSC -e canda el o PSOE- han pasar páxina da suicida colaboración co PP e con Cs e buscar un espazo propio, quizais partillado parcialmente cuns Comuns desterrados á irrelevancia. E será Pedro Sánchez quen primeiro requirirá de Rajoy unha oferta de negociación. Por outra banda, a situación evoluirá no ámbito da Unión Europea, onde as simpatías do soberanismo catalán cotizarán á discreta alza, sendo probábeis as presións ao Goberno do Estado para que abandone o inmobilismo e abra unha negociación para unha reforma constitucional en termos de federalismo asimétrico, para garantir o encaixe da singularidade catalá.
Podería ocorrer, xa que logo, que este inverno se abrise a vía para negociar unha reforma constitucional que podería limitarse a recoñecer máis competencias (e blindalas de eventuais iniciativas recentralizadoras) e un mellor financiamento ou incluír tamén a vía para un referéndum catalán vencellante, con regras máis ou menos ríxidas, na liña da lei da claridade canadiana.
Galicia non habería ficar á marxe desta reforma constitucional. Porque a ampliación e blindaxe do autogoberno é a única vía factíbel para o noso benestar, tendo en conta que os nosos intereses económicos non adoitan coincidir cos intereses economicos xerais.